Empezan as obras para levar a rede municipal de abastecemento a todas as vivendas do Contrasto, en Torneiros, sufragadas polo Concello cun investimento de 350.000€

Preto de 350.000€, que son sufragados na súa totalidade polo Concello, son os que se investirán en levar a rede municipal de abastecemento de auga ao barrio do Contrasto, en Torneiros.

As obras, que se axustan exactamente ás instrucións da Dirección Xeral de Saúde Pública, dependente do Goberno de Galicia, comezaron esta mesma semana e, segundo salientou a alcaldesa, Eva García de la Torre, estarán rematadas no prazo de 3 meses o cal suporá que a finais do verán “todas as vivendas desta zona do Porriño terán auga da traída”.

García dela Torre cumpre deste xeito o compromiso, persoal, que asumira coas veciñas e veciños afectados logo da aparición de refugallos de lindano, tal e coma asegurara nas diferentes xuntanzas que mantivo con eles ao longo dos meses pasados.

O Concello, lembra a alcaldesa, asumiu ata hoxe a totalidade dos custos das accións que se levaron a cabo no Contrasto: o subministro de auga para o consumo diario,a colocación nas vivendas afectadas depósitos de 1.000 litros -nalgún caso ata dous-“que se enchen cando o demandan as veciñas e veciños”; a contratación dos servizos dunha empresa especializada en tratamento da terra na que apareceron restos de lindano, “seguindo as indicacións, criterios e normas do Servizo de Xestión de Residuos e da Administración Autonómica”, ou o dobre asfaltado da zona na que se realizaron as obras do saneamento no seu día.

Polo que respecta ao proxecto para levar a rede municipal de saneamento ata O Contrasto, o Consorcio de Augas do Louro, do cal a alcaldesa do Porriño é a presidenta, rematara o mesmo no pasado mes de decembro, apenas un mes despois de que aparecesen os restos do lindano, e  presentouse á Xunta para a súa avaliación e autorización.

A alcaldesa presentará unha querela, por un delito de calumnias, contra ‘La Voz de Galicia’ e o xornalista autor dunha información na que afirma que o Goberno local contratou a unha persoa ‘a dedo’

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, presentará unha querela por un delito de calumnias contra o diario ‘La Voz de Galicia’ e o xornalista autor da información publicada no mesmo ,este sábado día 9 de xuño, que ten coma titular “El gobierno de O Porriño vuelve a contratar a dedo al asesor que motivó la condena de Francés”.

Garcia de la Torre subliña que “o contido desta publicación é claramente constitutivo dun delito de calumnias dado que imputa ao Goberno local e aos seus membros a comisión dun delito de prevaricación” ao asegurar que fixo unha contratación “a dedo”.

Neste procedemento, enfatiza a alcaldesa, seguiuse exactamente o establecido pola Lei de Contratos do Sector Público: a decisión pasou, primeiro, por unha mesa de contratación integrada polo secretario do Concello do Porriño, unha delegada do interventor do mesmo, a arquitecta municipal, a propia alcaldesa e unha funcionaria municipal que actúa de secretaria da mesa e levanta acta da reunión.

Neste caso, en concreto, houbo catro ofertas iniciais, unha das cales  foi desbotada por non presentarse seguindo o procedemento regulamentado, considerándose as outras tres. Unha vez sometida á mesa de contratación, a proposta da mesma trasladouse á Xunta Local de Goberno, órgano na que a alcaldesa delegou, “dende o comezo do mandato do actual Goberno local”, as competencias para decidir sobre licencias de construción, licencias de actividade, expedientes sancionadores de Urbanismo e Medio Ambiente e contratación,  decisións ás que invitei a a participar cando cheguei á Alcaldía ao resto dos grupos políticos da Corporación”.

É a Xunta Local de Goberno, na que intervén así mesmo o secretario do Concello dando fe, e da que se levanta acta, coma se fai na Mesa de Contratación, a que toma a decisión final da adxudicación.

Todo o procedemento “é totalmente público” e calquera persoa o pode consultar tanto no propio Concello coma, de xeito inmediato, na plataforma dixital de ‘Contratos Públicos de Galicia, “algo que á posible facer nuns minutos dende calquera lugar cun ordenador, unha tableta ou mesmo un teléfono móbil”.

Á vista disto, a realidade é que o xornalista “podendo ter acceso á totalidade do expediente, preferiu non contrastar a información e imputar ao Goberno local a comisión dun delito doloso, saltándose a verdade e sabendo que o facía”, subliña Eva García de la Torre quen engade, que a intencionalidade desta calumnia é aínda máis evidente considerando que este ‘informador’ decidiu publicar este artigo “a pesares de que posto en contacto telefónico comigo expliqueille polo miúdo, e paso a paso, todo o procedemento”.

A alcaldesa e veciños da ‘Zona Cero’ mantiveron unha entrevista co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para tratar sobre os pozos de auga do Contrasto

A alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, e veciños da ‘Zona Cero’ do Contrasto mantiveron este venres unha xuntanza en Ourense co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, coa finalidade de tratar, entre outros temas, a situación actual das vivendas deste lugar da parroquia de Torneiros, na que apareceron refugallos de lindano, e entremediar en relación co selado dos pozos das mesmas. 

Francisco Marín escoitou os argumentos das veciñas e veciños e as explicacións da alcaldesa, quen solicitou que a Confederación Hidrográfica non procederá a selar os pozos ata que non se rematasen as obras que van a levar a rede municipal de abastecemento de auga ata todas as casas do Contrasto.

Marín amosou o seu interese polas opinión que se lle expuxeron e expresou a súa conformidade con que aqueles veciños que non teñan problemas coa calidade da auga, poidan legalizar os seus pozos.

Rematada a reunión, a alcaldesa convocou unha xuntanza con todas as veciñas e veciños o vindeiro martes, día 12, ás 8 e media da tarde, na Asociación San Salvador de Torneiros, para “explicarlles polo miúdo o contido da reunión co presidente da Confederación Hidrográfica, escoitar as súas propostas e respostar ás súas preguntas”.

A alcaldesa esixe á Xunta de Galicia que asuma as súas competencias, deixe de evadir as súas responsabilidades e acometa xa o arranxo dos centros de ensino público do Porriño que teñen “problemas moi graves”

A alcaldesa lembroulle este venres ao representante da Consellería de Educación da Xunta de Galicia a necesidade de que o goberno galego se faga cargo do arranxo das fendas dos centros de ensino públicos do Porriño e subliñou que trátase dunha competencia, exclusiva, da administración autonómica.

Durante o acto de inauguración da novo salón de actos do CEIP da Ribeira a alcaldesa, logo de agradecer á Xunta a súa contribución á construción do mesmo-en colaboración da Concellería de Educación, quen encargouse do escenario- e que aprobase facerse cargo do comedor, que ata hoxe mantén o Concello, pediulle ao César Pérez Ares, xefe territorial da Consellería de Educación na provincia de Pontevedra, que  o Goberno de Galicia prestase moita máis atención aos centros do Porriño que teñen “problemas moi serios”.

CEIP Pliriligüe de Atios

Eva García de la Torre, quen este xoves xa mantivera unha xuntanza coa dirección e a Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP Plurilingüe de Atios para coñecer e atender as súas reclamacións sobre o estado do colexio, denunciou, de novo, que no mesmo hai “danos estruturais nas fachadas que causan filtracións de auga provocando curtocircuítos no sistema eléctrico”, e marcou que  “hai so uns días a uns alumnos caeulles moi preto parte do mosaico da parede sen causarlles, por sorte, dano algún”. Esta situación, engadiu, “amosa a prema que hai para realizar unhas reparacións que son xa inaprazábeis”.

Gardería A Galiña Azul de Torneiros

A alcaldesa cualificou de “inaceptábel e intolerable” o estado no que se atopa, moi preto do CEIP da Ribeira, a Gardería da Galiña Azul da parroquia de Torneiros que ten “gravísimas deficiencias” que é “moi urxente” arranxar para “garantir a seguridade das cativas e cativos”.

Para a alcaldesa esta moi ben que os responsábeis da Xunta veñan a O Porriño “congratularse e facerse a foto” cando, como este venres, se inaugura un salón de actos, pero o que non deben de esquecer é que “teñen a obriga de poñer en condicións os nosos colexios para que as nenas e nenos do Porriño, veciños dun dos concellos que máis medran en Galicia, teñan una educación axeitada”.

Sen prazas de gardería no concello que máis medra de Galicia

Eva García de la Torre criticou o feito de que dende o Goberno da Galicia se repita que aposta pola educación pública e de calidade e no Porriño resulta que carecemos de prazas, péchanse aulas e as garderías que precisamos vanse a Mos, a onde teñen que desprazarse os pequenos da nosa vila”.

Neste eido, a concelleira de Educación, Lourdes Moure, resaltou que, “como se pode comprobar, porque os datos son públicos, á gardería do Polígono da Veigadaña, acoden nenas e nenos do Porriño porque aquí non hai prazas”,algo que non se pode entender fora do interese político, considerando que O Porriño é, dende o ano 2015, o concello galego que máis aumenta en poboación.

Os programas postos en marcha pola Concellería de Emprego conqueriron que 125 porriñesas e porriñeses estean xa traballando

Os programas ‘Porriño Accede’ e ‘Plan de Emprego para Mulleres (PIEM)’, postos en marcha pola Concellería de Emprego. Servizos Sociais e Igualdade, que dirixe Soledad Girón, conqueriron que un total de 125 porriñesas e porriñeses estean xa traballando.

46 colocacións ata maio

No que vai deste 2018, os 14 convenios asinados polo Concello con outras tantas empresas de automoción, loxística, mantemento ou distribución, fixeron posible que, ata o mes de maio, 46 persoas asinasen un contrato laboral, o 73% das 66 que participaron neste programa dende o 1 de xaneiro.

67 novos empregos o ano pasado

O ano pasado 67 persoas atoparon traballo logo de ter participado en ‘Porriño Accede’, o que representa o 55,8% de todas e todas as persoas integradas no mesmo, unha proporción que no caso das industrias do sector da automoción é do 73,3% -con 55 insercións de 75 alumnas e alumnos-.

Polo que atangue ao ‘Plan de Emprego para Mulleres (PIEM)’, está dirixido este ano a un total de 85 porriñesas en situación de desemprego, especialmente, mulleres novas, menores de 30 anos e sen cualificación profesional.

Como resultado do mesmo, o mes de abril, 11 delas comezaron a traballar coma soldadoras na planta de Viza Automoción no Porriño, que conta cun plantel de 500 persoas e subministra os seus produtos a grupos tan importantes coma PSA Peugeot Citroën, Audi, Renault, Volkswagen, Mercedes, Toyota ou Porsche.

Dentro destes mesmos programas, outras 12 persoas demandantes de emprego, das 16 que  iniciaron as súas prácticas, están traballando  en Gestamp grupo internacional adicado ao deseño, desenrolo e fabricación de compoñentes metálicos para o automóbil.

O Porriño, escenario do ‘6º Festival de Bandas de Música de Escolas’

O Círculo Recreativo e Cultural do Porriño será o escenario do ‘6º Festival de Bandas de Música de Escolas’, que terá lugar o vindeiro sábado, día 9 de xuño, ás 8 e media da tarde.

No mesmo participarán, conxuntamente, cun programa de Bandas Sonoras de películas: a  Banda da Asociación Piloñesa Musical de la Fuente de Infiesto-Asturias e a Banda da Escola Municipal de Música do Porriño.

Dende este venres, día 8, mes do teatro no Centro Cultural Municipal dentro do ‘Circuito Galego de Teatro Amador 2018’

Dende este venres día 8 de xuño, e dentro do ‘Circuíto Galego de Teatro Amador 2018’, da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), o Centro Cultural Municipal do Porriño acollerá cinco representacións ao logo de todo este mes, con entrada de balde ata completar aforo.

O venres, día 8, dende as 8 e media da tarde, a obra a representar será “En Venda”, da compañía O Trasno Teatro, para público dende 12 anos.

O sábado, día 9: “Quero ser maior!”, de Axouxere Teatro. Dende as 7 da tarde. Para todos os públicos.

Venres, 15 de xuño, “Cousas de matrimonio”, a cargo de Max Teatro, ás 8 e media da tarde, para público dende 12 anos de idade.

Sábado, día 16: “Moito barullo e poucas carolas”, por Andaravía Teatro, ás 8 e media da tarde, tamén para público dende os 12 anos..

O domingo, día 17 de xuño, “As laranxas… non, non… cala”, por Atrezo Teatro, ás 7 da tarde. Teatro familiar.

O Porriño, sede da 10ª edición do ‘Torneo Catro Nacións de Balonmano Feminino’ que terá lugar esta fin de semana entre Cataluña, Euskadi, Guinea e Galicia

A décima edición Torneo IV Nacións feminino celebrarase a vindeira fin de semana, días 9 e 10 de xuño, no Pavillón Municipal de Deportes do Porriño coa participación de Cataluña, Euskadi, Galicia e Guinea. Ademais, o venres, día 8, ás 8 da tarde, celebrarase un partido amigable, tamén no Porriño, contra a selección de Guinea.

Este torneo se celebra dende hai dez anos, con sedes alternas en Galicia, Euskadi e Cataluña. Á última edición celebrouse en Granollers a finais de 2016 e Galicia proclamouse vencedora, tras gañar na final a Euskadi.

O seleccionador Abel Estévez deu a coñecer a convocatoria para este torneo e o BM Porriño é o club que maior número de xogadoras aporta para a selección galega (seis) e xunto a elas estarán deportistas do Guardés, Carballal, BM Castellón, Logroño Sporting la Rioja e SAR Rodavigo.

Galicia xogará a semifinal o sábado, día 9 ás 6 da tarde contra Guinea, mentres que Cataluña e Euskadi xogarán o primeiro partido (16:15 horas). A final está prevista para o domingo, día 10 ao mediodía.

O Goberno de Galicia xunto co Concello do Porriño, presentarán a candidatura ao proxecto ‘Life’ da Unión Europea para o tratamento integral, estudo e seguimento dos terreos contaminados por lindano

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do Goberno de Galicia, xunto co Concello do Porriño presentarán a candidatura ao proxecto ‘LIFE- Phytomanagement of peri-urban soils contaminated by lindane residues’ (‘Fitomanexo de chans periurbanos contaminados con residuos de lindano’), da Unión Europea.

O mesmo, no que participan a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ten coma obxectivos conquerir fondos e colaboración da Unión Europea para o tratamento, mediante ‘fitorremedazón’ dos terreos do Porriño contaminados por lindano; redacción dun protocolo de alerta temperá nos casos de detección de refugallos de lindano; xestión integral dos solos contaminados por estes refugallos; elaboración dun mapa preciso de detección de lindano en zonas periurbanas, ademais dunha xestión colaborativa na planificación urbana dos chans remediados.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, que dende o primeiro intre asumiu a xestión e dirección das xestións feitas dende o Concello para atender ás veciñas e veciños do Contrasto afectados pola aparición de lindano, vén de asinar “o meu compromiso e o do Goberno local de contribuír, coma ata o dagora, cos medios necesarios para a posta en marcha deste proxecto, facilitar o acceso aos especialistas para que poidan traballar en terreos municipais, axilizar a tramitación de permisos e impulsar o tratamento da terra contaminada”.

Estudo,seguimento e control do chan e da auga

As actuacións contempladas na candidatura deste proxecto LIFE, abranguen a caracterización hidroxeolóxica do terreo, a perforación e instalación de ‘piezómetros’ nas áreas seleccionadas coa finalidade estudar a calidade da auga subterránea, a aplicación de técnicas de fitorremediación e biorremediación, o seguimento da calidade do chan e da auga, con especial atención a os seus servizos eco-sistémicos e o seguimento do control do contaminante e a súa capacidade de biodegradación.

Doutra banda, dentro deste plan haberá unha replanificacion, que será consultada coas partes interesadas, para reorientar o uso dos terreos recuperados, elaborarase unha guía de orientación para veciños e propietarios sobre a contaminación por lindano e os resultados de todos os estudos se presentará, ademais de aos afectados, no Porriño, en seminarios nacionais e internacionais.