• Houbo en total 237 asistencias médicas nas 70 colonias felinas controladas
  • Ponse en marcha unha campaña de concienciación sobre cómo actuar en caso de atopar un gato só na rúa

O Porriño, 17 de abril de 2026. O Concello do Porriño segue co seu traballo para controlar as colonias felinas do municipio. Para iso, esterilizáronse no último ano case

200    gatos en 70 colonias controladas no municipio. Un traballo que se leva a cabo dende a concellería de Medio Ambiente en cumprimento do protocolo municipal.

Así, explica José Carlos González, dende esta área, ademais deste traballo de esterilización estase a facer unha especial vixilancia, xa que as colonias deben estar debidamente coidadas e protexidas “porque que un control axeitado permite garantir o benestar animal e que os gatos enfermen menos”.

Protocolo

Neste contexto, dende o consistorio vense de lanzar unha campaña informativa para concienciar á veciñanza sobre como actuar correctamente ante o achado dun gato só na vía pública, incidindo especialmente en que se o animal presenta un bo estado de saúde e parece estar ben alimentado non debe ser retirado da zona sen antes consultar cos veciños se pertence a algunha das colonias controladas do municipio

No caso de atopar un exemplar que estea malferido ou en situación de risco vital o protocolo establece que se debe chamar de inmediato ao servizo de emerxencias, neste caso á Policía Local, para que o animal sexa derivado ao veterinario concertado coa administración local garantindo así unha asistencia profesional rápida e regulada

Lembran que existen prohibicións estritas como a de introducir un gato descoñecido nun terreo con outros animais polo alto risco de contaxio de enfermidades que poderían poñer en perigo a toda unha colonia, ademais de subliñar que recoller un animal da rúa para quedalo de xeito permanente é unha práctica constitutiva de delito se non se seguen os pasos legais previos que inclúen a comprobación do chip a busca de propietarios a comunicación a protectoras ou veterinarios e o respecto escrupuloso do prazo legal de dez días de espera estipulado pola normativa vixente

Sinatura convenio con Gatitude

O Concello, ademais, da un paso máis na protección animal e na súa visibilidade coa sinatura dun convenio coa protectora Gatitude, unha das asociacións que colaboran no control e benestar animal no municipio, para a cesión dun local na segunda planta da praza de Abastos, que servirá como almacén loxístico para o seu material e os produtos que venden nos mercados solidarios (tote bags, cadros, bixutería de origami…).

Gatitude, nada como colectivo de voluntarias en 2020 e constituída formalmente como asociación hai uns meses, destacou na sinatura desde convenio o papel fundamental do Concello do Porriño no seu compromiso real co benestar animal. En concreto Silvia R. Taboada, destaca que o concello conte cunha partida orzamentaria de máis de 20.000 euros destinados a este fin. De feito o municipio leva anos traballando na esterilización e control das colonias de gatos.

Xunto con outras protectoras, Gatitude e concello do Porriño, están a organizar un evento solidario e artístico que se presentará en vindeiras datas. “Queremos seguir apostando de verdade polo benestar animal”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo.