A alcaldesa do Porriño apoia e seguirá a folga de mulleres convocada para o vindeiro día 8 de marzo e pide “o meirande apoio” porque “todas nós temos argumentos dabondo para sumarnos a ela”.

Eva García de la Torre salienta a importancia da muller en todos os eidos da sociedade, dende a cultura, á economía, dende o ensino, ao benestar, dende a historia á xustiza, dende os trabalos remunerados a aqueles que non o están e “temos que estar valoradas igual que os homes”.

García de la Torre amósase segura de que  se paran as mulleres autónomas, as que desenrolan o seu labor na xustiza, as que traballan por conta allea, as que están na sanidade, á fronte de empresas, as que traballan na casa, as que están en postos de decisión en distintas administracións, as que coidan a persoas con discapacidade, as funcionarias, as que imparten clases nos colexios, institutos e na universidade ou as investigadoras, “paralizamos este país, por iso temos que demostrar a importancia que temos e facer que se vexa que é así”.

A alcaldesa afirma que o día 8 non traballará e “pedirei que se me desconte da nómina ese día coma non traballado por estar en folga”.