O pleno da corporación celebrou o sorteo das mesas electorais para os comicios galegos do 12 de xullo

 



Finalmente, hoxe venres celebrouse o pleno extraordinario da Corporación Municipal do Porriño para realizar o sorteo para a composición das mesas electorais para os comicios galegos do vindeiro 12 de xullo.

 

A concelleira, Lourdes Moure, do PSOE e Bienvenido Estévez, do PP, foron os encargados de accionar o procedemento automático que desencadenou o sorteo, mediante ordenador.

 

No concello de O Porriño formaránse 23 mesas electorais onde exercerán o seu dereito ao voto ó redor de 16.000 electores, segundo o censo actualizado.

 

O Porriño rexistra 136 altas no padrón de habitantes durante o estado de alarma


O Concello do Porriño medrou en 136 habitantes durante o período comprendido entre o 13 de marzo e o 12 de xuño, data da última actualización do padrón municipal.

Neste período rexistráronse no Porriño 35 nacementos e 101 cambios de residencia.
A alcaldesa Eva García valorou “con sorpresa” que O Porriño “presente estes datos de crecemento de poboación nun espazo tan curto de tempo”.

A alcaldesa manifestou que “debemos estar orgullosos de que a nosa poboación medre dun xeito tan significativo”. Eva Garcia engadiu que “moitas persoas consideren que O Porriño é un lugar axeitado para residir, supón o recoñecemento a que o noso concello é unha alternativa residencial á gran urbe que é Vigo e que, polo tanto, podemos prestar servizos de moi boa calidade e ser unha cidade que estea pensada para os cidadás”.

O Concello habilita un sistema de cita previa a través da sede electrónica sen necesidade de certificado dixital

O Concello do Porriño ven de habilitar un sistema de cita previa a través da sede electrónica que non precisa de que o solicitante teña certificado dixital.


Nesta mesma páxina web do Concello, os veciños e veciñas interesados en acadar unha cita previa clican na pestana de “sede electrónica”. No seguinte menú que se desprega, aparecen catro opcións. Unha delas é “cita previa”. Unha vez elixida esa opción, aparecen unhas normas de uso. E á esquerda aparecen tres opcións: Tesourería/ Matrimonios Civís/ Servizo de Contratación.

Ao pé desa páxina hai un botón que di “Continuar”. Premendo nel, pódese elixir unha hora de cita previa co servizo escollido. Hai que facilitar un enderezo de correo electrónico no que o peticionario recibirá un “email” cun código de confirmación da cita previa.

En breve agardase incluír máis opcións conforme vaia mellorándose a aplicación.

O goberno municipal propón a adhesión do Porriño ao “Centro de Acollida e Protección de Animais Abandonados”

O goberno municipal levará á consideración do pleno da corporación local, a adhesión do Concello do Porriño ao Servizo Provincial de Acollida de Animais Abandonados, dependente da Deputación de Pontevedra.

A proposta que realiza Sergio Casal, concelleiro responsable de Medio Ambiente, “suporía un importante aforro de cartos e de esforzos considerables para o Concello do Porriño que ata de agora ten que afrontar con medios propios e pagando a terceiros, estes servizos”, manifestou Casal. 

O custe de adhesión do Concello do Porriño ao Servizo Provincial, establecido en 0,40 céntimos por habitante, sería de aproximadamente 8.000 euros anuais. A cambio o Concello tería resolta a recollida de animais abandonados e vagabundos (basicamente can e gatos) todos os días do ano, así como a localización dos propietarios e a entrega do animal, e no caso contrario, o mantemento e coidado do animal nas instalacións de “CAAN” na Armenteira (Meis), ata que sexa dado en adopción.

A empresa pública “Tragsatec” é a encargada pola Deputación da xestión do CAAN (abreviatura de Centro de Acollida e Protección de animais abandonados). Dende 2014, primeiro ano de funcionamento do centro, tramitaron 1.900 adopcións de animais abandonados.

Realízanse as obras de pavimentación do Camiño da Vacaría en Budiño

Esta semana comezaron as obras de pavimentación do camiño da Vacaría, en Budiño, acometidas polo Concello do Porriño, por iniciativa da Concellería de Urbanismo que dirixe Pedro Pereira.
As obras consisten no acondicionamento, limpeza, mellora da drenaxe e pavimentación con aglomerado quente, e posterior sinalización do camiño veciñal. Teñen un prazo de execución de 3 meses e un orzamento de 36.000 €. Execútanse con cargo ao Plan Concellos 2020, da Deputación Provincial.
Previamente a comunidade de augas, coa autorización da Concellería de Urbanismo e Infraestruturas, renovou a traída de augas veciñal.

Porriño participou na reunión do distrito Vigo-Baixo Miño para activar o convenio de prevención e defensa contra os incendios forestais

O Concello do Porriño, representado polo concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Casal, participou hoxe na reunión telemática que mantiveron a Xunta de Galicia e os concellos do distrito forestal Vigo-Baixo Miño, presidida por Tomas Fernández Couto, director xeral de Montes.

A reunión estaba convocada pola administración autonómica para activar os convenios dos operativos municipais de prevención e loita contra os incendios forestais.

Asimesmo a reunión serviu para explicar os termos do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp (Federación Galega de Municipios) e a empresa pública “Seaga”, en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias.

O concelleiro Casal trasladou a adhesión do concello porriñés a participar nestes convenios e nos operativos que deberían despregarse a partir do vindeiro 1 de xullo.

Os servizos técnicos do Concello realizaron unha substitución de tubarias aproveitando o corte de auga de onte á tarde

Coa ocasión da avaría que onte á tarde produciuse na rede de distribución de auga na parte alta do núcleo urbano, os servizos técnicos municipais aproveitaron para substituír un tramo de 100 metros de tubaxes que estaba pendente da súa reposición. Por este motivo, hoxe mércores aínda están a producirse micro cortes de subministro de auga namentres se realizan as conexións.


No que atinxe a avaría acaecida onte nunha condución principal, quedou plenamente resolta despois da substitución da tubaria danada. Os servizos técnicos do Concello estiman que ó redor dun terzo da poboación do casco urbano resultou afectada polo corte de auga que durou un par de horas. Hoxe o abastecemento está normalizado.

Estrea da primeira Sala de Estudo Municipal


Esta mañá tivo lugar a estrea da primeira Sala de Estudo Municipal, creada polo Concello do Porriño, nas instalacións do Centro Cívico, na rúa Domingo Bueno,. nº 13. A sala de estudo funciona inicialmente cun horario de 8,30 a 14,30 horas, de luns a venres, e coas garantías de seguridade sanitaria polo COVID-19.

A súa creación é unha iniciativa da Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira. Ca súa ubicación no Centro Cívico, baleirouse á Biblioteca Municipal, separando o estudo da lectura, o que permitirá gañar espazo na Biblioteca para implementar novos servizos.

Segundo explicou a concelleira, “este novo espazo vén complementar á Biblioteca Municipal, coñecida polo seu labor e sentido de pertenza tanto de porriñesas e porriñeses, como da contorna”. “Ao mesmo tempo esta separación de espazos con funcións diferenciadas, dará solucións, tanto ás persoas que buscan un lugar para estudar comodamente e en silencio, coma que a Biblioteca Municipal recupera o seu espazo para implementar os servizos bibliotecarios a todas as persoas que queiran gozar do fondo bibliográfico”, engadiu Cami Moreira.

O Porriño e outros nove concellos da contorna deciden manter pechadas as piscinas este verán.

O Porriño e outros nove concellos da contorna acordaron manter pechadas as súas psicinas este verán para garantir a seguridade da cidadanía ante a pandemia do “Covid-19.

A decisión adoptada onte foi notificada mediante un comunicado conxunto polos concellos de O Porriño, Arbo, As Neves, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Tui.

No comunicado, os concellos detallan que adoptaron esta medida tras realizar unha “análise exhaustiva” da situación tras a recepción dos protocolos correspondentes elaborados polo Ministerio de Sanidade. Sinalaron que a normativa esixe unhas condicións que resulta complicado que poidan cumprir os municipios, como continuos labores de limpeza e desinfección, o mantemento da distancia de seguridade entre os usuarios das piscinas e a limitación da súa capacidade, así como do tempo de acceso ás mesmas.

Tanto O Porriño coma os demais concellos apuntan que se establece a necesidade de realizar continuas achegas de auga ás piscinas, controlar a súa cloración e utilizar desinfectantes de modo constante, o que prexudicaría “notablemente” o medioambiente. Ademais, sinalaron que, durante o peche, acometeranse distintas melloras nas instalacións para permitir a súa reapertura cando a situación posibilite que se realice con todas as garantías necesarias.

Apertura da primera Sala de Estudo do Concello do Porriño

O vindeiro martes 9, o Concello abrirá a primeira Sala de Estudo Municipal, nas instalacións do Centro Cívico, na rúa Domingo Bueno,. nº 13. Trátase dunha iniciativa da Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira.

Segundo explicou a concelleira, “este novo espazo vén complementar á Biblioteca Municipal, coñecida polo seu labor e sentido de pertenza tanto de porriñesas e porriñeses, como da contorna”. “Ao mesmo tempo esta separación de espazos con funcións diferenciadas, dará solucións, tanto ás persoas que buscan un lugar para estudar comodamente e en silencio, coma que a Biblioteca Municipal recupera o seu espazo para implementar os servizos bibliotecarios a todas as persoas que queiran gozar do fondo bibliográfico, facendo deste goce un agradábel convite”, engadiu Cami Moreira.

A concelleira de Cultura sinalou que “en definitiva, pretendemos converter a Biblioteca nun lugar polivalente que non exclúa ningunha posibilidade, sendo máis atractiva, e con diversidade nos espazos”.

Esta nova experiencia abrirá as súas portas de 8:30 a 14:30 horas de luns a venres, e coas garantías de seguridade sanitaria polo COVID-19.