O Consorcio de Augas do Louro anuncia que iniciará esta semana a execución de diversas obras de mellora nas instalacións existentes que se van realizar en O Porriño e Salceda.
As actuacións no Porriño serán en As Insúas e no PPI 7. No primeiro enclave vaise instalar un sistema automático de desbaste e telesupervisión, unha gabia filtrante e melloras na urbanización da fosa séptica. de tal xeito que se garanta o cumprimento da calidade da auga depurada e vertida ao medio receptor. O importe das actuacións será de 27.457,32 euros.

No Polígono PPI 7, os traballos que van acometerse consisten na consolidación e gran reparación da estación de bombeo de auga residual situada no polígono que contempla o saneo do terreo e mellora da drenaxe e impermeabilización do pozo, a renovación de diversos equipos electromecánicos e a instalación dun sistema de comunicacións para telesupervisión da instalación. O importe dos traballos ascende a 36.893,29 euros.

No concello de Salceda, o Consorcio de Augas do Louro acometerá a renovación de 330 metros de tubería na rede de abastecemento no barrio de A Pedra para garantir a presión e continuidade do servizo e a execución dunha caseta con ventilación forzada e novos depósitos de hipoclorito e regulación de pH no depósito de auga potable de Bouzavedra, en Salceda. O importe dos traballos será de 35.713,07 euros.

Estes traballos son continuidade dunha programación que o Consorcio comezou en 2014 coas importantes reformas realizadas na potabilizadora do Concello de Tui por valor de mais de 200.000 euros, as realizadas no Concello de Mos para eliminación de verteduras e reformas de instalacións de abastecemento por importe superior aos 70.000 € e outras inversións realizadas nos catro concellos por importe superior aos 400.000 euros.