Con quince alumnos, comeza hoxe (a partir das 16 horas) o curso de cociña creativa que imparte o chef galego Ivan Méndez, orientado a persoas cunha actividade laboral ligada ao sector hostaleiro.

As cociñas do Centro Multiusos de Torneiros, dependentes do Concello do Porriño, acollen este curso que é parte dos itinerarios formativos “Coas mans na masa” que propón a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural que retoma a súa programación despois dos meses de forzosa paralización polo estado de alarma.

“Eu Rural” conta coa colaboración do Concello que facilita as instalacións de cociña no Multiusos de Torneiros para o curso que terá lugar hoxe 31 de agosto e continuará mañá martes e tamén o mércores 2 de setembro, en horario de tarde.

Eva García, alcaldesa de O Porriño e David Alonso, concelleiro de Emprego e Servizos Sociais asistirán esta tarde a apertura do curso que é de balde.

O chef Iván Méndez proporá novas formas de empregar os produtos locais para a elaboración de pratos creativos e innovadores. Entre eles, callos de mar ou pementos de Padrón recheos co interior fluído de queixo San Simón.

Iván Méndez é un experto en cociña creativa, de recoñecida reputación, gran capacidade de comunicación e ampla experiencia na celebración de eventos de cociña, gastronomía e turismo, ademais de ser o “chef de cabeceira” no programa de Eu Rural, “Un Chef no Rural”.