• Alejandro Lorenzo agradeceu o traballo feito para poder contar cun reforzo no PAC do Porriño, a principal demanda da cidadanía

O Porriño. 15 abril 2026. O alcalde do Porriño agradeceu ao conselleiro de Sanidade o anuncio dun reforzo no Punto de Atención Continuada do Porriño cunha nova praza de médico, que permitirá mellorar a atención das urxencias en horario de tarde de luns a sábado e con cobertura de 8 a 22 horas nos domingos. “Quero agradecer este reforzo tras unha situación complicada nos últimos meses, esta era para nós unha prioridade absoluta, mellorar este servizo”, apuntou o rexedor, pedindo ao conselleiro e ao xerente da área Sanitaria que sigan traballando ata poder cubrir a última praza de tarde que continúa vacante no Centro de Saúde da localidade, ofrecendo “todo ou que precisen do concello, calquera infraestrutura, para seguir mellorando a situación”, agradecendo o traballo do equipo médico. “Estaremos vixiantes – asegurou- é a nosa prioridade, que as nosas veciñas e os nosos veciños teñan unha atención médica rápida e eficaz”.

Acudía o alcalde á visita do Conselleiro e o xerente da Área sanitatia, acompañado pola concelleira de Sanidade do Porriño, Bárbara Troncoso.

Pola súa banda o conselleiro sinalou a coincidencia de todos en que é oportuno incrementar a presenza de médicos neste dispositivo asistencial a partir das 15 horas para atender as urxencias extrahospitalarias, como se está a facer nas últimas semanas, pero convertendo este reforzo en estrutural.

O máximo responsable do Sergas lembrou que o centro de saúde do Porriño é un dispositivo con gran volume de actividade, xa que presta asistencia a unha poboación de máis de 21.000 persoas e, no caso do PAC, esta cifra duplícase ata os 43.500 veciños e veciñas, xa que da servizo a Salceda de Caselas e Mos.

Falta de médicos

Gómez Caamaño incidiu no problema que toda España está a padecer de falta de médicos de atención primaria, e o Ministerio de Sanidade, que é o organismo que debesolucionar este asunto, non pon remedio a esta situación, o que trae como consecuencia moitas dificultades para cubrir todas as prazas nos centros de saúde.

Ao respecto deste tema, o conselleiro puxo en valor o traballo da xerencia da área sanitaria de Vigo e o compromiso dos profesionais, posibilitando nestes meses cubrir practicamente todas as prazas do cadro de persoal.

En consecuencia, -incidiu o titular de Sanidade- o centro de saúde do Porriño conta na actualidade coa práctica totalidade do seu persoal cuberto, grazas ás melloras organizativas impulsadas polos responsables sanitarios desta área.