O ORAL abre prazo para personalizar o pago de recibos do IBI, IAE e vehículos

O ORAL, o órgano desconcentrado da Deputación de Pontevedra encargado de colaborar cos concellos (entre eles O Porriño) na xestión, inspección e recadación dos tributos locais, informa que está aberto o prazo para solicitar o que chama “plan personalizado de pagos COVID-19”.
O citado prazo permitirá pagar os recibos de IBI, IAE e IVTM (vehículos ou circulación) xuntos ou individualmente ata en 6 meses, tendo en conta as especiais circunstancias que concorren este ano a causa da antedita pandemia.

O prazo para solicitudes rematará o 15 de xuño. Pódese presentar a solicitude a través da Oficina Virtual Tributaria do propio ORAL ou en ben en calquera das oficinas presenciais deste órgano con cita previa chamando ao número 886211400.
Lembramos que no Porriño, a oficina presencial do ORAL atópase na rúa Pinar, 5 baixo, cun horario de luns a venres, de 9 a 14 horas.

Os interesados en adquirir os vehículos retirados do parque móbil municipal, poderán comprobar o seu estado en visita con cita previa

O Concello do Porriño anuncia que as persoas interesadas en adquirir algún dos 26 vehículos do parque móbil municipal que se retiraron no outono pasado, poderán concertar cita previa para comprobar o estado dos mesmos. Os vehículos atópanse no Multiusos de Torneiros, onde poderán ser vistos polos interesados.

As visitas serán os vindeiros días martes 9 e xoves 11 de xuño, previa solicitude de cita previa á Policía Local no teléfono 986 33 5000, en horario de 9 a 14 horas. A partir de mañá mércores 3, no “Perfil do Contratante” do Concello do Porriño, os interesados poderán consultar as condicións para a presentación de plicas en sobre pechado no prazo que rematará o 19 de xuño.


Entre os 26 vehículos que formaban parte do parque móbil municipal, cunha antigüidade media de 20 anos que se retiraron, figuran un “Volvo 580” comprado polo Concello do Porriño e matriculado en 2002 (con Xosé Manuel Barros de alcalde) que sairá cun prezo de partida de 2.200 €.
Hai diversas furgonetas C-15, Citroen Berlingo, Peugeot Partner con 23, 25 e 27 anos de uso. Tamén vehículos da Policía Local como un “Land Rover Freelander”, un “Nissan Almera” ou un “Peugeot 607” de 2.900 centímetros cúbicos, matriculado hai 17 anos que xa estaban fora de uso. O vehículo que sae cun prezo de partida máis alto é un “Ssangyong Action” valorado en 5.800 euros.

Os vellos vehículos foron retirados o 8 de outubro de 2019, data na que se entregaron os 25 novos que se incorporaron ao parque móbil municipal mediante unha operación de “renting”.

A Policía Local agradece a colaboración cidadá para esclarecer un roubo no interior dun vehículo

Axentes da Policía Local do Porriño coa valiosa colaboración de dous cidadás, precederon á detención dun individuo de 24 anos, como presunto autor dun delito de roubo no interior dun vehículo.

Os feitos aconteceron na madrugada do sábado 30. A Policía Local recibiu ás 5,35 horas, unha chamada alertando dun posible roubo no interior dun coche aparcado nunha céntrica rúa. Cando chegou a patrulla comprobou que había un vehículo cunha fiestra rachada e que dous cidadás tiñan retido a un individuo despois de observar o ilícito penal.
A identidade do individuo responde ás iniciais M.F.R. Instruíronse dilixencias remitidas xunto co detido ao xulgado de garda do Porriño.

A Policía Local do Porriño quere subliñar a colaboración cidadá no esclarecemento deste caso, un presunto delito que pode aparellar unha pena de 1 a 3 anos de cadea.

O Concello destinará 100.000€ para axuda á hostalaría, ao comercio de proximidade e aos autónomos

A primeira sesión plenaria telemática celebrada pola Corporación Municipal do Porriño acordou unha modificación orzamentaria que habilitará dispoñer de 100.00 euros que se destinarán a apoiar o reinicio da economía local. A proposta do equipo de goberno contou cos votos favorables dos concelleiros do PSOE, BNG, EU SON e UDDL. O PP optou pola abstención.


Esta achega de 100.000 € “son para axudas ao comercio de proximidade, aos autónomos e para a hostalaría porriñesa para que teñan un pulo que lles permita reiniciar as súas actividades”, manifestou Eva Garcia de la Torre.
A alcaldesa non descartou que poidan acordarse novas modificacións orzamentarias en función das necesidades. “Imos ter que atender moitos frontes”, engadiu.


Eva Garcia lembrou que dende o principio do estado de alarma, o Concello está a destinar unha partida económica moi importante para emerxencia social en axudas alimentarias para as familias máis necesitadas. En datos ata o 30 de abril, 336 familias que agrupan a 847 porriñeses (536 adultos e 311 menores) recibiron axuda directa do Concello dende o 14 de marzo para a adquisición de produtos alimentarios frescos e de primeira necesidade. E que actualmente 758 persoas reciben semanalmente lotes de produtos non perecedoiros aportados polo Banco de Alimentos “SOS Porriño”.

Outros acordos

A sesión plenaria “on line”, a primeira que se celebra na historia do Concello do Porriño, durou preto de 4 horas e abordou unha orde do día con 18 asuntos. Entre os acordos máis salientables, resumimos os seguintes:
– Adxudicouse definitivamente o servizo de limpeza viaria á firma “Urbaser”. O control de calidade do servizo será supervisado por un técnico municipal, segundo comprometeu o goberno
– Acordouse por maioría, a aprobación inicial da nova Ordenanza de instalación de terrazas e veladores nos espazos públicos. Haberá un límite máximo de ocupación de 40 metros cadrados e non se permitirá a instalación de mesas e cadeiras nos soportais para garantir o uso peonil das vías públicas, segundo avanzou o tenente de alcalde Pedro Pereira. Á vista das actuais dificultades para o sector, a entrada en vigor da nova ordenanza adiarase ata outono, en función da evolución das crises sanitaria e económica.
– Aprobouse por unanimidade a Ordenanza do uso do galego no Concello do Porriño
– Quedou sobre a mesa a proposta de novo convenio coa S.A. de Xestión do Xacobeo para a xestión do Albergue de Peregrinos do Porriño.

Mocións

No tramo final do pleno, trataronse diversas mocións. O Partido Popular retirou dúas relativas á modificación dos puntos 25, 26 y 27 das bases de execución do Orzamento Municipal. Como xa estaban contempladas nun voto particular que o PP presentara no debate sobre a modificación orzamentaria, Alejandro Lorenzo, voceiro do grupo optou por retirar as mocións reservándose o dereito de solicitar proximamente un pleno municipal extraordinario.
Aprobouse por maioría a moción do grupo EU SON que defendeu o seu voceiro Pedro Ocampo solicitando medidas económicas e sociais fronte ao Covid-19. E tamén por maioría da corporación aprobou a moción do BNG que solicita a derogación da chamada “Lei Montoro” sobre teito de gasto nas administracións municipais.

A sesión plenaria pódese mirar nesta mesma páxina web no apartado “mediateca de plenos”.

Concentración en sinal de loito oficial polas vítimas da Covid-19

Membros do goberno municipal e dos grupos políticos da corporación, encabezados pola alcaldesa e voceiros municipais participaron este mediodía na concentración en sinal de loito oficial polas vítimas da Covid-19.

A este acto sumaronse veciños e veciñas así como traballadores do Concello. 

Despois de gardar un minuto de silencio, os presentes prorrumpiron nun aplauso que rematou o acto, similar aos convocados e celebrados hoxe noutros concellos, vilas e cidades do país. 

As bandeiras do balcón principal do consistorio seguirán a media hasta durante os dez días de loito oficial decretados polo Goberno de España. 

A exposición o censo electoral coa o asión dos vindeiros comicios autonómicos


Ata o vindeiro luns 1 de xuño estará exposto o censo electoral para consulta e reclamacións se procede coa ocasión dos vindeiros comicios autonómicos convocados para o domingo 12 de xullo.

A consulta do Censo Electoral pódese realizar por medios informáticos, segundo o disposto na lexislación vixente, ou ben en persoa acreditándose mediante DNI,pasaporte,carné de conducir ou permiso de residencia.

Se procedera realizar reclamacións sobre os seus datos, poderán achegarse directamente na Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral ou a través do Concello do Porriño, onde tamén se lles facilitarán os correspondentes impresos de reclamación.

Primeiro día de loito oficial e concentración diante do Concello a mediodía


As bandeiras da casa consistorial do Concello do Porriño ondean a media hasta como sinal de loito oficial que decretouse en todo o país polo Goberno Central en homenaxe ás vítimas da pandemia. Este loito oficial durará dez días segundo decretou o presidente do Goberno.

Por outra banda, a alcaldesa do Porriño, Eva Garcia convocou hoxe mércores, ás 12 horas, una concentración silenciosa diante da casa consistorial, na que estarán os membros do goberno municipal e os voceiros dos grupos políticos da corporación así como cantos veciños e veciñas do Porriño queiran sumarse a amosar a súa condolencia coas vítimas e os seus familiares.

A UNED confirma a concesión dun aula delegada para O Porriño

O Centro Rexional da Universidade a Distancia de Pontevedra confirmou hoxe á alcaldesa Eva Garcia, a concesión ao Porriño dun aula delegada da UNED. A comunicación ratifica a concesión que xa databa de 2018 e elimina as dúbidas que xurdiron debido a un cambio de persoas ao fronte dese Centro Rexional da UNED.

Eva Garcia manifestou a súa “ledicia por esta boa nova que en realidade xa o era antes `pero que agora confirmase plenamente e sen xénero de dúbidas”. A alcaldesa lembrou que “deste xeito dáse cumprimento ao acordo plenario acadado por unanimidade pola Corporación Local en maio de 2018” cando Porriño solicitou a concesión desa aula da UNED.

A instalación da aula xa está decidida. Será no local adquirido polo Concello, en escritura do 16 de abril do ano pasado, cunha superficie de 260 metros cadrados na rúa Fernández López, nº 2, por un prezo de 276.342 euros.
O Concello afrontou ese desembolso a través dunha operación de tesourería despois de vender varias parcelas municipais. A opción do aluguer dese local desestimouse pola previsible permanencia no tempo das actividades educativas. A elección do local en rúa Fernández López responde a súa ubicación ó carón do Centro Cultural Municipal e da Biblioteca.

As obras de axeitado do local para acoller as actividades educativas deberán acadar unha dotación económica no Orzamento Municipal deste ano, cunha previsión de gasto de 200.000 € aproximadamente.
Conforme ás xestións realizadas polo Concello coa dirección da UNED e cos presidentes dos Polígonos Industriais de Porriño, a futura aula comprenderá o curso de acceso a maiores de 25 anos á Universidade así como o establecemento de cursos de formación e capacitación para prácticas en empresas.

O mércores 27, pleno municipal telemático

O vindeiro mércores 27, a corporación local de O Porriño celebrará pleno municipal. Será por vídeo conferencia a través de medios telemáticas.

Trátase dunha sesión ordinaria e polo tanto terá lugar a partir das 18 horas.

A orde do día contempla 18 asuntos, ademais de rogos e preguntas.

Hai un importante continxente de asuntos vencellados ao estado de alarma, a crise socio-económica e a necesidade de que o Concello implemente axudas para reactivar a economía local, coas propostas do goberno municipal e as plantexadas polos respectivos grupos políticos da corporación.

Por outra banda, o pleno da corporación deberá adxudicar definitivamente o servizo de limpeza viaria á firma “Urbaser”; aprobar o novo convenio coa S.A do Plan Xacobeo para a explotación do albergue de peregrinos, e debaterá a nova ordenanza reguladora para a instalación de terrazas en espazos públicos.

Adxuntamos a orde do día

O Porriño en fase 2: medidas de control no acceso ao Concello e reincorporación do persoal nos departamentos municipais

Dende hoxe luns 25, coa entrada de Galicia na fase 2 do plan de desescalada, o Concello do Porriño comeza unha progresiva normalización da súa actividade e servizos.

Unha das novidades é un pórtico de control de temperatura e medidas de hixiene para as persoas que accedan ao interior do edificio consistorial. Un conserxe encargase de controlar o acceso que debe ser perante cita previa.

Dende hoxe restablecese a atención persoal en cada un dos departamentos e negociados sempre con cita previa e cando non sexa posible resolver por teléfono ou vía telemática.

Para solicitar atención personalizada perante cita previa, compre que se teñan en conta os seguintes teléfonos:

-para Servizos Sociais, pedir cita no número 986 334621

-para a Unidade de Atención a Drogo dependentes (UAD), no 986 330861

-para a Policía Local, no 620 40 40 40

-para todos o demais servizos, a través de centraliña no número 986 33 5000

 

Hoxe reincorporouse a meirande parte da plantilla. Están exceptuados o persoal pertencente aos colectivos considerados vulnerables e aqueles outros, suxeitos a a algún dos supostos de conciliación.