A deputada autonómica do PSdG-PSOE, Leticia Gallego recolleu hoxe diversas solicitudes da alcaldesa Eva García e concelleiros socialistas do goberno municipal para darlles traslado ante o Parlamento de Galicia. A parlamentaria realizou unha visita ao Concello e mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa e cos concelleiros Lourdes Moure, Sergio Casal e David Alonso.

Entre as peticións recollidas, a principal é a ampliación do Centro de Saúde, demandada dende hai unha década. O Concello do Porriño cedeu os terrenos para acometer a execución do proxecto comprometido polos sucesivos gobernos de Alberto Núñez Feijóo. Precisamente a alcaldesa informou á deputada que no pasado mes de setembro solicitou unha entrevista ao novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña para interesarlle polo estado dese proxecto e que aínda non tivo resposta.

Leticia Gallego tamén recolleu outras demandas do goberno municipal como a construcción dun novo colexio que sustitua ao actual CEIP Fernández López, totalmente desfasado e que soporta o maior número de escolares entre os centros docentes da vila. Asimesmo a deputada informouse tamén do problema da descontaminación por lindano e tomou nota da petición do Concello porriñés para demandar que a Xunta de Galicia habilite unha partida orzamentaria para executar os traballos na parroquia de Torneiros, segundo o compromiso adquirido en 2018 pola administración autonómica.

O encontro serviu tamén para que a deputada informase do ocorrido o pasado mércores 4, na Comisión de Industria do Parlamento coa ocasión de debaterse a situación da empresa porriñesa “Maderas Iglesias”. Leticia Gallego explicou que os votos do Partido Popular que ten a maioría, impediron que prosperase unha proposición non de lei do PSOE que instaba ao vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde a convocar unha reunión de urxencia co comité de empresa cara a paralizar a poxa desta firma.

A alcaldesa Eva García e a deputada Leticia Gallego lamentaron que “esta mostra de falta de empatía e sensibilidade do Partido Popular vaia impedir unha solución para 150 traballadores, na súa meirande parte mulleres abocandolles a unha situación sen retorno”, segundo valoraron.