Pleno municipal ordinario de setembro

A Corporación Local do Porriño celebrará este mércores, a partir das 18 horas, sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de setembro. 

A orde do día inclúe a toma de posesión de Patricia Sío, nova concelleira en representación do grupo municipal EU SON que cubrirá a vacante que deixou Pedro Ocampo.

Adxunta-mos a orde do día completa.

https://webmail.oporrino.org/cpsess3253296137/3rdparty/roundcube/?_task=mail&_action=get&_mbox=INBOX&_uid=5392&_token=yhQxkeZIRjrEd9wKbnTuozennhzjvHhA&_part=2

A alcaldesa anuncia á veciñanza que a ansiada supresión do paso a nivel “está máis preto dende hoxe”

ADIF adxudicou os estudos e redacción do proxecto por 854.000 €

Eva García de la Torre anuncia á veciñanza do Porriño que “a ansiada supresión do paso a nivel ferroviario polo centro da vila está dende hoxe máis preto de materializarse grazas a que o Goberno Central ven de adxudicar os estudos e a redacción do proxecto para a súa supresión”.

A alcaldesa foi informada esta mañá polo Ministerio de Transportes que o organismo ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) resolveu a licitación que estaba en curso. O contrato adxudicouse a unha unión temporal de empresas formada polas firmas “GOC” e “Prointec” por un importe de 854.603 €.


A alcaldesa anunciou que “de inmediato comezarán os primeiros traballos técnicos sobre o térreno coa catas para o estudo xeo técnico” segundo a información que recibiu de ADIF. Eva García manifestou que agarda que “o proxecto unha vez redactado, teña o desexable financiamento público para que se faga realidade”.

Nos últimos anos, a alcaldesa do Porriño mantivo varias entrevistas de traballo cos responsables do ADIF (a última en marzo antes da declaración do estado de alarma) para activar este proxecto tan demandado pola veciñanza. 


O Ministerio explica nunha nota oficial remitida hoxe ao Concello do Porriño que a “complexidade da actuación a acometer nunha contorna densamente edificada require abordar unha serie de estudos e proxectos agora licitados cara a definir as obras que finalmente van permitir a supresión do paso a nivel”.


Entre as razóns que explican a complexidade da actuación, a nota ministerial lembra a considerable circulación de tráfico rodado (ó redor de 6.500 vehículos diarios); de peóns que transitan por esa zona e que ademais hai unha media de 33 circulacións ferroviarias diarias.

O martes 29, primeiro día hábil para solicitar as axudas para autónomos, pemes e micro empresas afectadas pola crise sanitaria

O Concello do Porriño informa que hoxe venres 25, o Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) publica as bases e convocatoria para a concesión das axudas extraordinarias pola crise sanitaria provocada pola pandemia.

Traballadores autónomos, microempresas e pequenas e medianas empresas do Porriño serán as destinatarias destas axudas con cargo a un fondo de 100.000 euros, segundo acordo da corporación municipal.

Segundo establecen as bases, unha vez publicada a convocatoria no BOPPO, o primeiro día hábil seguinte, iniciaráse o prazo de presentación de solicitudes. Tendo en conta que o vindeiro luns 28 é festivo local no Porriño, o prazo comezará a contar a partir do martes 29.

Deixamos ligazón co BOPPO de hoxe 

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2020/09/25/2020042419

 

3.000 máscaras enviadas polo Goberno Central distribúense polo Concello entre os colectivos máis vulnerables

Unha achega de 3.000 unidades de máscaras de protección enviadas polo Goberno de España segundo o acordo acadado coa FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), chegaron hoxe ao Concello do Porriño.

A Deputación de Pontevedra encargase da recepción e distribución das máscaras para que se repartan entre os concellos da provincia.

A indicación que realizan o Goberno de España e a FEMP é que se entregue este material para que sexa utilizado polos colectivos máis vulnerables xunto con operarios de limpeza, traballadores sociais e policías locais, entre outros. 

Os concelleiros do goberno municipal dos que dependen esas áreas de xestión reunironse esta mañá para recepcionar o envío e por conseguinte iniciar xa o reparto, segundo acordaron os Lourdes Moure, Sergio Casal e David Alonso. 

O goberno municipal do Porriño quere amosar o seu agradecemento ao Goberno de España, á FEMP e á Deputación pola súa colaboración.

José Luis Baños de Cos, gañador do III “Premio Roberto Vidal Bolaño” instituido polo Concello do Porriño, Editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro

José Luis Baños de Cos é o ganador da terceira edición do premio literario “Roberto Vidal Bolaño”, coa obra titulada “A cámara escura”. O galardón instituído polo Concello do Porriño, a Editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro entregouse hoxe pola alcaldesa Eva García nun acto condicionado polos protocolos anti-covid, celebrado no salón de sesión do consistorio porriñés coa asistencia do galardoado.

Baños de Cos é orixinario de Cádiz pero leva asentado en Galicia dende hai anos por razóns de traballo e persoais e “ven de amosar un excelente coñecemento da nosa lingua” como ponderou o xurado do certamen.

Raquel Castro, profesora do IES Ribeira do Louro e secretaria do xurado deu lectura á acta co fallo. O xurado valorou que “estamos diante dun texto cun estilo ben definido e que alén diso, presenta un rexistro de lingua máis urbana e máis próxima da mocidade; é un texto actual e eminentemente teatral xa que se lle pode sentir o pulso da escena”.

O premio consta de 2.000 €, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes e que computarán como dereitos de autor. Ademais o escritor galardoado recibiu un diploma acreditativo, unha escultura e a súa obra será publicada por Editorial Galaxia, a partir do ano que ven.

Francisco Castro, director xeral da editorial aproveitou a súa intervención para agradecerlle ao Concello do Porriño “pola súa sensibilidade á hora de apoiar este premio. Hoxe sodes unha das capitais culturais de Galicia no que atinxe ao mundo teatral e por suposto no que é o teatro orientado á mocidade, Porriño ocupa o posto máis elevado”, segundo valorou o director xeral de Editorial Galaxia.

Lourdes Moure, concelleira de Educación que acolleu hai tres anos a proposta que lle trasladaron o Instituto Ribeira do Louro e a editorial, manifestou que “o Concello vai continuar realizando esta achega anual de 2.000 euros e ogallá sexa por moitos anos máis”.

Pechou o acto a alcaldesa que subliñou “o esforzo enorme” realizado polos gobernos municipais que preside dende hai cinco anos o que vencellou con iniciativas como o apoio do Concello a este premio. “Propuxemonos sacar ao Porriño da condición de erial cultural que era dotandolle dunha programación cultural mensual e diferencíada que hoxe calquera veciño pode comprobar e consultar na lona que poñemos na rúa peonil”, manifestou Eva García.

O Concello difunde as bases e convocatoria para a concesión de axudas extraordinarias a traballadores autónomos, pequenas e medianas empresas e micro empresas do Porriño afectadas pola crise sanitaria

O Concello do Porriño difunde as bases e convocatoria para a concesión de axudas extraordinarias pola crise sanitaria provocada pola pandemia do Covid-19.
Traballadores autónomos, micro empresas e pequenas e medianas empresas do Porriño serán as destinatarias destas axudas con cargo a un fondo de 100.000 euros, segundo acordo da corporación municipal.

As bases e convocatoria serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO). O día seguinte hábil despois da publicación, comezará o prazo de presentación de solicitudes.

Deixamos ligazón co documento coas bases, convocatoria e formularios.

A Alcaldesa asistiu á comisión de seguimento da área de transporte metropolitano

A Alcaldesa Eva García de la Torre participou hoxe nunha xuntaza da Comisión de Seguimento da área de Transporte Metropolitano de Vigo convocada pola delegación territorial da Xunta.

Entre os asuntos que se abordaron, realizouse unha análise do transporte metropolitano na área de Vigo no ano 2019 e valorouse a prórroga para o ano 2021 do Convenio de Transporte Metroplitano así como novas actuacións programadas.  

O Concello acollerá o acto de entrega do III Premio Roberto Vidal Bolaño

A Alcaldesa Eva García de la Torre presidirá este mércores 23 de setembro o acto de entrega do premio literario “Roberto Vidal Bolaño” 2020 que terá lugar a mediodía no salón de plenos do Concello do Porriño.

A identidade do autor que resultou gañador desta terceira edición será desvelada durante unha comparecencia previa na que participarán Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, Raquel Castro, profesora do IES Ribeira do Louro e Lourdes Moure, concelleira de Educación do Concello do Porriño que son as tres entidades que convocan este galardón.

O premio Roberto Vidal Bolaño pretende fomentar a escrita de textos teatrais en galego, dirixidos ao alumnado de Ensino Secundario e Bacharelato e que poidan ser representados por eles.

O premio consta de 2.000 €, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes e que computarán como dereitos de autor. Ademais o escritor galardoado recibirá un diploma acreditativo e a súa obra será publicada por Editorial Galaxia. 

A Policía Local colaborou coa Garda Civil na detención do presunto responsable dunha plantación de marihuana nun espazo da Rede Natura

A Policía Local do Porriño colaborou coa Garda Civil na detención do presunto responsable da plantación de marihuana localizada hai un par de semanas nun espazo da Rede Natura 2000, dentro do termo municipal porriñés.

O detido é un veciño da bisbarra, de 57 anos, que quedou en liberdade con cargos á espera de xuízo.

A investigación conxunta de Garda Civil e Policía Local porriñesa conclúe que o arrestado plantou medio milleiro de plantas de marihuana nun chan público e instalou cámaras provistas de sensores de movemento para controlar o perímetro.  

Presentado o primeiro equipo do Balonmán Porriño

O Balonmán Porriño presentou hoxe o seu equipo que xogará unha tempada máis na “Liga Guerreras Iberdrola” da División de Honra feminina. O vindeiro sábado 19 realizará a súa estrea ante a afición local recibindo no Pavillón Municipal ao BM. Morvedre.

O acto celebrouse no patio do Centro Cultural Municipal. Polos protocolos anti-covid tan só presentouse o primeiro equipo que este ano denominase “Conservas Orbe Rubensa BM Porriño”. Abel Estévez, presidente do club, agradeceu de xeito especial que o xogador do Celta de Vigo, Rubén Blanco incrementase o seu apoio económico, razón pola que  a firma “Rubensa” incorporase ao nome oficial do equipo xunto con Conservas Orbe que comezou a pasada campaña.

Estévez referiuse ao Concello do Porriño “ao que adicamos este acto para agradecerlle o seu apoio xa que é o noso principal soporte económico” e definiu os meses anteriores como “moi difíciles ata que soubemos que o equipo non descendería porque non puidemos pelexar pola permanencia nas canchas a causa do parón da Liga que impuxo a pandemia”.

O presidente vaticinou que “este ano, se as lesións nos respectan, temos plantel para facer unha boa tempada”.

A continuación, David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño dixo “celebrar a unión de vontades das diferentes administracións e o club para garantir deporte seguro”. Alonso felicitou a Abel Estévez e a xunta directiva do club “polo cumprimento dos protocolos anti-covid que observo cada día nos adestramentos no Pavillón e polo traballo que estades a realizar”.

Pola súa banda, Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, dirixíndose ás xogadoras, díxolles que “sodes o punto de mira de 10.000 deportistas, xogadores e xogadoras de balonmán que aínda non poden volver á normalidade polo que o voso comportamento e responsabilidade, amosará que o balonmán é un deporte seguro”.

O presidente da FGB garantiu que os protocolos anti-covid que se acordaron coa Secretaria Xeral do Deporte que permiten aforo reducido nos pavillóns, “van funcionar”.    

Daniel Benavides, xefe territorial de Deportes da Xunta de Galicia ponderou “a importancia de que levedes o nome de O Porriño, o concello do deporte, e que estades mantendo e dando continuidade ao compromiso de moita xente que vos apoia como a Secretaria Xeral para O Deporte”.

Por último, pechou os discursos a alcaldesa Eva García que abundou na referencia á hostalaría local que “realiza un esforzo moi especial”. “Ten moito valor o apoio económico que dan os hostaleiros do Porriño a este club nun intre tan durísimo a pesar de ser un dos sectores máis castigados”.