A Concellería de Limpeza do Porriño, que dirixe Orlando Márquez, vén de poñer en marcha a instalación de 6 composteiros no barrio de San Sebastián, coma “primeira medida do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, que permitirá a reciclaxe de restos orgánicos das vivendas do concello”.

Para a utilización dos composteiros, que estarán funcionando nun prazo de 10 días, o Concello organizará distintas charlas, que anunciará nos vindeiros días, para explicar o funcionamento dos mesmos.

Orlando Márquez, quen adianta que a instalación dos composteiros seguirá na Urbanización O Pinar, subliña que este sistema para converter os restos de comida e vexetais en fertilizante natural, “non esixe máis que uns 10 ou 15 minutos á semana, non ten custos de mantemento ou funcionamento e pode realizarse, sen molestias e sen cheiros, en calquera zona”.

O lixo diario que xeran os fogares contén contén máis dun 50% de refugallos orgánicos que poden reciclarse e retornar a terra en forma de ‘humus’ para plantas e cultivos, “por cada 100 quilos de lixo orgánico poden lograrse ata 15 quilos de compost”. 

O concelleiro salienta que o uso dos composteiros permite aforrar gastos na recollida do  lixo, “estímase que ao redor de 40€ por familia e ano”; evita o emprego de bolsas de plástico posto que “os refugallos orgánicos vértense directamente no composteiro, sen usar bolsa”, e reduce a contaminación: “en primeiro lugar a que causa o transporte do lixo e, segundo a que se produce ao queimar os refugallos”.