O acto central da celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, no  Porriño non será o 8 de marzo. A concelleira de Igualdade, Soledad Girón sinala que ese día so haberá unha concentración, ás 12 e media, porque a intención é que “as mulleres que poidan ir á folga poidan facelo…haberá outras que non estean en condicións, ben porque os seus ingresos non lles permitan deixar de cobrar ese día ou porque teñen que atender a unha persoa dependente, de xeito que aquelas que sí podemos facer folga a faremos, tamén no seu nome”.

Este 2018 o lema deste día será ‘Construíndo futuro’ porque a intención é que estea centrado nas novas xeracións, “nas mulleres que rematan a súa formación, ás que entran no mercado laboral e empezan a asumir responsabilidades”, sinala a concelleira, para quen ademais das xustas reivindicacións, este día ten que ser de “celebración por todo o conquerido ata hoxe”.

O programa empezará o mércores, día 7, ás 7 e media da tarde, no Centro Cultural Municipal co monólogo de Stephanie Llayora ‘Eu quero ser galega’; o venres, día 9, será a hora do espectáculo musical ‘De Vacas’, ás 8 e media da tarde, no Centro Recreativo e Cultural.

A programación rematará o martes, día 13, ás 5 da tarde-no Centro Cultural Municipal coa charla ‘Amor e sexo na Rede ¿A pornografía coma nova educación sexual’, a cargo de Mercedes Oliveira, Catedrática de Filosofía, e Amada Trabada, docente da Universidade de Vigo e socióloga.