A UNED confirma a concesión dun aula delegada para O Porriño

O Centro Rexional da Universidade a Distancia de Pontevedra confirmou hoxe á alcaldesa Eva Garcia, a concesión ao Porriño dun aula delegada da UNED. A comunicación ratifica a concesión que xa databa de 2018 e elimina as dúbidas que xurdiron debido a un cambio de persoas ao fronte dese Centro Rexional da UNED.

Eva Garcia manifestou a súa “ledicia por esta boa nova que en realidade xa o era antes `pero que agora confirmase plenamente e sen xénero de dúbidas”. A alcaldesa lembrou que “deste xeito dáse cumprimento ao acordo plenario acadado por unanimidade pola Corporación Local en maio de 2018” cando Porriño solicitou a concesión desa aula da UNED.

A instalación da aula xa está decidida. Será no local adquirido polo Concello, en escritura do 16 de abril do ano pasado, cunha superficie de 260 metros cadrados na rúa Fernández López, nº 2, por un prezo de 276.342 euros.
O Concello afrontou ese desembolso a través dunha operación de tesourería despois de vender varias parcelas municipais. A opción do aluguer dese local desestimouse pola previsible permanencia no tempo das actividades educativas. A elección do local en rúa Fernández López responde a súa ubicación ó carón do Centro Cultural Municipal e da Biblioteca.

As obras de axeitado do local para acoller as actividades educativas deberán acadar unha dotación económica no Orzamento Municipal deste ano, cunha previsión de gasto de 200.000 € aproximadamente.
Conforme ás xestións realizadas polo Concello coa dirección da UNED e cos presidentes dos Polígonos Industriais de Porriño, a futura aula comprenderá o curso de acceso a maiores de 25 anos á Universidade así como o establecemento de cursos de formación e capacitación para prácticas en empresas.

O mércores 27, pleno municipal telemático

O vindeiro mércores 27, a corporación local de O Porriño celebrará pleno municipal. Será por vídeo conferencia a través de medios telemáticas.

Trátase dunha sesión ordinaria e polo tanto terá lugar a partir das 18 horas.

A orde do día contempla 18 asuntos, ademais de rogos e preguntas.

Hai un importante continxente de asuntos vencellados ao estado de alarma, a crise socio-económica e a necesidade de que o Concello implemente axudas para reactivar a economía local, coas propostas do goberno municipal e as plantexadas polos respectivos grupos políticos da corporación.

Por outra banda, o pleno da corporación deberá adxudicar definitivamente o servizo de limpeza viaria á firma “Urbaser”; aprobar o novo convenio coa S.A do Plan Xacobeo para a explotación do albergue de peregrinos, e debaterá a nova ordenanza reguladora para a instalación de terrazas en espazos públicos.

Adxuntamos a orde do día

O Porriño en fase 2: medidas de control no acceso ao Concello e reincorporación do persoal nos departamentos municipais

Dende hoxe luns 25, coa entrada de Galicia na fase 2 do plan de desescalada, o Concello do Porriño comeza unha progresiva normalización da súa actividade e servizos.

Unha das novidades é un pórtico de control de temperatura e medidas de hixiene para as persoas que accedan ao interior do edificio consistorial. Un conserxe encargase de controlar o acceso que debe ser perante cita previa.

Dende hoxe restablecese a atención persoal en cada un dos departamentos e negociados sempre con cita previa e cando non sexa posible resolver por teléfono ou vía telemática.

Para solicitar atención personalizada perante cita previa, compre que se teñan en conta os seguintes teléfonos:

-para Servizos Sociais, pedir cita no número 986 334621

-para a Unidade de Atención a Drogo dependentes (UAD), no 986 330861

-para a Policía Local, no 620 40 40 40

-para todos o demais servizos, a través de centraliña no número 986 33 5000

 

Hoxe reincorporouse a meirande parte da plantilla. Están exceptuados o persoal pertencente aos colectivos considerados vulnerables e aqueles outros, suxeitos a a algún dos supostos de conciliación.

Consorcio de Augas do Louro reabre as oficinas de atención presencial ao público


Dende o vindeiro luns 25 de Maio volverán a estar abertas as oficinas de atención ao público en cada un dos catro concellos que integran o Consorcio de Augas do Louro: O Porriño, Tui, Salceda de Caselas e Mos.
Lembramos que no Porriño, as oficinas de atención ao público do Consorcio, ubícanse na rúa Ramón Gónzalez, nº 44, 2º B.
Terán un aforo limitado a unha persoa no interior da oficina e porán a disposición do usuario xel hidroalcohólico para a desinfección das súas mans, lembrando ademáis a obrigatoriedade do uso da máscara de protección para o acceso.

Alíviase o estado de alarma no Porriño coas disposicións publicadas hoxe no BOE

O Boletín Oficial do Estado publica este venres a orde ministerial pola que as saídas para paseos e deportes non teñen que realizarse dentro dunhas franxas horarias concretas naqueles concellos ou núcleos de poboación que non superen os 10.000 habitantes. Esta dispensa da que viñan beneficiándose os veciños de Torneiros, Atios, Pontellas, Mosende, Budiño, Chenlo, Cans e Carracido (dende o pasado 8 de maio), beneficia agora tamén ao centro da vila que ten unha poboación de 9.075 habitantes.

Deste xeito, a orde ministerial faculta que todos os porriñeses non teñan limitacións por franxas horarias para a súa mobilidade, paseos e para facer deporte aficionado. Tamén resolvese que os cativos poidan saír acompañados de toda a unidade familiar nos seus paseos, non só dun adulto como ata de agora.

Outro dato moi importante para a economía local: na orde, dise que se poderá proceder á reapertura ao público dos establecementos de hostalaría e restauración para consumo no interior do local, salvo discotecas e bares de ocio nocturno. Aínda que os establecementos deberán observar as limitacións de aforo actualmente existentes.

Os veciños que aínda carezan de máscaras de protección, poden acudir á sede da Policía Local para recollelas


A Alcaldía do Porriño informa que ante as peticións nas redes sociais do Concello de veciños e veciñas que aínda non recibiron máscaras de protección, poden acudir a partires de mañá venres 22 á sede da Policía Local para recollelas. En horario matinal.
Entregaranse un máximo de 4 por familia.

Tratase do derradeiro lote de 3.000 máscaras de protección, de tela, que restan da partida de 23.000 que 29 mulleres de Porriño confeccionaron de xeito altruísta grazas ás doazóns de material realizadas ao Concello por particulares e empresas.

Dado que a plena mobilidade no Porriño xa está restaurada e os repartos de máscaras polos voluntarios nas parroquias xa remataron, optase por esta solución para poder atender a aqueles que quedaron sen elas.

O Concello pechará por tramos horarios a rúa Pío XII para fomentar a mobilidade peonil e a reactivación económica

Un decreto da Alcaldía do Porriño establecerá, a partir do vindeiro venres 22, un peche ao tráfico rodado, por tramos horarios, da rúa Pío XII para fomentar a mobilidade peonil e ao tempo, a reactivación económicos de sectores coma hostalaría e comercio de proximidade.

O decreto da alcaldesa Eva Garcia establece que a medida que incrementará o espazo peonil no centro da vila, será efectiva a partir do mesmo venres e manterase ata o 1 de novembro.


Aplicarase, segundo os seguintes tramos horarios e días:
– de luns a venres, dende as 19 horas ata a 1,30 da madrugada
– sábados, de 16 horas ata as 2 da madrugada
– domingos, dende as 8 horas da mañá ata as 2 da madrugada.

Acordo entre goberno municipal e sindicatos para a reincorporación por departamentos dos funcionarios e persoal do Concello


Goberno municipal e os representantes sindicais da plantilla de traballadores do Concello do Porriño subscribiron hoxe un acordo para a progresiva reincorporación de funcionarios e demais persoal a partir do vindeiro luns 25 de maio. A negociación rematou hoxe coa firmado do acordo que subscribiu Lourdes Moure, concelleira de Persoal, no nome do goberno municipal, e os delegados da xunta de persoal do Concello.

O documento establece o proceso de reincorporación por etapas que xa está a realizarse dende esta semana e que a partires do vindeiro luns 25 suporá a reincorporación da meirande parte da plantilla. Estarán exceptuados o persoal pertencente aos colectivos vulnerables e aqueles suxeitos a a algún dos supostos de conciliación.

Tamén a partires do vindeiro día 25, restablecerase a atención persoal en cada un dos departamentos e negociados sempre con cita previa e cando non sexa posible resolver por teléfono ou vía telemática.

Para solicitar atención personalizada perante cita previa, compre que se teñan en conta os seguintes teléfonos:
-para Servizos Sociais, pedir cita no número 986 334621
-para a Unidade de Atención a Drogo dependentes (UAD), no 986 330861
-para a Policía Local, no 620 40 40 40
-para todos o demais servizos, a través de centraliña no número 986 33 5000

O acordo firmado hoxe tamén determina que a unidade de Persoal do Concello facilitará aos traballadores o material de protección (máscaras, luvas e mamparas) que sexan necesarios e que ademais a disposición de mesas e cadeiras de traballo estarán redistribuídas para gardar a distancia de seguridade (2 metros) entre cada posto de traballo.
A tal fin, o Concello aplica as recomendacións da auditoría realizada pola firma “Cualtys” que supervisa o cumprimento das medidas de seguridade e hixiene no traballo.

O Consorcio de Augas do Louro repara o afundimento na Ponte Romana

O Consorcio de Augas do Louro, que preside a alcaldesa do Porriño, acomete a reparación da Ponte Romana. O Consorcio ten adxudicado á empresa Galaicontrol SL os traballos de redacción do proxecto de reparación do afundimento dun treito do  Colector Interceptor Xeral de Tui e na estrada de acceso á depuradora de Guillarei, situados no entorno da Ponte Romana.

Durante estes días a empresa ven realizando diversos traballos de campo e tomando mostras mediante sondaxes así como realizando ensaios de penetración no terreo para calcular a capacidade resistente do mesmo.

A partir desta semana, realizarase un “by-pass” do treito de colector afundido para inspeccionar o seu interior mediante unha cámara de vídeo, co obxecto de completar a información necesaria para elaborar un estudo de alternativas de reconstrución.

A alternativa escollida deberá ser consensuada previamente coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, propietaria das instalacións.

A Concellería de Emprego realiza unha sondaxe entre empresas e autónomos para que definan as súas necesidades

O Concello está a realizar unha sondaxe entre empresas e autónomos porriñeses para coñecer as súas demandas de axuda para reiniciar a a súa actividade económica “e polo tanto para que poidamos definir que tipo de axudas pode prestar a administración municipal dentro das súas competencias”, manifestou David Alonso, concelleiro  responsable de Emprego.

Funcionarios de “Porremprego”, organismo que depende do Concello, realizan a partir de hoxe luns, as enquisas mediante chamadas telefónicas co fin de reunir información sobre o estado, as perspectivas e as necesidades das empresas e autónomos do Porriño ante a actual crise.

“Con isto o que pretendemos é que as medidas que poida adoptar o Concello para reactivar a economía local sexan dirixidas a resolver as necesidades que nos manifestan empresas e autónomos do Porriño”, engadiu David Alonso.