A colaboración desinteresada dos veciños permite a Vías e Obras realizar un muro de contención para asegurar unha estrada en Cans

A Concellería de Vías e Obras está a piques de rematar o muro de contención dunha estrada municipal na zona de A Graña, na parroquia de Cans, que presentaba perigo de derrube.

Manuel Carrera explica que estes traballos están a ser posibles grazas á cesión desinteresada dos veciños propietarios da zona dunha franxa de terreo de 2 metros e medio cara ás súas fincas, “que é o que gaña de ancho a estrada” e, ao mesmo tempo, aproveitouse para  colocar unha tubaxe dun cruzamento que hai de auga, “que quedou xa instalada”.

Manuel Carrera e David Alonso, presidente AAVV Cans

O muro, subiña Carrera, levará unha protección para impedir que haxa accidentes, se procederá ao asfaltado da estrada e se rematarán as entradas  a tres das fincas da zona, “que era unha vella demanda dos veciños do lugar”.

A obra, na que se investiron uns 40.000€ de fondos municipais, estará finalizada no prazo dunha semana, cumprindo o compromiso que adquirirá o Concello,como explicou o concelleiro ao presidente da Asociación de Veciños de Cans, David Alonso Barciela.

Manuel Carrera agradece, de novo, aos propietarios dos terreos que cedesen estas franxas  para poder asegurar o muro e anchear a estrada o cal suporá unha mellora da seguridade.

Avanzan as obras na senda peonil e ciclista na PO-331 ata o CEIP de Atín, nos concellos do Porriño e Mos

O concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, xunto coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata a PO-331, no lugar de Atín, para supervisar o avance das obras da senda peonil e ciclista que a Administración galega executa nesta estrada, concretamente entre os puntos quilométricos 1+890 e 2+810, ao seu paso polos concellos de Mos e O Porriño.

Durante a visita constataron que os traballos avanzan a bo ritmo e que as obras iniciadas o pasado 2 de setembro poderían estar finalizadas no vindeiro mes de novembro. Esta actuación conta  cun orzamento de máis de 378.000 euros, e enmárcase no Plan de sendas de Galicia que na comarca de Vigo proxecta 11 treitos, que foron definidos en 9 proxectos de construción. A Axencia Galega de Infraestruturas executará 12,5 quilómetros de novas sendas nesta bisbarra, cun orzamento que se achega aos 5 millóns de euros, para o que conta co financiamento asegurado ao terse incluído no programa operativo de Galicia dos fondos europeos FEDER para o período 2014 -2020.

A senda na estrada PO-331 dará continuidade ao itinerario peonil existente no núcleo do Porriño ata o paso superior existente sobre a AP-9 nas proximidades de Atín.

A intervención iníciase na marxe esquerda da estrada, na que se construirá unha senda da 933 metros de lonxitude, desde as proximidades do Colexio Santo Tomás no que finalizan as actuais beirarrúas, ata a ponte sobre a AP-9, pasando pola intersección existente coa estrada a Pereiras–Tameiga.

Pola marxe dereita da PO-331, a obra terá unha lonxitude de 200 metros e comezará na intersección coa estrada municipal Pereiras- Tameiga, dado que ata este punto xa existe beirarrúa. A senda nesta marxe desviarase da estrada nos últimos 80 metros ata o acceso ao centro escolar de Atín. Neste último tramo terá un ancho de tres metros. Coa execución desta senda existirá un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da vía que comunicará os dous centros de ensinanza co Porriño.

Tamén se proxecta a mellora da intersección entre a PO-331 e a estrada Pereira-Tameiga, na que se construirá unha semiglorieta para facilitar os xiros á esquerda neste punto.

Suspendida a actividade de ‘Ciclismo Infantil’ programada para este sábado, día 16, nas pistas de Torneiros

Manuel Carrera, concelleiro de Deportes, informa de que a actividade de Ciclismo Infantil, programada para este sábado, día 16, ás 4 e media da tarde nas pistas de Torneiros, ven de suspenderse.

O Club Ciclista Spol informou o pasado 28 de agosto á Federación Galega de Ciclismo que renunciaba a esa proba y non o comunicou ao Concello ata esta mesma semana cando na data deste sábado a Federación xa programara outra proba en Ponteareas, polo cal non se podía organizar xa a do Porriño.

Manuel Carrera confirma que as outras probas anunciadas están confirmadas. O venres, día 29 deste mes, ás 8 da tarde, polo casco urbano do Porriño, a ‘Carreira Nocturna Festas do Cristo’, que este ano conta cunha novidade: a participación de ciclistas de categoría cadete, e a ‘Festa da Bicicleta’, o domingo 1 de outubro, dende ás 10 e media da mañá, con saída dende a Praza de Antonio Palacios.

O Concello acomete unha nova mellora do saneamento que darña servizo a 20 vivendas de tres barrios da parroquia de Pontellas

A Concellería de Vías e Obras empezou hai tres semanas, con medios propios, os traballos de saneamento que dará servizo a 20 vivendas dos barrios de O Corzón, A Arrotea  e A Lameira, na parroquia de Pontellas, e que conta cun orzamento duns 30.000€

Segundo subliña Manuel Carrera, o prazo de remate das obras, que contarán con operarios da Deputación de Pontevedra, será de 2 meses e, á marxe da labor de saneamento tamén acometerase o ancheamento e asfaltado de estradas e camiños destas bisbarras, parte do cal correrá a carga da Consellería do Medio Rural do Goberno de Galicia.

Antes da realización do asfaltado, sinala o concelleiro de Vías e Obras, realizarase o cambio de mangueiras das traídas veciñais e, logo de que remate do proxecto que está a elaborar a Deputación de Pontevedra, farase a conexión definitiva a Rede Xeral de Saneamento.

O Goberno Local inicia os traballos de asfaltado e conexión á rede municipal de saneamento no barrio da Costeira-Mosende

A concellería de Vías  e Obras, que dirixe Manuel Carrera, ven de iniciar traballos de asfaltado e de conexión á rede de saneamento  no barrio da Costeira- Mosende, cun orzamento de 60.440€, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O concelleiro subliña que “na Costeira era necesario realizar un asfaltado urxente das vías e decidiuse  dotar, previamente, ás casas da zona do servizo de saneamento”.

Cando finalicen as obras, nun prazo aproximado dun mes e medio, 15 familias poderán conectarse directamente aos colectores do Consorcio do Louro.  Pola súa banda, indica Manuel Carrera, a mellora das estradas suporá a renovación de 2.000 metros cadrados de asfalto, ademais do pintado e sinalización vertical dos  mesmos.

Hai que lembrar que so no último mes, o Goberno Local  puxo en marcha, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o labor de conexión á rede de saneamento na  Costeira-Mosende,  Albarín-Atios e A Pereira-Contrasto, “que permitirán que un total de 75 vivendas estean unidas á rede municipal”.

Vías e Obras segur adiante cos traballos de conexión a Rede Municipal de Saneamento, agora no barrio de Albarín, en Atios, cun orzamento de 79.000€ con cargo ao Plan Concellos da Deputación

A Concellería de Vías e Obras está a levar a cabo os traballos de conexión á rede municipal do saneamento do núcleo de poboación de Albarín, na parroquia de Atios, de xeito que as vivendas deste barrio teñan resolta a mesma nun prazo máximo de 3 meses.

Como sinala o alcalde accidental, Manuel Carrera, as obras, orzamentadas en preto de 79.000€, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, “abranguen a reposición completa do pavimento de toda esta zona”.

Esta obra súmase a outras xa rematadas, ou en proceso, en varios lugares do Porriño, como a que está en marcha no barrio de A Pereira-Contrasto, na parroquia de Torneiros, nos que investirá 150.000€, tamén con cargo aos orzamentos correspondentes a O Porriño do ‘Plan Concellos’ da Deputación de Pontevedra,e que garantirán a conexión á rede de saneamento de 30 familias.

Vías e Obras inviste 150.000€ con cargo ao Plan Concellos da Deputación nos traballos de conexión ao saneamento de A Pereira-Contrasto, en Torneiros

A Concellería de Vías e Obras ven de acometer o inicio dos traballos de conexión á rede de saneamento do barrio de A Pereira-Contrasto, na parroquia de Torneiros, nos que investirá 150.000€, con cargo aos orzamentos correspondentes a O Porriño do ‘Plan Concellos’ da Deputación de Pontevedra.

Segundo indica o alcalde accidental, Manuel Carrera, as obras, que permitirá aos veciños deste lugar que as súas casas estean enlazadas abranguen en realidade tres colectores: o primeiro de 500 metros lineais, o segundo de 108 e o terceiro de 300 metros, cunha tubaxe de policloruro de vinilo (PVC) de 315 milímetros de diámetro.

Cada un destes colectores levará incluídos os seus pozos: o primeiro treito, 16 en total, o segundo, 4 e o terceiro, 8. Ademais, realizarase a reposición integral do pavimento e firme desta  parte da parroquia.

Este traballo, que levará varias semanas, forma parte do proxecto de extensión do saneamento municipal a todas e todos os veciños do Porriño, un compromiso que adquirira o Goberno municipal ao principio deste mandato, como lembra Manuel Carrera, e que levouse adiante os dous anos pasados e seguirá os dous seguintes con obras coma a actual.

O alcalde accidental lembra que, hai uns meses, se comprometerá a facer esta obra que “fora solicitada hai anos polos veciños” e que permitirá que unhas 30 vivendas estean xa unidas á rede municipal.

A Concellería de Vías e Obras acomete, con dúas achegas da Deputación de Pontevedra por valor de 60.000€ a substitución do tellado da Escola Unitaria de Covelo, en Atios

A Concellería de Vías e Obras está a levar a cabo a substitución do tellado da antiga Escola Unitaria de Covelo, en Atios, dada a súa perigosidade para os veciños. A cuberta, coma subliña o alcalde accidental Manuel Carrera, estaba nun estado de total deterioro, polo que era “moi urxente” realizar este traballo dado que as filtracións poderían causar o derrubo da mesma.

A obra, que se fai con cargo a dúas achegas da Deputación de Pontevedra, abrangue a colocación dunha nova cuberta metálica de 3.800 quilos de peso, con tella cerámica sobre unha superficie total de 390 metros cadrados.

O tellado, “no que levamos traballando xa varias semanas”, estará rematado nuns días e “non so garantirá totalmente a seguridade das veciñas e veciños de Atios que se acheguen a este lugar, senón que facilitará a realización do labor de recuperación da propia Escola Unitaria”, salienta Manuel Carrera quen lembra que o orzamento total para rematar a substitución do teito é de 60.080,71€.

A Concellería de Vías e Obras acomete a recuperación da Avenida Buenos Aires e a mellora da súa acccesibilidade

A Concellería de Vías e Obras, dirixida por Manuel Carrera, leva a cabo na Avenida Buenos Aires unha recuperación integral da mesma coa reparación de beirarrúas, a construción dunha nova na entrada do popular  ‘escondidiño’ , na que anteriormente se fixera unha cesión para facilitar o seu ensanchamento, e  a adaptación de todos os pasos desta avenida para mellorar a accesibilidade da mesma.

O concelleiro salienta que a obra, que rematarase no prazo de dous meses, está a cargo de traballadores contratados grazas ao ‘Plan Concellos 2017’ da Deputación de Pontevedra, e agradece a importante colaboración neste proxecto de Israel Mercader, un referente no Porriño na loita pola eliminación das barreiras arquitectónicas e a mellora da accesibilidade.

A mellora da avenida, explica Manuel Carrera, ten un orzamento, nesta primeira fase, de 20.000€, “que se asumen con fondos do propio Concello” e, engade, “cumpre coa solicitude de moitos veciños do Porriño que viñan reclamando, dende hai tempo, que se acometerán estas melloras”.

A Concellería de Vías e Obras remata a reparación da estrada e a ponte en A Quinta, na parroquia de Chenlo

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, ven de rematar a reforma integral da ponte, en A Quinta, na parroquia de Chenlo, que estaba moi deterioradA, o mesmo que a vía municipal, que afundira por mor das choivas e que representaba un perigo para as persoas que transitan por esta zona do Porriño.

Os traballos abrangueron a transformación da base da ponte, que se movera, con módulos prefabricados de formigón, de 2,50 por 2 metros; a colocación dunha varanda de seguridade nos laterais do camiño; a fixación de ‘aletas’ de contención para terras e o acondicionamento e reparación da estrada, que cedera, facendo que a auga filtrase e erosionase tanto o firme coma a base do paso tapando, ademais, as arquetas de drenaxe.

En total o orzamento destinado a esta obra achegouse aos 43.000€ que permitiron recuperar a ponte, garantir a seguridade dos peóns, arranxar a calzada e adiantarse á posibilidade de que puidese producirse outro arrastre de terra e pedras cando chegue o inverno e cheguen as treboadas.