‘Motivación’, primeiro dos cursos do ‘Plan de Inclusión Social da Poboación Xitana’ organizado no período formativo 2017-2018 pola Concellería de Benestar Social

16 persoas, integrantes do ‘Colectivo Machado’, acudiron ao curso de ‘Motivación’, impartido no Centro Multiusos Municipal de Torneiros no que é o primeiro dos cursos do período formativo 2017-2018 do ‘Plan de Inclusión Social da Poboación Xitana’.

O curso, organizado pola Concellería de Benestar Social, que dirixe Soledad Girón, e financiado con Fondos Europeos, é o primeiro dos programados nos que haberá tamén formación en Vivenda e Perruquería, ademais de clases de Apoio Escolar e Alfabetización de Adultos.

O obxectivo dos mesmos, sinala a concelleira, é a “normalización das condicións de vida das xitanas e xitanos pertencentes a este colectivo, de orixe portugués, fomentando a integración a muller xitana e a igualdade de oportunidades”.

#PorriñoSolidario Podes axudar a outras persoas doando sangue

Unha unidade móvil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) desprazarase ata O Porriño os días 26 e 27 deste mes de decembro e estará de 10:00 ás 14:30 horas e de 16:00 ás 21:00 horas diante da Cafetería ‘Scala’, na rúa Domingo Bueno.

A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia.

Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

Salceda, Ponteareas, Mondariz, As Neves, Mos e Porriño únense para impedir o despido de 140 traballadores, ou todos os empregados de Maderas Iglesias

Os alcaldes de Salceda, Marcos Besada, Ponteareas, Xosé Represas, Mondariz, Xoán Carlos Montes, As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o tenente de alcalde de Mos, Camilo Augusto Martínez, mantiveron este luns unha xuntanza, no Concello do Porriño, con representantes do Comité de Empresa de Maderas Iglesias, e dos sindicatos CIG, CCOO e UXT, que trasladaron aos rexedores que a empresa comunicoulles a apertura dun expediente de extinción de 140 contratos-ou de todos eles, preto de 300- o vindeiro día 12 de xaneiro.

Ante esta situación, os alcaldes e alcaldesa veñen de solicitar un encontro ao máis alto nivel, con representantes da Xunta de Galicia, acompañados polos membros do Comité de Persoal, de cara a evitar a eliminación destes empregos- ou da totalidade deles-e o peche dunha empresa que consideran parte dun sector estratéxico para a economía galega como é o da madeira.

Os alcaldes e a alcaldesa, coñecedores do interese da Xunta en evitar a eliminación destes empregos, considerando que a a empresa recibiu no seu día fondos públicos por medio do IGAPE e lembrando que todos os grupos do Parlamento de Galicia aprobaron unha iniciativa apoiando tomar a iniciativa para facer viable Maderas Iglesias, piden ao Goberno de Galicia que nesta situación de extrema gravidade para a continuidade desta firma, fagan efectivos os termos desta iniciativa e preste as garantías posibles e necesarias para manter os empregos.

Protección Civil do Porriño recibe da Xunta de Galicia un novo remolque que servirá para completar o material de emerxencias que manexa a diario este servizo

Manuel Carrera, tenente de alcalde do Porriño recibiu, en nome do Concello e de mans da Vicepresidencia do Goberno de Galicia, un novo remolque para o Servizo de Emerxencias e Protección Civil do Porriño.

O remolque inclúe unha electro-bomba somerxible, unha motobomba para augas residuais, un xerador de electricidade portátil de gasolina, unha motoserra, unha rozadora, unha torre de iluminación e kit de balizamento e sinalización todos estes elementos con todos os complementos de seguridade necesarios para una correcta utilización.

Carrera, que estivo acompañado por responsábeis de Protección Civil do Porriño, salientou o “importantísimo traballo, altruísta e desinteresado e constante” dos integran deste servizo que, subliñou, contribúen a garantir a seguridade e tranquilidade das porriñesas e porriñeses en cooperación co traballo que levan a cabo outros servizos profesionais de emerxencias.

En marcha o ‘Plan Integrado de Emprego para Mulleres’ (PIEM) que permitirá que 85 porriñesas se formen e opten a un posto de traballo

Un total de 85 mulleres desempregadas, veciñas do Porriño, terán a oportunidade de formar e optar a un posto de traballo grazas ao ‘Plan Integrado de Emprego para Mulleres’ (PIEM), posto en marcha polo Concello do Porriño e o Goberno de Galicia.

O Plan conta cun orzamento total de 255.000€, dos cales a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega 204.000€ e a Concellería de Emprego do Porriño, 51.000 para facilitar que as mulleres que participen neste plan realicen formación e prácticas en distintas empresas, 7 das cales xa amosaron o seu interese en participar nesta iniciativa.

A concelleira de Emprego, Soledad Girón subliña que o obxectivo do ‘Plan Integrado de Emprego para Mulleres’ é, “coma todas as medidas e proxectos que estamos desenrolando dende o Goberno municipal, a de reducir a taxa de desemprego no Porriño e en especial o que padecen as mulleres”.

Para conquerilo, se realizarán accións de orientación laboral, formativas, con prácticas en empresas, “que permitirán mellorar as competencias profesionais das participantes neste plan e chegar á súa inserción no mercado de traballo”.

Para que esta finalidade sexa máis doada de acadar, as beneficiarias do Programa gozarán de “medidas que permitan conciliar o seu aprendizaxe coa súa vida familiar, coma acceso ao servizo de gardería”, indica a concelleira de Emprego.

Para participar no ‘Plan Integrado de Emprego para Mulleres’ as interesadas deberán acudir á Oficina de Emprego e solicitar na súa demanda o servizo de “Programas experimentais” (930).

Xornada de portas abertas, o vindeiro martes, día 5 de decembro, no Centro de Maiores do Porriño

O centro de día de maiores do Porriño, pertencente a rede de centros de maiores da Xunta de Galicia, celebra unha xornada de portas abertas, á cal convida a participar a todas as veciñas e veciños.

Esta xornada terá lugar o vindeiro martes, día 5 de decembro, no Centro de Día do Porriño situado no lugar de Torneiros.

As persoas interesadas en participar nos obradoiros e actividades organizadas para ese día, ou que simplemente queiran coñecer o centro, poden poñerse en contacto chamando ao teléfono 986331750, ou enviando un correo ao enderezo electrónico cd.porrino@cogami.gal.

Este martes, día 28, Pleno Infantil no Concello do Porriño coincidindo co Día dos Dereitos da Infancia

Este martes, día 28 de novembro o Concello do Porriño celebra ás 12:00h. o seu Pleno Infantil no que estarán presentes alumnas e alumnos de centros educativos da vila que exporán os seus proxectos, ideas e propostas no mesmo, coincindindo coa celebración do Día dos Dereitos da Infancia, impulsado por UNICEF.

O Pleno, que estará moderado pola alcaldesa, Eva García de la Torre, seguirá o seguinte orde de intervencións, se seguindo un criterio de idades dos participantes, de menos a maior:

Proposta do Centro Santo Tomas – 3º e 4º, voceiros: Rodrigo Martín Pedrares e  Carla Márquez Vaquero.

Centro de Educación Infantil e Primaria Xosé Fernandez López – 4º, voceiros:  Raúl  Servide Sequeiros e  Irene Galloso Rodríguez.

Centro de Educación Infantil e Primaria Atios – 4º, voceiros: David Alonso  Pérez e Noa Vázquez Ojea.

Proposta do Centro de Educación Infantil e Primaria de Budiño – 5º, voceiros: Pablo Férnandez Pérez e Antía Férnandez Ramirez.

Centro de Educación Infantil e Primaria da Ribeira – 5º e 6º, voceiros:  Laura Dios Claro e Ainoha Guisande Fernández.

Centro de Educación Infantil e Primaria Antonio Palacios – 6º, voceiros: Alejandro Gómez Granja e  Marta Estevéz Alonso

Proposta do Centro ACEESCA, voceiro:  Lucas Baz  Bernández

Instituto de Educación Secundaria  Pino manso – 1º ESO, voceiros:  Noa Castaño Rodríguez,   Clara Giraldez  Fernández, Hugo Novás González, Tiago Sebastián  Fernández, Laura Barbosa Baladrón e Martin Bar Vieito.

Centro Hermanos Quiroga – 1º e 2º ESO, voceiros:Antía Martínez Márquez e Manuel Moras Fernández.

Proposta do Instituto de Educación Secundaria Ribeira do Louro – 4º ESO , voceiros: Hugo Rodríguez Iglesias e  Tatiana Rodríguez Domínguez.

As exposicións, en varios dos casos, irán apoiadas por proxeccións de vídeos ou exposicións en Power Point. As persoas interesadas en seguir o Pleno en directo poden facelo entrando no portal web do Concello, www.oporrino.org, e poden debater sobre o mesmo nas redes sociais coa etiqueta  #PlenoInfaltilPorriño.

O Concello instala os depósitos de auga nas casas do Contrasto afactadas polo lindano, incluindo unha das 6 vivendas que teñen pozo e que deron positivo nas últimas horas

Tal e como se comprometera a alcaldesa, Eva García de la Torre, o pasado día 17, durante a xuntanza que mantivera no salón de Plenos do Concello con veciñas e veciños do Contrasto, xunto con técnicos da Xunta de Galicia, xa están instalados os depósitos de auga a aquelas familias que non teñen mais subministro de auga que o procedente dos seus pozos.

En total, o Concello colocou 14 depósitos, de 1.000 litros e un motor en 8 casas, para bombear a auga que se utilizará para a hixiene persoal e o lavado da louza e da roupa.

Os depósitos foron debidamente hixienizados, seguindo as instrucións de dous inspectores de Sanidade- que analizaron os mesmos e certificaron a súa adecuación para conter a auga-e xa están a ser empregados polas familias afectadas que, do mesmo xeito, seguen a recibir as garrafas de auga para cociñar e beber, que so teñen que pedir ao supermercado, sen custo algún para elas.

Estes depósitos son, coma salientou a alcaldesa, unha “solución provisoria” para atender as necesidades máis urxentes das persoas que carecen de conexión coa rede municipal de abastecemento e, por tanto, so dispoñen de auga do pozo. Nas vindeiras semanas está previsto contar cun proxecto que permita conectar estas vivendas coa rede municipal de abastecemento, de xeito que todas elas reciban, “no menor prazo de tempo”, a auga da traída.

A alcaldesa sinalara naquela xuntanza que a auga da traída podía usarse con garantía, logo de que as repetidas análise realizadas á mesma por técnicos da Consellería de Sanidade deran resultados negativos a contaminación por lindano.

Así mesmo, García de la Torre comprometérase a ter informados, ao instante, ás veciñas e veciños do Contrasto, algo que se fixo puntualmente logo de que onte, venres, ás 9 da noite, a Consellería de Sanidade comunicase ao Concello que había 6 pozos  máis que deran positivo en contaminación por lindano.

Dende o Concello puxéronse en contacto cos seus donos para comunicarlles este feito e comprobouse que 4 destas familias non consumen a auga do pozo porque teñen conexión coa traída; a outra delas xa se lle dispuxeron os depósitos con auga para que teña garantido o subministro de emerxencia, e non foi posíbel contactar,aínda, cos donos da outra casa posto que non residen habitualmente na mesma. A Policía Local segue a facer as xestións para localizalos e comunicarlles os resultados das analíticas.

Este sábado, día 25, O Porriño berrará en contra da Violencia Sobre a Muller

Este sábado, día 25 de novembro, terá lugar, as 6 e media da tarde na Praza de Antonio Palacios, o Acto en Memoria das Vítimas da Violencia de Xénero co que o pobo de Porriño quere render homenaxe a todas as mulleres, nenos e nenas asasinadas polo machismo criminal.
 
Tamén hoxe, no mesmo lugar, ao redor das 7 da tarde, terá lugar a presentación de “Rap contra a Violencia de Xénero”, proxecto dirixido ao alumnado de Porriño e que cursa 2º e 3º da ESO.
 
Ás 8, no Centro Cultural Municipal, proxectarase a película “Verano 1993”, da directora Carla Simón, dentro do ciclo ‘Mulleres de Cine’. A profesora María Lameiras será a encargada de conducir o debate.
Así mesmo, segue aberto o ‘Concurso de Tweets contra a Violencia de Xénero’, que o Concello de Porriño convoca por primeira vez. Neste concurso poderán participar todas as persoas que publiquen na rede social Twitter unha mensaxe contra a violencia de xénero, debendo acompañar a publicación coa etiqueta #PorriñoDiNONVX.
 
As bases poden consultarse nas redes sociais do Concello (Facebook e Twitter), na web municipal, www.oporrino.org e na conta @Porrinodiquenon.
 
As mensaxes e os contidos poderán estar escritos tanto en galego como en castelán e entrarán en concurso todos os tuits publicados entre as 00:00 horas do xoves día 23 de novembro e as 23:59 do vindeiro luns, día 27.

‘Se o NON é un dereito, Respéctao!’

Este sábado, día 25 terá lugar, as 6 e media da tarde na Praza de Antonio Palacios, o Acto en Memoria das Vítimas da Violencia de Xénero co que o pobo de Porriño quere render homenaxe a todas as mulleres, nenos e nenas asasinadas polo machismo criminal.

A concelleira de Benestar e Igualdade, Soledad Girón subliña que neste 25 de novembro, ao contrario que o do ano pasado, “no que buscamos a implicación de diferentes eidos da sociedade do Porriño, dende o deporte, pasando pola educación ou o asociacionismo, queríamos que houbese unha participación anónima salientando que todos temos que comprometernos na loita contra a violencia de xénero, e si en 2016 o noso lema era ‘O Non é un dereito’, este 2017 continuamos con ‘Si o Non é un dereito, respéctao”.

Hai que lembrar que este ano, o ‘Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller’, abrangue un completo programa de actividades que empezaron co ciclo “Mulleres de Cine”, un ciclo que ten coma ‘platea’ o Centro Cultural Municipal e o Círculo Recreativo e Cultural, inclúe a proxección de tres películas e un posterior coloquio dirixido por mulleres do mundo do audiovisual e  especialistas en xénero, e un concurso de tweets contra a Violencia de Xénero , son dúas das actividades que abrangue a programación da Concellería de Igualdade, que dirixe Soledad Girón, para conmemorar o ‘Día Internacional contra a Violencia de Xénero’.

O ciclo de cine comezou este mércores, día 22 (ás 20:00h.), coa proxección do filme “Jericó, el infinito vuelo de los días”, da directora Catalina Mesa, e coa presenza de Berta Ojea no coloquio posterior.

O segundo pase será o mesmo sábado, 25 de novembro-, co Centro Cultural Municipal, á mesma hora-. A película elixida é “Verano 1993”, da directora Carla Simón. A profesora María Lameiras será a encargada de conducir o debate.

A última película proxectarse o xoves 29-no Círculo ás 8 da tarde-. Trátase de “Brava”, da directora Roser Aguilar, que será a que conduza o coloquio.

Así mesmo, o Concello de Porriño convoca por primeira vez un ‘Concurso de Tweets contra a Violencia de Xénero’, “coa finalidade de sensibilizar y previr á cidadanía con presenza nas redes sociais contra a lacra machista”, sinala a concelleira Soledad Girón.

Neste concurso poderán participar todas as persoas que publiquen na rede social Twitter unha mensaxe contra a violencia de xénero, debendo acompañar a publicación coa etiqueta #PorriñoDiNONVX. As bases publicaranse na conta  @Porrinodiquenon.

As mensaxes e os contidos poderán estar escritos tanto en galego como en castelán e entrarán en concurso todos os tuits publicados entre as 00:00 horas do xoves día 23 de novembro e as 23:59 do luns, día 27 do mesmo mes.

A estas iniciativas súmase “Rap contra a Violencia de Xénero”, proxecto dirixido ao alumnado de Porriño e que cursa 2º e 3º da ESO.

A concelleira de Igualdade salienta a  orixinalidade da programación dirixida a todos os públicos pero cunha mensaxe clara que ten como destinatarios os mozos e as mozas. Así, sinala que “as e os adolescentes deben identificar as situacións de violencia e os poderes públicos temos a obriga de establecer as pautas de prevención, información e sensibilización”.