Os traballos para levar o saneamento aos novos vestiarios e aos baños públicos do Campo do Atios estarán rematados este mes

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, está realizando dende hai unha semana os traballos para levar o saneamento aos novos vestiarios e aos baños públicos do Campo de fútbol de Atios.

Carrera apunta que as obras contan cun orzamento total de 30.000€ e abranguen o ancheamento da estrada, dende a popularmente coñecida coma ‘chegada do Carballo’ ata a Travesía de Novás, un treito de máis de 200 metros, “o cal mellorará a entrada e saída de vehículos dende o campo de fútbol”.

Os fondos para acometer estes traballos, como subliña o alcalde accidental, corresponden ao ‘Plan Concellos’ da Deputación de Pontevedra, e a previsión é que os mesmos estean rematados a finais deste mes de agosto.

O Goberno local xa tomara medidas, hai días, para arranxar os dous puntos deteriorados da beirarrúa de 2 quilómetros de Pontellas que empezará a repararse pasadas as Festas de San Campio

O tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, logo da denuncia do PP local sobre o estado das beirarrúas feitas hai un ano na parroquia de Pontellas, sinala estaba xa ao tanto desta situación e que en canto tivo coñecemento da mesma “púxeme en contacto co que fora director desta obra, cos técnicos municipais e coa empresa que realizou os traballos para arranxar este problema”.

Manuel Carrera subliña que o ‘deterioro’ ao que se refire o PP local “está localizado en dous sitios concretos” dunha beirarrúa que mide máis de 2 quilómetros e que, dacordo coas primeiras análises do mesmo, trátase dunha circunstancia “atípica”, que vaise arranxar axiña.

Carrera reitera que xa hai días que falou coa empresa fixera a obra que “tomará as medidas precisas e levará a cabo as reparacións que sexan necesarias en canto rematen as Festas de San Campio”.

O concelleiro de Vías e Obras engade que “agradezo ao PP que estea pendente destas circunstancias, coma fan os veciños, e que vele pola seguridade e integridade das porriñesas e porriñeses porque iso si é facer política en positivo”.

A Concellería de Vías e Obras acomete a mellora de camiños en Pontellas que completan os traballos de saneamento realizados nesta mesma parroquia en febreiro

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, vén de acometer, con cargo á subvención do ‘Plan Marco 2018’, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a mellora de camiños na parroquia de Pontellas, unha vella reivindicación dos veciños da mesma que, salienta Carrera, agora faise realidade.

Nos vindeiros días rematarase o asfaltado, cunha capa de calidade D12, de 5 centímetros de grosor, e sinalización das liñas horizontais da calzada, nos camiños de O Corzón, onde se completará unha superficie de 1.000 m2; A Rotea, con 1.680 m2, Abelenda e a contorna do Torreiro de San Pelaio.

Completan as obras de saneamento realizadas en febreiro

En total estes traballos contan cun orzamento de 63.367,70€, e veñen a completar os acometidos pola Concellería de Vías e Obras, en febreiro deste mesmo ano, que consistiron na colocación dun total de 190 metros lineais de tubaxes para o saneamento, 10 metros de colectores para recollida de pluviais e 6 pozos de saneamento, cun investimento de 15.000 €, todo, lembra o tenente de alcalde, “cuberto con fondos municipais”.

Manuel Carrera subliña que esta nova obra non podería realizarse sen a inestimable colaboración de varios veciños da zona que cederon, “de xeito desinteresado e para beneficio do ben común”, parte dos terreos que permitiron aumentar  o ancho destes camiños “mellorando deste xeito a seguridade para vehículos e peóns”.

@depo_es inicia as obras da glorieta do lugar da Costeira, na intersección de Cerquido-Budiño

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar nesta semana as obras da nova glorieta de ordenación do tráfico no cruce  da intersección da estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño con dúas vías municipais no lugar de A Costeira.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, xa están derrubadas a antiga marquesiña de autobús e os galpóns expropiados para ampliar a zona de actuación, e tamén se están a realizar estudos sobre as canalizacións existentes na zona co que o persoal técnico denomina unha ‘toupeira’. Estímase, segundo o nacionalista, que se non se producen complicacións a obra poderá estar rematada no mes de xullo.

O concelleiro de Vías e Obras Manuel Carrera, que estivo visitando os traballos, subliña que os mesmos comezan logo de ser “longamente demandados por veciñas e veciños desta zona” e lembra que xa pedirá ao anterior goberno da Deputación, “sen que nos fixeran caso”, que acometeran esta obra.

Carrera agradece aos actuáis responsábeis do organismo provincial que tomaran en conta a reivindicación do Porriño, e salientou que ista é unha actuación “moi necesaria” dada a perigrosidade deste lugar , con “moi pouca visibilidade” e dificultades para circular sen correr riscos.

Hai que lembrar que as obras en A Costeira estaban paralizadas debido a que no momento en que a empresa adxudicataria, Construcciones Vale SL, asinara o contrato e pressentara a acta de replantexamento había unha climatoloxía moi adversa debido á chuvia. Unha vez mellorou o tempo a actuación comezou tan pronto a empresa estivo dispoñible.

O orzamento global do proxecto ascendeu a 220.336,36€, sendo 21.534 para expropiacións e o resto á execución da obra. Finalmente a licitación pechouse por un prezo menor: 132.719,68€.

Os traballos consisten na instalación dunha nova glorieta para reordenar o tráfico, suavizar o trazado e mellorar as condicións de visibilidade e manobra dos vehículos. Foi necesario ocupar dúas parcelas privadas e unha municipal, e víronse afectadas dúas construcións, un alpendre-almacén e unha marquesiña de bus na parcela municipal, cuxa demolición e nova instalación se incluíu no orzamento do proxecto.

Urbanizarase a zona con novas beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitaranse pasos de peóns e a limitación específica de velocidade baixará de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se instalarán oito novas luminarias tipo led que garantirán a correcta visibilidade na intersección.

Rematadas as obras na cuberta do Pavillón Municipal, anunciadas polo concelleiro de Deportes, e que supuxeron na práctica a reforma de todo o teito do mesmo

Tal  e como adiantara o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, as obras de mantemento que precisaba a cuberta do Pavillón Municipal quedaron rematadas a finais do mes pasado logo de que “fose posible acometelas unha vez que as condicións climatolóxicas o permitiron”.

Carrera subliña que estes traballos precisaban para a súa realización “varios días seguidos sen choiva”, como explicara xa a usuarios do pavillón, veciños e á Corporación en resposta a preguntas formulada no Pleno da mesma.

As obras, explica Manuel Carrera, realizáronse sobre as dúas ‘alas’ do pavillón, de 250 metros cadrados cada unha, e requiriron a retirada da anterior impermeabilización, a malla que había debaixo dela e picar unha cuberta de formigón de 20 centímetros de groso. Logo de rematada esta tarefa, procedeuse á substitución das tubaxes de fibrocemento por unhas novas de pvc, á cobertura da parte superior do inmoble cunha primeira capa de ‘polibreal’, a colocación doutra de ‘geotextil’, un material permeábel e flexible de fibras sintéticas, principalmente polipropileno e poliéster, unha segunda capa de ‘polibreal’ e, finalmente, pedregullo.

Así mesmo a nova cuberta conta cunha chapra illante que, ao mesmo tempo, protexe o teito  contra a acción dos paxaros, do sol e das correntes de aire.

Rematados os traballos, elimináronse, finalmente, as goteiras nos baños, a cafeterías, a oficinas adicadas ao balonmán, salas e a oficina do encargado xeral do pavillón.

A Concellería de Vías e Obras remata a reforma integral da estrada no lugar da Lomba, no barrio de Vitureira, en Budiño, incorpora saneamento, tubaxes de pvc e aumenta o ancha da vía ata os 8 metros

A Concellería de Vías e Obras vén de rematar no lugar da Lomba, no barrio de Vitureira, na parroquia de Budiño, a reforma integral da estrada que pasa por esta zona, “cumprindo cunha vella demanda dos residentes nesta parte do Porriño”.

O tenente de alcalde, Manuel Carrera, subliña que este proxecto, financiado na súa totalidade con cargo ao ‘Plan Concellos 2017’ da Deputación de Pontevedra, foi posible “grazas a cesión voluntaria e de balde por parte de varios veciños de parte das súas fincas para poder ampliar a calzada”.

A mesma pasou dun ancho de 3,5 ou 4 metros, nalgún treito, a 7,5 e 8 metros, nunha actuación sobre 500 metros lineais, na que ademais do asfaltado, “que non se realizaba dende hai máis de 30 anos”, levouse a cabo a instalación dun novo colector de saneamento, que completa o existente, con 168 metros de tubaxes de pvc de 350 milímetros, con acometidas a vivendas con 290 metros de mangueiras de auga e recollidas de pluviais, amais da reconstrución dos muros de peche das fincas.

Manuel Carrera subliña o “compromiso deste  Goberno local e, particularmente o meu, coa mellora das comunicacións das parroquias e con proxectos que permitan facer chegar a todas elas a rede de saneamento e abastecemento municipal”.

O tenente de alcalde agradece “moi especialmente, a súa xenerosidade ás veciñas e veciños de Vitureira que cederon parte das súas fincas para que esta nova estrada ampliada e todas as melloras que abrangue sexa unha realidade”.

As medidas adoptadas polo Goberno local para a mellora do alumeado e o cambio de caldeiras supoñen 100.000€ anuais de aforro no recibo do subministro de enerxía e 220 toneladas menos de emisión de dióxido de carbono á atmosfera

Esa é a cantidade que deixará de pagar o Concello do Porriño e a de CO2 que deixarán de respirar as veciñas e veciños logo das iniciativas postas en marcha pola Concellería de Vías e Obras, que abranguen dende a renovación das instalacións do alumeado público, a substitución de 1.200 novas luminarias led, o cambio de caldeiras por outras tipo de ‘pallets’ ou a eliminación de parte dos coñecidos como ‘puntos de tantos alzados’ por modernos contadores que permiten a facturación real e que se pague pola enerxía consumida en realidade.

O tenente de alcalde, Manuel Carrera, amósase “especialmente orgulloso” de ter cumprido o abxectivo que se fixara a principios do actual mandato, hai preto de tres anos, e adianta que a inversión de 1 millón de euros nos vindeiros meses, cantidade solicitada ao Instituto para a Diversificación e Aforro de la Enerxía (IDAE) para rematar, coa “alegalidade, logo de 30 anos”, dos ‘tantos alzados’, e rematar a “legalización total” de todos os puntos de subministro e a extensión das luminarias tipo led a todas as parroquias do concello.

‘Plan Concellos 2016’ da Deputación

Manuel Carrera subliña que con cargo ao Plan Concellos 2016, da Deputación de Pontevedra, colocáronse, en total, 467 luminarias novas de 30 e de 60W, delas 96 en Torneiros, 176 en Budiño, 84 en Mosende, e 111 en Pontellas, ás que hai que engadir as preto de 400 nos polígonos industriais- PPI 6, PPI7, A Granxa e As Gándaras-.

Estes novos focos teñen unha vida útil, media, de 60.000 horas, un custo mínimo en mantemento, ofrecen un alumeado de 110 lumens por watt, “mantendo os niveis de luminosidade nesta zona tan transitada”, recortan o consumo de máis de 220.000 Kilowatios/Hora a 82.000 e, “e o máis importante: reducen en máis de 80 toneladas as emisións de CO2 á atmosfera”.

 Novas caldeiras de biomasa

O aforro e a redución da contaminación complétanse coa posta en funcionamento das novas caldeiras de biomasa instaladas polo Goberno local en 11 dependencias da vila, entre elas o propio Concello ou o Pavillón Municipal do Deporte-como tivo ocasión de comprobar hai xa un ano o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen felicitara ao Concello por esta iniciativa-.

As novas caldeiras, indica Manuel Carrera, “están a aforrarnos preto de 20.000€ anuais no recibo de enerxía e teñen evitado xa, en este ano, a emisión de 142 toneladas de CO2 ao aire”.

A Concellería de Vías e Obras impulsa un dos traballos máis importantes do mandato actual para que o saneamento chegue a 200 casas de budiño nun prazo de 4 meses

A vindeira semana empezan na parroquia de Budiño un dos traballos máis importantes do mandato do actual Goberno local do Porriño que permitirán a conexión á Rede Municipal de Saneamento de máis de 200 casas.

Os mesmos, impulsados pola Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, serán acometidos por Augas de Galicia, co-financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural de Galicia (FEADER) e permitirán que a rede do saneamento chegue aos barrios da Cruz, Vaquería, Vitureira e se espallen ata o torreiro da Forna, en Budiño.

Trátase dunhas obras longamente desexadas por veciños desta parroquia que, subliña Manuel Carrrera, “nalgún caso levan agardando dez anos” para conectar as súas vivendas á rede municipal de saneamento e tamén por aqueles que queiran trasladarse a esta parroquia e que agora poderán facelo sen necesidade de ter que construír un pozo séptico.

Carrera, que o xoves pasado mantivo unha xuntanza en Santiago de Compostela co director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez para darlle pulo a este proxecto, lembra que o mesmo, “que finalmente será unha realidade, data de de xaneiro de 2014, aprobárase polo Pleno do Concello daquela e, por motivos que non teñen explicación, fora esquecido”.

Hoxe,cun orzamento total de 425.000€ e un período de execución de 4 meses se fai realidade e fará posible levar o saneamento a preto de 1.000 veciñas e veciños, “continuando co propósito de que a rede municipal de saneamento chegue a todo O Porriño”.

A Concellería de Vías e Obras segue adiante co seu obxectivo de levar o saneamento a todo O Porriño e en 15 días rematará os traballos de conexíon á Rede Municipal de Saneamento de varias vivendas de San Pelayo, en Pontellas

Seis vivendas máis de San Pelayo, na parroquia de Pontellas, poderán conectarse á Rede Municipal de Saneamento en apenas 15 días, prazo no que estarán rematadas as obras que a Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, está realizando neste lugar.

As mesmas son “un paso máis do esforzo realizado polo Goberno local para levar o saneamento a todo O Porriño”, un obxectivo que “para nós é absolutamente prioritario”, salienta Carrera.

No caso destes traballos, os mesmos consisten na colocación dun total de 190 metros lineais de tubaxes para o saneamento, 10 metros de colectores para recollida de pluviais e 6 pozos de saneamento, cun investimento de 15.000 €, “cuberto con fondos municipais”.

Manuel Carrera engade que en cando estean rematadas as obras de tendido do saneamento, “levaremos a cabo o asfaltado con cargo a unha subvención da Consellería do Medio Rural”, subvención que abrangue todo o territorio de San Pelayo.

A Concellería de Vías e Obras acomete a mellora da seguridade vial do PPI-VII e do Polígono da Granxa coa renovación da totalidade da sinalización horizontal e vertical

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, está a acometer as obras de renovación da seguridade vial do Polígono de A Granxa e do PPI VII, co pintado da sinalización horizontal e a substitución da sinalización vertical nos mesmos.

Na actualidade estas vías atópanse, en xeral, en mal estado de conservación, coas marcas viais case totalmente borradas e os sinais verticais, ou ben moi deteriorados ou, directamente, inexistentes, o incide na seguridade dos vehículos e peóns”, subliña Manuel Carrera.

O obxecto destes traballos, que contarán cun orzamento aproximado duns 70.000€ e un período total de execución duns dous meses, abrangue a mellora integral da sinalización horizontal, coa delimitación de illas, carrís e pasos de cebra, e a renovación total dos sinais verticais, “tendo coma eixe esencial a seguridade vial á que se suma a reordenación do tráfico e a mellora da fluidez do mesmo”.

Manuel Carrera salienta que para completar a sinalización seguíronse os criterios establecidos polo Ministerio de Fomento e a Dirección Xeral de Obras Públicas e engade que o labor comprende o vial principal que conecta a parte norte e sur do PPI-VII coa estrada provincial EP-2405, así coma outra estrada anular na parte sur e, no que se refire ao Polígono de A Granxa, un total de 5,5 quilómetros de lonxitude das rúas  Paralela 3, de 1.950 metros-, rúa As Gándaras-1.020 m.-, Cíes-490 m.-Ons-200 m.- San Simón-250 m.-Sisagras-280 m.-Sálvora-120 m.-Tambo-550 m- e A Tolda-270 metros-.