A vindeira semana empezan na parroquia de Budiño un dos traballos máis importantes do mandato do actual Goberno local do Porriño que permitirán a conexión á Rede Municipal de Saneamento de máis de 200 casas.

Os mesmos, impulsados pola Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, serán acometidos por Augas de Galicia, co-financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural de Galicia (FEADER) e permitirán que a rede do saneamento chegue aos barrios da Cruz, Vaquería, Vitureira e se espallen ata o torreiro da Forna, en Budiño.

Trátase dunhas obras longamente desexadas por veciños desta parroquia que, subliña Manuel Carrrera, “nalgún caso levan agardando dez anos” para conectar as súas vivendas á rede municipal de saneamento e tamén por aqueles que queiran trasladarse a esta parroquia e que agora poderán facelo sen necesidade de ter que construír un pozo séptico.

Carrera, que o xoves pasado mantivo unha xuntanza en Santiago de Compostela co director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez para darlle pulo a este proxecto, lembra que o mesmo, “que finalmente será unha realidade, data de de xaneiro de 2014, aprobárase polo Pleno do Concello daquela e, por motivos que non teñen explicación, fora esquecido”.

Hoxe,cun orzamento total de 425.000€ e un período de execución de 4 meses se fai realidade e fará posible levar o saneamento a preto de 1.000 veciñas e veciños, “continuando co propósito de que a rede municipal de saneamento chegue a todo O Porriño”.