A Deputación de Pontevedra vén de iniciar nesta semana as obras da nova glorieta de ordenación do tráfico no cruce  da intersección da estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño con dúas vías municipais no lugar de A Costeira.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, xa están derrubadas a antiga marquesiña de autobús e os galpóns expropiados para ampliar a zona de actuación, e tamén se están a realizar estudos sobre as canalizacións existentes na zona co que o persoal técnico denomina unha ‘toupeira’. Estímase, segundo o nacionalista, que se non se producen complicacións a obra poderá estar rematada no mes de xullo.

O concelleiro de Vías e Obras Manuel Carrera, que estivo visitando os traballos, subliña que os mesmos comezan logo de ser “longamente demandados por veciñas e veciños desta zona” e lembra que xa pedirá ao anterior goberno da Deputación, “sen que nos fixeran caso”, que acometeran esta obra.

Carrera agradece aos actuáis responsábeis do organismo provincial que tomaran en conta a reivindicación do Porriño, e salientou que ista é unha actuación “moi necesaria” dada a perigrosidade deste lugar , con “moi pouca visibilidade” e dificultades para circular sen correr riscos.

Hai que lembrar que as obras en A Costeira estaban paralizadas debido a que no momento en que a empresa adxudicataria, Construcciones Vale SL, asinara o contrato e pressentara a acta de replantexamento había unha climatoloxía moi adversa debido á chuvia. Unha vez mellorou o tempo a actuación comezou tan pronto a empresa estivo dispoñible.

O orzamento global do proxecto ascendeu a 220.336,36€, sendo 21.534 para expropiacións e o resto á execución da obra. Finalmente a licitación pechouse por un prezo menor: 132.719,68€.

Os traballos consisten na instalación dunha nova glorieta para reordenar o tráfico, suavizar o trazado e mellorar as condicións de visibilidade e manobra dos vehículos. Foi necesario ocupar dúas parcelas privadas e unha municipal, e víronse afectadas dúas construcións, un alpendre-almacén e unha marquesiña de bus na parcela municipal, cuxa demolición e nova instalación se incluíu no orzamento do proxecto.

Urbanizarase a zona con novas beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitaranse pasos de peóns e a limitación específica de velocidade baixará de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se instalarán oito novas luminarias tipo led que garantirán a correcta visibilidade na intersección.