Eva García solicitou hoxe ao Conselleiro de Sanidade que o Sergas realice un cribado masivo no Porriño ante o incremento de contaxios que ven producíndose nos últimos días.

A alcaldesa propuxo a Julio García Comesaña que o Servizo Galego de Saúde “retome esa idea que se manexou semanas atrás cando O Porriño estaba cunha incidencia moi elevada pero que logo desestimouse pola melloría”, segundo manifestou Eva Garcia durante a reunión telemática por vídeo conferencia que hoxe mantivo co Conselleiro de Sanidade e os demais alcaldes e alcaldesas da área sanitaria de Vigo.

A rexedora porriñesa valorou que os datos que lle participou o conselleiro sobre o repunte de contaxios “son preocupantes”. O Porriño rexistrou 17 novos contaxios nos últimos 3 días; 30 nos últimos 7 e 66 casos activos nos últimos 14 días. E ademais a taxa de incidencia pasou de 180 a 307 o que supón a máis alta na área sanitaria de Vigo.

A alcaldesa indicou de “de momento” non hai cambios nas restricións que afectan ao Porriño que seguen a ser: aforos do 30% no interior e 50% nas terrazas dos establecementos da hostalaría que deberán pechar ás 17 horas; reunións limitadas a 4 persoas, sexan ou non conviventes; aforos de 250 persoas en recintos deportivos pechados e 500 en recintos abertos e observar todos os demais protocolos de hixiene e distancia.

A alcaldesa exhortou á veciñanza a que “sexamos conscientes de que parar o virus está na nosa man e polo tanto seremos responsables das consecuencias na saúde, na economía e na demora na volta á normalidade”, manifestou García de la Torre.