O Concello pon ao dispor da veciñanza un novo servizo municipal denominado “O Porriño Informa”. Trátase dunha app de comunicación bidireccional entre Concello e os cidadáns.

“O Porriño informa” é unha aplicación para teléfonos móbiles que notifica aos veciños e veciñas sobre bandos, anuncios, noticias e información do Concello de xeito inmediato a través do teléfono móbil. E ademais os veciños poderán reportar incidencias, consultas e propostas ao Concello.
A partir de hoxe o Concello inclúe nas súas redes sociais información sobre este novo servizo así como o xeito de descargarse a aplicación no móbil. Ao mesmos tempo están a colocarse en edificios e dependencias municipais, carteis co anuncio do servizo e as instrucións e o código QR para descargar a “app”.

A través deste servizo, calquera veciño ou veciña poderá reportar incidencias, formular consultas e propoñer novas ideas ao seu concello. Todo desde o teléfono móbil, dunha forma sinxela e intuitiva.

David Alonso, concelleiro de Novas Tecnoloxías valorou que esta nova aplicación “permite a proximidade tanto para o Concello como para os veciños que nos poden avisar inmediatamente de avisos sobre avarías, actos vandálicos e moitas outras anomalías que constitúen unha información moi valiosa para os servizos municipais e aforra aos cidadáns o proceso de rexistro destes incidentes ante o Concello”.