Centos de persoas saíron á rúa no Porriño para dar o seu apoio á folga total e aos paros parciais convocados este xoves, día 8 de marzo, coincidindo co ‘Día Internacional da Muller’ e que levaron a manifestarse en toda Galicia a ducias de milleiros de cidadáns.

A  concentración do Porriño, un dos 40 concellos de Galicia que se sumara a este chamamento, baixo o lema ‘Se nós paramos todo para’, fora convocada pola Concellería de Igualdade, dirixida por Soledad Girón, e a propia alcaldesa, hai varios días, en distintas manifestacións e declaración aos medios informativos, xa adiantara que ela este xoves faría folga e non traballaría.

Eva García de la Torre, quen interviu no acto, o mesmo que a concelleira de Igualdade, subliñou a “xustiza” desta xornada de paro feminino e salientou a importancia da muller en todos os eidos da sociedade, dende a cultura, á economía, dende o ensino, ao benestar, dende a historia á xustiza, dende os trabalos remunerados a aqueles que non o están e  esixiu que “se nos valore igual que os homes”.

A alcaldesa, que referiuse á súa propia experiencia coma profesional da avogacía e coma responsable pública, reiterou que “si paramos as mulleres paralizamos este país, por iso temos que demostrar a importancia que temos e facer que se vexa que é así”.