Se doas sangue o vindeiro venres, día 23, no Porriño podes levar unha camiseta do Celta

ADOS e a Federación Galega de Donantes desenvolven unha campaña informativa do 19 marzo ao 15 de abril entre socios e simpatizantes do Dépor e do Celta en toda Galicia.

Todas as persoas que doen sangue nas 10 unidades móbiles e nos 7 locais de doazón terán o agasallo dunha camiseta solidaria do Dépor ou dunha do Celta durante ese período, ata rematar existencias -5.000 camisetas do Celta e 5.000 do Dépor-.

Estas camisetas do Celta e do Dépor non se poden mercar e soamente pódense obter achegándose a doar sangue nese período.

Hai que lembrar que o vindeiro venres, día 23, unha Unidade Móbil de doazón de sangue estará no Porriño, na rúa Domingo Bueno,-diante da Cafetería “Scala”- dende as 10 da mañá ás 2 e media da tarde e de 4 a 9 da noite.

Non esquezas que para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas; ademáis hai que levar a tarxeta de doador, DNI ou documento semellante e un informe médico se estás a tomar algún medicamento.

#8MFolgaFeminista Centos de persoas apoian o paro das mulleres este 8 de marzo no Porriño

Centos de persoas saíron á rúa no Porriño para dar o seu apoio á folga total e aos paros parciais convocados este xoves, día 8 de marzo, coincidindo co ‘Día Internacional da Muller’ e que levaron a manifestarse en toda Galicia a ducias de milleiros de cidadáns.

A  concentración do Porriño, un dos 40 concellos de Galicia que se sumara a este chamamento, baixo o lema ‘Se nós paramos todo para’, fora convocada pola Concellería de Igualdade, dirixida por Soledad Girón, e a propia alcaldesa, hai varios días, en distintas manifestacións e declaración aos medios informativos, xa adiantara que ela este xoves faría folga e non traballaría.

Eva García de la Torre, quen interviu no acto, o mesmo que a concelleira de Igualdade, subliñou a “xustiza” desta xornada de paro feminino e salientou a importancia da muller en todos os eidos da sociedade, dende a cultura, á economía, dende o ensino, ao benestar, dende a historia á xustiza, dende os trabalos remunerados a aqueles que non o están e  esixiu que “se nos valore igual que os homes”.

A alcaldesa, que referiuse á súa propia experiencia coma profesional da avogacía e coma responsable pública, reiterou que “si paramos as mulleres paralizamos este país, por iso temos que demostrar a importancia que temos e facer que se vexa que é así”.

#ParamosTodas A Concellería de Igualdade do Porriño chama a todas as veciñas a participar na ‘Folga de Mulleres’ deste xoves, 8 de Marzo

A Concellería de Igualdade, que dirixe Soledad Girón, chama a participar este vindeiro xoves, Día Internacional da Muller, nunha concentración na Praza de Antonio Palacios, ás 12:30 horas, coma acto de apoio á folga de mulleres convocada para ese día.

Soledad Girón reitera que esa concentración será, dentro da programación que está en marcha co gallo do Día Internacional da Muller, o único acto oficial impulsado o día 8 co obxectivo de facilitar que “as mulleres que poidan ir á folga o fagan…haberá outras que non estean en condicións, ben porque os seus ingresos non lles permitan deixar de cobrar ese día ou porque teñen que atender a unha persoa dependente, de xeito que aquelas que sí podemos apoiar a folga a apoiaremos, tamén no seu nome”.

Tal e como adiantara, a alcaldesa seguirá o paro e pide “o meirande apoio” para o mesmo porque “todas nós temos argumentos dabondo para sumarnos a esta xornada de folga”, por iso, Eva García de la Torre non traballará o vindeiro xoves, tal e como anunciara publicamente.

O Porriño lidera, por detrás de Vigo, a baixada do paro en febreiro na Área Metropolitana viguesa

O Porriño lidera, so por detrás de Vigo,a baixada do paro en febreiro na Àrea Metropolitana viguesa. A finais do pasado mes pasado había na vila 1.666 persoas desempregadas, 168 menos que en febreiro de 2017.

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a  taxa de desemprego situouse no Porriño no 17,9%, en total 5,2 puntos menos que no inicio da xestión do actual Goberno Local cando 2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo,473 máis que na actualidade.

En relación co mes de febreiro de 2017, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.834 a 1.666, o que supón que hai 168 traballadoras e traballadores máis no concello: en so un ano o paro caeu en 2,5 puntos.

A alcaldesa, Eva García de la Torre subliña, unha vez maís a necesidade de seguir adiante coas medidas adoptadas pola Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Giró, grazas as que hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou incorporáronse ao mesmo.

Os actos do ‘Día da Muller’ no Porriño estarán centrados nas novas xeracións cun programa desenrolado baixo o lema ‘Construíndo Futuro’

O acto central da celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, no  Porriño non será o 8 de marzo. A concelleira de Igualdade, Soledad Girón sinala que ese día so haberá unha concentración, ás 12 e media, porque a intención é que “as mulleres que poidan ir á folga poidan facelo…haberá outras que non estean en condicións, ben porque os seus ingresos non lles permitan deixar de cobrar ese día ou porque teñen que atender a unha persoa dependente, de xeito que aquelas que sí podemos facer folga a faremos, tamén no seu nome”.

Este 2018 o lema deste día será ‘Construíndo futuro’ porque a intención é que estea centrado nas novas xeracións, “nas mulleres que rematan a súa formación, ás que entran no mercado laboral e empezan a asumir responsabilidades”, sinala a concelleira, para quen ademais das xustas reivindicacións, este día ten que ser de “celebración por todo o conquerido ata hoxe”.

O programa empezará o mércores, día 7, ás 7 e media da tarde, no Centro Cultural Municipal co monólogo de Stephanie Llayora ‘Eu quero ser galega’; o venres, día 9, será a hora do espectáculo musical ‘De Vacas’, ás 8 e media da tarde, no Centro Recreativo e Cultural.

A programación rematará o martes, día 13, ás 5 da tarde-no Centro Cultural Municipal coa charla ‘Amor e sexo na Rede ¿A pornografía coma nova educación sexual’, a cargo de Mercedes Oliveira, Catedrática de Filosofía, e Amada Trabada, docente da Universidade de Vigo e socióloga.

Campamentos Deportivos ‘Príncipe Felipe 2018’ organizados pola Deputación

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do  Concello do Porriño informa que está aberto, a ta o vindeiro 23 de marzo, o prazo de solicitude para o campamento polideportivo Príncipe Felipe 2018 organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Este campamento está destinado a nenas e nenos nados entre os anos 2004 e 2011 (ambos os doús incluídos), con domicilio  habitual en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra.

Establécense  as seguintes  quendas:

  •   Primeira quenda: do 9 de xullo ao 14 de xullo
  •   Segunda quenda: do 16 de xullo ao 21 de xullo
  •   Terceira quenda: do 23 de xullo ao 28 de xullo
  •   Cuarta quenda: do 6 de agosto ao 11 de agosto
  •   Quinta quenda: do 13 de agosto ao 18 de agosto
  •   Sexta quenda: do 20 agosto ao 25 agosto

O prezo é de 125€ por nena ou neno.

Saúde Mental Feafes, colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, desprazarase a O Porriño para prestar os seus servizos

Saúde Mental Feafes Galicia, prestará o seus servizos no despacho que vén de poñer á súa disposición,  no Multiusos de Torneiros, a Concellería de Emprego, Igualdade e Servizos Sociais, que dirixe Soledad Girón.

Un técnico especializado realizará accións de información, orientación e asesoramento para a busca de emprego, diagnóstico e determinación do perfil profesional do demandante, deseño e xestión de Itinerarios Personalizados de Inserción, motivación, intermediación laboral con empresas e, en  resumo, todas aquelas actuacións que favorezan a inserción laboral das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Saúde Mental Feafes Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que defende os dereitos das persoas con problemas de saúde mental tratando de mellorar a súa calidade de vida e a dos seus familiares. Entre os seus servizos, Feafes Galicia ofrece orientación laboral especializada onde se atende a demandantes de emprego cunha enfermidade mental co obxectivo de mellorar a súa situación no mercado laboral.

As persoas que desexen ser atendidas poden solicitar unha cita previa, a través do número de teléfono  986 485 784, ou ben medio dos Servizos de Emprego ou Sociais do Concello. 

Ademais para realizar calquera consultan teñen ao seu dispor a oficina de Feafes en Vigo a través do teléfono 986 485 784 ou do enderezo electrónico feafesvigo@feafesgalicia.org.

O paro baixou no Porriño en decembro por noveno mes no ano 2017 e a finais de ano traballaban 521 persoas máis que cando o actual Goberno local empezara a súa xestión

O paro descendeu por cuarto mes consecutivo no Porriño e a finais do pasado mes de decembro había na vila 1.618 persoas desempregadas, un dato que non se coñecía dende hai unha década.

Segundo os datos publicados este mércores polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a taxa de desemprego situouse no Porriño no 17,4%, en total 5,6 puntos menos que no inicio da xestión do actual Goberno Local cando 2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo, 521 máis que na actualidade.

En relación co mes de decembro de 2016, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.844 a 1.618, o que supón que hai 226 traballadoras e traballadores máis no concello: en so un ano o paro caeu en máis de 2,5 puntos.

A alcaldesa, Eva García de la Torre subliña a importancia das medidas que se están a tomar dende a Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Girón,entre elas o programa ‘Porriño Accede’, baseado en convenios asinados entre o Concello e empresas da vila, grazas ao cal hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou empezaron a traballar.

Tamén están a facilitar o descenso do paro os ‘Plans de Emprego’, posibles grazas ao investimento de máis de 600.000€ de fondos municipais, e os acordos con outras administracións, obtendo axudas e subvencións que tiveron coma destino accións que serviron para incrementar as probabilidades de empregabilidade das veciñas e veciños do Porriño, e pon coma exemplo o recen aprobado ‘Plan Integrado de Emprego para Mulleres’ (PIEM), que conta cunha importantes achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Empezaron os Campamentos de Nadal no Porriño

Preto de 40 nenas e nenos porriñeses, de entre 5 e 12 anos de idade, participan dende este venres, 22 de decembro, e ata o vindeiro 4 de xaneiro, no ‘Campamento de Nadal’, organizado polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Igualdade que dirixe Soledad Girón, e co-financiado pola Deputación de Pontevedra.

O obxectivo do mesmo, coma lembra a concelleira, é o “facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños”, o mesmo que os que se organizan no verán e, ao mesmo tempo, permitir o entretemento das cativas e cativos nestas datas, coa súa participación en actividades de lecer, coma xogos, a elaboración dun mural sobre o Nadal ou, coma no primeiro día, recibir a visita de Papá Noel.