A alcaldesa pide unha reunión ao novo conselleiro de Sanidade para tratar o proxecto de ampliación do Centro de Saúde

A Alcaldesa, Eva Garcia de la Torre, solicitou hoxe por carta unha reunión ao novo Conselleiro de Sanidade para abordar o estado do proxecto de ampliación do Centro de Saúde do Porriño. A alcaldesa lembra ao novo titular do departamento, Julio Garcia Comesaña que hai meses firmou co seu antecesor, Jesús Vázquez Almuiña o convenio para ampliación de dito centro de saúde.

Eva Garcia traslada na misiva ao novo conselleiro a felicitación no nome de todos os porriñeses polo seu nomeamento. E a continuación, a alcaldesa expon a preocupación no nome dos porriñeses nos seguintes termos: “quero que sexas consciente do desfase que temos nun concello que xa ten superada os os 20.000 habitantes e que carece de infraestruturas sanitarias modernizadas coma as de concellos limítrofes Tui ou Salceda, onde a Xunta de Galicia foi quen de facer novos centros de saúde para servizo dos veciños”.

A alcaldesa porriñesa pecha a súa carta solicitando “gustaríame poder expoñerte estas cuestións de forma persoal o día e a hora que consideres”.

O Porriño, por terceiro mes consecutivo, medra en emprego fronte á tendencia da área metropolitana. 186 persoas saíron das listas do SEPE neste Concello.

 

David Alonso, concelleiro de Emprego salientou hoxe nunha declaración oficial, que “O Porriño ven de acreditar en agosto, por terceiro mes consecutivo, un descenso do número de parados rexistrados o que confirma a boa labor de todo o tecido empresarial e industrial do noso  concello que é quen de superar o difícil escenario económico actual”.

Segundo os datos difundidos polo SEPE, O Porriño rexistrou un descenso do 1,5% o que se traduce que 27 desempregados acadaron traballo no mes de agosto. En xullo, foran 81 as persoas que saíron do paro rexistrado no Porriño e no mes de xuño, 78. É dicir, nos últimos tres meses houbo 186 altas de contratación no Porriño, segundo os rexistros do SEPE.  

“Coido que O Porriño marca tendencia na área metropolitana de Vigo tanto en xeración de emprego coma en formación e inserción laboral”, manifestou o edil Alonso Bargiela que considera que estes resultados “evidencian o bo traballo que se está a realizar desde Porremprego”.

FIRMA DE CONVENIO E ENTREGA DE DIPLOMAS

Precisamente mañá, unha delegación do Concello do Porriño encabezada pola alcaldesa Eva García e o concelleiro de Emprego, visitará á empresa “Staroil Porriño”, logo de conluír varios cursos de formación con prácticas, no marco do programa “Porriño Accede”. O obxectivo desta colaboración foi proporcionar a persoas en desemprego unha oportunidade laboral por medio da formación. “Staroil Porriño” participou no deseño da formación e na acollida de alumnos en prácticas, ofrecendo continuidade laboral a catro deles.

“A empresa manifestounos que hai interese en dar continuidade a esta colaboración. No que leva de ano, a Concellería de Emprego e Formación organizou xunto con estes cursos, formación con prácticas en loxística e carretillas elevadoras, ademais de realizar talleres para a adquisición de técnicas para a busca de emprego, obradoiros de entrevista e formación en intelixencia emocional”, engadiu o concelleiro de Emprego.

Tamén mañá venres terá lugar, a partir das 14 horas, no Multiusos de Torneiros, a entrega de diplomas, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción, unha vez clausurado o curso básico de Prevención de Riscos Laborais de 60 horas de duración máis o curso específico de oficio de 6 horas para postos de albanelería. Un total de dezaseis participantes culminaron con éxito estes cursos.

A Alcaldesa Eva García e o concelleiro David Alonso asistirán á entrega de diplomas.

O VENRES 4 COMEZA O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES PARA OPOSITAR POR 3 PRAZAS DE INTERINOS NO CONCELLO

A partir de mañá venres 4 de setembro, os interesados en participar na convocatoria para cubrir, en réxime de interinidade, tres prazas vacantes de auxiliar administrativo no Concello, poderán comezar a presentar as súas solicitudes.
Hoxe, xoves 3, publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 179) o correspondente anuncio oficial do Concello do Porriño.

Previamente, con data 20 de xullo, publicaronse no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), ás bases reguladoras do proceso selectivo, polo sistema de oposición libre.
O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais contados desde a data seguinte á da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, polo tanto, a contar desde mañá venres 4 de setembro.

A Concellería de Persoal quere aclarar que as persoas interesadas en participar no proceso selectivo, XA PODEN PRESENTAR AS SÚAS SOLICITUDES ANTE O CONCELLO, desde o venres 4, ben sexa por sede electrónica ou ben, de xeito presencial.

Para as persoas que acudan presencialmente a realizar o trámite ante o rexistro xeral do Concello,  NON SERÁ NECESARIO SOLICITAR CITA PREVIA. 

Deixamos ligazóns para consultas dos anuncios publicados no BOPPO e no DOG.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200903/AnuncioL239-130820-0001_gl.pdf

http://www.porremprego.org/archivos_editor/file/PUBLICACI%C3%83%E2%80%9CN%20BASES%20PARA%20CUBRIR%203%20PRAZAS%20INTERINAS%20DE%20AUXILIAR%20ADMINISTRATIVO.pdf

Rematou o curso de cociña creativa con productos locais no Multiusos de Torneiros

Os concelleiros de Emprego, David Alonso, e de Comercio, Sergio Casal asistiron esta tarde á sesión final do curso de Cociña Creativa con Productos Locais, impartido polo chef galego, Iván Méndez.

Esta actividade formativa está integrada nos itinerarios “Coas mans na masa” que propón a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural que retomou a súa programación despois destes meses de forzosa paralización polo estado de alarma.

O curso impartido no Multiusos de Torneiros para 15 persoas ligadas laboralmente ao mundo da hostalaría, rematou hoxe. O chef Iván Méndez amosou tres elaboracións moi suxerentes: pementos de Padrón recheos de fluído de queixo San Simón; cornete de bacallau con aire de tetilla, e cola de gambón, en crocante de kataifi e froito da paxión.

A alcaldesa e os concelleiros de Turismo e Comercio asistirán en Cans á “Noite dos Veciños”

O XVII Festival de Cans adicará os actos programados para esta tarde aos veciños da parroquia, coa presenza da alcaldesa do Porriño, Eva García e os concelleiros, David Alonso e Sergio Casal, ambos nativos de Cans.

Coa descuberta do traxe do Can -20 horas, na rotonda-, comezará o primeiro serán do Festival. Precederá á colocación da distinción, no Muro dos Chimpíns, coa que o Festival de Cans homeaxea este ano á veciña e enfermeira Merchi Sánchez -20.30 horas-. Con esta distinción, ponse en valor o traballo de Sánchez, quen ideou a creación, hai xa 8 anos, do servizo médico do Festival, Traballa coma voluntaria nun equipo que ela organiza e coordena cada ano sen aforrar esforzos nin compromiso.

A homeaxe dará paso a unha das actividades desta edición do certame máis esperadas na aldea: a Noite dos Veciños coa presentación do documental A Canteira de Cans. Será no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río a partir das 21 horas.

Coordinado polo artista porriñés, Juanma Lodo, do proxecto Cans 303, o documental recupera a memoria da canteira de Cans, un lugar esquecido do que non queda máis que un buraco no monte na zona coñecida como “A Pedreira”. Nel participan veciños e veciñas que contan o que recordan, o que saben, ou o que viviron, da antiga instalación.

A programación cultural de setembro arrinca coa exposición “Fuera de Escena” e o XVII Festival de Cans

A programación cultural do mes de setembro no Concello do Porriño arrinca coa exposición “Fuera de Escena” e a celebración da XVII edición do Festival de Cans.

Este martes 1, ás 20 horas, terá lugar a inauguración de “Fuera de escena”, coa presencia da alcaldesa, Eva García de la Torre e da concelleira de Cultura, Cami Moreira. Haberá unha visita guiada e ademais, a actuación da cantante porriñesa Noemí Fernández.

Trátase dunha mostra que é obra do escritor Ruben Marina e do fotógrafo Sebastián Cocucci, “á procura dunha expresión: a que debuxaría o teu rostro se vises a morte de fronte”, segundo a explicación dos autores.

Dezaseis actores e actrices tan coñecidos como Luis Tosar, Yolanda Ramos, Mabel del Pozo, Fernando Tejero ou Malena Alterio, entre outros, puxeron ese rostro.

http://ecultura.net/exposicion-fuera-de-escena-de-ruben-de-marina-e-sebastian-cocucci/

Esta exposición está vinculada coa celebración do Festival de Cans que a inclúe na súa programación como preludio da 17ª edición do certame.

A partir do mércores 2 e ata o sábado 5, Cans acollerá as proxeccións, charlas, clases maxistrais, actuacións musicais e homenaxes como a que se lle pagará ao cineasta Chano Piñeiro, coincidindo cos 25 anos do seu falecemento.

Toda a programación vaise realizar baixo estritos protocolos de seguridade, cunha especial protección aos maiores da parroquia, mediante reducións de aforo nos “jalpóns”, limitacións no uso dos “chimpíns” e supresión de festas no Torreiro. 

https://www.festivaldecans.gal/wp-content/uploads/festival-de-cans-dossier-2020.pdf

No Multiusos de Torneiros, comeza o curso de Cociña Creativa no que se elaboraran callos de mar

Con quince alumnos, comeza hoxe (a partir das 16 horas) o curso de cociña creativa que imparte o chef galego Ivan Méndez, orientado a persoas cunha actividade laboral ligada ao sector hostaleiro.

As cociñas do Centro Multiusos de Torneiros, dependentes do Concello do Porriño, acollen este curso que é parte dos itinerarios formativos “Coas mans na masa” que propón a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural que retoma a súa programación despois dos meses de forzosa paralización polo estado de alarma.

“Eu Rural” conta coa colaboración do Concello que facilita as instalacións de cociña no Multiusos de Torneiros para o curso que terá lugar hoxe 31 de agosto e continuará mañá martes e tamén o mércores 2 de setembro, en horario de tarde.

Eva García, alcaldesa de O Porriño e David Alonso, concelleiro de Emprego e Servizos Sociais asistirán esta tarde a apertura do curso que é de balde.

O chef Iván Méndez proporá novas formas de empregar os produtos locais para a elaboración de pratos creativos e innovadores. Entre eles, callos de mar ou pementos de Padrón recheos co interior fluído de queixo San Simón.

Iván Méndez é un experto en cociña creativa, de recoñecida reputación, gran capacidade de comunicación e ampla experiencia na celebración de eventos de cociña, gastronomía e turismo, ademais de ser o “chef de cabeceira” no programa de Eu Rural, “Un Chef no Rural”.

Comeza a montaxe do Festival “Sons da Canteira” que esgotou todas as entradas

Cami Moreira, concelleira de Cultura asistiu hoxe, a primeira hora, ao inicio dos traballos de montaxe do escenario e demais elementos do Festival “Sons da Canteira” que terá lugar este sábado 29, a partir das 18 horas.

A concelleira revisou cos responsables da productora, as labouras que se desarrollan na canteira de Vilafría, en Atios, onde se celebrará este evento que patrocina o Concello do Porriño. 

Hai unhas horas, a promotora do Festival informou que se esgotaron dtodas as localidades (500) que estaban á venda para asistir a esta primeira edición.

Lembramos que neste primeiro “Sons da Canteira” haberá catro actuacións. Abrirá o artista multimedia Juanma LoDo. Polo escenario seguirán o grupo “Baiuca”, Mercedes Peón e o dúo Laura Lamontagne e PicoAmperio. Tamén colaborarán no festival catro compoñentes da Asociación “Os Penediños” de Atios.

“Vodafone” gañou a nova licitación da telefonía do Concello e edificios de titularidade municipal


A oferta de “Vodafone” foi a mellor valorada entre as empresas de telefonía que presentaron plicas na licitación que ven de resolver e adxudicar a correspondente mesa de contratación celebrada polo Concello.

A mesa, presidida pola alcaldesa e constituída polo secretario, interventora, xefa de contratación e arquitecta municipal decidiu en favor de “Vodafone” que presentou unha oferta por 269.900 euros máis IVE. A plica desta operadora rebaixou o importe inicial da licitación que eran 300.000 € máis IVE.

A adxudicación é por dous anos.

A empresa está obrigada a modernizar as estruturas tecnolóxicas de telefonía (liña de voz , datos e acceso á internet) dos edificios municipais así como os sistemas de hardware da casa consistorial. O Concello esixe á nova adxudicataria, unha conexión á internet moderna e rápida en todos os centros de titularidade municipal coma o Multiusos de Torneiros, Polideportivo, Centro Cultural e nos locais sociais e culturais das parroquias.

O goberno municipal acada respaldo do pleno para iniciar a contratación do servizo de recollida do lixo e xestión do Punto Limpo


O goberno municipal do Porriño acadou o respaldo da maioría da corporación para iniciar o expediente de contratación do servizo de recollida e transporte do lixo. O novo contrato que comeza a prepararse contempla tamén que o futuro adxudicatario se faga cargo doutros residuos domésticos e asimilables así como da xestión do ”Punto Limpo” do concello.

O acordo acadouse con cinco votos a favor (os catro concelleiros do PSOE, e Manuel Carrera da UDDL), o voto en contra de Blanca Francés, de EU SON e as abstencións do BNG e do PP. Previamente desestimouse unha enmenda do PP que pretendía deixar o asunto enriba da mesa.

No transcurso deste pleno ordinario de agosto, acordouse por unanimidade respaldar unha moción de EU SON en apoio do comercio de proximidade mediante unha campaña de cheques regalo e outras iniciativas para dinamizar o pequeno comercio. Tamén por unanimidade toda a corporación porriñesa acordou aprobar definitivamente a ordenanza reguladora do uso da lingua galega desestimando as alegacións presentadas ao anterior acordo.