Unha unidade da Axencia de Doazon de Sangue estará no Porriño o venres 27 e sábado 28 de outubro

A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia.

Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

Unha destas unidades móbiles desprazarase ata O Porriño e estará diante da Cafetería ‘Scala’, na rúa Domingo Bueno, o vindeiro venres, día 27 de outubro, de 10:00 a 14:30 horas e de 16:00 ás 21:00 horas e o sábado, día 28, de 10:00 a 15:00 horas.

A alcaldesa e o concelleiro de Industria reafirman a traballadores e directivos de Maderas Iglesias a disposición do Concello do Porriño a mediar no conflito

Os traballadores de Maderas Iglesias, reunidos en asemblea,amosáronse a prol de que o Concello do Porriño sexa un dos mediadores no conflito que o persoal mantén coa dirección da empresa.

Este mércores a alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto con concelleiro de Industria, Marcelino Coto, e o tenente de alcalde e o concelleiro de Emprego de Mos, mantiveron xuntanzas cos traballadores e con representantes da empresa de cara a facer posible un entendemento entre as dúas partes.

Eva García de la Torre sinalou que constatouse que a empresa xa pagara a meirande parte do adebedado ás traballadoras e traballadores, aos que aínda queda por cobrar unha cantidade, e sinalou que agora o eido no que hai máis desacordo é o desenrolo do Expediente de Regulamento de Emprego (ERE) temporal que afecta a boa parte das empregadas e empregados.

Neste punto, os traballadores sinalaron que a aplicación do mesmo non está a ser equitativa, posto que mentres hai membros do plantel que acumulan 300 ou 400 días de ERE, “e que están ao límite ou esgotando xa a súa prestación por desemprego”, outros ou non consumiron nin 20 días dese ERE.

Tanto a alcaldesa coma o concelleiro Coto reafirmaron a “total dispoñibilidade” do Goberno local a mediar nesta situación, “cumprindo o mandato do Pleno da Corporación”, coa finalidade de que esta mediación teña coma obxectivos o mantemento dos empregos e dos dereitos dos traballadores e o reforzo da viabilidade dunha empresa que forma parte da vida, do tecido social e da economía do Porriño.

Neste senso, considerando que Maderas Iglesias ao estar en concurso de acredores non pode acceder a liñas de creto, faise “vital” que cobre con puntualidade os encargos dos seus clientes, a alcaldesa e o concelleiro de Industria sinalaron a necesidade de que, considerando que a maior parte da débeda cos traballadores está xa pagada, os representantes sindicais poderían facer un xesto de boa vontade desconvocando as mobilizacións anunciadas para as vindeiras datas.

Este feito, indicaron Eva García de la Torre e Marcelino Coto, contribuiría a reforzar a imaxe de Maderas Iglesias e facilitaría que os seus clientes renovasen a súa confianza nesta empresa, posibilitando a que houbese un aumento dos pedidos e, co mesmo, un incremento da actividade.

O prazo para inscribirse no obradoiro ‘Tecendo lazos’ amplíase ata o venres 27 de outubro

Dende á Concellería de Mocidade  (OMIX) do Concello do Porriño en colaboración ca Deputación Provincial de Pontevedra, está previsto poñer  en marcha  o programa ‘Tecendo Lazos’.

A través dun obradoiro interxeracional, o obxectivo é contribuir á difusión da tradición oral e musical galega  poñendo en contacto as distintas xeracións para favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais entre das persoas participantes.

As familias/participantes compartiran  os bailes e as cancións típicas da súa zona traéndoas así á actualidade, para promover o intercambio das diferentes versións de cancións populares (música e letra) que coñece cada familia.

O programa consiste na oferta dun obradoiro, concedido pola Deputación Provincial de Pontevedra para persoas do noso concello e alrededores , con idades comprendidas  entre os 10 e  os 99 anos (ambas incluídas). O obradoiro deberá contar  cun mínimo de 10 persoas participantes e cun máximo de 30.

Terá unha duración de 16 horas das cales  14 horas serían un módulo espécifico e ás 2 restantes outro transversal: A historia do meu concello .Dito obradorio levaráse a cabo no  Edificio Sociocomunitario do Porriño.

O obradoiro ten por título ‘O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre.Canta-Avoas’, empezará o vindeiro  3 de novembro e rematará o día 29 do mesmo mes. Impartirase os días 3,8,10,15,17,22,24 e 29, mércores e venres, en horario de 7 da tarde a 9 da noite.

A solicitude de praza pode realizarse na OMIX do Concello (no Centro Cultural Municipal), de luns a venres, ata o vindeiro venres, día 27 de outubro, ás 5 da tarde.

Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación: Fotocopia do DNI; Xustificante de empadroamento e autorización de participación no programa-no caso dos menores de 18 anos-.

Vías e Obras leva adiante obras de saneamento na estrada EP-2405, á altura de Casal-Budiño

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, está a levar adiante traballos de mellora do saneamento na estrada provincial EP-2405, na zona de Casal-Budiño, obras que indica o concelleiro, foran solicitadas en moitas ocasións polas veciñas e veciños da zona e que, finalmente, están xa en marcha.

Este traballo, que “foi aprobado polo Pleno do Concello do Porriño co voto en contra do Partido Popular, coma sucede con outros traballos e melloras impulsados polo Goberno local”, consistirá na realización dun cruzamento nesta estrada- logo de obter o permiso da Deputación de Pontevedra- e unha obra de recollida de augas pluviais.

Manuel Carrera subliña que este proxecto, que conta cun orzamento de 23.000€, “dará servizo, en principio, a 8 casas” e permitirá, pois estará xa adaptada e preparada para que sexa así, que máis vivendas poidan conectarse á rede municipal.

O Concello daralle a palabra ás rapazas e rapaces e presentarase ao ‘Recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia’ de UNICEF

Trátase dun proceso no que nenos, nenas e adolescentes dos distintos centros públicos do Porriño, terán a oportunidade de expresar a súa opinión sobre aqueles aspectos que mais lle preocupen, así como tamén achegar as propostas de solución que consideren, co compromiso de que serán tidas en conta polo Goberno Municipal.

Na mente do Concello está presentarse ao ‘Recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia’, que promove UNICEF, e polo tanto trata de camiñar cara unha política local de infancia baseada nun diagnóstico da realidade dos nenos e nenas e da localidade, realizada de forma participativa.

Lourdes Moure, Concelleira de Xuventude e Educación,  a través da súa OMIX , e promotora da iniciativa considera que “o papel dos centros educativos é fundamental para  iniciar este camiño, xa que ademais de axudarnos a chegar ao conxunto da poboación implicada, poden converterse nos principais dinamizadores da devandita participación”, polo que mantivo unha xuntanza con representantes dos centros escolares para presentarlles a iniciativa e coordinar con eles a súa posta en marcha.

Nesta primeira toma de contacto a concelleira comprometeuse tamén darlles a palabra aos nenos e ás nenas do municipio nun ‘Pleno infantil’ que se realizará no mes de novembro, co motivo da conmemoración do Día dos Dereitos da Infancia.

O Concello pretende con isto, sentar as bases dun futuro órgano estable de participación infantil, xa que este tipo de accións non deben ser puntuais, polo tanto xa están previstas tamén outras iniciativas como a instalación de caixóns de suxerencias nos centros escolares, ou habilitar unha conta de correo na que calquera persoa poda realizar as súas aportacións.

‘Llega 800’, está a levar adiante no Porriño as actuacións técnicas necesarias nas instalacións de recepción dos usuarios da Televisión Dixital Terrestre (TDT)

A entidade ‘Llega 800’, está a levar adiante no Porriño as actuacións técnicas necesarias nas instalacións de recepción dos usuarios da TDT, que son de balde para os veciños afectados polo inicio da prestación do servizo de telefonía móbil 4G, que pode afectar á recepción da televisión dixital terrestre.

Dacordo coa Orde Ministerial que regulamenta ente proceso, o prazo para solicitar as actuacións por parte dos usuarios que se vexan afectados é de  6 meses dende a data de posta en servizo das estacións de telefonía móbil.

Aínda que no caso do Porriño este prazo cumpriuse xa, o mesmo amplíase ata o 31 de outubro para solicitar as actuacións, de balde, por parte dos usuarios da TDT polas posíbeis afectacións ocasionadas polo 4G.

No futuro, no Porriño, poderían acenderse novas estacións de telefonía móbil, na  banda de 800 MHz, se así o consideran preciso os operadores para mellorar este servizo: neste caso atenderíanse, tamén de balde, as incidencias que houbese, abríndose outro prazo de 6 meses dende a data de acendido.

Os veciños que poidan verse afectados por estas incidencias poden poñerse en contacto con ‘Llega 800’ chamando ao teléfono 900 833 999.

20 persoas sen emprego, do Porriño, asinan un contrato de traballo por 9 meses e, ao mesmo tempo, adquiren unha formación oficial no Obradoiro ‘Covelo II’

20 personas que estaban na procura de emprego, poderán traballar ata xullo de 2018 e, ao mesmo tempo, adquirir unha formación coma técnicos de atención sociosanitaria en domicilio e institucións e auxiliares da construcción, no obradoiro de emprego ‘Covelo II’.

Este mércores pola mañá, a concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade, Soledad Girón, xunto co delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, e a directora do obradoiro, Begoña Echegaray, deu a benvida na sede de Porremprego, no Multiusos de Torneiros, aos participantes neste obradoiro e

No acto, Soledad Girón subliñou a importancia da colaboración entre diferentes administracións para “crear emprego” e, cualificou de “esencial” a formación coma canle para aumentar as posibilidades de voltar ou introducirse no mercado laboral.

A concelleira lembrou que este obradoiro é un bo exemplo desa colaboración posto que a súa realización é posible grazas a achega de 280.000€ por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, cantidade á que hai que sumar 45.000€ que aporta o Concello do Porriño.

Girón indicou que os 20 participantes neste obradoiro teñen un contrato laboral de formación, obterán un certificado que vailles permitir acreditar, oficialmente, que contan cos comeñecentos que adquirirán no mesmo e, subliñou o feito de que a ampliación deste contrato pasa de 6 meses doutros ano a 9, o cal “ademáis de mellorar a súa preparación fai que adquiran dereitos que non terían cun contrato de so 6 meses de duración”.

A concelleria sinalou que o Goberno local está a impulsar, ademáis da colaboración co Goberno de Galicia e a Deputación de Pontevedra, a sinatura de convenios formativos con empresas privadas que permitiu que ducias de persoas estean traballando.

Froitos destas iniciativas, dacordo cos datos publicados a principios deste mes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social,a  taxa de desemprego situouse no Porriño no 18%, 6 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara  o seu mandato: daquela a porcentaxe do paro estaba  no Porriño por riba do 24% e 2.139 veciñas e veciños estaban na procura dun posto de traballo, preto de 500 máis que na actualidade.

Soledad Girón reiterou que a creación de emprego “é a prioridade número un deste Goberno local” e repetiu que todas as xestións e os recursos municipais están orientados a esta finalidade, algo que está a funcionar posto que O Porriño pechou setembro con 1.654 persoas desempregadas, unha realidade que non se vía dende hai case unha década e en so un ano “o paro reduciuse na preto de 5,5 puntos”, un dato inédito.

Cada estrada, camiño, lugar e rúa do Porriño estarà nomeada e numerada oficialmente e todo o concello estará cartografiado dixitalmente

Nuns meses, todo O Porriño estará cartografado dixitalmente, e todos os seus camiños, lugares, estradas, carrís, travesías e rúas estarán perfectamente nomeados. Os traballos, impulsados pola alcaldesa, Eva García de la Torre, e que están a ser realizados pola Concellería de Urbanismo, que dirixe Marcelino Coto, xa comezaron e o resultado da primeira fase dos mesmos poderá verse nun prazo de 6 meses.

O obxectivo é que cada casa do concello estea perfectamente sinalada, empezando polo seu emprazamento exacto, o nome da parroquia e do lugar, o camiño no que se sitúa e polo que se accede á mesma-se este é de terra, se grava ou de asfalto- a numeración, unha xeo-referencia que inclúe a súa situación e a dos seus habitantes e unha referencia catastral que pode consultarse, informáticamente, en medio minuto.

A empresa Laya, especializada na realización de rueiros e numeración municipal, en dixitalización cartográfica, elaboración de mapas e publicación dos mesmos en portais web, empezou este martes, no lugar de Pinzal, na parroquia de Cans, este traballo que se prevé estea rematado a vindeira primavera.

Persoal da mesma, “perfectamente identificado cunha acreditación que leva o selo do Concello”, indica Marcelino Coto, percorre xa O Porriño falando cos veciños e tomando os datos que demanda este Sistema de Información Xeográfica (SIG pola súa abreviatura en inglés), que permitirá dispor dos mesmos nun software e,dunha banda, pendurar esta cartografía, para a súa consulta, na páxina web do Concello e, doutra, que servizos municipais coma o Padrón, Estatística ou os servizos de Emerxencia, poidan consultar calquera información que precisen.

“Este proxecto terá tamén outras utilidades esenciais, coma que os envíos que reparte Correos cheguen ao domicilio ao que van dirixidos, algo que moitas veces non sucede posto que os carteiros cambian e cando non coñecen unha parroquia non teñen unha situación exacta na que deixar ese paquete ou esa carta xa que non hai o nome dun camiño e, moito menos o número de cada unha das casas do mesmo”, sinala Marcelino Coto.

Ao mesmo tempo que se leva a adiante esta labor, o Concello pedirá aos veciños de cada lugar que sexan os que decidan os nomes das estradas, travesías e camiños, “en función dos nomes polos que son coñecidos habitual ou historicamente”, nomes que pasarán a ser oficiais e a incorporarse a este novo ‘rueiro’ que, sinala o concelleiro, “mesmo contempla o feito de que nunha finca na que non haxa construción algunha pódase edificar no futuro, asignándolle xa un número por anticipado”.

A alcaldesa entrega á Xunta todas as reclamacións dos veciños e pide que haxa “axiña” unha solución para o transporte

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Tráfico, Orlando Márquez, mantiveron este martes, en Vigo, unha xuntanza, solicitada polo Goberno local, co xefe territorial da Consellería de Infraestruturas en Pontevedra, José Luis Díaz Yañez, na que expuxeron os problemas causados na vila tras a posta en marcha do novo Plan de Transportes.

Eva García de la Torre entregou ao xefe territorial todas e cada unha das reclamacións presentadas por veciñas e veciños do Porriño que “víronse afectados por esta desorganización”, logo de que unha das empresas adxudicatarias do servizo de transporte interurbano renunciase a seguir prestando o mesmo,”e de que a Xunta non  preveraa, con suficiente adianto, os graves contratempos que isto causaría aos usuarios”.

A alcaldesa sinalou que estes problemas afectan, especialmente, ás veciñas e veciños de Budiño, “porque elimináronse liñas e frecuencias de Salceda”, e ás veciñas e veciños de Mosende, de Chenlo e de Torneiros, e subliñou que os datos difundidos publicamente pola Xunta e os que se manexaban dentro da propia administración autonómica “non cadraban”.

García de la Torre sinalou coma exemplo que, en teoría, O Porriño tería servizo, dende a Avenida de Galicia ata Vigo cada media hora, algo que na xuntanza púxose de manifesto que non está a ocorrer, e tamén, indica a alcaldesa, o feito de que se suprimiron autocares e horarios, entre eles un dos que tiña máis viaxeiros: o autobús de Vigo a O Porriño das 10 e media da noite.

A rexedora, que cualificou a reunión como moi cordial, afirma que o responsábel de Infraestruturas tomou nota de todo elo, salientou que “deixamos moi craro que unha cousa é o que se di nos papeis e outra o que ocorre na realidade no Porriño co transporte de viaxeiros” e reiterou que a Xunta ten reclamacións “no so do noso Concello, senón de Salvaterra, Salceda, Tui, Ponteareas e Mos” para saber que agora estamos nun problema de falla de planificación no transporte, aínda que constatou que viu o interese do xefe territorial por solucionar axiña esta situación, “e de o servizo se preste con regularidade e con previsibilidade, de xeito que os veciños saiban que cada 20 minutos ou cada media hora hai un autobús e que pasa a unha hora determinada e establecida”.

Neste senso, Eva García de la Torre adiantou que xa hai unha empresa disposta a facerse cargo do servizo de transporte que deixara de prestar a anterior e que agrada que isto faga que “este problema vaia solucionándose”.