A programación cultural do mes de setembro no Concello do Porriño arrinca coa exposición “Fuera de Escena” e a celebración da XVII edición do Festival de Cans.

Este martes 1, ás 20 horas, terá lugar a inauguración de “Fuera de escena”, coa presencia da alcaldesa, Eva García de la Torre e da concelleira de Cultura, Cami Moreira. Haberá unha visita guiada e ademais, a actuación da cantante porriñesa Noemí Fernández.

Trátase dunha mostra que é obra do escritor Ruben Marina e do fotógrafo Sebastián Cocucci, “á procura dunha expresión: a que debuxaría o teu rostro se vises a morte de fronte”, segundo a explicación dos autores.

Dezaseis actores e actrices tan coñecidos como Luis Tosar, Yolanda Ramos, Mabel del Pozo, Fernando Tejero ou Malena Alterio, entre outros, puxeron ese rostro.

http://ecultura.net/exposicion-fuera-de-escena-de-ruben-de-marina-e-sebastian-cocucci/

Esta exposición está vinculada coa celebración do Festival de Cans que a inclúe na súa programación como preludio da 17ª edición do certame.

A partir do mércores 2 e ata o sábado 5, Cans acollerá as proxeccións, charlas, clases maxistrais, actuacións musicais e homenaxes como a que se lle pagará ao cineasta Chano Piñeiro, coincidindo cos 25 anos do seu falecemento.

Toda a programación vaise realizar baixo estritos protocolos de seguridade, cunha especial protección aos maiores da parroquia, mediante reducións de aforo nos “jalpóns”, limitacións no uso dos “chimpíns” e supresión de festas no Torreiro. 

https://www.festivaldecans.gal/wp-content/uploads/festival-de-cans-dossier-2020.pdf