@depo_es trae este xoves, día 20, ao Porriño o programa ‘Violencia Zero’ da man da actriz Mónica Camaño

A deputada de igualdade, Digna Rivas, xunto á alcaldesa, Eva García de la Torre, participarán este xoves, 20 de setembro, na 21ª intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.

Trátase dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A acción escénica, que terá lugar ao mediodía na Praza de Antonio Palacios, será protagonizada pola actriz galega Mónica Camaño, unha artista cunha longa experiencia e que participou en series como Serramoura, O Códice ou Matalobos; en longametraxes como Doentes, A biblioteca da iguana, O bosque de Levas ou O club da calceta.

A obra que representará Inherente Teatro é “Proxecto Aurora”. Trátase dunha acción escénica na que se fará un chamamento ao fin das violencias machistas e das actitudes patriarcais que, por desgracia, son tan frecuentes na actualidade. Á acción asistirán, xunto ao seu profesorado, alumnos e alumnas dos centros José Fernández López e Hermanos Quiroga.

Axentes da Policía Local arrestan no Porriño a un individuo de 60 anos coma presunto autor un delito de violencia de xénero

Axentes da Policía Local do Porriño arrestaron este luns pasado, día 17, a J.A.S.V., un individuo de 60 anos de idade, coma presunto autor de un delito de violencia de xénero.

Segundo indica o responsable da Policía Local, os feitos sucederon ás 20:39 horas de antonte: a esa hora a vítima achegouse á Xefatura para denunciar que viña de ser agredida pola súa parella, “amosando uns claros hematomas”.

Axiña activouse o protocolo de actuación establecido na Policía para situación de violencia machista, sendo trasladada a vítima ao Punto de Atención Continuada (PAC) de urxencia do Centro de Saúde do Porriño para que fora asistida e, posteriormente, tramitando a presentación da denuncia contra o suposto agresor, “atopándose, en todo momento, acompañada polos axentes, ata a detención da súa parella”.

Do mesmo xeito, deuse aviso ao servizo xurídico do Centro de Información á Muller (CIM) do Porriño, para que asesorase á denunciante.

Logo de varias xestións, ás 22:10 horas foi detido o presunto autor dos feitos e presentado ante o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 3 do Porriño, que atende os casos de violencia de xénero.

Pinchonen@ este sábado co ‘Obradoiro de chocolates e galletas’ da cociñeira e blogueira Inés Carcacía

Este sábado, día 15, as actividades do Pinchonen@ comezaron ao mediodía cun ‘Obradoiro de chocolates e galletas’, coa famosa cociñeira e blogueira Inés Caracía, na que as rapazas e rapaces participantes aprenderon a facer estesalimentos;  ás 6 da tarde está un Show Cooking, impartido por Miri e as 9 da noite Photocall, todo coa participación de Noemí Fernández.

As persoas interesadas en seguir case en directo as actividades e o minuto a minuto deste ‘Pinchonen@’ poden facelo entrando no seu perfil de Facebook, creado para esta ocasión, www.facebook.com/pinchonenao.

Os convenios asinados dende o Concello con empresas de automoción acadaron, no que vai deste ano, un total de 46 contratos de traballo, o 73% dos participantes na formación

O vindeiro luns, día 17 de setembro, 7 participantes no ‘Curso de carretilleiro e loxística’ no Grupo Maviva, especializado en  servizos loxísticos e premontaxes para o automóbil, comezan na planta desta empresa a súa formación práctica.

Dende a Concellería de Emprego e Formación, que dirixe Soledad Girón, subliñase que no que vai deste ano executáronse xa 14 convenios de formación en empresas do sector da automoción, entre elas Maviva, Gestamp, Viza, Grupo Automotive Systems SA e Lear.

Estes convenios con empresas da automoción, que abranguen formación teórica en instalación do Concello do Porriño e formación práctica nas mesmas empresas, “contaron nos meses que transcorreron deste 2018 con 66 participantes dos que 46 foron contratados polas empresas, o que representa un 73%”.

A concelleira subliña que nalgúns casos, coma no do curso de soldadura ‘Mig Mag’, “acadouse un 100 por 100 con 8 participantes que foron contratados pola empresa coa que se asinara o  el convenio de colaboración”.

A Concellería de Vías e Obras, coordinando os seus traballos cos de asfaltado que realiza a Deputación na EP-2405, leva o saneamento a 11 vivendas do barrio de Casal, na parroquia de Budiño

A Concellería de Vías e Obras, simultaneando os seus traballos cos de asfaltado que a Deputación de Pontevedra está a realizar na estrada EP-2405, ao seu paso polo barrio de Casal, na parroquia de Budiño, está a levar o saneamento a 11 vivendas deste lugar.

Manuel Carrera lembra que para poder realizar esta obra o Goberno local aprobara, pola vía de urxencia, a redacción dun proxecto que supuxo impulsar unha modificación orzamentaria “moi criticada polo Partido Popular”, dado que se fixera pouco tempo despois de que o Pleno aprobase os orzamentos municipais, os primeiros que ten O Porriño en seis anos.

“Pois ben”, engade o tenente de alcalde, “grazas a ese proxecto e esa modificación orzamentaria, que era necesaria, en contra do criterio amosado polo PP, as veciñas e veciños desta parte de Casal verán cumprida unha antiga demanda e, o que é moito máis importante: terán acceso ao saneamento, que é o que tiñamos que garantir dende o Concello”.

Carrera subliña que para que isto sexa unha realidade vanse instalar 518 metros lineais de tubaxe de 315 mm de diámetro, se completarán 11 acometidas, remataremos 19 pozos de rexistro e 5 sumidoiros de pluviais, ademais de varios ‘cruzamentos’ de  abastecemento para vivendas que precisaban pasar á outra parte da estrada para acceder á rede municipal.

Manuel Carrera amosa a súa “ledicia” por cumprir cunha demanda de hai anos das veciñas e veciños e agradece á Deputación de Pontevedra que “atendese, de novo, as nosas solicitudes” arranxando unha estrada que ten treitos que non se tocaban dende hai máis de 10 anos.

As obras que comezaron hai dúas semanas e que contan cun orzamento total de 50.000 euros, estarán rematadas a principio do vindeiro mes de outubro.

O Porriño celebra este venres e sábado o ‘1º Pinchonen@’, coa participación de Miri, de Masterchef5, a blogueira e cociñeira Inés Carcacía, e Noemí García, finalista de ‘La Voz Kids’

A concelleira de Xuventude, Lourdes Moure, a responsable de Festas, Soledad Girón, e o concelleiro de Limpeza, Orlando Mázquez, inauguraron este venres a 1ª edición do ‘Pinchonen@’, organizado a través da OMIX do Porriño, como parte da iniciativa de participación infantil e adolescente, enmarcada na candidatura do Porriño ao recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia de UNICEF.

O Consello Municipal de Infancia do Porriño,  órgano  que  representa a tódolos nenos, nenas e adolescentes da vila, acordara no seu último Pleno, entre outras iniciativas, a  realización do  “Pinchonen@” con produtos saudables e “non tan saudables” durante as datas  14 e 15  do mes de setembro,  coincidindo coa antesala das Festas do Cristo.

Miri, de Masterchef5, a cociñeira Inés Carcacía e Noemí finalista de La Voz Kids

Este 1º ‘Pinchonen@’ empeza a andar cunha completa axenda de actividades que terán coma escenario a   ‘Carpa do Roxy’ que hoxe acolleu a devandita presentación coa presenza de Miri, concursante de ‘Masterchef5’-á que os seus fans poden seguir na súa conta de Instagram @mirimchef5-  e da porriñesa Noemí García, finalista de ‘La Voz Kids’, seguida do concerto infantil ‘Eu cociño, ti cociñas?’, do grupo Mamá Cabral.

Mañá, sábado, día 15, as actividades empezarán ao mediodía cun ‘Obradoiro de chocolates e galletas’, coa famosa cociñeira e blogueira Inés Caracía; ás 6 da tarde un Show Cooking, impartido por Miri e as 9 da noite Photocall, todo coa participación de Noemí Fernández.

As persoas interesadas en seguir case en directo  as actividades e o minuto a minuto deste ‘Pinchonen@’ poden facelo entrando no seu perfil de Facebook, creado para esta ocasión, www.facebook.com/pinchonenao.

O Goberno local remata os traballos de mellora e reforma da zona do Torreiro da Forna, na parroquia de Budiño

A Concellería de Vías e Obras que dirixe Manuel Carrera, vén de facer realidade o compromiso que o propio concelleiro adquirira coas veciñas e veciños de Budiño, e rematou os traballos de reforma do Torreiro da Forna.

As obras abrangueron o axeitamento do propio torreiro, a pavimentación da zona a colocación de beiravías de formigón, a mellora da zona de aparcamento de vehículos, a situación dun paso peonil, ademáis da recollida de augas pluviais do Centro Cultural e a colocación dunha nova tubaxe de saneamento.

Manuel Carrera subliña o feito de que os traballos fixéronse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra 2017 e que os mesmos contaron cun orzamento total de máis de 45.000€, “cos que non so recuperamos un lugar que é o centro das festas de San Blas, senón que melloramos e enriquecemos unha parte da parroquia de Budiño especialmente querida polos seus habitantes”.

“Comercio electrónico e medios de pagos seguros”, charla na Aula CeMIT do Porriño

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello do Porriño emite a través de videoconferencia a charla “ Comercio electrónico e medios de pagos seguros”, impartida pola “Escola Galega de Consumo.

A temática da mesma será o emprego xeneralizado das TIC fixo que se incrementara o denominado comercio electrónico, é dicir, a posibilidade de facer compras a través de internet, o que presenta moitas vantaxes sempre que se faga de xeito seguro.

Neste charla explícaranse os pasos a seguir para facer compras en internet dun xeito seguro e, especificamente, os aspectos máis importantes para evitar fraudes: identificacións de páxinas seguras, dos distintos medios de pago, posibilidade de abandonar a compra, etc. Así mesmo, analizaranse os dereitos específicos das persoas consumidoras no caso das compras a distancia

A acitvidade será retransmitida  o vindeiro día 17 de setembro en horario de 12:00 horas a 13:00 horas, dende a aula CeMIT do Porriño. As persoas interesadas en asistir deberán facer a súa reserva da praza na propia Aula CeMIT, no teléfono 986.338.217 ou ben enviando un correo electrónico a cemit.oporrino@xunta.gal.

A 19ª edición de ‘Merca na rúa’ ofrecerá a fin de semana no Porriño centos de artigos, que van dende óptica a deportes, complementos ou calzado, cunhas rebaixas de entre o 50 e o 70%

O concelleiro de Comercio, Marcelino Coto, xunto coa xerente da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), Noelia Conde, e membros da directiva da asociación presentaron  a 19ª edición de ‘Merca na rúa’, que se celebrará no centro do Porriño a vindeira fin de semana: sábado 8 e domingo 9 de setembro.

Marcelino Coto gabou a excelente saúde que ten esta feira de oportunidades e amosouse encantado de que estea tan preto de chegar ás vinte edicións. O concelleiro asegurou que a fin de semana o tempo acompañará ao evento e non terá que suspenderse coma, por mor da borrasca ‘Félix’ tivo que facerse coa anterior cita, “as previsións apuntan a que o sábado e domingo teremos bo tempo e invito a todas as veciñas e veciños do Porriño e dos concellos do redor que se acheguen ata aquí e, ademais de dar un paseo aproveiten as oportunidades que estarán á venda”.

Coto lembrou que o Concello , en edicións anteriores, o Concello asume os custes de alumeado, limpeza, os inchábeis para os cativos e a vixianza de seguridade dos postos, para que os expositores non teñan que recoller e desmontar os mesmos pola noite, unha labor de garda na que desempeñará un papel esencial a Policía Local.

Noelia Conde, pola súa banda, sinalou que as persoas que se acheguen a ‘Merca na rúa’ terán ofertas de óptica, complementos, zapataría, zapataría de cativos, deportes, mesmo lencería, en 20 postos e con rebaixas de entre o 50 e o 70 por cento.

A xerente de Asociación de Comerciantes salientou que a feira, que ocupará, como xa era tradicional, a rúa peonil do centro do Porriño, estará aberta o sábado de 10 da mañá a 9 e media da noite e o domingo de 11 da mañá a 8 e media da tarde, os dous días de xeito ininterrompido.