O Concello rematou hoxe o pagamento mediante transferencia bancaria da segunda e última quenda de axudas económicas directas concedidas pola administración municipal pola Covid. Abonáronse en total 84.589 € entre autónomos e micro empresas do Porriño que se acolleron á convocatoria municipal.

Concedéronse 72 axudas entre o total de 78 solicitudes que se presentaron no prazo correspondente. Denegouse unha por incumprir as bases e 5 por non completar a documentación requirida.

As solicitudes procederon de bares, cafeterías, restaurantes, perruquerías e comercio téxtil, entre outros. A maioría recibiron o máximo estipulado nas bases da convocatoria, é dicir 1.200 € por peticionario, segundo resolveu a comisión técnica municipal de avaliación formada por funcionarios do Concello e presidida por David Alonso, concelleiro de Emprego e Servizos Sociais.

A meirande parte deses cartos solicitáronse para gastos xerais sobre todo alugueres e amortización de préstamos bancarios. Os demais repártense entre costear gastos de mellora tecnolóxica e medidas anti-covid.
O Concello do Porriño por acordo plenario da corporación habilitou esta liña de axudas cunha partida de 100.000 euros.

A alcaldesa Eva García sinalou que “aínda que non esgotamos a partida, iso non significa que non vaiamos a habilitar unha nova liña de axudas en 2021 enfocada aos sectores máis necesitados, especialmente comercio e sobre todo a hostalaría que é a gran damnificada polas medidas de restrición. Quero que saiban que este goberno municipal e esta alcaldesa está preocupada e empatiza cos problemas que teñen e estou a súa enteira disposición para seguir artellando as medidas de apoio que necesiten”, engadiu García de la Torre.