A Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía do Porriño, volveu a ser galardoada nos premios de animación á lectura “María Moliner” que convoca anualmente o Ministerio de Cultura.

Con esta xa son 14 as veces que a biblioteca porriñesa ten sido recoñecida nestes galardóns como unha das 300 mellores bibliotecas do Estado, destacando ademais en anos pasados a obtención do 1º Premio Nacional e dunha Mención Especial.

Este ano soamente catorce bibliotecas galegas, catro delas na provincia de Pontevedra, foron seleccionadas nestes premios, os máis importantes no ámbito bibliotecario de España.

O galardón, dotado cun premio en metálico de 1.700 €, ten por obxecto premiar aquelas bibliotecas que leven a cabo proxectos de animación á lectura en base a criterios como a claridade e o interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e viabilidade, a orixinalidade e a innovación, ou as actividades de integración social que conteñan as propostas.

A Biblioteca Municipal do Porriño participou no certame co proxecto “A túa biblioteca é + 2018”, unha ampla programación cunha serie de accións e actividades que se desenvolven ao longo de todo o ano, e que están tendo unha gran resposta de público. O proxecto pretende realzar a biblioteca como espazo de aprendizaxe e de inserción, para aumentar o valor social dos servizos bibliotecarios na súa comunidade.