16 porriñesas e porriñeses en situación de desemprego realizarán durante 6 meses un obradoiro remunerado de Atención Socio-Sanitaria a domicilio e a institucións

Dezaseis veciñas e veciños do Porriño en situación de desemprego empezan o  luns, 1 de outubro, un obradoiro de emprego de garantía xuvenil, remunerado, de 6 meses de duración, impulsado polo Concello en colaboración coa Xunta de Galicia.

O obradoiro, como sinalou a súa directora na presentación do mesmo, abrangue formación teórica e práctica sobre Atención Socio-sanitaria a Domicilio e a Institucións, durante un período de medio ano no cal os participantes cobrarán o salario mínimo interprofesional-que para este 2018 está establecido en 735,90€- e ao remate recibirán una Certificación Profesional.

No acto de presentación, a concelleira de Emprego, Soledad Girón, subliñou que esta formación abre as portas de futuros traballos e animou ás e os participantes a que aproveiten esta oportunidade que pode ser un paso importante de cara á integración no mercado laboral.

https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/568094380315246/

A alcaldesa, Eva García de la Torre, asegurou que  atención socio-sanitaria “é xa e aínda o será máis no futuro, unha das áreas nas que haberá máis saídas profesionais, considerando o aumento da esperanza de vida e o feito de que os organismos e institucións públicas queremos estender ese ‘Estado do Benestar’ de xeito que acolla a todas e todos os cidadás”.

Pinchonen@ este sábado co ‘Obradoiro de chocolates e galletas’ da cociñeira e blogueira Inés Carcacía

Este sábado, día 15, as actividades do Pinchonen@ comezaron ao mediodía cun ‘Obradoiro de chocolates e galletas’, coa famosa cociñeira e blogueira Inés Caracía, na que as rapazas e rapaces participantes aprenderon a facer estesalimentos;  ás 6 da tarde está un Show Cooking, impartido por Miri e as 9 da noite Photocall, todo coa participación de Noemí Fernández.

As persoas interesadas en seguir case en directo as actividades e o minuto a minuto deste ‘Pinchonen@’ poden facelo entrando no seu perfil de Facebook, creado para esta ocasión, www.facebook.com/pinchonenao.

A concelleira de Igualdade e Benestar pecha os Campamentos de Verán, que este ano estiveron subvencionados pola Deputación de Pontevedra e nos que participaron 240 nenas e nenos do Porriño

A concelleira de Benestar e Igualdade, Soledad Girón, entregou os diplomas ás nenas e nenos que participaron nos Campamentos de Verán do Concello, este ano. En total, sinala a concelleira, foron 240 participantes que puideron gozar durante 6 semanas de actividades coma xogos, deportes, excursións, ou saídas ao Museo do Mar de Galicia ou á Praia de Alcabre, en Vigo.

Este ano os campamentos, baixo o nome de ‘Leo e as viaxes polo tempo’, estiveron subvencionados pola Deputación de Pontevedra e tiveron coa obxectivo principal, subliña Soledad Girón, “ofrecer unha alternativa de lecer e tempo libre ás nenas e nenos do Porriño durante o verán e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación da vida familiar e laboral ás porriñesas e porriñeses”.

Os campamentos, que se desenrolaron entre o 2 de xullo e o pasado 10 de agosto, estiveron a  abertos a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos de idade– nados entre 2006 e 2013-, que puideron elixir ata 6 quendas distintas: a 1ª.- do 2 ao 6 de xullo; 2ª.- do 9 ao 13 de xullo; 3ª.- do 16 ao 20 de xullo; 4ª.- do 23 ao 27 de xullo; 5ª.- do 30 de xullo ao 3 de agosto e 6ª.- do 6 ao 10 de agosto.

Unha unidade da Axencia de Doazon de Sangue estará no Porriño o xoves, día 28 e o venres, 29 de xuño

A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia.

Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

Unha destas unidades móbiles desprazarase ata O Porriño e estará diante da Cafetería ‘Scala’, na rúa Domingo Bueno, o vindeiro xoves , día 28 de xuño, e o venres, 29, de 16:00 ás 21:00 horas.

Ainda hai prazas para a ‘2ª Andaina dos Sentidos’ que, finalmente, será o vindeiro domingo 1 de xullo

A ‘2ª Andaina dos Sentidos’, programada para o pasado día 10 de xuño e que finalmente tivera que ser aprazada por mor do mal tempo, xa ten nova data: será o vindeiro domingo 1 de xullo.

Hai que lembrar que a mesma forma parte do ‘Proxecto de Prevención de Drogo-dependencias 2018-2019’, que está impulsada pola concellería de Formación e Emprego de Salceda de Caselas, que dirixe Loli Castiñeira, e pola de Benestar, Emprego e Igualdade do Porriño, que ten á fronte a Soledad Girón, e que conta coa subvención da Xunta de Galicia.

As familias de Salceda de Caselas e do Porriño que queiran participar nesta andaina que descorrerá polo medio da natureza, aínda poden inscribirse chamando ao teléfono  679151574.

Aberto o prazo para inscribirse na ‘2ª Andaina dos Sentidos’ que impulsan os Concellos do Porriño e Salceda de Caselas e que conta coa subvención da Xunta

A concelleira de Comercio, Formación e Emprego de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e a responsable da área de Benestar , Emprego e Igualdade do Porriño, Soledad Girón, presentaron este luns a ‘II Andaina dos Sentidos’, que será o vindeiro domingo, día 10 de xuño.

Esta iniciativa, que forma parte do ‘Proxecto de Prevención de Drogodependencias 2018-2019’, que conta coa subvención da Xunta de Galicia, arrincou con programas coma ‘Cinensino’, nos centros educativos, abrangue diversos programas que levaranse adiante ao longo deste e do vindeiro curso, con iniciativas coma programas de prevención para autoescolas, formación de mediadores ou programas para centros escolares de Primaria e Secundaria, entre outros.

As familias de Salceda de Caselas e do Porriño que queiran participar nesta andaina que descorrerá polo medio da natureza, poden inscribirse chamando ao teléfono  679151574. Dende os dous concellos lembran que o número de prazas é limitado.

@depo_es organiza este luns, día 28 de maio, no Porriño, ‘Maior seguridade’, dirixida a persoas usuarias de Teleasistencia Domiciliaria

A Deputación de Pontevedra organiza para este luns, ás 11 e media da mañá, no salón de actos do Centro Cultural do Porriño a segunda das actividades socioculturais previstas para este ano e dirixidas ás persoas usuarias do servizo de Teleasistencia Domiciliaria.

Nesta ocasión, a Deputación preparou unha charla informativa titulada “Maior Seguridade” dirixida a  máis de 40 persoas dos concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui.

“Maior Seguridade” será impartida por persoal especializado da Garda Civil que explicará ás persoas asistentes cuestións relacionadas coa prevención de actos de delincuencia enfocados á terceira idade, proporcionando técnicas tanto para detectalos como para reaccionar fronte a eles dentro e fóra do domicilio.

Na actualidade, o servizo de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación de Pontevedra atende a un total de 523 persoas de 45 concellos da provincia. Esta iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida.

Ao longo do 2017 atendéronse un total de 4.735 alarmas (cun tempo medio de atención de 10,6 segundos e de resolución de incidencias de 1 minuto e 28 segundos) desde os terminais. Por número de chamadas destacan as persoas usuarias dos concellos de Tomiño, con 358; O Porriño, con 327; Mos, con 299; O Grove, con 258 e Sanxenxo, con 232 chamadas.

Dende este xoves, día 10 de maio, está aberta a inscrición para os Campamentos de Verán do Concello que, un ano máis, estan co-financiados pola Deputación de Pontevedra

Dende este xoves, día 10 de maio, está aberto o prazo de inscrición para os Campamentos de Verán do Concello do Porriño, que baixo o nome de ‘Leo e as viaxes polo tempo’, ten coma obxectivo, tal e como sinala a concelleira de Benestar e Igualdade, Soledad Girón, “ofrecer unha alternativa de lecer e tempo libre ás nenas e nenos do Porriño durante o verán e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación da vida familiar e laboral ás porriñesas e porriñeses”.

Os campamentos, que están co-financiados pola Deputación de Pontevedra, abranguen do 2 de xullo ao 10 de agosto e están abertos a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos de idade- nados entre 2006 e 2013-.

As quendas para os mesmos serán: 1ª.- do 2 ao 6 de xullo; 2ª.- do 9 ao 13 de xullo; 3ª.- do 16 ao 20 de xullo; 4ª.- do 23 ao 27 de xullo; 5ª.- do 30 de xullo ao 3 de agosto e 6ª.- do 6 ao 10 de agosto.

As inscricións poden facerse desde este mesmo xoves no Centro de Información á Muller (CIM), no 3º andar do Concello, de 9 da mañá a 2 da tarde. Para máis información as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 986 337 429.

O Concello e Viza Automoción colaboran para a formación dun grupo de mulleres de cara á sua incorporación a esta compañía

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade, Soledad Girón, visitaron a planta de Viza Automoción, radicada no Polígono de As Gándaras, logo do acordo acadado para a formación, por parte de Viza, dun grupo de mulleres desempregadas de cara a súa posible incorporación coma soldadoras a esta compañía.

Viza é unha empresa punteira no deseño e fabricación de estruturas metálicas de asentos para a industria do automóbil, de capital cento por cento galego, integrada por 500 traballadores e traballadoras na súa planta do Porriño e que subministra os seus produtos a grupos tan importantes coma PSA Peugeot Citroën, Audi, Renault, Volkswagen, Mercedes, Toyota ou Porsche.

Este grupo de mulleres, que están en situación de desemprego, recibirá formación teórica e, principalmente, práctica, nas instalacións da empresa, formación que é o cerne das accións do  Plan Integrado de Emprego para Mulleres (PIEM), co-financiado cun total de 255.000€ pola  Xunta de Galicia e o Concello do Porriño, e que ten coma obxectivo  a mellora a incorporación no mercado laboral das porriñesas que están na procura de emprego.