O Porriño di “non” á proposta de ADIF de “encaixar” o paso a nivel situado no centro do casco urbano

“Non”. Esa foi a resposta que deu a maioría da Corporación do Porriño, este xoves á directora xeral de Explotación e Construción de ADIF, Isabel Pardo de Vera, na xuntanza que mantivo no Concello coa alcaldesa, Eva García de la Torre, e os voceiros dos grupos políticos municipais.

ADIF traía coma proposición a de “encaixar” o paso a nivel que atravesa o centro do Porriño, que os peóns cruzasen por baixo da vía, por un paso soterrado ao que accederían nun ascensor, e os coches circulasen por un paso elevado situado a uns metros do paso a nivel.

A alcaldesa, que foi a única que compareceu ente os xornalistas, subliñou que esa pretensión de ADIF non é aceptábel e que o único que faría é que a actual situación do paso a nivel se alongase “cen anos máis”.

Para García de la Torre non hai máis solución que un cambio do trazado da vía o cal, lembrou, os responsábeis de ADIF vían posible en 2006, contando para elo co acordo entre o Goberno do Estado, o Goberno de Galicia e os concellos de Mos e O Porriño.

Ate que non se atope unha solución definitiva, a Corporación do Porriño esixiu que as medidas de seguridade sexan extremas, logo de moitas incidencias e fallos nas barreiras do paso a nivel e grande velocidade –de ata 150 quilómetros por hora- á que circulan os trens polo centro do Porriño.

A alcaldesa e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, presiden a Xunta Local de Seguridade do Porriño

A alcaldesa, Eva García de la Torre, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, presidiron este mércores a Xunta Local de Seguridade de O Porriño, unha xuntanza á que asistiron os concelleiros de Seguridade, Lourdes Moure, e de Tráfico, Orlando Márquez, e o novo xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, xunto con  representantes municipales, da Garda Civil e Policía Autonómica.

Na xuntanza analizouse o estado actual da seguridade no Porriño, especialmente logo da reunión de onte da Gardia Civil cos responsábeis das policías locais para tratar das medidas antiterroristas que abrangue o nivel 4 de alerta.

A alcaldesa e a subdelegada salientaron a importancia da cordinación entre os Corpos e Forzas de Seguridade que no Porriño é “moi estreita” entre a Policía Local e a Garda Civil. Así mesmo, confirmaron que entre xaneiro e agosto deste ano, en relación co mesmo período de 2016, houbo un repunte das infracións penais no Porriño.

A Policía Local informa dos cortes do tráfico e prohibicións para aparcar polas Festas do Cristo

A Policía Local informa de que co gallo das ‘Festas do Cristo’, procederase ao corte do tráfico rodado e non se permitirá estacionar en varias rúas do centro do Porriño.

O venres, día 22: dende as 3 da tarde, non se poderá aparcar na rúa Parque Infantil, dende o cruzamento coa rúa Salgueira, na beira esquerda en dirección a Vigo; tamén estará prohibido estacionar, dende as 3 da tarde, na rúa Pío XII, dende o cruzaemnto da rúa Fontevella con Ramón González; tamén en Manuel Rodríguez-dende o Celtiña ata a floristería Dina-nas, dúas beirarrúas, dende as 9 da noite.

Ese mesmo día, dende as 10 da noite estará cortada ao tráfico esta rúa dende o cruzamento do Celtiña ata Leandro Diz (Bar Colleo con Pinzas).

Sábado, dia 23: dende as 10 da mañá, estará prohibido estacionar na rúa Parque Infantil, dende a rúa Salgueira, na marxe esquerda, sentido Vigo; dende as 3 da tarde, tamén na rúa Pio XII, dende o cruzamento de Fontevella con Ramón González; dende as 9 da noite non se poderá aparcar en Manuel Rodríguez, dende o Celtiña ata a Floristería Dina-nas dúas beirarrúas-.

Ese mesmo día estarán cortadas ao tráfico : dende as 9 da mañá Domingo Bueno, ata o cruzamento con Pío XII; dende as 9 da noite, a mesma rúa ata o cruzamento de Fernández Areal; tamén estarán cortadas, dende as 9 da noite as rúas Pío XII e Ramón González, ata chegar a Leandro Diz.

Domingo, día 24: prohibido aparcar, dende as 10 da mañá, na rúa Manuel Rodríguez, dende o Celtiña ata a Floristería Dina, nas dúas beiras.

Cortadas ao tráfico, dende as 10 da mañá, as rúa Pio XII, Ramón González, Manuel Rodríguez ata o cruzamento con Leandro Diz.

Luns, día 25: dende as 10 da mañá estarán cortadas ao tráfico Pio XII, Ramón González e  Manuel Rodríguez, ata a rúa Xogo da Ola.

#FestasdoCristo, este martes, Antonio Serrano e o mércores, Cándido Pazó e a actuación de Xoana e MQM Band

Este martes, día 19, dentro da programación das ‘Festas do Cristo 2017’, ás 10 da noite, na Carpa do Roxy, actuación de Antonio Serrano e o mércores, día 20, no mesmo lugar, sesión dobre: ás 8 da tarde Cándido Pazó e o seu espectáculo de humor e, ás 10, Concerto de Xoana e MQM Band.

Antonio Serrano é un virtuoso do seu instrumento, unha das maiores promesas do jazz español actual e un dos músicos de sesión máis solicitados do país. Dotado dunha asombrosa facilidade técnica e uns profundos coñecementos teóricos, Serrano mostra así mesmo unha enorme versatilidade musical que queda fielmente reflectida no seu amplo historial de colaboracións. O armonicista móvese con idéntica soltura en ámbitos musicais tan distantes entre si como o jazz, flamenco, pop e clásica.

Compartiu escenario con grandes artistas como Barbara Hendricks ou Placido Domingo, con orquestras sinfónicas de toda Europa, a Wynton Marsalis, Lou Bennet oToots Thielemans a Vicente Amigo, Clarles Benavent e o gran Paco de Lucía entre moitos outros.

Cándido Pazó (Vigo, 1960), é un actor, autor teatral, guionista de series televisivas e director de escena con numerosos espectáculos estreados e premiados, entre os que destacan: O Merlo Branco (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil 1989) Commedia, un xoguete para Goldoni …

É autor da maior parte das súas historias -inda que tamén as recolle da tradición e da literatura- e ten querencia polo chamado conto tabernario ou de tertulia: enfiados de anécdotas, sucesos e personaxes dos que demostran que a realidade supera á ficción.

Aos seus 18 anos, Xoana está inmersa nun proxecto musical que ten coma principal aliada á lingua galega, promocionando o uso desta coa axuda de ritmos coma o pop, o rock, o jazz, o funky e mesmo o reggae. En proceso está Dardos, o disco co que pretende irromper no mundo da música e utilizar esta coma un medio de denuncia. Todas as cancións xiran arredor de temas actuais que precisan ser escoitados e que mellor que a música para invitar a realizar cambios!

 

A directora xeral de ADIF estará o xoves en O Porriño para coñecer en persoa o problema do paso a nivel

A entrevista prevista para este luns en Madrid entre a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e a directora xeral de Explotación e Construción de Adif, Isabel Pardo de Vera, vén de quedar aprazada para o vindeiro xoves, día 21,data na que a mesma celebrarase pero no Porriño.

Pardo de Vera viaxará ata a vila para coñecer in situ e en persoa o problema que causa o paso do tren polo centro do Porriño. A directora xeral estará diante mesmo das barreiras e terá ocasión de ver o pasos dos trens e, especialmente, a velocidade á que o fan, moitas veces a 140 quilómetros por hora.

A responsable de ADIF, que viaxa a O Porriño cando se cumpre un ano do accidente no que morreron 4 persoas e preto de 50 resultaron feridas,  manterá unha entrevista coa alcaldesa e cos voceiros dos grupos municipais e recibirá unha explicación polo miúdo do que supón para a vida dos porriñeses o feito de que os trens circulen a diario polo caco urbano.

O pasado día 9 houbo unha concentración en lembranza das vítimas do accidente e no acto o manifesto que se leu, consensuado por todos os grupos municipais, pediuse que se estremasen as medidas de seguridade “en tanto non se suprime o paso a nivel”, unha actuación que se demanda dende hai medio século.

A directora xeral de ADIF estará o xoves en O Porriño para coñecer en persoa o problema do paso a nivel

A entrevista prevista para este luns en Madrid entre a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e a directora xeral de Explotación e Construción de Adif, Isabel Pardo de Vera, vén de quedar aprazada para o vindeiro xoves, día 21,data na que a mesma celebrarase pero no Porriño.

Pardo de Vera viaxará ata a vila para coñecer in situ e en persoa o problema que causa o paso do tren polo centro do Porriño. A directora xeral estará diante mesmo das barreiras e terá ocasión de ver o pasos dos trens e, especialmente, a velocidade á que o fan, moitas veces a 140 quilómetros por hora.

A responsable de ADIF, que viaxa a O Porriño cando se cumpre un ano do accidente no que morreron 4 persoas e preto de 50 resultaron feridas,  manterá unha entrevista coa alcaldesa e cos voceiros dos grupos municipais e recibirá unha explicación polo miúdo do que supón para a vida dos porriñeses o feito de que os trens circulen a diario polo caco urbano.

O pasado día 9 houbo unha concentración en lembranza das vítimas do accidente e no acto o manifesto que se leu, consensuado por todos os grupos municipais, pediuse que se estremasen as medidas de seguridade “en tanto non se suprime o paso a nivel”, unha actuación que se demanda dende hai medio século.

O escritor e xornalista porriñés Diego Giráldez lerá o pregón das Festas do Crsito o vindeiro sábado día 23

O vindeiro sábado, día 23, ás 12 e media do mediodía, na Praza de Antonio Palacios, o escritor Diego Giráldez, será o encargado de ler o pregón co que darán comezo as Festas do Cristo 2017.

Diego Giráldez (O Porriño, 1976), é licenciado en Historia da Arte, exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Durante cinco anos, traballou na redacción do xornal ‘A Peneira’ dirixindo unha das súas cabeceiras comarcais e coordinando o seu suplemento cultural, ‘Kalaikia’ a nivel galego. Ao tempo, colaboraba como columnista de opinión cos xornais ‘A Nosa Terra’ e ‘Xornal de Galicia’ e, a través de reportaxes culturais, co El País. Na actualidade, escribe no diario Praza Pública -formando parte do seu consello de redacción- e na revista ‘Luzes’.

Ten varios libros publicados relacionados coa historia do Porriño, dirixiu a revista de recuperación histórica local ‘Malladoura’ e fundou e dirixiu o ‘CanZine’, a publicación oficial do Festival de Cans.

En 2016, a editorial Xerais publicou o seu primeiro traballo literario “Galería de saldos”.

En 2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto. En 2011, no Porriño, concedéronlle o Premio Círculo “Cultura”. En 2015, fíxose co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves “Modesto R. Figueiredo” e en 2016 gañou o premio literario “Manuel Murguía”, o máis importante certame de relato curto de Galicia. Nos premios “Fervenzas Literarias” de 2016, o seu libro “Galería de saldos” foi elixido polos lectores o segundo mellor traballo de narrativa galega e Diego Giráldez “mellor autor galego do ano”.

A Concellería de Emprego e Benestar impulsa a sinatura de 20 contratos por 1 ano e a tempo completo por persoas que cobren a RISGA

A Concellería de Emprego e Benestar, que dirixe Soledad Girón, impulsa a sinatura de 20 contratos laborais a outras tantas veciñas e veciños do Porriño que na actualidade están percibindo a Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA).

A diferencia doutros anos, nesta ocasión a duración dos contratos aumenta ata 1 ano e serán a tempo completo. Ata o dagora os mesmos eran por un período de 7 meses e abranguían o 75% da xornada laboral.

Soledad Giron explica que para facer posible este incremento de duración, á cantidade que aporta o Goberno galego para a realización dos mesmos, 119.463,4€, o Concello do Porriño, por medio da Concellería de Emprego, engade 160.000€ máis que cobren, os 5 meses de duración dos traballos que quedaban ata completar o ano, e o 25% que restaba para que a contratación pasase do 75% a ser a xornada completa.

A concelleira salienta a importancia que ten a dobre ampliación da duración destes contratos dado que as persoas que traballen este ano a tempo completo adquirirán, ademais da experiencia laboral, uns dereitos, á finalización do contrato, que son moi distintos aos que outorgaban contratos de 7 meses ao 75% da xornada.

Soledad reitera, de novo, que “a creación de emprego segue a ser a principal prioridade do Goberno local” e que neste eido fará todos os esforzos e impulsará, coma ven facendo, todas as iniciativas que faciliten a creación de postos de traballo no Porriño.

Por último, indica que as persoas que asinen estes contratos empezarán a traballar xa en outubro.

Suspendida a actividade de ‘Ciclismo Infantil’ programada para este sábado, día 16, nas pistas de Torneiros

Manuel Carrera, concelleiro de Deportes, informa de que a actividade de Ciclismo Infantil, programada para este sábado, día 16, ás 4 e media da tarde nas pistas de Torneiros, ven de suspenderse.

O Club Ciclista Spol informou o pasado 28 de agosto á Federación Galega de Ciclismo que renunciaba a esa proba y non o comunicou ao Concello ata esta mesma semana cando na data deste sábado a Federación xa programara outra proba en Ponteareas, polo cal non se podía organizar xa a do Porriño.

Manuel Carrera confirma que as outras probas anunciadas están confirmadas. O venres, día 29 deste mes, ás 8 da tarde, polo casco urbano do Porriño, a ‘Carreira Nocturna Festas do Cristo’, que este ano conta cunha novidade: a participación de ciclistas de categoría cadete, e a ‘Festa da Bicicleta’, o domingo 1 de outubro, dende ás 10 e media da mañá, con saída dende a Praza de Antonio Palacios.

O Concello colaborará con especialistas do PAC do Porriño para que alumnas e alumnas da vila aprendan a reaccionar ante un paro cardíaco

O Concello colaborará coa celebración do ‘Día Europeo de Concienciación do Paro Cardíaco’, impulsada dende o Punto de Atención Continuada (PAC) do Porriño.

Este xoves a alcaldesa, Eva García de la Torre, e a concelleira de Educación, Lourdes Moure, mantiveron unha xuntanza coas organizadoras deste evento, programado para o vindeiro 16 de outubro, que pretende chegar ás alumnas e alumnos dos centros dos concellos as que presta servizo o PAC: Mos, Salceda e O Porriño.

Unha das impulsoras desta celebración, a doutora do PAC Montserrar Rodríguez Cabaleiro, explicou á alcaldesa e á concelleira de Educación que o acto farase en colaboración grupo musical “As Maimiñas” e consistirá nunha actividade lúdica para concienciar ás rapazas e rapaces da importancia de saber que “so coas túas mans podes salvar vidas”, ‘As túas mans salvan vidas’, e lograr que adquiran os coñecementos básicos de reanimación para poder axudar e reaccionar nun caso de morte súbita.

A doutora Rodríguez salientou a importancia deste aprendizaxe dende os primeiros anos e de levar a mesma aos colexios, “polos que pasa o cen por cen da poboación” e nos que é posible que aprendan a técnica dunha reanimación cardiopulmonar (RCP), cómo actuar diante dun paro cardíaco e a quen chamar para pedir axuda.

A actuación dentro dos primeiros 5 minutos despois dunha parada cardíaca é transcendental e pode marcar a diferencia entre manter a unha persoa con vida ou que morra.