(Vídeo 2) Nesta segunda quenda #Porriñodeportenacasa propón exercicios de mantemento físico para maiores de 80 anos


Xoel Souto, preparador físico da Unión Deportiva Atios, é o encargado de facer esta segunda entrega do ciclo #Porriñodeportenacasa que subimos hoxe ás redes sociais do Concello.

Nesta quenda, Xoel preparou unha serie de exercicios para o mellor mantemento físico das persoas maiores de 80 anos que a consecuencia do estado de alarma, permanecen confinados nos seus fogares e non poden saír ás rúas.

Lembramos que o Concello, a través da Concellería de Deportes e coa inestimable colaboración dos clubs locais, iniciou o pasado venres 17, un ciclo de vídeos baixo o hashtag #Porriñodeportenacasa. Coa participación dos preparadores e técnicos dos diferentes clubs porriñeses, ofrecemos diversas rutinas de exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades.

Na primeira entrega, foi Ana Alonso, preparadora física do club “Balonmán Porriño” ofreceunos unha clase dirixida especialmente a persoas maiores, entre 70 e 80 anos, con bo estado de saúde e sen patoloxías previas graves.

Pedimos que os netos e netas, fillos e fillas axuden aos avós e aos pais por se tiveran dificultades para ver o vídeo aínda que o procedemento de descarga e visión é moi sinxelo.

 https://youtu.be/f1D93UZ0sg4

A Policía Local interceptou a un reincidente por incumprir o estado de alarma, acompañado dunha muller oculta no coche e con posibles síntomas de “Covid-19”


A Policía Local do Porriño informa da interceptación, por segunda vez en tres días, dun conductor que infrinxiu o estado de alarma. Nesta segunda ocasión, ía acompañado dunha muller que estaba oculta, nos asentos traseiros. Segundo o atestado policial, a muller presentaba síntomas compatibles co “Covid-19” e foi trasladada en ambulancia.

Os feitos acaeceron na noite do venres 17. Nun control da Policía Local, o vehículo que conducía este individuo foi interceptado. Ainda que inicialmente intentou fuxir do control, rematou desistindo e obedecendo os sinais de alto dos axentes.
Comprobouse que xa fora detido nun anterior control, o martes 14 e que tiña o permiso de conducir suspendido. Por estes feitos, ambos ocupantes do coche foron denunciados por incumprir o estado de alarma. E a maiores, o conductor denunciado ante o xulgado de garda por presunto delito contra a seguridade vial e o vehículo inmovilizado.

Por outra banda, a Policía Local do Porriño informa que ata o mediodía do sábado 18 de abril e dende o inicio do estado de alarma, impuxeronse 285 denuncias por diversas infraccións. A tramitación das correspondentes sancións económicas corresponderá á Subdelegación do Goberno. A contía das multas oscila entre 600 e 30.000 €.

(VÍDEO 1) #Porriñodeportenacasa propón exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades para levar a corentena


O Concello, a través da Concellería de Deportes e coa inestimable colaboración dos clubs locais, estrea nas redes sociais do Concello, un ciclo de vídeos baixo o hashtag #Porriñodeportenacasa. Coa participación dos preparadores e técnicos dos diferentes clubs porriñeses, ofrecemos diversas rutinas de exercicios de mantemento físico para diversos niveis e idades.

Segundo explicou Julio Bernárdez, xefe do Servizo de Deportes do Concello, “o propósito é axudar á poboación, nestas datas de confinamento, a realizar certa actividade física”. Conforme as instrucións do concelleiro David Alonso, responsable de Deportes, “pretendese chegar a todos os públicos, incluídos colectivos como terceira idade, embarazadas ou persoas con capacidades diversas que tamén precisan de facer exercicio durante estes días de confinamento”.

Ana Alonso, preparadora física do club “Balonmán Porriño” ofrécenos a primeira clase que vai dirixida especialmente a persoas maiores, entre 70 e 80 anos, con bo estado de saúde e sen patoloxías previas graves.

Pedimos que os netos e netas, fillos e fillas axuden aos avós e aos pais por se tiveran dificultades para ver o vídeo aínda que o procedemento de descarga e visión é moi sinxelo.

https://youtu.be/xisfP9FPfZY

A Concellería de Educación propón traballos manuais, pasatempos e xogos para quedar na casa

A Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) propoñen á infancia e mocidade de Porriño diversas actividades de tempo libre a realizar para seguir quedando na casa, agora que chega a fin de semana.
Tratase de traballos manuais, pasatempos e xogos que se ofrecen a través do enlace coa páxina web de “Cinedomevr360º” , plataforma que colabora coa Concellería de Educación e coa OMIX do Porriño en diversas actividades formativas e de lecer.
Agardamos que sexa do voso gusto.

 

https://www.cinedomevr360.com/newpage6e1a3ae4

O Concello mercará 260 “pinchos” para garantir acceso ás clases pola Internet a todos os alumnos do Porriño


Finalmente o Concello do Porriño non terá que mercar ordenadores portátiles pero si, en cambio, 260 ‘pen drives’ (“pinchos”) de conexión á Internet para outros tantos alumnos de institutos e colexios da vila para que poidan ter acceso ao ensino por vía telemática e rematen o curso en igualdade de condicións cos seus compañeiros. Así determinouse hoxe na segunda reunión que celebraron os directores dos centros docentes do Porriño e Lourdes Moure, concelleira de Educación.

Unha vez identificadas as necesidades, renunciouse a mercar ordenadores por que cos existentes nos centros docentes da vila pódese atender á demanda de nenos e mozos que carecían deles nos seus fogares. Pola contra, é perentoria a necesidade de procurarlles conexión coa Rede para que poidan incorporarse ao ensino “on line” que están a continuar os seus compañeiros.
O Concello solicitou presuposto a varios provedores para determinar custes da adquisición deses 260 ‘pen drives’ con conexión a Internet por 3 meses.

Por outra banda nesta reunión de hoxe tamén acordouse que coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello, os centros docentes entregarán aos pais, nais e titores dos alumnos o material de ensino e libros deste terceiro trimestre do curso que non se retiraron pola suspensión das clases dende o 16 de marzo. Por cada centro docente, dacordo co Concello, determinaranse datas e horas de entrega dese material.

O Concello xa destinou 70.000 € en axuda alimentaria por emerxencia social

O Concello de O Porriño tivo que ampliar a partida, inicialmente de 20.000 euros ata os 70.000 €, para atender ás familias máis desfavorecidas e persoas con dificultades económicas para que puideran abastecerse de alimentos frescos e produtos básicos de primeira necesidade dende que comezou o estado de alarma.

As sucesivas prórrogas obrigaron a incrementar a partida económica, mediante crédito extraordinario. Ademais a previsión inicial de persoas a atender multiplicouse pola prolongada paralización económica que afecta gravemente a máis de 200 familias do concello, que precisan desta axuda de emerxencia.

David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais e Emprego non descartou que “teñamos que afrontar unha nova ampliación da partida para esta emerxencia social en caso de novas prórrogas do estado de alarma. É unha circunstancia que valoraremos”, engadiu David Alonso.

Para atender esta emerxencia, o Concello do Porriño establecera un contrato con “Supermercados Froiz” para que as persoas e familias máis desfavorecidas puideran aprovisionarse deses produtos frescos e de primeira necesidade nos establecementos desa firma na rúa Ramón Gónzalez e tamén en Torneiros.
Coa achega municipal, as compras das familias máis desfavorecidas, que previamente valoraron os técnicos de Servizos Sociais, vanse descontando. A cada beneficiario da axuda, atribúeselle unha contía semanal que é o importe das compras que poden realizar no super.

Esta acción extra do Concello de O Porriño complementa á axuda periódica que distribúe o Banco de Alimentos “SOS Porriño” que tamén dobrou o número de demandantes a ta chegar a 300 familias.

O Concello contratará 24 traballadores eventuais durante 6 meses para reforzar diversos servizos municipais

O Concello do Porriño anuncia a contratación de 24 traballadores eventuais durante seis meses para reforzar diferentes servizos municipais.

As prazas que se convocan son:

1 traballador/a social; 1 diplomado/a en Turismo;
3 oficiais de carpintería; 2 oficiais de primeira soldador;
1 oficial de primeira electricista; 4 oficiais de primeira de albanelería;
2 peóns de obras públicas; 1 auxiliar de enfermería;
2 auxiliares de biblioteca; 1 auxiliar técnico de informática/arquivo;
2 peóns forestais; 2 peóns de limpeza 2 2 conserxes.

Todos eles a contratar a xornada completa durante seis meses.

O Concello disporá de 247.680 € para aboar eses 24 contratos que é o importe da achega outorgada pola Deputación Provincial a través da Liña 3 do Plan Concellos 2020. A confirmación da achega recibiuse xa nas dependencias municipais.

En breve comunicaremos a apertura do prazo para a recepción de curriculums de interesados que se recibirían e tramitaran nas oficinas de Porremprego.

Gráfico informativo sobre axudas para traballadores autónomos do Porriño afectados pola paralización da actividade económica


A Concellería de Emprego distribúe estes gráficos que resultan moi intuitivos e sinxelos para que os traballadores autónomos do Porriño dispoñan de información actualizada á data de hoxe.

Detállase as prestacións extraordinarias que se poden solicitar por cese de actividade ou redución substancial dos ingresos; a moratorias outorgadas polo Goberno para as cotizacións da Seguridade Social e obrigas fiscais e outras axudas a cargo da Xunta de Galicia, a través do IGAPE.

A Concellería de Educación estuda cos directores dos centros as necesidades para achegar o ensino ‘on line’ a todos os alumnos

A Concellería de Educación e as direccións dos centros de Primaria e Secundaria do vila establecerán as necesidades que poden atenderse dende o Concello para equilibrar a participación de todos os alumnos no ensino por vía telemática como consecuencia da prórroga do estado de alarma sanitaria.

Segundo estableceuse hoxe nunha reunión mantida por Lourdes Moure, concelleira de Educación cos directores dos centros docentes no salón de plenos e coas garantías hixiénicas necesarias, o Concello de Porriño non vai a realizar e repartir fotocopias de apuntes entre os alumnos de familias que carezan de posibilidades de conexión coa Rede e de ordenadores nas súas casas, como se está a facer nalgún concello da contorna. “Entendemos que esa fórmula non equilibra senón que agudizaría os desequilibrios”, explicou Moure Varela.

De tal xeito que o vindeiro venres 17, a concelleira responsable reunirse cos directores dos centros educativos que xa aportarán listados identificando as necesidades que se precisan atender. O Concello do Porriño encargarase de aportar ordenadores portátiles e “pinchos” aos centros educativos para que os fagan chegar aqueles nenos e mozos cuias familias carezan de medios telemáticos ou de conectividade.

Disporase dos ordenadores que hai nos centros, renovaranse cargadores externos e mercaranse portátiles e “pinchos” con conexión a Internet por 3 meses que se facilitarán en préstamo ás familias. Cando remate o estado de alarma, ordenadores e demais material devolverase e quedará en depósito nos centros educativos.

O Concello “afrontará este gasto extra dispoñendo fondos dunha subvención outorgada pola Deputación Provincial ante esta situación de emerxencia que debemos afrontar aínda que se trata dunha competencia que correspondería á Consellería de Educación da Xunta de Galicia”, indicou Lourdes Moure.

Segue a distribución de máscaras protectoras entre traballadores


Hoxe continuou o reparto de máscaras protectoras nos accesos aos polígonos industriais do Porriño, a cargo de axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil, en colaboración coa Garda Civil, como pódese apreciar más imaxes.

Entréganse aos traballadores que se desprazan nos seus vehículos particulares ou de empresa así como no transporte público e requiran ese material de protección, segundo precisou a Delegación do Goberno Central en Galicia que é o organismo que coordina este operativo.