A Concellería de Vías e Obras vén de rematar no lugar da Lomba, no barrio de Vitureira, na parroquia de Budiño, a reforma integral da estrada que pasa por esta zona, “cumprindo cunha vella demanda dos residentes nesta parte do Porriño”.

O tenente de alcalde, Manuel Carrera, subliña que este proxecto, financiado na súa totalidade con cargo ao ‘Plan Concellos 2017’ da Deputación de Pontevedra, foi posible “grazas a cesión voluntaria e de balde por parte de varios veciños de parte das súas fincas para poder ampliar a calzada”.

A mesma pasou dun ancho de 3,5 ou 4 metros, nalgún treito, a 7,5 e 8 metros, nunha actuación sobre 500 metros lineais, na que ademais do asfaltado, “que non se realizaba dende hai máis de 30 anos”, levouse a cabo a instalación dun novo colector de saneamento, que completa o existente, con 168 metros de tubaxes de pvc de 350 milímetros, con acometidas a vivendas con 290 metros de mangueiras de auga e recollidas de pluviais, amais da reconstrución dos muros de peche das fincas.

Manuel Carrera subliña o “compromiso deste  Goberno local e, particularmente o meu, coa mellora das comunicacións das parroquias e con proxectos que permitan facer chegar a todas elas a rede de saneamento e abastecemento municipal”.

O tenente de alcalde agradece “moi especialmente, a súa xenerosidade ás veciñas e veciños de Vitureira que cederon parte das súas fincas para que esta nova estrada ampliada e todas as melloras que abrangue sexa unha realidade”.