O paro volve a baixar no Porriño que o concello que máis emprego creou o mes pasado na Áarea Metropolitana e na provincia

O Porriño liderou en setembro a creación de emprego na Área Metropolitana de Vigo e, xunto con Vila de Cruces, a baixada do paro, non so na provincia de Pontevedra, senón en toda Galicia. A finais do mes pasado había na vila 1.654 persoas desempregadas, unha realidade que non se vía dende hai case unha década.

Dacordo cos datos publicados este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, do Goberno de Galicia, a taxa de desemprego situouse no Porriño no 18%, 6 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara  o seu mandato, cando a porcentaxe do paro estaba  no Porriño por riba do 24% e 2.139 veciñas e veciños estaban na procura dun posto de traballo, preto de 500 máis que na actualidade.

En relación co mes de setembro de 2016, o número de persoas anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.836 a 1.654, o que supón que hai 182 traballadoras e traballadores máis no concello. Neste tempo o paro caeu 5,4 puntos nun so ano.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, reitera, “como xa veño facendo dende que tomara posesión, o Goberno local do Porriño ten coma a súa primeira prioridade a creación de postos de traballo”. García de la Torre, subliña que este obxectivo pasa “sen dúbida, como estamos a ver, pola formación que aumenta as posibilidades de atopar un emprego das porriñesas e porriñeses que están no paro”.

Pola súa banda, a concelleira de Emprego, a socialista Soledad Girón,  asegura que “as propostas, actividades desenroladas neste mandato para conquerir este obxectivo están a funcionar”. Girón lembra entre elas o programa ‘Porriño Accede’, baseado en convenios asinados entre o Concello e empresas da vila, grazas ao cal hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou empezaron a traballar.

Tamén influíron, “especialmente”, os  ‘Plans de Emprego’, que foron posibles logo da sinatura dun acordo coa Deputación de Pontevedra e do investimento de fondos municipais, de máis de 600.000 euros no que vai deste ano, así como o feito de chegar a entendementos con outras administracións, o cal facilitou a obtención de axudas e subvencións que tiveron coma destino accións que serviron para incrementar as probabilidades de empregabilidade de moitas persoas.

Avanzan as obras na senda peonil e ciclista na PO-331 ata o CEIP de Atín, nos concellos do Porriño e Mos

O concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, xunto coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata a PO-331, no lugar de Atín, para supervisar o avance das obras da senda peonil e ciclista que a Administración galega executa nesta estrada, concretamente entre os puntos quilométricos 1+890 e 2+810, ao seu paso polos concellos de Mos e O Porriño.

Durante a visita constataron que os traballos avanzan a bo ritmo e que as obras iniciadas o pasado 2 de setembro poderían estar finalizadas no vindeiro mes de novembro. Esta actuación conta  cun orzamento de máis de 378.000 euros, e enmárcase no Plan de sendas de Galicia que na comarca de Vigo proxecta 11 treitos, que foron definidos en 9 proxectos de construción. A Axencia Galega de Infraestruturas executará 12,5 quilómetros de novas sendas nesta bisbarra, cun orzamento que se achega aos 5 millóns de euros, para o que conta co financiamento asegurado ao terse incluído no programa operativo de Galicia dos fondos europeos FEDER para o período 2014 -2020.

A senda na estrada PO-331 dará continuidade ao itinerario peonil existente no núcleo do Porriño ata o paso superior existente sobre a AP-9 nas proximidades de Atín.

A intervención iníciase na marxe esquerda da estrada, na que se construirá unha senda da 933 metros de lonxitude, desde as proximidades do Colexio Santo Tomás no que finalizan as actuais beirarrúas, ata a ponte sobre a AP-9, pasando pola intersección existente coa estrada a Pereiras–Tameiga.

Pola marxe dereita da PO-331, a obra terá unha lonxitude de 200 metros e comezará na intersección coa estrada municipal Pereiras- Tameiga, dado que ata este punto xa existe beirarrúa. A senda nesta marxe desviarase da estrada nos últimos 80 metros ata o acceso ao centro escolar de Atín. Neste último tramo terá un ancho de tres metros. Coa execución desta senda existirá un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da vía que comunicará os dous centros de ensinanza co Porriño.

Tamén se proxecta a mellora da intersección entre a PO-331 e a estrada Pereira-Tameiga, na que se construirá unha semiglorieta para facilitar os xiros á esquerda neste punto.

O Goberno local porá en marcha medidas para eliminar barreiras sensoriais nos edificios municipais e facelos accesibles a persoas con discapacidade intelectual

A alcaldesa, Eva García de la Torre, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Soledad Girón, mantiveron unha xuntanza con responsábeis de ACEESCA e distintos especialistas co obxectivo de impulsar dende o Goberno local do Porriño un proxecto que permita eliminar as barreiras sensoriais que impiden o acceso á información a través dos sentidos ou as barreiras cognitivas, que impiden a comprensión do entorno e os seus elementos,e facer os edificios municipais, accesíbeis ás persoas con discapacidade intelectual.

A xuntanza, e o feito de expor este obxectivo coincide con varias datas sinaladas: o Día Internacional da Accesibilidade Cognitiva, e a celebración os vindeiros días 19 e 20 de outubro, do Congreso Estatal de Accesibilidade Cognitiva que baixo o lema ”Queremos comprender o mundo”, xuntará en Cáceres a 400 persoas procedentes de España, Europa e os Estados Unidos que debaterán sobre cómo garantir a igualdade de oportunidades para todas as persoas.

Soledad Girón subliña que “para unha persoa con discapacidade intelectual, frecuentemente os iconos resultan moi confuso”, ás veces é case imposible vendo os símbolos saber cal é o baño para cada sexo ou, se usan aparatos auditivos, entender o que se fala debido a posibles interferencias que poden eliminarse doadamente instalando un aparello que as neutralice.

“As dificultades de accesibilidade na discapacidade intelectual é moi pouco coñecida e unha grande esquecida porque habitualmente pensamos nas barreiras físicas”, indica a alcaldesa  quen asumiu o compromiso de manter xuntanzas periódicas para por en marcha ideas que eliminen estas barreiras e faciliten a accesibilidade e a poñer en marcha, nos inmobles municipais, medidas que eliminen as barreiras que se atopan as persoas con discapacidade intelectual.

A Corporación esixe, maioritariamente, á Xunta que resolva urxentemente as dificultades de mobilidade xeradas aos veciños do Porriño co novo Plan de Transportes de Galicia

A Xunta de Portavoces da corporación municipal do Porriño, co apoio dos representantes do PSOE, UDDL, EUSON, BNG,  e NON ADSCRITOS,  decidiu esixir á Xunta de Galicia, en concreto á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, que resolva  urxentemente as dificultades de mobilidade xeradas aos veciños  coa implantación do novo Plan de Transportes de Galicia.

A Xunta de Portavoces analizou na súa última reunión a eliminación de liñas, de frecuencias e os continuos atrasos na prestación do servizo de transporte público por parte da Xunta, que están a provocar numerosas queixas dos veciños.

Os representantes do PSOE, UDDL, EUSON, BNG,  e NON ADSCRITOS  esixen  en tanto non se estableza un sistema alternativo eficiente de transporte público  a  recuperación das liñas e frecuencias de autobús eliminadas pola aplicación do novo Plan de Transporte da Xunta. Solicitan ademáis que a consellería de Infraestructuras e Vivenda cumpra o seu compromiso de diálogo cos concellos, para a elaboración dun novo Plan que ruralice o transporte público e fixe poboación con servizos.

A Deputación atende a petición do Goberno local e aproba un orzamento de 220.000€ para a mellora do cruce de A Costeira

A Deputación de Pontevedra vén de anunciar oficialmente no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) a contratación dos traballos de mellora da intersección da EP-2405 con dúas vías municipais no lugar de A Costeira, en O Porriño. O prazo de presentación das ofertas finaliza o vindeiro 24 de outubro, e a adxudicación realizarase mediante procedemento aberto.

O orzamento global da actuación é de 220.336,36€ dos que 198.801,60 euros están previstos para a realización da obra e a cifra restante para as expropiacións necesarias. Nos criterios de adxudicación do contrato avaliaranse o programa e equipa de traballo, o plan de control de calidade, a memoria e o plan de actuacións ambientais, se ben o prezo ofertado suporá para as empresas unha puntuación máxima do 55% do total.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, afirma que a renovación deste cruce en O Porriño para mellorar a visibilidade dos vehículos e garantir o tránsito peonil aos veciños e veciñas foi unha petición do goberno que encabeza Eva García de la Torre que encaixa “nas  prioridades e eixos estratéxicos da Deputación de mellora da seguranza viaria nas estradas provinciais”.

De feito, indicou que a institución provincial ten en marcha un plan xeral de mellora de interseccións para eliminar puntos de sinistralidade na rede viaria propia e que esta en concreto é unha das máis problemáticas da provincia pola afluencia de vehículos pesados que se dirixen ao parque empresarial das Gándaras e ao Centro Tecnolóxico do Automóbil.

Benitez explica que a actuación consistirá na instalación dunha nova glorieta de reordenación do tráfico para mellorar a seguranza viaria, suavizar o trazado e mellorar as condicións de visibilidade e manobra. Para resolver a intersección ocuparanse dúas parcelas privadas e unha municipal e veranse afectadas dúas construcións, un alpendre-almacén e unha marquesiña de bus na parcela municipal, cuxa demolición e nova instalación se inclúe no orzamento do proxecto.

Ademais, urbanizarase a zona con beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitaranse pasos de peóns e a limitación específica de velocidade baixará de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se instalarán oito luminarias tipo led.

Primeiro servizo conxunto da Policía Local e a Garda Civil do Porriño logo da Xunta local de Seguridade

Logo da celebración os pasados días da Xunta Local de Seguridade do Porriño, na que, entre outros temas, abordárase a coordinación de servizos conxuntos entre a Policía Local do Porriño e a Garda Civil, este martes realizouse o primeiros destes servizos conxuntos co arresto de Y.C.G, de 30 anos de idade, que tiña unha orde de detención e ingreso na cadea dende hai máis de dous anos.

Os feitos sucederon sobre as 9 da maña: a Policía Local de Vigo alertou á do Porriño que logo de comprobar a documentación dun vehículo verificouse que o condutor do mesmo posuía unha orde ditada polo Xulgado do Penal de Vigo para a súa detención e ingreso no cárcere.

Axentes da Policía Local e da Garda Civil do Porriño procederon ao seu arresto pouco antes da 1 da tarde e trasladaron ao detido ao Centro Penitenciario de A Lama.

Segundo subliña o xefe da Policía Local do Porriño, Daniel Rodríguez, “o obxectivo e sumar esforzos entre distintos corpos policiais e que ese feito contribúa no servizo aos veciños e a lograr un estado de seguridade óptimo”.

O programa da TVG ‘Aquí Galicia’ emitirase este sábado, día 30 de setembro, dende O Porriño

O vindeiro sábado, día 30, o programa da TVG Aquí Galicia’ retransmitirase dende a Praza de San Sebastián, no Porriño. A emisión empezará ás 4 e media da tarde.

Durante o programa haberá conexións en directo a pé de rúa, actuacións de orquestras galegas, grupos tradicionais e grupos de baile, ademáis de minutos adicados á gastronomía, todo guiado por Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Juan Fuentes.

Rúas do Porriño cortadas ao tráfico o nas que estará prohibido aparcar co gallo das probas ciclistas do venres, dia 29

A Policía Local do Porriño informa de que co gallo da celebración das probas ciclistas, o vindeiro venres, día 29, estará prohibido aparcar dende as 5 da tarde e se cortará o tráfico dende as 7.

As rúas afectadas son: Ramón González, Manuel Rodríguez, dende o número 1 ata o cruzamento coa rúa Xogo da Ola, esta última rúa, Leandro Diz, dende o cruce de Xogo da Ola, en dirección ao paso a nivel, rúa Cando, rúa Mercado-na que estará permitido aparcar, pero a saída da rúa Cando estará cortada dende as 7 da tarde-, rúa Peña e Pío XII-estará cortada pero pódese estacionar nela-.

Os ‘mellores callos do mundo’ este domingo, 1 de outubro, no Porriño

O Porriño agarda superar as 20.000 racións o vindeiro domingo, día 1 de outubro, na que será a XXIV ‘Festa dos Callos’, coa que se pon fin ao Cristo deste 2017.

A presentación da mesma, na que participaron este martes a alcaldesa, Eva García de la Torre, o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto, o presidente dos hostaleiros do Porriño, José Manuel Fernández, a presidenta da Asociación de Comerciantes (ACIPOR), Juana Pérez, a a xerente da mesma, Noelia Conde, contou coa intervención dunha das protagonistas da festa deste ano a coñecida Lola Manisca, quen aportou a súa experiencia e as súas lembranzas desta festa que, como indicou “ten moitos máis anos ca min”.

Preto de 50 locais, restaurantes e bares ofrecerán callos cociñados con distintas receitas-algunhas delas seguen a ser un segredo que gárdase en cada familia- e que se servirán a un prezo de 4,5€ a ración con pan e a cazola, ou 4€ se son para levar.