A Biblioteca Municipal do Porriño premiada, de novo, polo Goberno de España

A Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía do Porriño, volveu a ser galardoada nos premios de animación á lectura “María Moliner” que convoca anualmente o Ministerio de Cultura.

Con esta xa son 14 as veces que a biblioteca porriñesa ten sido recoñecida nestes galardóns como unha das 300 mellores bibliotecas do Estado, destacando ademais en anos pasados a obtención do 1º Premio Nacional e dunha Mención Especial.

Este ano soamente catorce bibliotecas galegas, catro delas na provincia de Pontevedra, foron seleccionadas nestes premios, os máis importantes no ámbito bibliotecario de España.

O galardón, dotado cun premio en metálico de 1.700 €, ten por obxecto premiar aquelas bibliotecas que leven a cabo proxectos de animación á lectura en base a criterios como a claridade e o interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e viabilidade, a orixinalidade e a innovación, ou as actividades de integración social que conteñan as propostas.

A Biblioteca Municipal do Porriño participou no certame co proxecto “A túa biblioteca é + 2018”, unha ampla programación cunha serie de accións e actividades que se desenvolven ao longo de todo o ano, e que están tendo unha gran resposta de público. O proxecto pretende realzar a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción, para aumentar o valor social dos servizos bibliotecarios na súa comunidade.

Mercado Ecolóxico, Noite do Calacú e as tapas do Pinchorriño no Porriño

Ao redor de medio cento de expositores instalarán os seus postos este sábado, día 3 e novembro, na zona de San Sebastián e San Benito, co galo da 6º Mercado Porriño Saudable.
 
O Mercado Ecolóxico, foi presentado pola alcaldesa, Eva García de la Torre, o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto, os seus organizadores, e os responsábeis da Asociación Veciñal San Sebastián e San Benito que, coincidindo co mercado organizan una nova edición, a 14ª da ‘Noite do Calacú’, para celebrar a festa do Samaín.
 
Marcelino Coto lembrou que este Mercado Ecolóxico é o que estaba previsto para o pasado mes de abril, e que fora aprazado por mor das malas condicións climatolóxicas, e lembrou a súa a importancia “atraendo cada ano a centos de persoas interesadas na vida sa, os produtos ecolóxicos e as propostas dos especialistas que estarán nesta feira”.
 
Coto chamou a atención sobre o feito de que esta cita chega da man doutras dúas moi salientables: o Calacú e o inicio do Pinchorriño, “o que fará que teñamos unha grande cantidade de visitas no Porriño ao tempo que ofrecemos os nosos produtos e amosamos o bo facer dos comerciantes e hostaleiros locais”.
 
As alternativas que poderán atopar as persoas que se acheguen ao Porriño este domingo abranguen dende alimentación, terapias alternativas, cosmética, panadería ecolóxica, cervexa artesán ou batidos de froitas.
 
Os organizadores da Feira, sublimaron que o obxectivo é “fomentar a alimentación e a vida saudábeis, a reciclaxe e o ecoloxismo” por medio dun mercado que é completamente sostible e que ofrece obradoiros para cativos, taller de cabazos, ou castañas asadas.
 
A NOITE DO CALACÚ
Ao mesmo tempo que o Mercado Ecolóxico, no Paseo de San Benito, e da man da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, celebrarase a agardada ‘Noite do Calacú’, na que as rapazas e rapaces gozan do Samaín.
 
O pregoeiro deste ano será José Vaqueiro Pazos, quen dirixirase aos asistentes ás 7 da tarde; dará paso, ás 7 e media, ao nomeamento de José e Fita coma cabaleiro e dama do Calacú; ás 8 da tarde empezará o grande desfile do Calacú e ás 8 e media o Gran Magosto de Castañas, viño e auga.
 
Ademáis, como sinalou a presidenta da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, ás 5 empezará o obradoiro para nenos e durante toda a tarde a animación estará a cargo da charanga ‘Cantos somos’.
 
A alcaldesa invitou a todos as veciñas e veciños da Área Metropolitana a achegarse ao Porriño e gozar o sábado dunha “oferta variadísima, interesante para todos, que propón algo que debe ser unha prioridade: dunha beira ter unha vida sa por medio dunha alimentación equilibrada e natural e doutra fomentar a diversión, o lecer e a xuntanza entre os veciños”.
 
13ª EDICIÓN DO PINCHORRIÑO
 
37 bares e restaurantes participan este ano- todos os venres e sábados de novembro, de 7 da tarde a 11 da noite-na 13ª edición do Pinchorriño, unha das máis coñecidas citas para os amantes das tapas.
Os ‘tapeiros’ poderán elixir entre propostas coma unha ‘tosta de raxo con roquefort’, pinchos vexetarianos e sen glute… e, ao tempo, participar no sorteo de dúas fins de semana nunha casa de turismo rural.
Os afeizoados ao tapeo teñen todos estes locais onde elixirAmaquia, A Francachela, Adega de Montero Vinoteca, Argentino 2, Bar Celtiña, Bumba, Café Bar Adèle-que serve tapas sen glute-, Cafetería Alameda, Cafetería El Pincho, Cafetería El Sol, Cafetería O Porriño, Cafetería-Pastelería Seijo, Cafetería Platinum, Cafetería Xuntos, Cólleo con Pinzas, Deja Vu, Don Kebab, El Alambre del Abuelo, El cincuentaicinco, El Patio, El Ultramarino, Hamburguesería Fran, La Bici, La Cueva, La de Chato, La Pantera Rosa-que ten tapas para vexetarianos-, Liceum, Los Milagros Panadería, Maloserá, Mesón Mondariz, Millenium 33, O Xantar de Pepa, Paso a Nivel, Saspi, Scala, Telepizza, e Zentral.

Actividades formativas gratuitas na Aula CeMIT do Porriño o mes de novembro

A Aula da Rede CeMIT, do concello do Porriño impartirá as seguintes actividades formativas gratuítas no mes de novembro.

Charla: Dálle luz a túa factura. Bono social eléctrico e outras axudas  . 5 de novembro, de 12:00 a 13:30horas

Contidos:

Dálle luz á túa factura pretende facilitar os coñecementos básicos necesarios para comprender a factura eléctrica, para adoitar medidas de aforro no gasto eléctrico e para realizar unha reclamación nos distintos supostos que se poidan presentar en relación á contratación dos servizos prestados polas compañías eléctricas. Centrarémonos ademais, nas tarifas con descontos como son o Bono social (a nivel estatal) e axudas específicas a consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social (a nivel autonómico).

Curso: A Administración Electrónica. DNI electrónico. Certificados dixitais. Chave365. Cl@avePIN.

Do 6  ao 9 de novembro. En horario de 09:30 a 12:30horas.

Contidos:

  1. Que é Administración electrónica.
  2. O Certificado dixital e cales son os pasos para obtelo.

III.          Coñecer os trámites electrónicos que ofrecen as Administracións públicas.

  1. Realizar algúns trámites con distintas Administracións.
  2. Chave 365. Cl@lavePIN.

Duración: 12 horas.

Curso: Coñece e disfruta das posibilidades do teu teléfono intelixente.

Os días 19 e 20 de novembro. En horario de 10:00 a 12:00horas.

Contidos

  1. Conceptos básicos
  2. Funcionalidades

III.          Axustes e personalización básica

  1. Aplicacións útiles

Duración: 4  horas.

 

Curso: Sácalle o máximo partido ao teu navegador Google Chrome. Personaliza as súas funcións e a súa configuración

Os días 22 e 23 de novembro. En horario de 10:00 a 12:00horas.

Contidos

  1. Interfaz
  2. Xestión de marcadores

III.          Configuración e personalización

  1. Consellos prácticos.

Duración: 4 horas.

Curso: Sácalle partido á cámara dixital do teu teléfono intelixente.Trucos e consellos.

Os días 26  e 27 de novembro. En horario de 10:00 a 12:00horas.

Contidos

  1. Conceptos básicos
  2. Edita as túas fotos

III.          Crea as túas composiciones

  1. Crea, edita os teus videos.

Duración: 4 horas.

Curso: Seguridade na internet: consellos de prevención e protección

Os días 28 e 29 de novembro. En horario de 10:00 a 12:00horas.

Contidos

  1. Coñecer os riscos que supón a navegación pola Internet.
  2. Tomar as precaucións adecuadas para a navegación. Medidas preventivas.

III.          Coñecer os filtros de control parental e a súa configuración.

  1. Detectar riscos da presenza en redes sociais.

Duración: 4 horas.

As persoas interesadas en realizar algúns dos talleres programados, deberán facer a súa reserva da praza na propia Aula CeMIT, no teléfono 986.338.217 ou ben enviando un correo electrónico a cemit.oporrino@xunta.gal.

UNICEF outorga a O Porriño o título de ‘Cidade Amiga da Infancia’

Na reunión celebrada este xoves pasado, 25 de outubro, a Secretaría Permanente do Programa Cidades Amigas da Infancia (CAI), representada por membros pertencentes a UNICEF Comité Español; Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social; Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Instituto Universitario de Necesidades de Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA), acordou galardoar ao Concello de Porriño co Recoñecemento ‘Cidade Amiga da Infancia’ no marco da VIII Convocatoria de Recoñecementos 2018-2022.

UNICEF sinala que “o recoñecemento pon en valor o labor do Concello, en coordinación coas entidades locais e cos nenos e nenas, para liderar o proceso continuo de implementación de políticas e medidas que melloran o benestar da infancia e adolescencia no municipio”.

O do Porriño é xa un dos Gobernos Locales que veñen de situar á Infancia no centro das súas políticas públicas. Na actualidade, o 41% das nenas, nenos e adolescentes que viven en  en España, son veciñas e veciños dunha Ciudade Amiga da Infancia.

O acto formal de entrega deste galardón, terá lugar no Palacio de Exposicións e Congresos de Oviedo, o vindeiro 27 de novembro.

O auditorio do Centro Cultural Municipal do Porriño acolle a proxección do documental “Santa Liberdade” e un coloquio coa súa directora, Margarita Ledo Andión

O vindeiro venres, día 26, ás 7 da tarde, o Auditorio do Centro Cultural do Porriño será o escenario da proxección do documental ‘Santa Liberdade’ e do posterior coloquio coa súa directora, Margarita Ledo Andión.

O documental ten coma argumento o secuestro, o 22 de xaneiro de 1961, por un grupo de antifascistas galegos e portugueses auto-organizados no Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación ( DRIL), do transatlántico de bandeira portuguesa “Santa María”, que con centos de pasaxeiros dirixíase ao porto de Vigo.

Baixo as ordes de Humberto Delgado, Enrique Galvao, Xose Veo e Jorge Fernández de Soutomaior, portugueses os dous primeiros, galegos os seguinte, exiliados todos, das ditaduras franquista e salazarista en Venezuela e Brasil.

As 24 persoas que compoñían o grupo protagonizaron o primeiro secuestro político da Historia e o seu obxectivo era chamar a atención de todo o mundo sobre a situación política que atravesaban os estados español e portugués, mediante unha acción propagandística de gran dimensión.

O DRIL conseguiu facer deste asalto un acontecemento mediático: durante 13 días os telexornais e xornais de boa parte do mundo abriron as súas edicións coa noticia do secuestro. O barco conseguiu manterse durante tres días completos sen localizar, mentres que o goberno norteamericano, baixo a presidencia de Kennedy, asumiu a coordinación dunha ampla operación de procura e captura, o que serviu tamén como manobra de contención das peticións de afundir o barco feita polas ditaduras ibéricas, que cualificaban o suceso como mero acto de piratería.

A Concellería de Vías e Obras remata os traballos no barrio da Igrexa, en Pontellas, cunha nova estrada máis ancha e segura e a extensión da rede municipal de saneamento ás vivendas da zona

A Concellería de Vías e Obras vén de concluír os traballos de mellora  no barrio da Igrexa, na parroquia de Pontellas que, como sinala Manuel Carrera, abrangueron o pavimentado e sinalización no lugar no que se transformara un camiño nunha nova estrada “moito máis e ancha, segura e transitable por vehículos e peóns”, e a extensión da rede municipal de saneamento ás vivendas da zona.

O tenente de alcalde salienta que esta é “unha das as obras máis importantes executadas neste mandato na parroquia de Pontellas” dado que supón unha notable mellora tanto dos accesos coma da comunicación dentro do barrio da Igrexa , así mesmo, “seguir cumprindo o noso compromiso de levar o abastecemento e saneamento a todos os lugares do Porriño”, un obxectivo no que neste mandato avanzouse máis que en ningún outro.

Os traballos, rematados nun mes e que contaron cun orzamento de 47.633,71€ de fondos propios do Concello, consistiron no pavimentado de preto de 3.000 metros cadrados, cun firme e 5 centímetros de grosor, a ampliación de la rede de saneamento incorporando unha nova tubaxe de 315 milímetros de diámetro, a sinalización de toda a vía e a incorporación dunha varanda de 30 metros na zona.

A alcaldesa advirte de que os orzamentos da Xunta para 2019 non contemplan “nin un so céntimo de euro de investimentos no Porriño”

A proposta de orzamentos do Goberno de Galicia para o ano 2019 non recolle “nin un so céntimo de euro de investimento no Porriño”, segundo pódese ver no borrador do mesmo que xa chegou ao Parlamento.

Cero euros para o Centro de Saúde

Un exercicio máis, o executivo do Partido Popular rexeita a mellora e ampliación do Centro de Saúde do Porriño, unha obra na que sería precisa unha dotación de 400.000€, tal e como reiterou o Goberno local nos anos, 2016, 2017, 2018 e, de novo, de cara ao 2019.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, lembra que  o proxecto do novo centro de saúde xa fora anunciado polo anterior alcalde, que tiña no seu goberno ao actual presidente do Partido Popular do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo. A alcaldesa sinala que “aquel alcalde do PP mesmo fíxose unha fotografía coa conselleira de Sanidade da Xunta, daquela tamén presidida por Núñez Feijóo, asegurando que as melloras do centro de saúde estaban xa en marcha”.

O resultado, catro anos máis tarde é que  o Concello do Porriño está a pagar a limpeza dos terreos que o cedeu á Xunta e, o que é moito máis grave, queas porriñesas e porriñeses seguen amoreándose nun centro de saúde totalmente desfasado, no que pasan calor no verán e frío no inverno e que non ten os servizos necesarios para atender as súas necesidades, tal e como denuncian, sistematicamente na rúa”.

Cero euros para centros escolares

A alcaldesa tamén denuncia o feito de que sendo O Porriño o concello que máis medra de Galicia, e logo de pedir reiteradamente a construción dunha nova gardería e novo colexio,  á vista do estado do CEIP Fernández López, a Xunta gobernada polo Partido Popular destina ‘cero euros “a estas demandas e, aínda máis, tampouco contempla partida algunha dos 50.000€ demandados polo Goberno do Porriño para os comedores escolares.

A situación é aínda máis “insultante para as porriñesas e porriñeses considerando que a Xunta sí abriu unha gardería en Mos, gobernada por unha alcaldesa do Partido Popular e que ten un 80% de cativas e cativos que van dende O Porriño porque aquí non temos prazas”.

Cero euros para afrontar o problema do lindano

Na mesma liña, o Goberno de Núñez Feijóo non contempla o investimento de un so céntimo para a des-contaminación das zonas do Porriño nas que se atoparon refugallos de lindano, “o cal, ademais de un abandono das súas obriga, dado que é competencia exclusiva do seu goberno, é un exercicio de desprezo  pola saúde dos veciños considerando, en primeiro lugar que había un compromiso neste senso, anunciado pola Xunta e polo voceiro do PP no Concello do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo, que mesmo presumiu no Pleno de manter xuntanzas con responsábeis da Xunta, como publicaron os medios de comunicación, para axilizar esta promesa”.

O que se ve nestes orzamentos é que ao Partido Popular so lle interesan os cidadáns do Porriño  para que lle dean o seu voto cada catro anos, pero que teñan unha asistencia médica digna, a educación e benestar das súas fillas e fillos e o coidado e protección da súa saúde ao Partido Popular tráenlle sen coidado.

A alcaldesa agarda que a estadía do presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia no Porriño estes días sirva, ademais de para defender os seus intereses e os do PP, para comprometerse a facer algo polas porriñesas e porriñeses, empezando por “pedirlles perdón pola marxinación e o esquecemento aos que os ten condenados nestes anos”.

Pola súa banda, Eva García de la Torre agarda que o presidente do PP do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo sexa quen de amosar a súa desconformidade co proceder da Xunta e  demande, en persoa, ao seu presidente que cumpra coa súa obriga que é a de atender á sanidade, á educación e a saúde das veciñas e veciños do Porriño, que son tamén as súas veciñas e veciños.

Inaugurada a exposición ‘Flores para As Meninas’, que estará no Centro Cultural Municipal ata o vindeiro día 31

A Concellería de Ensino e Participación Cidadá do Concello de Ponteareas, que dirixe Cristina Fernández, abre fronteiras para que as trinta ‘Meninas’ realizadas por colectivos e centros de ensino de toda a área metropolitana expoñan a súa beleza e creatividade nos diferentes concellos veciños. Organizadas por quendas, as Meninas visitarán os concellos de Mondariz, Mondariz Balneario, Salceda, Covelo, As Neves, A Cañiza e O Porriño.

A responsable do departamento de Educación do Porriño, Lourdes Moure, abriu esta exposición que estará na nosa vila dende este martes, día 16, ao 31 de outubro, no Centro Cultural municipal para que toda a cidadanía poida desfrutar destas obras de arte realizadas na súa maior parte con materiais de refugallo.

O proxecto “Flores para as Meninas” creado pola profesora Pilar Gallego e dirixido dende a concellería de Ensino de Ponteareas, contou coa colaboración de toda a comunidade educativa e distintos colectivos que agasallaron estas pezas para que logo puideran ser patrocinadas e doados os cartos conseguidos a unha entidade sen ánimo de lucro.

A Concellería de Limpeza empeza coa colocación dos primeiros 6 composteiros como parte da posta en marcha do ‘Plan Revitaliza’ da @depo_es

A Concellería de Limpeza do Porriño, que dirixe Orlando Márquez, vén de poñer en marcha a instalación de 6 composteiros no barrio de San Sebastián, coma “primeira medida do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, que permitirá a reciclaxe de restos orgánicos das vivendas do concello”.

Para a utilización dos composteiros, que estarán funcionando nun prazo de 10 días, o Concello organizará distintas charlas, que anunciará nos vindeiros días, para explicar o funcionamento dos mesmos.

Orlando Márquez, quen adianta que a instalación dos composteiros seguirá na Urbanización O Pinar, subliña que este sistema para converter os restos de comida e vexetais en fertilizante natural, “non esixe máis que uns 10 ou 15 minutos á semana, non ten custos de mantemento ou funcionamento e pode realizarse, sen molestias e sen cheiros, en calquera zona”.

O lixo diario que xeran os fogares contén contén máis dun 50% de refugallos orgánicos que poden reciclarse e retornar a terra en forma de ‘humus’ para plantas e cultivos, “por cada 100 quilos de lixo orgánico poden lograrse ata 15 quilos de compost”. 

O concelleiro salienta que o uso dos composteiros permite aforrar gastos na recollida do  lixo, “estímase que ao redor de 40€ por familia e ano”; evita o emprego de bolsas de plástico posto que “os refugallos orgánicos vértense directamente no composteiro, sen usar bolsa”, e reduce a contaminación: “en primeiro lugar a que causa o transporte do lixo e, segundo a que se produce ao queimar os refugallos”.