Un ‘Planetario’ no Porriño para que máis de 500 estudantes coñezan un xeito distinto de aprender ciencias co programa ‘Cinema 360º’

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello do Porriño levará adiante entre os días 5 e 8 de febreiro – contando coa participación de 565 alumnas e alumnos de centros de educación da vila- a actividade: ‘Cinema 360º’.

Da man de técnicos especializados, os estudantes poderán asomarse, en horario escolar, a un xeito distinto de aprender ciencias, e se sorprenderán coas proxeccións en 3D, as imaxes espectaculares das constelacións e ceo estrelado no ‘Planetario 3D’.

Entre as filmacións que propostas hai que salientar ‘Toupas’, ‘A formación do Sistema Solar’, ‘Crónica dunha viaxe á Terra’, ‘A orixe da vida’, ‘Selección natural de Darwin’, ou ‘Cambio Climático’, a elas súmase un un visionado e explicación do ceo e proxeccións de estrelas, constelacións e planetas.

O Domo (Planetario) , estará colocado en diferentes localizacións: Os días 5 e 6 de febreiro de 2018 no Pavillón municipal dos deportes do Porriño, o 7 de febreiro de 2018 no Ceip da Ribeira na parroquia de Torneiros-Polígono e o 8 de febreiro de 2018 no Ceip de Atios na parroquia de Atios.

O ‘Entroido 2018’ comezará o vindeiro día 9 de febreiro e chegara, cunha programación de festas, música, teatro, animación na rúa ou obradoiros, ata o día 14

Teatro, música, obradoiros para nenas e nenos, disfraces, máscaras, , comparsas, festa infantil ou animación na rúa, forman parte do programa do ‘Entroido 2018’ do Porriño, que empezará a celebrarse o vindeiro día 9 de febreiro, venres, co concerto do Grupo América (ás 8 e media da tarde) na Praza de Antonio Palacios.

Un dos ‘días grandes’ será o sábado, 10, no que está previsto o pregón, á 1 da tarde, o ‘Xantar do Entroido’, a celebración da 75ª edición do Xogo da Ola, o primeiro Desfile de Comparsas (dende as 6 da tarde), para o que están inscritas, ata este mércores 13 de adultos e 3 infantís, e a ‘Gran Festa Rachada’, co grupo ‘Versionettes’.

Nos seguintes días seguirá a Festa Infantil, co Pallaso Popín (domingo, 11), o Grande Desfile de Comparsas (o martes, día 13) e, o mércores 14, chegará outro dos grandes intres deste Entroido co ‘Velorio da Sardiña’, no Centro Recreativo e Cultural (dende as 5 da tarde); o ‘Enterro da Sardiña’ (dende as 19 h.), a Lectura do Testamento, na Praza de Antonio Palacios, e a Queima da Sardiña, na Ponte do Valo.

O Concello e Tropa Verde celebran o ‘Día Mundial da Educación Ambiental’ en varios colexios da vila

Os concelleiros de Limpeza, Orlando Márquez, e de Educación, Lourdes Moure, asistiron á celebración do ‘Día Mundial da Educación Ambiental’ da man de Tropa Verde . Esta organización e o Concello de O Porriño están deseñando xornadas de charlas nas escolas da vila nas que se subliña a importancia do coidado da natureza e dos seus recursos, “facendo fincapé en que é cousa e causa de todos”.

As charlas, sinala Orlando Márquez, tamén teñen coma  obxectivo a diminución de residuos e a necesidade de limitar o uso de embalaxes “porque o mellor residuo é o que non se produce”.

Xa son catro os centros que están a gozar destas xornadas: CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, CEIP da Cruz-Budiño, CPR Plurilingüe Hermanos Quiroga Rodríguez e CPR Santo Tomás.

O propósito fundamental da Tropa Verde é a educación ambiental e o que pretende é lograr que tanto os individuos como as colectividades comprendan a natureza complexa do medio ambiente, coma resultante da interacción dos seus diferentes aspectos: físicos, biolóxicos, sociais, culturais ou económicos, e adquiran os coñecementos, os valores e as habilidades prácticas para participar responsable e eficazmente na prevención e solución dos problemas ambientais e na xestión da calidade do medio ambiente.

55 veciños do Porriño visitan Balaídos invitados polo Celta e asisten ao partido contra o Betis

Cincuenta e cinco veciños do Porriño visitaron este luns o estadio de Balaídos e asistiron ao partido entre o Celta e o Betis-que gañaron os celestes por 3 goles a 2-, dentro do programa ‘Eurorrexión Celeste’, impulsado polo clube.

Os asistentes, entre os que estaban a alcaldesa, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, visitaron o Museo do Celta e tiveron ocasión de pasar uns minutos co presidente do clube, Carlos Mouriño.

O Concello do Porriño e Tropa Verde celebran o ‘Día Mundial da Educación Ambiental’ en varios colexios

Os concelleiros de Limpeza, Orlando Márquez, e de Educación, Lourdes Moure, asistiron á celebración do ‘Día Mundial da Educación Ambiental’ da man de Tropa Verde . Esta organización e o Concello de O Porriño están deseñando xornadas de charlas nas escolas da vila nas que se subliña a importancia do coidado da natureza e dos seus recursos, “facendo fincapé en que é cousa e causa de todos”.

As charlas, sinala Orlando Márquez, tamén teñen coma  obxectivo a diminución de residuos e a necesidade de limitar o uso de embalaxes “porque o mellor residuo é o que non se produce”.

Xa son catro os centros que están a gozar destas xornadas: CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, CEIP da Cruz-Budiño, CPR Plurilingüe Hermanos Quiroga Rodríguez e CPR Santo Tomás.

O propósito fundamental da Tropa Verde é a educación ambiental e o que pretende é lograr que tanto os individuos como as colectividades comprendan a natureza complexa do medio ambiente, coma resultante da interacción dos seus diferentes aspectos: físicos, biolóxicos, sociais, culturais ou económicos, e adquiran os coñecementos, os valores e as habilidades prácticas para participar responsable e eficazmente na prevención e solución dos problemas ambientais e na xestión da calidade do medio ambiente.

A Rondalla de Pontellas gaña o Corcurso de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo

7.500 persoas, que encheron o aforo preparado para o acto, puideron ver este domingo no IFEVI como a rondalla de Pontellas se levaba o primeiro premio do Concurso de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo.

A calidade das dez formacións participantes foi altísima e, ademais de composicións tradicionais, foron quen de atreverse con temas dos Beatles, unha música que non faría estraño que o propio capitán Sparrow estivese entre o público, a banda sonora de Piratas do Caribe’, ou a de ‘Star Wars’.

Finalmente foi a forza a que acompañou á rondalla porriñesa que conqueriu o maior número de votos do xurado, por diante de Santa Eulalia de Mos e a Rondalla de Vincios, que obtivo a terceira praza nunha xornada para non esquecer.

O Tribunal de Contas comunica á alcaldesa o arquivo da denuncia interposta polos concelleiros do Partido Popular por supostas irregularidades na xestión económica do Concello

O Tribunal de Contas vén de comunicar á alcaldesa do Porriño o arquivo da denuncia polas supostas  irregularidades na xestión económica financeira do Concello, remitida a este tribunal pola Fiscalía con data 24 de novembro de 2017, e que fora presentada polos concelleiros do Partido Popular na Corporación Porriñesa,  Manuel Alejandro Lorenzo, Carlos Manuel Martínez, María José Martínez, Iria Lorenzo, Ramón Porto, Ana María Martínez, José Carlos González e José Manuel Estévez.

A devandita denuncia fai referencia ás supostas irregularidades no expediente de recoñecemento extraxudicial de débeda por importe de 2.174.982,80€, incluíndo as facturas pagadas pola realización de rozados en camiños e estradas municipais e pola limpeza viaria, entre outros servizos prestados ao Concello, abranguendo aqueles feitos entre os anos 2013 e 2016, moitos deles contratados polo propio Partido Popular cando ocupaba o Goberno Municipal, e contra de cuxo pago votaron os seus concelleiros cando este expediente foi ao Pleno do Concello.

O Tribunal de Contas cando recibe a comunicación da denuncia, decide o nomeamento dun instrutor e antes de proceder ao mesmo pídelle á representación legal do Concello do Porriño que presente as súas alegacións.

As mesmas fainas, persoalmente, a propia alcaldesa, e á vista delas e da documentación aportada, o Tribunal considera que está plenamente xustificado o gasto e decide que non hai irregularidade algunha ao estar explicada perfectamente a falla de contratación destes servizos.

Finalmente, o Tribunal de Contas decide deixar sen efecto o nomeamento do instrutor e arquivar a denuncia, tal e como solicitara o Fiscal, no seu escrito de 16 de xaneiro de 2018 no que manifesta que examinadas as novas alegacións realizadas pola alcaldesa e a documentación entende “debidamente xustificadas a irregularidades sinaladas”.

Hai que lembrar que nas súas alegacións Eva García de la Torre– tal e coma fixo o pasado mércores, día 24 no Pleno extraordinario no que compareceu, a petición propia, para dar explicacións sobre hipotéticas ilegalidades na súa xestión, tamén denunciadas polos concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular- sinalaba que no caso da limpeza, coma na do rozado dos camiños, intentouse, en varias ocasións, a súa licitación.

A alcaldesa concluía no escrito presentado diante do Tribunal de Contas que esa era o motivo polo que “foron contratadas diferentes empresas” para que se fixeran cargo destes servizos, que “na zona rural son imprescindíbeis en canto á rozadura de camiños e beiravías, porque os mesmos fanse intransitábeis e coma medio para evitar os lumes”.

A Concellería de Vías e Obras acomete a mellora da seguridade vial do PPI-VII e do Polígono da Granxa coa renovación da totalidade da sinalización horizontal e vertical

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, está a acometer as obras de renovación da seguridade vial do Polígono de A Granxa e do PPI VII, co pintado da sinalización horizontal e a substitución da sinalización vertical nos mesmos.

Na actualidade estas vías atópanse, en xeral, en mal estado de conservación, coas marcas viais case totalmente borradas e os sinais verticais, ou ben moi deteriorados ou, directamente, inexistentes, o incide na seguridade dos vehículos e peóns”, subliña Manuel Carrera.

O obxecto destes traballos, que contarán cun orzamento aproximado duns 70.000€ e un período total de execución duns dous meses, abrangue a mellora integral da sinalización horizontal, coa delimitación de illas, carrís e pasos de cebra, e a renovación total dos sinais verticais, “tendo coma eixe esencial a seguridade vial á que se suma a reordenación do tráfico e a mellora da fluidez do mesmo”.

Manuel Carrera salienta que para completar a sinalización seguíronse os criterios establecidos polo Ministerio de Fomento e a Dirección Xeral de Obras Públicas e engade que o labor comprende o vial principal que conecta a parte norte e sur do PPI-VII coa estrada provincial EP-2405, así coma outra estrada anular na parte sur e, no que se refire ao Polígono de A Granxa, un total de 5,5 quilómetros de lonxitude das rúas  Paralela 3, de 1.950 metros-, rúa As Gándaras-1.020 m.-, Cíes-490 m.-Ons-200 m.- San Simón-250 m.-Sisagras-280 m.-Sálvora-120 m.-Tambo-550 m- e A Tolda-270 metros-.

O posto da campaña ‘O que se enchufa, recíclase’ está aberto na Praza de Antonio Palacios e as persoas que se acheguen ao mesmo levarán un agasallo para casa

Coa finalidade de informar e concienciar ás veciñas e veciños do Porriño sobre a reciclaxe de residuos e aparellos electrónicos, dende o pasado martes, e durante os días 23, 24, 25, 26, 27 e 30, haberá un posto desta campaña ‘O que se enchufa, recíclase’ situado na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, no que se dará ás persoas que se acheguen unha breve explicación sobre qué son e onde se poden depositar estes aparellos unha vez deixen de funcionar.
O posto está aberto os días sinalados de 11 a 14 horas e de 16 a 19 h., e as veciñas e veciños que se acheguen ao mesmo poderán participar nun sinxelo xogo de ruleta grazas ao cal marcharán cun agasallo para casa.

‘Recoméndoche un libro’, impulsado por @festivaldecans, e que ten a Biblioteca Municipal do Porriño coma colaboradora, convocan o III Concurso ‘O Ollo de Vidro’

As entidades organizadoras do proxecto “Recoméndoche un libro”, entre as que figura o Festival de Cans e a Biblioteca Municipal do Porriño, coma colaboradora, convocan o III concurso “O Ollo de Vidro” para premiar os traballos audiovisuais máis valorados de entre os participantes nese proxecto.

Poderán participar no concurso, cuxas bases poden consultarse premendo aquí, todas aquelas persoas e colectivos que o desexen enviando un vídeo ao enderezo de correo electrónico: recomendocheunlibro@gmail.com.

Os traballos audiovisuais, que poderán tratar sobre calquera libro ou tema e non poderán superar os 3 minutos de duración, terán que estar en galego, e poden abranguer  críticas literarias, booktrailers, booktube ou calquera tipo de proxecto audiovisual dirixido á animación lectora.