O grupo ‘Viogen’ da Policía Local, integrado por 3 axentes formados en Violencia de Xénero, Psicoloxía, Dereito ou Criminoloxía, actuou o ano pasado en seis casos de violencia machista

O grupo ‘VIOGEN’ da Policía Local do Porriño actuou o ano pasado en seis casos de violencia machista semellantes ao que se produciu hai uns días na parroquia de Cans.

Este grupo, formado por tres axentes, ao mando de Daniel Rodríguez, xefe da Policía Local, é o encargado de “iniciar e completar un protocolo de actuación” que ten coma principal obxectivo “a protección da vítima”.

Obxectivo: garantir a seguridade da vítima

Daniel Rodríguez explica que dende que se produce un delito de violencia de xénero, os policías acompañan en todo momento á persoa que sufriu a agresión. “Garantimos a súa seguridade, acudimos con ela ao centro de saúde, sempre sen uniforme para evitar una dobre victimización, a poñemos en contacto co Centro de Información á Muller (CIM) do Concello, cos Servizos Sociais municipais, procuramos que teña un lugar no que estar e evitamos que o seu agresor poida ter contacto con ela”.

A vítima nunca está soa, subliña o xefe da Policía Local, quen engade que este procedemento abrangue, “por suposto”, a localización, detención e posta a disposición xudicial do agresor, todo elo en colaboración cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, coma a Garda Civil ou, no seu caso, a Policía Nacional.

Formación en Violencia de Xénero

Os tres axentes do grupo ‘VIOGEN’ da Policía Local do Porriño teñen formación específica en violencia de xénero, psicoloxía, ademais de acoso e ciberacoso. Esta formación é, en todos os casos, regulamentada e oficial: adquirida na Academia de Seguridade, en centros dependentes do Ministerio do Interior, especializados en Seguridade Pública e mediante estudos universitarios, coma Licenciatura en Dereito e Criminoloxía.

Todas as actuacións realizadas nun caso de Violencia de Xénero pola Policía Local, en conxunto, e polo grupo ‘VIOGEN’, en concreto, están coordenadas coa Subdelegación do Goberno que, coma xa adiantaron dende a mesma, porá en funcionamento nas vindeiras datas un novo protocolo de control das vítimas de cara a extremar a súa protección e evitar, completamente, a súa vulnerabilidade ante o seu agresor.

@depo_es propón sete accións formativas no punto ‘SmartPeme’ do Porriño

As oficinas do programa “SmartPeme” da Deputación de Pontevedra no Porriño acollerán durante o mes de febreiro un total de 7 accións formativas no Multicentro Muncipal de Torneiros.

As mesmas teñen coma obxectivo  a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade.

Deste xeito, “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

O Porriño acollerá os seguintes obradoiros: iníciase o xoves 7 de febreiro, ás 19:00h, co curso “Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console”.

“Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos” chegará o martes 12 ás 17 horas.

O xoves desa mesma semana, ás 19 horas, impartirase “Crea e deseña a identidade da túa empresa desde cero”.

A acción “Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet” terá lugar o martes 19 ás 18 horas.

O xoves 21 de febreiro, ás 19 horas, chega “Chatbots: A automatización da atención á clientela”.

O martes 26, tamén ás 19 horas, impartirase o curso “Ferramentas de Google para a promoción de negocios locais”.

Por último, o xoves desa mesma semana, ás 19 horas, terá lugar “Como promocionar o teu propio evento en redes sociais”.

As persoas que queiran poden anotarse chamando ao teléfono 886 20 20 20 ou entrando no portal web SmartPeme  – www.smartpeme.depo.es.

En marcha, por terceiro ano consecutivo, o programa de emprego ‘Porriño Accede’, dirixido a veciñas e veciños en situación de desemprego

A Concellería de Emprego e Formación, dirixida por Soledad Girón, pon en marcha, por terceiro ano consecutivo, o programa de emprego “Porriño Accede”, dirixido a veciñas e veciños do Porriño en situación de desemprego.

‘Porriño Accede’ ten como obxectivo mellorar as posibilidades de atopar un traballo das desempregadas e desempregados do Porriño e para iso dirixe accións formativas deseñadas polas empresas, que incorporan prácticas non laborais. Trátase de mellorar as competencias profesionais e contribuír á inserción das usuarias e usuarios no mercado laboral. 

 Para formar parte do programa ‘Porriño Accede’, abrirase un rexistro de persoas interesadas, que serán informadas e seleccionadas no momento previo á execución dos cursos. Deberase acudir ás oficinas do Multicentro Torneiros, cumprimentar un formulario de inscrición e aportar a tarxeta de demandante de emprego actualizada.

Xuntanza de Concello e Zona Franca para tratar da ampliación de superficies industriais, o espazo para a gardería na Granxa e a radicación da Aula da UNED no Porriño, no CIE, propiedade do Consorcio

XEste mércores a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Urbanismo, Marcelino Coto, mantiveron unha xuntanza coa directora de Promoción Económica da Zona Franca de Vigo, Rosa Eguizábal, e técnicos do Concello e da propia Zona Franca, para analizar as posibilidades de ampliación de espazos industriais no Concello do Porriño, un proxecto no que o delegado do Consorcio, David Regades, amosou moito interese, tanto en visitas a O Porriño coma en xuntanzas coa alcaldesa e con representantes empresariais.

Gardería Infantil

Ademais, nesta reunión, estudáronse, máis polo miúdo, en primeiro lugar, a localización da “tan agardada” gardería infantil, no Polígono de A Granxa, nun espazo que este mesmo xoves visitarán representantes do Concello e do Consorcio.

A gardería, lembra Eva García de la Torre, é unha dotación longamente demandada por empresas e traballadores e podería radicarse nunha construción xa existente no propio polígono”, como considerarán os especialistas de as dúas administracións.

Aula da UNED do Porriño

Así mesmo, subliña, a alcaldesa,“tamén tratamos da ubicación da Aula da Universidade de Educación a Distancia (UNED) do Porriño” no mesmo polígono, un proxecto, subliñou, que tanto o Concello coma Zona Franca “consideramos que é especialmente importante e beneficioso ”.

García de la Torre indicou que o Centro de Iniciativa Empresarial (CIE), “que tamén visitaremos este xoves”, propiedade do Consorcio, “conta xa con espazos, dotacións, e infraestruturas” que poderían aloxar as “clases, biblioteca e salón de actos” da Aula da UNED sen que supoña un desembolso inicial moi elevado para o Concello do Porriño.

As últimas análises realizadas na prolongación da Rede Municipal de Abastecemento no Contrasto sinalan, de novo, que a auga é apta para o consumo e pode empezar o ‘enganche’ á mesma de 83 vivendas

As últimas análise realizadas por el Consorcio de Augas do Louro na prolongación da Rede Municipal de Abastecemento rematada hai unhas semanas no Contrasto, sinalan, de novo, que a auga é apta para o consumo.

Estas analíticas- realizadas entre os días 8 e 21 de xaneiro- eran necesarias para que os máis de 300 veciñas e veciños que viven neste barrio, no que apareceran refugallos de lindano, puidesen conectar as súas vivendas á Rede Municipal de Abastecemento.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, lembra que o Concello “asumiu, na súa totalidade e sen achega algunha da Xunta”, a extensión da Rede Municipal de Abastecemento a este barrio de Torneiros. Así mesmo, con cargo ao orzamento municipal, fixéronse acometidas a 83 casas.

O vindeiro luns, día 4 de febreiro, ás 8 da tarde, no local social da Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros, a alcaldesa manterá unha xuntanza coas veciñas e veciños do Contrasto e Pereira para explicarlles polo miúdo os pasos a dar para enganchar as súas vivendas á Rede Municipal de Abastecemento. Eva García de la Torre indica que “en tanto non se completen os enganches, o Concello seguirá garantindo o subministro de auga para beber, cociñar e para aseo a todas as persoas que viven neste barrio, como fixemos ata agora”.

Agardando pola Xunta

A alcaldesa, logo de que o Concello do Porriño cumprise co compromiso que ela, persoalmente, adquirira cos veciños do Contrasto, “seguindo sempre as indicacións dos responsábeis de Sanidade e de Medio Ambiente da Administración Autonómica”, agarda que, “por fin”, a Xunta de Galicia asuma as súas obrigas.

García de la Torre salienta que as competencias en materia de medio ambiente, de xestión de residuos e en materia de salubridade “son exclusivas da Xunta”. Neste senso “o Goberno de Galicia ten que afrontar o problema da existencia de lindano soterrado en varios lugares do Porriño” e, insiste, “debe facelo cun plan que estea cuantificado e orzamentado e que teña coma obxectivo sinalar, en primeiro lugar, os barrios e parroquias que poden estar afectadas e, en base a elo, poñer en marcha unha resposta efectiva para acabar coa contaminación e acabar co risco para a saúde dos porriñeses”.

Máis dun ano sen novas

A alcaldesa subliña que xa pasou preto dun ano e medio dende que a Xunta comprometérase a ter un proxecto de descontaminación para O Contrasto, “estaba previsto telo en 2017, logo para Semana Santa, despois para o verán e xa estamos en 2019 e non temos novas do Goberno de Galicia”.

@depo_es aproba destinar 245.155,51€ ao Concello do Porriño para a contratación de 40 persoas

O Concello do Porriño poderá contratar a 40 traballadoras e traballadores ao longo deste ano 2019, con cargo á Liña 3 de fomento do emprego do Plan Concellos, da Deputación de Pontevedra.

O organismo provincial vén de aprobar, para poder realizar estas contratacións, unha achega para O Porriño de 245.155,51€. A selección deste persoal farase entre persoas desempregadas, a través do Servizo Público de Emprego e os contratos estenderanse ata o 31 de decembro deste ano 2019.

Será o propio Concello do Porriño, lembra a alcaldesa, Eva García de la Torre, o que solicite os postos que precisa cubrir. Habitualmente, trátase, entre outros, de “persoal para traballos en obras, persoal para xardinaría e medio ambiente ou para mantemento”.

Hai que lembrar que a través do ‘Plan Concellos 2019’, a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes case 43,5 millóns de euros, o que supón un 3,3% máis que en 2018. Para a Liña 1 -Investimentos- destínanse un total de 30 millóns de euros, para a liña 2 -amortización, pago de débedas e gastos correntes- van un total de 3,9 millóns de euros e para a liña 3 -Emprego- achéganse 9,5 millóns de euros.

A alcaldesa entregou ao CEIP de Atios as chaves da vivenda da planta alta do centro que levaba 25 anos ocupada

A

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada da concelleira de Educación, Lourdes Moure, fixo entrega ao director do CEIP Plurilingüe de Atios das chaves da vivenda de 90 metros cadrados, que ocupa a planta alta do centro que, dende agora, pode ser utilizada polo mesmo, tal e coma demandaba a Asociación de Nais e Pais (ANPA).

Logo de manter varias conversas coa persoa que vivía nela e coa familia desta, a alcaldesa conqueriu que a primeiros deste ano a vivenda quedase valeira, preto dun cuarto de século despois da súa ocupación.

Hai que lembrar que a inquilina era unha refuxiada de Bosnia que dende 1994 vivía nesta casa que lle fora cedida polo desaparecido José Manuel Barros, daquela alcalde do Porriño, para que esta muller, que lograra fuxir da terrible guerra que asolara os Balcáns puidese comezar unha nova vida no Porriño, coa súa familia.

Durante estes preto de 25 anos, o Concello do Porriño fíxose cargo de todos os gastos de subministro de auga e de electricidade desta casa, como sinala Eva García de la Torre, que ao pouco tempo de tomar posesión da Alcaldía, xa anunciara a súa intención de recuperar a mesma para o CEIP de Atios que, coma lle expuxeran os representantes do ANPA precisaba dispoñer deste espazo, logo de que en estes anos multiplicase máis que por dous o seu número de alumnas e alumnos.

Eva García de la Torre agarda que, “agora si”, o Goberno de Galicia, “que é quen ten as competencias, en exclusiva, en Educación”, cumpra coa súa obriga e, de verdade, “asuma o custo de reforma de este novo espazo” co que conta o Colexio de Atios e “realice, por fin, as obras que permitirían contar con dúas novas aulas no mesmo, tal e como demandan as nais, os país e o seu director”.

A presidenta de ADIF garante á alcaldesa do Porriño que o proxecto de eliminación do paso a nivel segue adiante e será asumido directamente dor ADIF

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, falou este mesmo martes pola tarde, coa presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), Isabel Pardo de Vera, quen “garantiume” que o proxecto de supresión do paso a nivel do centro do Porriño “segue adiante” sendo asumido directamente por ADIF, un organismo público autónomo que conta co seu propio orzamento.

García de la Torre obtivo, de novo, a confirmación por parte de Pardo de Vera de que este é un “proxecto firme” que está sendo ultimado polos técnicos e que será, “sen dúbida” unha realidade, o que supón, salienta a alcaldesa, que “a eliminación do paso a nivel está máis preto que nunca”.

Eva García de la Torre subliña que o compromiso adquirido o pasado mes de agosto na xuntanza que mantivo coa presidenta de ADIF en Madrid segue inalterable e que o mesmo fará realidade unha reivindicación que as veciñas e veciños levamos facendo máis de 70 anos: que o tren deixe de pasar en superficie polo centro do Porriño”.

O Porriño amosa o seu orgullo polo Premio da Cultura Galega ao Festival de Cans, o primeiro festival de cinema que recibe esta distinción

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañou este venres ás veciñas e veciños de Cans que viaxaron ata o mosteiro de Montederramo, na Ribeira Sacra, onde Keka Losada -presidenta da Asociación Arela-, Alfonso Pato e a “Señora Alicia”, veciña de Cans que colabora activamente co festival, recibiron hoxe o Premio da Cultura Galega que outorga o Goberno de Galicia.

O xurado indicou que o galardón para Festival de Cans, está baseado no feito de que é “un encontro audiovisual de produción galega, onde outras manifestacións culturais tamén xogan un papel relevante. Organizado anualmente pola Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, na parroquia de Cans, coincidindo co festival de Cannes de Francia, en boa medida polo paralelismo entre os dous nomes. Cunha programación de curtas, estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, rutas sonoras e diversas actividades que chegan actualmente a máis de 13.000 persoas, Cans convértese nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de difusión dos novos creadores e creadoras.

García de la Torre amosou o orgullo de todas as veciñas e veciños do Porriño por esta distinción, “a máis importante no eido cultural que outorga o Goberno de Galicia e que, e isto ainda afonda máis o orgullo de ser do Porriño e o recoñecemento ao traballo da organización e dos veciños de Cans, é a primeira vez que se conceda a un festival de cine”.

A alcaldesa confirmou que o meu compromiso, como fixen dende que cheguei á Alcaldía”, é seguir incrementando a colaboración, “en todos os ámbitos”, dende o Concello do Porriño co Festival de Cans, empezando pola achega económica que, lembrou Eva García de la Torre, xa foi na edición pasada a máis alta da historia do festival.

Remata a reforma e recuperación dos parques infantís da Fase I de Torneiros e do Centro Social e Cultural de Atios, cun investimento de preto de 90.000€

A Alcaldía segue adiante coa reforma e o arranxo dos parques infantís do Porriño que, en algún caso “ou ben estaban obsoletos ou en moi mal estado ou totalmente abandonados dende hai anos”, como sinala a alcaldesa, Eva García de la Torre.

Dous deles están xa rematados, son os do Centro do Centro Social e Cultural de Atios, ao que o Concello destinou un orzamento de 40.000€, e o da Fase I de Torneiros, que contou cun investimento de 48.176,11€.

Atios

O de Atios,no que os traballos empezaran o pasado mes de novembro, dispón dunha nova  pista ‘polideportiva’ para a práctica de fútbol, balonmán ou baloncesto; novos bambáns, na zona infantil, que conta cun novo chan de caucho para garantir a seguridade das cativas e cativos, e un parque de actividade biosaudábel para adultos.

Fase I Torneiros

No caso da Fase I de Torneiros, “foi precisa unha reforma integral”, subliña a alcaldesa, “á vista do seu total deterioro e abandono dende hai moitos anos, coma denunciaran as veciñas e veciños”.

Neste caso fíxose, practicamente, unha nova ‘soleira’ de formigón; colocáronse planchas de caucho; retiráronse e renováronse os xogos e bambáns; acometeuse unha reparación “completa” de fendas e crebas; aplicouse na súa totalidade un novo revestimento, colocouse unha varanda de aceiro inoxidábel.

Nas vindeiras semanas, subliña a rexedora, procederemos a habilitar unha zona reservada a pista de skate na que se establecerá un horario de uso para non causar molestias aos veciños.

Máis obras

A alcaldesa adianta que esta iniciativas terán continuidade nas vindeiras semanas noutros parques da vila e súmanse ás xa realizadas no Parque da Urbanización do Sol, no investíronse preto de 22.000€ para  arranxar todos os bambáns, colocar un deles para persoas con diversidade funcional e a instalación dun chan de caucho.

Tamén rematouse o do Campo da Feira, que contou cun orzamento de 4.173€; o Parque Lamazares, detrás de Correos, no que se cambiaron os seus elementos investindo 4.655€; o de San Diego, no que ademais colocouse un chan de caucho continuo, logo de facer unha inversión de 1.952€ e o de Torneiros no que, cun investimento de 9.181€, ademais dos distintos xogos, se arranxaron os bancos, as varandas, o valado de madeira e adaptouse para persoas con diversidade funcional.