A maioría da corporación acordou realizar unha análise conxunta da facturación pendente de pago

A suma de votos da maioría da corporación municipal do Porriño, co voto de calidade do alcalde accidental, rexeitou a proposta do Partido Popular e aceptou a contraproposta do grupo EU SON para analizar no seu conxunto toda a facturación pendente do Concello do Porriño. Acordouse que esa análise inclúa tanto as facturas da conta 4/13 como aquelas que están pendentes porque carezan de partes de traballo, outras deficiencias ou tiveran sido rexeitadas polo sistema “Face”.

A contraproposta de Pedro Ocampo, voceiro de EU SON foi apoiada pola suma dos 8 votos de PSOE, BNG, EU SON e Manuel Carrera, da UDDL, fronte aos 8 votos dos concelleiros do PP que votaron en contra. Ante a ausencia por convalecencia post cirúrxica da alcaldesa titular, Eva García, o alcalde accidental, Pedro Pereira fixo valer o voto de calidade.

De tal xeito que na vindeira semana, convocarase unha xunta de voceiros municipais para planificar como se fará esa análise en conxunto da facturación e se requerirán os informes pertinentes dos servizos técnicos municipais.

O acordo acadado foi a alternativa á proposta do Partido Popular do que partía a petición deste pleno extraordinario celebrado hoxe. O voceiro do grupo maioritario da oposición plantexou os casos da facturación pendente de pago de 25 empresas proveedoras do Concello. Entre elas figuran “Naturgy”; “Eulen”, “Nexia”, “Ascan” “Fluge”, “Aceesca Emprego”, “Gonzalez Couceiro” ou “Narom”, entre outras.

Alejandro Lorenzo matizou hoxe no pleno que a súa proposta contemplaba “revisión de oficio, pago, crédito ou sexa o que fora segundo a normativa vixente e os informes técnicos pertinentes da Secretaría e da Intervención Municipal”.   Ao mesmo tempo, o voceiro do PP, requiriu ademais en cada un dos 25 contratos, un expediente de responsabilidade patrimonial aos ordenadores de cada gasto.  

A proposta do PP foi rebatida por Lourdes Moure, concelleira de Economía e Facenda e voceira do grupo socialista. Acusou ao PP porriñes de “querer entorpecer ata paralizar a actividade económica municipal e para ilo, infunden sospeitas e dubidan dos informes tanto dos técnicos coma dos altos funcionarios, habilitados nacionais, se non están na súa corda”.

A voceira socialista manifestou que “estean tranquilos os proveedores do Concello que van cobrar, aínda que o Partido Popular non lles queira pagar”.

Cami Moreira, polo BNG manifestou que o seu grupo votaba en contra da proposta do PP por que“non temos coñecemento de ilegalidades” aínda que subliñou que “o recoñecemento extraxudial é unha mala praxe que está corrixirse”. E Manuel Carrera, dixo “observar mala fe no PP que está a facer unha oposición xudicializada cando o que procedería sería un esforzo conxunto para esclarecer toda a facturación pendente”.

Nesa mesma liña, o voceiro de EU SON, formulou a contraproposta que finalmente aprobou a maioría da corporación. Ocampo Cardalda baseouse en que aínda “fáltanos documentación” e reclamou que sexan a xunta de voceiros e as comisións municipais as que establezan qué facturas deben pagarse con recoñecemento extraxudicial e qué facturas deben pasar por trámite de revisión de oficio ou de audiencia ás empresas”, manifestou  Ocampo.

O PP retirou dous puntos máis da orde do día do pleno e por unanimidade de toda a corporación acordouse deixar enriba da mesa outra proposta do grupo maioritario da oposición que solicita información sobre as nóminas percibidas pola alcaldesa entre febreiro e maio deste ano. 

O Porriño reabrirá este xoves a Piscina Municipal con restricións

 
 
O Concello do Porriño anuncia para mañá xoves 9 de xullo, a reapertura da Piscina Municipal baixo unas estrictas pautas de prevención do Covid-19.
 
O emprego da máscara será obrigatorio en todo momento, agás na piscina. A solicitude de cita será un requisito imprescindible. Deberá pedirse cun máximo de 48 horas de antelación, ben por teléfono a través de número 986 34 44 20 ou por correo electrónico: piscinaporrino.eulen@gmail. Com
 
O tempo de nado é de unha hora e non poderá haber máis de dúas persoas por cada rúa na piscina grande. No vaso pequeno, o aforo máximo será de 8 persoas.
 
O horario de apertura da Piscina Municipal do Porriño será: de luns a venres, de 7 da mañá a 14 horas; e de 16 h. a 23 horas. Os sábados, de a 14 h. e de 17 a 20,30 h. E domingos, tan só en quenda matinal, de 10 a 14 horas.
Os responsables da instalación municipal advirten que non se permitirá o acceso a persoas con síntomas compatibles co “Covid-19”: tos, febre ou dificultade para respirar.

Terceira quenda do mercado ambulante despois do estado de alarma


O mercado ambulante do Porriño que acadaba hoxe a terceira quenda dende o estado de alarma, tivo lixeiras modificacións na distribución dos postos de venda.


O concelleiro responsable de Comercio, Sergio Casal e os representantes do colectivo de vendedores acordaron una redistribución. O que motivou que por exemplo alguns postos ocuparan un lateral ao principio da rúa Antonio Palacios.
O concelleiro amosou a súa satisfacción polo ambiente e a maior presenza de público que se vai notando.

“Urbaser” comezou hoxe a prestar o servizo de limpeza viaria no Porriño

A empresa “Urbaser” comezou hoxe, dende as sete da mañá, a prestar o servizo de limpeza viaria no concello do Porriño.
A nova concesionaria subrogouse o persoal da anterior, comprometeuse a aumentar maquinaria e tamén as frecuencias de de limpeza, en especial en Torneiros, segundo precisou Sergio Casal, concelleiro responsable.

O cambio fora acordado pola corporación municipal nun pleno extraordinario celebrado na primeira semana de marzo (antes da declaración do estado de alarma). Aprobouse cos votos favorables de PSOE, PP, EU SON e UDDL e coa abstención dos dous concelleiros do BNG.
A re-adxudicación deste contrato baseouse nunha resolución da Mesa de Contratación do Concello, a raíz dunha sentencia do Tribunal de Contratación Administrativa de Galicia.

O Concello acometerá a reparación da vía pública ó carón da Fonte do Cristo

A alcaldesa Eva García e a concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure comprobaron co enxeñeiro municipal os danos acontecidos baixo a vía pública por un foxo ó carón da Fonte do Cristo na rúa peonil.

A avaría produciuse durante o estado de alarma e a contorna da fonte está valada.

O buraco de máis de varios metros de lonxitude esténdese baixo o pavimentado de pedra da rúa. A actuación urxe para evitar o risco de afundimento. Será acometida polo persoal de Vías e Obras do Concello.

INSTRUCIÓNS PARA SOLICITAR A CITA PREVIA PARA O REXISTRO XERAL

Lembramos que pódese acadar por teléfono, chamando ao número 986 335 000 e solicitando cita.

Ou a través desta páxina web, na pestana “sede electrónica” (non é necesario ter certificado dixital, só un correo electrónico), e seguir estas instrucións do proceso:

Acceda á páxina web do concello (www.oporrino.org)
Seleccione “SEDE ELECTRÓNICA”
Seleccione “CITA PREVIA”
Seleccione “Rexistro”
Seleccione a axenda “Rexistro 1”
Seleccione a data dispoñible que desexe
Seleccione o horario dispoñible que desexe
Seleccione “CONTINUAR”

Adxunta-mos un gráfico para visibilizar as instrucións.

Os votos conxuntos de EU SON e do PP impiden aprobar a operación de crédito para aboar 2,5 millóns € a proveedores

O Partido Popular acadou o apoio dos dous concelleiros de EU SON que respaldaron o voto particular do grupo principal da oposición para deixar enriba da mesa a operación de crédito proposta polo goberno municipal coaligado PSOE-BNG. De xeito que a proposta de xerar ese crédito por importe de 2,5 millóns de euros para pagos a proveedores e facturas pendentes de exercicios anteriores, non se poderá materializar, de momento.

Os 10 votos da suma de concelleiros do PP e EU SON derrotaron aos 7 votos da coalición PSOE-BNG máis o concelleiro da UDDL, Manuel Carrera.

Eva García manifestou ao termo da sesión plenaria presencial celebrada esta tarde, a porta pechada, que “lamentamos que os concelleiros de EU SON cambiasen de opinión co respecto ao negociado con este goberno ata hoxe e que semellante cambio de criterio afecte a centos de empresarios, autónomos e outros proveedores que, de momento, non poderán cobrar por traballos realizados para este Concello”.

Eva García lembrou que no presente mandato os concelleiros de EU SON xa teñén apoiado outra operación de crédito para recoñecemento extraxudicial de débedas “polo que non entendo que agora exisan responsabilidades políticas a esta alcaldesa cuia investidura votaron a favor hai un ano”, manifestou a rexedora.

No pleno EU SON a través do seu voceiro Pedro Ocampo chegou a pedir a dimisión de Eva García “pola súa responsabilidade política na xestión económica do Concello nos últimos cinco anos”, segundo explicou Ocampo Cardalda. O voceiro de EU SON amosou as súas dúbidas sobre a suficiencia dos informes que avaliaban as facturacións pendientes.

Pola súa banda, o Partido Popular presentou un voto particular oponiéndose a que prosperase esta operación de crédito, en disconformidade “con que se paguen unhas facturas e outras non”, segundo o seu voceiro. Alejandro Lorenzo volveu a esixir unha revisión de oficio de todas as facturas pendentes na conta 4/13 que cifrou en perto de 5 millóns.

A voceira do PSOE, Lourdes Moure lembroulle a Alejandro Lorenzo que “o último goberno municipal do PP do que vostede formaba parte, chegou a traer ata 18 millóns de euros en recoñecemento extraxudicial de débeda e o xustificaban con que non podía pararse a economía local”. Moure Varela imputoulle a Alejandro Lorenzo “é vostede o concelleiro 4/13, vostede só quere bronca”.

Pola súa banda Pedro Pereira xustificou o apoio do BNG á operación para pagar aos proveedores afectados en base a que “non é bó que incrementar a conta 4/13 e o desexable sería que academos rebaixa-la durante este ano”, manifestou o primeiro tenente de alcalde.

 

Finalmente Manuel Carrera considerou que “sexan benvidos eses 2,5 millóns de euros en pagos a proveedores nun ano tan complicado e condicioado pola pandemia”, valorou o concelleiro da UDDL.  

Outros acordos

No mesmo pleno, o goberno municipal acadou a aprobación da modificación da ordenanza de estacionamento en “Zona Azul” e por unanimidade acordouse a adhesión do Porriño ao Centro Provincial de Acollida de Animais (“CAAN”). dependente da Deputación.

Pleno ordinario: o goberno municipal leva unha operación de crédito para aboar 2,5 millóns de euros a proveedores


O goberno municipal coaligado PSOE-BNG que preside Eva García levará ao pleno ordinario de xuño, a proposta dunha operación de crédito extraordinario por importe de algo máis de 2,5 millóns de euros para pagos a proveedores e facturas pendentes do exercicio de 2019.


É un dos oito asuntos da orde do día da sesión convocada para mañá martes 30, a partir das 18 horas. Será presencial só para os corporativos e polo tanto a porta pechada e sen público, a causa das actuais restricións pola “Covid-19”.


Na Comisión Municipal de Economía e Fazenda celebrada previamente, o asunto informouse cos votos favorables de PSOE, BNG e Manuel Carrera e coas abstencións de EU SON e Partido Popular. A coantía exacta da operación que se plantexa para a súa aprobación inicial é de 2.554.751,37 €.


No mesmo pleno, o goberno municipal leva á consideración da corporación, entre outros asuntos, a modificación da ordenanza de estacionamento en “Zona Azul” e a posible adhesión do Porriño ao Centro Provincial de Acollida de Animais (“CAAN”). dependente da Deputación.

“Por un Porriño Trans-Verso”

Baixo o lema “Por un Porriño Trans-Verso”, o Concello celebrou o “Día do Orgullo LGTBIQ+”.
Cami Moreira, concelleira de Igualdade manifestou o seu orgullo de que “O Porriño se sumara un ano máis a esta celebración para que a igualdade de dereitos de todas e todos os cidadáns sexa cal fora a súa orientación afectiva e sexual ou identidade de xénero, sexa un compromiso de toda a sociedade”.

Debido á adversa meteoroloxía da fin de semana, aínda hoxe luns o muralista “Doctoy” está rematar a intervención artística na rampla de baixada á praza do Cristo. Trátase dun mural alusivo á efemérede cas cores da arco da vella.


Onte sí celebrouse un recital de poesía a cargo de Samuel Merino, Silvia Penas, Arancha Nogueira co acompañamento musical de Sanny Caster e Paraíso Canto, grupo integrado por Gabi Reboredo, voz e percusións tradicionais e Martiño Malleiro, acordeón cromático e clarinete.

O Concello homenaxeou á U.D. Atios polo seu histórico ascenso a 3ª División

A alcaldesa Eva García presidiu a recepción ofrecida polo Concello do Porriño á Unión Deportiva Atios polo seu histórico ascenso a Terceira División, na que militará na vindeira tempada.

O concelleiro de Deportes, David Alonso e o concelleiro de Comercio, Sergio Casal tamén participaron na homenaxe rendida na casa consistorial ao presidente, directiva, “staff” técnico e xogadores da U.D. Atios. 

A directiva, presidida por José Cebreiro, o cadro técnico encabezado polo adestrador principal, José Tizón e a plantilla de xogadores, a meirande parte xa renovados para a vindeira tempada 2020/2021 acudiron ao salón de sesións do Concello onde tivo lugar o acto coas debidas pautas sanitarias e de distancia actualmente esixidas.