A alcaldesa recolle en Oviedo o recoñecemento do Porriño coma ‘Cidade Amiga da Infancia’, outorgado por UNICEF

A alcaldesa, Eva García de la Torre, recibiu este martes o nomeamento do Porriño coma ‘Cidade Amiga da Infancia’, outorgado por UNICEF, nun acto celebrado no Pazo de Exposicións e Congresos de Oviedo.

O Porriño é un dos 8 concellos de Galicia que vén de recibir este  recoñecemento que fora aprobado o pasado 26 de Outubro por UNICEF grazas á iniciativa do persoal da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Porriño que iniciou o procedemento para que a vila se representase a esta convocatoria.

A alcaldesa, que estivo acompañada pola concelleira Lourdes Moure, e polo concelleiro Orlando Márquez, presidira o pasado día 20 o Pleno Infantil, no que as rapazas e rapaces plantexaran distintas iniciativas relacionadas cos espazos públicos, as barreiras arquitectónicas existentes, a peatonalización das rúas ou a eliminación do paso a nivel do centro do Porriño.

Resumo do proceso

O proceso para que O Porriño chegase a ser considerada por UNICEF coma ‘Cidade Amiga da Infancia’ empezara ao comezo do curso escolar 2017-2018: realizouse unha xuntanza coas directoras e directores dos centros de ensino para presentarlles o proxecto e valorar a posibilidade de organizar en cada centro talleres de participación, en especial no referente aos dereitos dos máis novos.

Ao mesmo tempo, adiantábanse nos traballos de elaboración do Plan de Infancia e Adolescencia do Concello do Porriño, que cubriu diferentes fases implicando, ademais dos centros educativos, a clubs deportivos, país e nais ou persoal técnico municipal.

Os talleres escomezaron hai máis dun ano en unha, dous ou tres aulas por centro, participando nos mesmos un total de 356 nenas, nenos e adolescentes de 19 grupos distintos, pertencentes aos  10 centros educativos existentes no concello.

Coma resultado celebrouse o primeiro Pleno Infantil no Concello o 28 de novembro de 2017 no que os representantes de cada centro, ademais de celebrar o Día dos Dereitos da Infancia, presentaron á alcaldesa as súas demandas, constituíndose o Consello Municipal de Infancia do Porriño.

Paralelamente se iniciara o labor de documentación e análise bibliográfico, coa intención de dar os primeiros pasos para coñecer a realidade da infancia e adolescencia no concello, as súas necesidades e demandas e así coma detectar situación de vulnerabilidade entre a poboación infantil e adolescente.

Coñecida a realidade e as demandas e opinión de cada un dos axentes participantes, elaborouse un documento base do plan cos obxectivos xerais de 5 grandes áreas e as actuacións concretas a realizar.

A participación seguiu nos meses de  marzo e abril deste ano materializando o seu traballo nun novo Pleno Infantil, o 18 de abril, con entrevistas individuais con técnicos municipais xuntanzas do órgano de coordinación interno (formado por persoal técnico de distintas áreas municipais), que finalmente deu a súa aprobación ás actuacións previstas.

O 40% das participantes no Programa Integrado de Emprego para Mulleres (PIEM) do Concello acadaron un posto de traballo

A concelleira de Emprego, Formacion, Benestar e Igualdade, Soledad Girón, pechou o Programa Integrado de Emprego para Mulleres (PIEM) do Concello do Porriño, destinado só a mulleres, unha iniciativa que, sinalou Girón, conta coa colaboración da Xunta.

Este programa, no que participaron 85 alumnas, permitiu a inserción laboral de 34 delas , o 40% do total.

Soledad Girón lembrou as dificultades que tivo que salvar o Goberno local para poner en marcha este proxecto que estivo íntegramente adicado a mellorar as posibilidades das participantes para voltar ou acceder ao mercado de traballo, un obxectivo especialmente importante dado que a taxa de desemprego entre as veciñas do Porriño é moito máis alta que entre os homes.

O PIEM permitiu, porén,  nuns casos, a contratación de varias das participantes no mesmo e doutros, a mellora da súa formación, teórica e práctica, e a especialización para que atopar un emprego sexa máis doado.

Mercedes Peón, concerto de RAP, Concurso de Tuits, ‘Mulleres de cinema’ e a lembranza ás vítimas, forman parte do Programa do Concello co gallo do ‘Día da Eliminación da Violencia contra a Muller’

Co gallo do 25 de novembro , ‘Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller’, o Concello do Porriño a través da súa Concellería de Igualdade, “optou este ano, por invitar á reflexión para que cada un/ha sexamos quen conclúa o lema segundo o seu criterio”, sinala a concelleira Soledad Giron.

‘NON ME DÁ IGUAL…’

Nesta liña, convócase o II Concurso de tuits”contra a violencia de xénero, co fin de sensibilizar e previr á cidadanía presente na rede social contra a lacra machista.

En torno a este día, dende a Concellaría de Igualdade tamén organizase unha serie de actos que se desenvolverán nestas datas e horarios: o  sábado,día 24, ás 10 da noite, no Pavillón Municipal, concerto de Mercedes Peón. A  entrada é de balde ata completar aforo.

O domingo , 25  á 1 da tarde, na Praza do Concello, ‘mini’ concerto de rap “ Xénero Versos”, un proxecto desenrolado co alumnado da ESO do Porriño contra violencia de xénero no ano 2017-2018. Tras o concerto haberá unha concentración en memoria das vítimas.

Dentro do ciclo “ Mulleres cinema” proxectaranse tres películas: a primeira o mércores, día 28 ás 7 e media da tarde no Círculo Recreativo Cultural, baixo o título “ Todas as mulleres que coñezo”, da directora Xiana do Teixeiro; a segunda o xoves 29, ás 8 e media da tarde, no mesmo lugar, “Con el viento”, da directora, Meritxell Corell, e a terceira “ Viaje al cuarto de una madre”, o venres, 30, ás 7 e media da tarde, tamén no Círculo Recreativo Cultural , da directora Celia Rico. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

A alcaldesa denuncia o estado no que están os profesionais do PAC do Porriño e alerta do perido que supón para eles e para a saúde das veciñas e veciños a situación na que os deixa a Xunta

A alcaldesa, Eva García de la Torre, vén de poñerse en contacto coa xefa de servizo do Punto de Atención Continuada (PAC) do Porriño para amosarlle  seu apoio e poñerse a súa disposición ante a situación que está a sufrir o persoal do mesmo.

García de la Torre lembra que o servizo neste PAC vense prestando en equipos de dous médicos e dous enfermeiros  que fan gardas de 17 ou 24 horas cada catro días: 8 médicos e 8 enfermeiras que cobren todos os días, as noites e as fins de semanas do ano.

Nos vindeiros días, por mor das vacacións de Nadal, baixas por enfermidade ou excedencias, o equipo contará con catro médicos menos o que suporá que os outros catro terán que realizar o mesmo traballo que facían oito.

A alcaldesa considera esta situación “intolerábel e inaguantábel” e denuncia á Xunta de Galicia por someter a estes profesionais a unha presión e carga de responsabilidade  totalmente insoportábel e por “tratar ás veciñas e veciños do Porriño cunha falta de respecto insultante e consideralos coma cidadáns de segunda”.

Eva García de la Torre lembra que no pasado Pleno, no que se aprobara, a proposta de EU-Son, e co voto en contra do Partido Popular, pedir a dimisión do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a responsábel de sanidade do grupo municipal do PP insistiu, mesmo increpando a postura do resto dos concelleiros da Corporación, que O Porriño conta cun bo servizo de saúde e gabou o traballo da Xunta neste sentido.

A alcaldesa subliña que a xestión de Alberto Núñez Feijóo e do seu conselleiro de Sanidade no que atangue á atención sanitaria das porriñesas e porriñeses pódese resumir nunha palabra:desprezo.

Este abafallo amósase no feito de que non ten consideración algunha polos médicos e enfermeiras que traballan no Porriño, non ten intención de mellorar os actuais servizos: nin o centro de saúde, nin ten en conta as súas necesidades en radioloxía, saúde mental ou pediatría.

Aquel desprezo amósase de xeito máis descarado no silencio diante das constantes solicitudes por parte do Goberno local do Porriño para manter unha xuntanza cos responsábeis da Consellería de Sanidade, solicitudes, como sucede con varias das remitidas por correo electrónico, que se eliminan sen abrilas sequera.

Concello e clubes do Porriño facilitarán a entrada de balde ás competicións nas que participen a veciñas e veciños con diversidade funcional, por medio do ‘Carné Municipal de Deporte Especial’

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, a concelleira de Educación, Lourdes Moure, e os responsábeis do Atletismo Porriño, Club Porriño de Baloncesto, Balonmano Porriño, Porriño Industrial, los clubs de fútbol de Mosende, Atios y Pontellas, o Club Ciclista avanza, Patín Porriño, Ximnasia Rítmica Porriño, o Club Baloncesto en Cadeira de Rodas do Porriño e Club Furaventos, veñen de asinar un convenio polo cal os mesmos comprométense a facilitar o acceso de balde a todas as actividades deportivas que estes clubs realicen nas instalacións municipais, a persoas con diversidade funcional.

Manuel Carrera salientou  o “xa coñecido interese e traballo que dende o Concello para impulsar a integración na actividade deportiva das persoas con capacidades diversas, como amosamos en cada unha das iniciativas postas en marcha dende o Goberno local”.

Dacordo con este convenio a Concellería de Deportes creará o  ‘Carné Municipal de Deporte Especial’, que dará dereito ás persoas con diversidade funcional, nun grao recoñecido igual ou superior ao 33%, titulares do mesmo, a entrar a todos os eventos  deportivos organizados polo Concello ou polos clubs que forman parte do Programa Municipal de Axuda Deportiva.

As persoas con diversidade funcional que queiran solicitar este carné- que abrangue, tamén a modalidade de persoas con acompañante- deben de presentar un formulario, acreditar  un grao de diversidade física, mental, intelectual ou sensorial igual ou superior ao 33%,  ter recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez, e aos pensionistas que teñan unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, e estar empadroado no Concello do Porriño.

Estes trámites poden facerse no Centro Deportivo Municipal o nas Oficinas do Rexistro do Concello, ou doutros xeitos establecidos pola lei. Non haberá un prazo determinado, polo cal o carné pode solicitarse en calquera momento e o mesmo pode recollerse, logo do seu trámite, no centro Polideportivo Municipal.

O Goberno local continúa coa reforma dos parques infantís: o do Centro Social e Cultural de Atios, que conta cun investimento de 40.000€, estará rematado o mes que vén

O Goberno local segue adiante coa reforma e o arranxo dos parques infantís da vila, que en moitos casos, subliña o concelleiro de Parques e Xardíns, Orlando Márquez, “non se repararan en anos, precisaban xa unha remodelación completa ou estaban xa obsoletos”.

O mes que ven estará en funcionamento o parque do Centro Social e Cultural de Atios, ao que o Concello destina un orzamento de 40.000€ e que contará cunha pista ‘polideportiva’ para a práctica de fútbol, balonmán ou baloncesto; novos bambáns, na zona infantil que “está a ser completamente remodelada” e na que se colocará un moderno chan de caucho para garantir a seguridade das cativas e cativos; e, por primeira vez, un parque de actividade biosaudábel para adultos.

Esta iniciativa, que terá continuidade nas vindeiras semanas noutros parques da vila, súmase ás realizadas no Parque da Urbanización do Sol, no investíronse preto de 22.000€ para  arranxar todos os bambáns, colocar un deles para persoas con diversidade funcional e a instalación dun chan de caucho.

Tamén rematouse hai preto dun ano o do Campo da Feira, que contou cun orzamento de 4.173€; o Parque Lamazares, detrás de Correos, no que se cambiaron os seus elementos investindo 4.655€; o de San Diego, no que ademais colocouse un chan de caucho continuo, logo de facer unha inversión de 1.952€ e o de Torneiros no que, cun investimento de 9.181€, ademais dos distintos xogos, se arranxaron os bancos, as varandas, o valado de madeira e adaptouse para persoas con diversidade funcional.

Veciños da Vaquería cortarán o tráfico na estrada PO-510 para esixir á Xunta a sinalización dunha ‘isleta’ central e pasos peonís para poder cruzar e xirar entre os quilómetros 2,200 e 2,600

Veciñas e veciños do barrio da Vaquería, en Budiño, realizarán cortes de tráfico na estrada PO-510, para esixir, de novo ao Goberno de Galicia, que atenda as súas reivindicacións e que se deseñe unha ‘isleta’ central e pasos peonís entre os quilómetros 2,200 e 2,600.

Así o decidiron este xoves nunha xuntanza, á que acudiu  o tenente de alcalde, Manuel Carrera, e na que aprobaron solicitar permiso para realizar ese corte de tráfico todos os mércores-empezando polo vindeiro, o día 21 de novembro- de 1 a 1 e media da tarde, e denunciar, de novo, que o barrio está dividido por unha liña continua na estrada que fai imposible aos coches xirar para chegar ás casas  ou negocios e cruzar aos peóns que, ante o perigo que supón teñen que andar máis de un quilómetro.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, que non puido achegarse hoxe ata a Vaquería, reiterou todo o seu apoio a esta reivindicación e lembrou que “hai xa máis de 6 meses que os responsábeis da Xunta comprometéranse a estudar á proposta dos habitantes desta parte do Porriño para rematar con esta situación e ata hoxe non deron sinais de vida”.

Os veciños amosaron o seu desexo de que na mobilización do vindeiro mércores haxa representantes de todos os grupos políticos do Concello, “porque este é un tema que afecta a toda a veciñanza, que divide a familias e no que temos que estar todos esixindo unha solución que ten que tomarse xa”.

O vindeiro luns, día 19, ábrese o prazo para inscribirse no ‘Campamento de Nadal’ do Concello, financiado pola Deputación de Pontevedra, para rapazas e rapaces de 5 a 12 anos de idade

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Igualdade continúa a  mesma liña de actuación que en anos pasados, e “para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños”, organiza, de novo, o ‘Campamento de Nadal’, co-financiado pola Deputación de Pontevedra.

O mesmo- que desenrolarase de 9 da mañá a 2 da tarde– abranguerá actividades coma música, obradoiros, xogos, talleres, reciclaxe, animación á lectura e actividades que terán coma fío condutor a igualdade.

O prazo de inscrición para o mesmo abrirase o luns, día 19 de novembro, e non pechará ata o venres, día 30 desde mesmo mes.

A concelleira de Igualdade, Soledad Girón, lembra que poden participar neste campamento as rapazas e rapaces residentes no Porriño que teñan entre 5 e 12 anos -nados entre 2006 e 2013, os dous inclusive– e que as persoas que precisen máis información poden dirixirse ao Centro de Información á Muller, no 3º andar do Concello, ou chamar ao número de teléfono 986 337429.

Nenas e nenos, integrantes do ‘Consello Municipal da Infancia’ do Porriño, interveñen no Foro de Participación Infantil do Parlamento de Galicia antes do Pleno Infantil do vindeiro día 20

Representantes do Consello Municipal de Infancia do Concello do Porriño foron convidados a participar no VI Foro de Participación Infantil no Parlamento de Galicia con motivo da conmemoración do ‘Día Universal do Neno’.

É a primeira vez desde que se celebra este foro no parlamento de Galicia da man de UNICEF que conta coa presenza de nenos e nenas de fora de Santiago de Compostela.

Tratouse dunha boa oportunidade para que os representantes no consello municipal de infancia do noso municipio, recoñecido recentemente como Cidade Amiga da Infancia por UNICEF, se achegasen ao espazo no que se toman as decisións sobre as políticas autonómicas, a para que a súa voz fose escoitada mais alá do eido local.

Para esta ocasión a representación do Porriño recaeu en Noa Vázquez Ojea e David Alonso Pérez que como voceiros do CEIP de Atios foron escollidos por sorteo entre os participantes no Pleno Infantil do pasado mes de abril, que estiveron acompañados pola  concelleira de Educación e Xuventude Lourdes Moure Varela, ademais de  por Noelia de la Fuente Pérez, da OMIX do Concello do Porriño, e do director do seu centro educativo, Roberto Devesa Fernández.

A participación neste foro, xunto co Pleno Infantil, previsto para o próximo día 20 de novembro, no Concello,  supoñen unha nova oportunidade para dar relevancia á infancia na axenda pública, reafirmar a vixencia da Convención sobre os Dereitos da infancia e poñer a mirada nos cambios necesarios para que o seu contido sexa realidade para todos os nenos e nenas do Porriño.

A Policía Local leva a cabo a ‘Campaña de Educación Vial’, dirixida a alumnas e alumnos de 6º de Primaria de sete centros de ensino do Porriño

Alumnas e alumnos de 6º de Primaria dos centros de ensino  CEIP de Atios, Cruz Budiño, Santo Tomas , Xosé Fernández López, Antonio Palacios, CEIP da Ribeira e Hermanos Quiroga, recibiron estas semanas a parte teórica da ‘Campaña de Educación Vial’ que, como xa é tradicional, imparte a Policía Local de O Porriño todos os cursos.

Esta actividade divídese en dúas partes: dunha beira, os axentes realizan unha sesión teórica na que falan do seu traballo, das funcións da Policía Local, como contactar coa Policía en caso de necesidade, “salientando sempre a idea de que o policía é o amigo”, ademáis de reforzar o uso correcto do Servizo de Emerxencias 112, subliña o xefe da Policía do Porriño, Daniel Rodríguez.

Logo de resolver todas as dúbidas, as sesións céntranse na educación vial, expoñendo  o uso axeitado  das medidas de seguridade, a importancia de evitar as distraccións ao volante, o comportamento coma viaxeiros, o paso da bici de xoguete ao vehículo, as normas de circulación, o transporte de mascotas, a protección coma peóns ou as medidas especiais de seguridade cando se monta en moto.

 Carné por puntos   

Na parte práctica, os alumnos deberán circular por un circuíto aplicando o que aprenderon nas  clases teóricas, “de feito hai un carné por puntos para cada un no que se reflicten as sancións se non respectan os sinais, as normas de tráfico ou as indicacións dos axentes”. Ademáis, as rapazas e rapaces asumirán, tamén, a función de policías e serán os responsábeis da seguridade vial e dos peóns.