David Alonso, concelleiro de Emprego salientou hoxe nunha declaración oficial, que “O Porriño ven de acreditar en agosto, por terceiro mes consecutivo, un descenso do número de parados rexistrados o que confirma a boa labor de todo o tecido empresarial e industrial do noso  concello que é quen de superar o difícil escenario económico actual”.

Segundo os datos difundidos polo SEPE, O Porriño rexistrou un descenso do 1,5% o que se traduce que 27 desempregados acadaron traballo no mes de agosto. En xullo, foran 81 as persoas que saíron do paro rexistrado no Porriño e no mes de xuño, 78. É dicir, nos últimos tres meses houbo 186 altas de contratación no Porriño, segundo os rexistros do SEPE.  

“Coido que O Porriño marca tendencia na área metropolitana de Vigo tanto en xeración de emprego coma en formación e inserción laboral”, manifestou o edil Alonso Bargiela que considera que estes resultados “evidencian o bo traballo que se está a realizar desde Porremprego”.

FIRMA DE CONVENIO E ENTREGA DE DIPLOMAS

Precisamente mañá, unha delegación do Concello do Porriño encabezada pola alcaldesa Eva García e o concelleiro de Emprego, visitará á empresa “Staroil Porriño”, logo de conluír varios cursos de formación con prácticas, no marco do programa “Porriño Accede”. O obxectivo desta colaboración foi proporcionar a persoas en desemprego unha oportunidade laboral por medio da formación. “Staroil Porriño” participou no deseño da formación e na acollida de alumnos en prácticas, ofrecendo continuidade laboral a catro deles.

“A empresa manifestounos que hai interese en dar continuidade a esta colaboración. No que leva de ano, a Concellería de Emprego e Formación organizou xunto con estes cursos, formación con prácticas en loxística e carretillas elevadoras, ademais de realizar talleres para a adquisición de técnicas para a busca de emprego, obradoiros de entrevista e formación en intelixencia emocional”, engadiu o concelleiro de Emprego.

Tamén mañá venres terá lugar, a partir das 14 horas, no Multiusos de Torneiros, a entrega de diplomas, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción, unha vez clausurado o curso básico de Prevención de Riscos Laborais de 60 horas de duración máis o curso específico de oficio de 6 horas para postos de albanelería. Un total de dezaseis participantes culminaron con éxito estes cursos.

A Alcaldesa Eva García e o concelleiro David Alonso asistirán á entrega de diplomas.