A Policía Local do Porriño realizou no que vai de ano máis de 1.000 probas de alcoholemia e imputou 22 delitos a condutores que superaron os 0,60mg/l

No primeiro semestre deste 2018 axentes da Policía Local do Porriño realizaron máis de 1.000 probas de detección de alcohol a condutores das que 47 foron positivas, imputando 22 delitos contra a Seguridade Vial ao superar as taxas os 0,60mg/l.

Segundo subliña o xefe da Policía Local, dende principio do ano realízanse controis de alcoholemia en distintos puntos do concello, pero “das 47 probas positivas, so 19 foron nestes puntos, sendo a maioría por infraccións de tráfico”.

De todas as probas realizadas, 25 corresponden a denuncias administrativas (o 53%) e 22 a denuncias penais (o 47%), ao superar os 0,60 mg/l de aire espirado. Polo que se refire a estas últimas denuncias, hai que salientar que  todas as probas positivas realizadas, 6 en total (o 13%) deron un resultado superior a 1,00 mg/l de aire espirado, sendo a taxa máis alta de  1,52 mg/l , o que representa seis veces o máximo legal establecido.

Polo que se refire ao xénero dos infractores, o 91% deles foron homes e un 9% mulleres; o 13% dos positivos foron condutores implicados en accidentes, “o que salienta os riscos que supón conducir baixo os efectos do alcohol, hai que lembrar que de cada 100 accidentes mortais de tráfico que hai en España o alcohol ten que ver en entre 30 e 50 de eles”, sinala o xefe da Policía Local.

Daniel Rodríguez lembra que o alcohol produce alteracións moi evidentes no comportamento, “inflúe en case todas as capacidades psicofísicas precisas para una condución segura” e que unha persoa que está bébeda infravaloras os efectos que o alcohol ten sobre a condución, “ten unha falsa seguridade en sí mesma e admite un maior nivel de risco ao volante”, aumenta as súas condutas agresivas e, especialmente, “ao consumir alcohol, un dos cambios máis importantes e graves é o aumento do tempo de reacción, polo cal  a toma de decisións ao volante faise moito máis lenta”.

O xefe da Policía Local subliña que as multas por conducir bébedo van dos 500 aos 1.000€ e a retirada de 4 a 6 puntos no Permiso de Conducir. As sancións penais poden chegar ás penas de cadea de 3 a 6 meses, cunha multa de 6 a 12 meses ou de traballos en beneficio da comunidade durante 31 a 90 días e, en calquera caso, a retirada do permiso de conducir vehículos a motor entre 1 e 4 anos.

O Porriño xa é o segundo concello dos 313 de Galicia no que máis medra o saldo vexetativo, con máis nacementos que mortes

O concello do Porriño é o segundo de Galicia no que máis medra o saldo vexetativo  e o primeiro da provincia de Pontevedra, segundo os datos difundidos este martes polo Instituto Galego de Estatística (IGE), referentes a o ano 2017.

Dacordo cos mesmos, os nacementos superaron ás defuncións no Porriño en 57 persoas, so por detrás de Ames,e moi por diante dos resto dos concellos pontevedreses, que en conxunto perden 2.485 habitantes, e dos da Área Metropolitana de Vigo, na que houbo 695 mortes máis que alumeamentos.

Tres anos consecutivos con saldo positivo pasando a ser o segundo concello galego

A alcaldesa, Eva García de la Torre, salienta que no ano 2017 rexistráronse no Porriño 206 nacementos e 149 defuncións; en 2016 o saldo  demográfico do Porriño foi de 45 nacementos máis que defuncións (por detrás dos concellos de  Ames e de Arteixo, en A Coruña); en 2015 os recen nados tamén superaron aos mortos en 57 persoas- daquela por detrás dos dos concellos coruñeses.

“O ano pasado xa superamos a Arteixo e O Porriño é o segundo concello de Galicia onde hai máis novos habitantes que mortes, un dato que sumado ao incremento da poboación, certificado polo INE, fará que a finais deste 2018 esteamos en condicións de superar, oficialmente os 20.000 habitantes”.

So 13 dos 313 municipios, un 4,3%, rexistraron o ano pasado máis nacementos que mortes e no conxunto de Galicia os mesmos foron de 18.312- un 3,9% máis- fronte a 31.676 defuncións,  o que supón que a finais do ano pasado había 13.364 galegos menos, o que encadea 25 anos consecutivos de perda de poboación.

A esta situación non son alleas as as grandes cidades galegas: en todas elas hai máis mortes que nacementos, fronte ao aumento do número de habitantes do Porriño, que a finais de 2016 xa superara en poboación total a Moaña a concello coruñés de Boiro e ao lucense de Monforte.

A alcaldesa amosa a súa “satisfacción e ledicia” pola solución da situación das traballadoras e traballadores de Servicarne, que dende este 1 de agosto pasan a ser empregados fixos de Frigolouro

A alcaldesa, Eva García de la Torre, vén de amosar a súasatisfacción e ledicia” polo feito de que, finalmente, Frigolouro regularizase a situación dos falsos autónomos de Servicarne que, dende este mércores, día 1 de agosto, pasarán a formar parte do plantel coma traballadores fixos, tal e como lle instaba a resolución da Inspección de Traballo e da Tesourería da Seguridade Social.

García de la Torre salienta que o Goberno local do Porriño, en conxunto, e ela mesma, coma alcaldesa “en representación da maioría da Corporación, sempre dimos o noso apoio total e incondicional ás traballadoras e traballadores de Servicarne que hoxe, finalmente, ven coma se recoñecen os seus dereitos lexítimos”.

A alcaldesa lembra que “en todo momento estivemos seguros de que a xustiza daría a razón a quen a ten”, como expuxera nas súas xuntanzas cos responsábeis da empresa e co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, en agosto de 2016, ao que alertou da condicións moi precarias, duras e difíciles nas que estaban estas traballadoras e traballadores que soportaban unha situación intolerábel que, agora, “por fin queda resolta”.

Axentes da Policía Local participan nos ‘Campamentos de Verán’ organizados polo Concello

Membros da Policía Local do Porriño participaron este mes de xullo nos campamentos de verán do Concello- abertos a rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos de idade- co obxectivo de “reforzar a proximidade e a confianza cos máis pequenos”.

As actividades desenroladas pola Policía dividíronse en dúas partes: a primeira consistente na explicación das funcións dos axentes, normas de seguridade vial enfocadas ao uso da bicicleta coma vehículo e cal é o xeito de poñerse en contacto coa Policía Local en caso de necesidade, “subliñando sempre a idea de que un policía é un amigo”, indica o xefe do corpo, Daniel Rodríguez.

Doutra banda, os axentes desprazaron aos lugares nos que se celebran os campamentos distintos vehículos policiais: un furgón de atestados, coches e motos, nos que se explicaron ás rapazas e rapaces as súas particularidades, interactuando con elas e eles e respondendo as súas preguntas.

O xefe da Policía Local engade que estas actividades veñen de dar continuidade á ‘Campaña de Educación Vial’ que “realizamos cada ano en todos os centros de ensino do Porriño”.

A Policía Local intercepta a 30 condutores que circulaban polo Porriño baixo os efectos da cocaína, marihuana ou heroína, entre outras drogas

Dende o pasado mes de febreiro, e seguindo as instrucións das concellerías de Seguridade e Tráfico, a Policía Local co Porriño está a levar a cabo unha campaña sobre o consumo de drogas entre os condutores e, doutra banda, acción constantes para acabar co ‘menudeo’ a pequena escala.

O xefe da Policía Local sinala que no eido desta campaña, os axentes realizaron 30 probas positivas en drogas a persoas que circulaban polo Porriño aos mandos dun vehículo, “todas elas sancionadas con multas de 1.000€ a perda de 6 puntos no carné de conducir”.

Dacordo cos datos da Policía, 26 dos infractores eran homes e 4 mulleres; 12, o 40% de todos eles, deron positivo en cocaína; 9, (o 30%) consumiran THC (marihuana); 6 (o 20% do total) deron positivo en heroína, e 3 (o 10%) en outras substancias.

Os policíasinterviron, en 19 casos, a diferentes persoas, substancias estupefacientes, e todas elas foron propostas para sanción pola infracción da Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá.

Alerta sobre os efectos das drogas

Conducir baixo os efectos das drogas ten consecuencias que fan a circulación moi perigosa, no caso dos opiáceos e derivados e habitual unha alteración da percepción; incremento das posibilidades de distracción ou de durmirse ao volante; asunción de riscos e decisións perigosas por mor dunha falsa sensación de control ou movementos máis lentos.

Polo que se refire a substancias coma a cocaína, a mesma causa comportamentos impulsivos; diminúe a sensación de fatiga o que leva a conducir durante máis tempo do recomendable; incita a unha sobrevaloración das propias capacidades transmitindo unha falsa sensación de confianza para afrontar situacións perigosas e leva a asumir máis niveis de risco, aumentando este comportamento ao volante coa realización de manobras temerarias ou o incremento da velocidade.

Cortes e desvíos de tráfico o venres,sábado e domingo pola celebración de Porrigalia

A Policía Local do Porriño informa que a causa da celebración de Porrigalia, o venres, día 20, sábado, 21 e domingo 22 de xullo, haberá cortes, restricións e desvíos do tráfico rodade en distintas rúas do casco urbano.

Na rúa Domingo Bueno, dende o número 1 ata o cruzamento co Fernández Areal, a circulación estará cortada dende o venres, día 20, ata as 2 da tarde do domingo, 22.

Tamén estará prohibido circular por Ramón González e Manuel Rodríguez , ata o cruzamento con San Sebastían, dende este venres ata o domingo e, finalmente o tráfico da rúa Pío XII estará desviado pola rúa Fontevella.

Do mesmo xeito, a parada do autobús para Tui, estará na Avenida de Galicia e no cruzamento con Salceda –acceso a Atios-Vilafría- nos dous casos debidamente sinalizado.

A Policía Local arresta a un individuo de 38 anos de idade reclamado hai ano e medio pola xustiza para entrar na cadea

Axentes da Policía Local do Porriño detiveron o pasado domingo, día 15, a un individuo de 38 anos de idade, que atopábase  fuxida da xustiza tentando evitar o seu ingreso en prisión e, deste xeito, forzar a prescrición da súa condena.

A orde de busca e captura para o seu traslado á prisión fora dictada polo Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra, logo de que este home fora xulgado e atopado culpable dun Delito de Lesións.

Logo da súa detención, foi conducido, este luns, polos axentes ao Xulgado de Instrución nº 2 do Porriño, en función de garda, e dende o mesmo emitiuse a orde para o seu traslado á cárcere de A Lama.

Non é o primeiro arresto deste tipo que fai a Policía Local do Porriño este ano: o pasado mes de febreiro  fora detido un home que levaba un ano fuxido dende que o Xulgado do Penal número 3 de Vigo ordenase a súa entrada en prisión.

O Concello do Porriño pásase ao híbrido adquirindo por ‘renting’ un novo vehículo para a Policía Local

A Policía Local do Porriño dispón xa dun novo coche, adquirido polo sistema de ‘renting’, que vén tanto a iniciar a renovación do parque deste corpo, que conta con vehículos de máis de 15 anos de antigüidade algún deles superando os 350.000 quilómetros, coma a facer unha aposta polo coidado do medio ambiente.

O novo coche, un Citroen DS, modelo 5, que foi recibido pola concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, e polo xefe da Policía, Daniel Rodríguez, supón que O Porriño pasa a ter un vehículo de que dispoñen moi poucos concellos e, ademais, segundo subliña o xefe da Policía, “mellora e actualiza os nosos medios, preserva a seguridade dos axentes e, o máis importante, mellora notablemente o servizo aos cidadáns”.

Os coches híbridos aportan beneficios para o medio ambiente grazas ao seus baixos consumos globais, á posibilidade de condución en modo EV (eléctrico) e as baixas emisión que emite á atmosfera.

O Goberno local xa tomara medidas, hai días, para arranxar os dous puntos deteriorados da beirarrúa de 2 quilómetros de Pontellas que empezará a repararse pasadas as Festas de San Campio

O tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, logo da denuncia do PP local sobre o estado das beirarrúas feitas hai un ano na parroquia de Pontellas, sinala estaba xa ao tanto desta situación e que en canto tivo coñecemento da mesma “púxeme en contacto co que fora director desta obra, cos técnicos municipais e coa empresa que realizou os traballos para arranxar este problema”.

Manuel Carrera subliña que o ‘deterioro’ ao que se refire o PP local “está localizado en dous sitios concretos” dunha beirarrúa que mide máis de 2 quilómetros e que, dacordo coas primeiras análises do mesmo, trátase dunha circunstancia “atípica”, que vaise arranxar axiña.

Carrera reitera que xa hai días que falou coa empresa fixera a obra que “tomará as medidas precisas e levará a cabo as reparacións que sexan necesarias en canto rematen as Festas de San Campio”.

O concelleiro de Vías e Obras engade que “agradezo ao PP que estea pendente destas circunstancias, coma fan os veciños, e que vele pola seguridade e integridade das porriñesas e porriñeses porque iso si é facer política en positivo”.