- Esta operación posibilitará a presentación e aprobación de un novo orzamento municipal, xa elaborado
- A proposta de modificación orzamentaria que se presenta ao Pleno inclúe tamén grandes proxectos e obras de melloras en todas as parroquias
O Porriño, 16 de abril de 2026. O Concello do Porriño, logo de depurar todas as facturas irregulares deixadas polo anterior goberno municipal (5,4 millóns) e de pagar aquelas que estaban xustificadas pero quedaran “no caixón” a través dun crédito ICO (2,7 millóns), vén de convocar un pleno extraordinario para liquidar dita débeda. Deste xeito, a administración quedará libre de cargas e poderá presentar un novo orzamento que será aprobado “o antes posible”, segundo desvelou o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, en rolda de prensa.
“Liquidar esta débeda histórica permitirá aprobar o novo orzamento”, explica Alejandro Lorenzo, o alcalde do municipio, aclarando que o documento xa está elaborado e permitirá “xa sen a tutela do Goberno Central”, levar a cabo obras que serán fundamentais para todas as parroquias “sen subir taxas, e seguir sendo o concello cos impostos máis baixos de Galicia”.
Neste senso, o rexedor explica que se fixo unha importante depuración daquelas facturas que estaban sen pagar e que foran acumuladas polo anterior goberno municipal: “demostrando que había duplicidade de facturas, outras que non se correspondían co prezo de mercado nin se acreditou a verificación de que estivera realizada a obra. En total 5.4 millóns, dos que devolvemos máis de 2 millóns que non eran regulares e que o anterior goberno ía pagar”, explica Lorenzo, apoiado nun cadro onde se desgranan todas estas facturas logo de ser informadas pola intervención municipal: “Demostrouse que non había que pagalas e ningún provedor ao que se lle devolveu as facturas fixo ningún tipo de alegación”.
“A prioridade da xestión económica deste concello foi dende un inicio o saneamento integral das obrigas pendentes dos gastos irregulares dos exercicios anteriores, un volume de débeda adquirida que motivou a inclusión obrigatoria deste concello nos mecanismos extraordinarios de pago a provedores durante dous anos consecutivos, cos prestamos ICO en 2022 e 2023, unha decisión que respondeu a unha imposición legal e non a unha decisión electiva desta alcaldía”, prosigue Lorenzo, “ pero unha vez cumprida a folla de ruta planificada acadamos o obxectivo de reducir a 0 esa débeda o que permitirá un aforro directo en xuros pero sobretodo a aprobación de ese novo orzamento”.
O alcalde mostrou o informe do interventor sobre esta operación que apunta que “a medida permitirá un aforro relevante de xuros futuros, a eliminación total do endebedamento municipal e a consolidación definitiva da estabilidade das arcas municipais. A amortización anticipada configúrase como unha medida de xestión financeira prudente, eficiente e aliñada cos principios de estabilidade, sustentabilidade e boa administración dos recursos públicos. A situación económico-financeira descrita proporciona unha base sólida para a elaboración do Orzamento Xeral do exercicio 2026 en termos de estabilidade, sustentabilidade e suficiencia financeira”.
Facturas irregulares: Actuación contable e xurídica (2022–2025)
Neste informe detállase que entre os anos 2022 e 2025, o Concello do Porriño desenvolveu unha liña xurídica de defensa firme fronte reclamacións empresariais de pago por servizos sen contrato.
Con estas medidas evitouse o pagamento indebido dun total de 2.009.231,25 €, e reforzouse a fiabilidade das contas públicas, a sustentabilidade financeira e a dispoñibilidade real de recursos: Así, devolvéronse facturas por revisión contable por valor de 78.767,55; devolvéronse facturas por acordos plenarios por un importe de 1.216.823,27; por acordos por valor de 35.437,89, e por sentenzas favorables foron devoltas facturas por un valor de 678.202,54; cun aforro total de 2.009.231,25 €. “Cómpre salientar o conxunto de procedementos xudiciais nos que os tribunais desestimaron integramente as pretensións das empresas reclamantes, confirmando a improcedencia do recoñecemento das obrigas económicas reclamadas.
Novos investimentos
Ademais da liquidación do crédito, a ese peno extraordinario lévanse tamén unha modificación orzamentaria para destinar fondos do remanente para proxectos de envergadura en diferentes parroquias do municipio, importantes inversións, algunha delas con subvencións provinciais e autonómicas en beneficio da atención social, do tecido asociativo, con obras relacionadas tamén co deporte e a cultura e novos espazos para a veciñanza.
Son novas obras que poderán ser pagadas cos aforros municipais, e tamén modificacións orzamentarias para facer fronte ás achegas municipais e a liquidación doutras. É o momento de transformar o aforro en benestar e seguir impulsando O Porriño ”, explica o alcalde, pois, “logo da liquidación do ano 2025, o concello dispón dun remanente de tesourería de 11,2 millóns de euros, e parte de eses cartos, destinaranse agora a grandes proxectos e melloras en todas as parroquias”.
Son obras, ademais, na súa maioría con subvencións doutras administracións, e “esta búsqueda de inxección de capital externo permitirá executar proxectos estratéxicos
—como a construción dun anfiteatro para o auditorio ou a modernización de instalacións deportivas— minimizando o esforzo económico das arcas municipais e garantindo que cada euro público renda ao máximo en beneficio da veciñanza”. Son inversións do + Provincia, da Xunta ou de fondos europeos que están chegando ao concello e para iso ten que haber unha cofinanciación, así que o concello está dispoñendo esas partidas necesarias.
“Ademais levaranse novas infraestruturas que son inéditas no Porriño e que anunciaremos no seu momento, pero xa estamos dotándoas de partida orzamentaria para poder sacar a licitación e poder optar ademais a fondos doutras administracións”, conclúe o alcalde.

