A Concellería de Ensino e Participación Cidadá do Concello de Ponteareas, que dirixe Cristina Fernández, abre fronteiras para que as trinta ‘Meninas’ realizadas por colectivos e centros de ensino de toda a área metropolitana expoñan a súa beleza e creatividade nos diferentes concellos veciños. Organizadas por quendas, as Meninas visitarán os concellos de Mondariz, Mondariz Balneario, Salceda, Covelo, As Neves, A Cañiza e O Porriño.

A responsable do departamento de Educación do Porriño, Lourdes Moure, abriu esta exposición que estará na nosa vila dende este martes, día 16, ao 31 de outubro, no Centro Cultural municipal para que toda a cidadanía poida desfrutar destas obras de arte realizadas na súa maior parte con materiais de refugallo.

O proxecto “Flores para as Meninas” creado pola profesora Pilar Gallego e dirixido dende a concellería de Ensino de Ponteareas, contou coa colaboración de toda a comunidade educativa e distintos colectivos que agasallaron estas pezas para que logo puideran ser patrocinadas e doados os cartos conseguidos a unha entidade sen ánimo de lucro.