A alcaldesa, asiste en representación do Concello do Porriño, a administración que máis inviste este ano no @festivaldecans, máis de 20.000€, a súa presentación

A Casa do Cid, espazo emblemático do Festival de Cans, acolleu hoxe, coa presenza da alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, en representación do Concello, a administración pública que máis inviste no festival20.000€, ademáis da contribución á seguridade e ordenación do tráfico da Policía Local e a limpeza- a  presentación da 15ª edición do certame organizado grazas ás veciñas e veciños da parroquia de Cans.

No acto desvelouse o programa ao completo, que este ano contará con cineastas Fernando Trueba e Gracia Querejeta, que participarán dos Coloquios na ‘Leira de Alicia’, e de ‘Triángulo de Amor Bizarro’ na parte musical, entre moitos outros nomes e actividades que se suman ás xa anunciadas para esta edición na que o Festival cumpre 15 primaveras.

O éxito dos encontros con directores en edicións anteriores motivou que este ano se conte por primeira vez con dous coloquios en lugar de un e que estean protagonizados por dúas persoas da talla de Trueba e Querejeta, historia viva do cinema español. Pola súa banda, Triángulo de Amor Bizarro únense ao completo e variado cartel musical de Cans coa súa actuación no Torreiro, na que presentarán o seu recén editado EP El Gatopardo.

Entre as novidades do programa deste ano, cabe salientar as das seccións ‘A que andas?’, na que se descubrirán os guións en proceso de Borja Cobeaga, Ángeles Huerta ou Ignacio Vilar entre outros e outras cineastas, e o habitual seguimento dos Fillos e fillas de Cans, nos que o público do festival poderá ver imaxes inéditas de filmes tan esperados como ‘La sombra de la ley’, de Dani de la Torre; ‘Arima’, de Jaione Camborda, ou ‘Nación de muchachos’, de Javi Camino.

Tamén haberá unha atención especial ás conexións literarias do cinema, coa primeira proxección nun festival galego de Versogramas, documental de Belén Montero e Juan Lesta sobre o fenómeno das videopoesías; e o concurso de booktrailers ‘Ollo de vidro’.

Na presentación tamen estivo presente na presentación a actriz Isabel Naveira, “moi ilusionada” por recibir a chamada do Festival para formar parte do Xurado de Ficción e Animación, que compartirá con Anxos Fazáns, Felipe Lage, Nieve de Medina e Borja Cobeaga. O Xurado de Non ficción estará integrado por Ángeles Huerta, Luis Avilés e Isabelle Le Gonidec, e Paloma Zapata, Fernando F. Rego e Eduardo Herrero comporán o de Videoclips. Haberá tamén, como é tradición, un Xurado dos Veciños e Veciñas no formado por cinco habitantes de Cans.

A alcaldesa rexeita e denuncia o xeito meserento, mesquiño e desprezábel co que o Partido Popular pretende empregar a un club deportivo local integrado por persoas con diversidade funcional

A alcaldesa, Eva García de la Torre, denuncia que o Partido Popular emprega de xeito desprezábel un dato referido a un equipo deportivo da nosa vila integrado por persoas con diversidade funcional, o Bacaropo, para os seus fins partidistas e electoralistas.

García de la Torre lembra que coa axuda do Concello 13 rapazas e rapaces porriñeses poden xogar ao baloncesto en cadeira de rodas para o cal dispoñen de 30.000€ para o material e 15.000€ máis para gastos ordinarios de funcionamento dun club que traballa para a prol da igualdade á que teñen dereito todas as porriñesas e porriñeses.

O Partido Popular do Porriño, de xeito mesquiño, pretende espallar públicamente e presentar coma algo sórdido este feito deixando entrever que unha concelleira da Corporación usa este club no seu propio beneficio e da súa familia: é falso pois ninguén está no club Bacaropo para lucrarse ou para cobrar un soldo, algo que saben, perfectamente, os responsábeis do PP local.

Do mesmo xeito, en caso algún, houbo un pacto, trato, arranxo ou componenda por parte da alcaldesa para que esta concelleira dera o seu apoio aos orzamentos municipais deste ano a cambio de axuda ou subvención algunha ao devandito club e, así mesmo, e isto tamén o saben moi ben os responsábeis do Partido Popular do Porriño, hai incompatibilidade ou ilegalidade algunha no feito de que un concelleiro ou concelleira, desta e de calquera Corporación, sexa directivo, presidente o dirixente dunha asociación sen ánimo de lucro ou, coma neste caso, dun club deportivo.

Eva García de la Torre pregúntase ¿por qué ao Partido Popular do Porriño non lle gusta que 13 rapazas e rapaces con diversidade funcional practiquen deporte?, ¿por qué non queren que o Concello do Porriño subvencione a un club que fai posible que compitan nenas e nenos con diversidade funcional?

Se de verdade os responsábeis do PP do Porriño queren que o Bacaropo funcione, que traballe para persoas con diversidade funcional, e están dacordo en que reciban unha axuda do Concello-por certo, unha das axudas máis baixas entre as entidades deportivas locais-, que rexeiten e desautoricen, tamén públicamente, a quen de xeito tan infame e abxecto tenta de emporcar o traballo dos integrantes do Bacaropo e o principio de igualdade de oportunidades ao que teñen dereito todas as porriñesas e porriñeses.

@festivaldecans fai este ano unha grande aposta polos coloquios coa participación de Manuel Lourenzo, Berta Ojea, Borja Cobeaga ou Nieve de Medina

O Festival de Cans fará na súa 15ª edición unha gran aposta polos coloquios e encontros co público, que terán lugar no histórico ‘Baixo do Moncho’ nas mañás que van do mércores 23 ao venres, 26 de maio, sempre ás 11 e media, con entrada libre ata completar un aforo máximo de 100 persoas.

O mércores, 23 de maio, estes encontros abriranse cun coloquio sobre pioneiros no oficio da intepretación, onde se analizará a evolución da profesión de actriz e actor nas últimas cinco décadas. A presenza de Manuel Lourenzo, agora nun momento de gran popularidade polo seu papel de Vicente Otero “Terito” na serie “Fariña”, será un dos grandes atractivos destes coloquios. Neste coloquio, estará acompañado de Pilar Pereira, unha das actrices galegas de máis longa traxectoria, con multitude de papeis en máis de 50 anos de carreira no cine, no teatro ou nas curtametraxes.

O xoves, 24 de maio analizaranse as desigualdades entre actrices e actores e o debate que se está producindo sobre todo nos últimos meses, coas actrices Berta Ojea, Tamara Canosa e Mariana Fernández como relatoras. Mariana Fernández, agora presente na serie “Fariña”, pero tamén antes moi popular polo seu papel de Maribel no “Show dos Tonechos”. Mariana Fernández é ademais profesora da Universidade de Vigo onde imparte clases de dirección escénica.

Por último, o venres 26 de maio, os Coloquios de AISGE estarán dedicados ao acoso sexual, tratando de analizar este tabú que se está derrubando desde hai uns meses. A actriz Nieve de Medina, coñecida por filmes como Los lunes al sol e El Bola, a coñecida actriz galega Nieves Rodríguez, Presidenta de AAAG (Asociación de actrices e actores de Galicia) e Isabel Blanco, delegada en Galicia de AISGE e Chimpín de Prata deste ano en Cans, protagonizarán o terceiro deste encontros.

@depo_es aproba unha achega de 248.000€ ao Concello do Porriño para a contratar a 27 persoas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova achega ao Concello do Porriño, neste caso no marco da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos, por un importe de 248.115,20€ para que poida contratar a 27 persoas a fin de “garantir servizos básicos municipais”.

Ao través desta subvención, o Goberno local do Porriño poderá financiar a contratación de persoal para enfermería, arquivo, administración, albanelería, obras públicas, carpintería, fontanería, electricista, condución de escavadora e tractor, limpeza, pintura ou para o servizo de recursos humanos.

Coma salientou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, este ano a liña 3 do Plan Concellos da institución provincial está dotada de 9.540.000€, un 2,5 % máis que no 2017.

Todo listo para a ‘Feira do Libro do Porriño 2018’ que inaugura o escritor lucense Lois Pérez

A Feira do Libro do Porriño, na que participan as librarías Copi-Rey, Recondo, Pedreira, Paz e Lafer, abre as súas portas no centro o vindeiro xoves, día 10, ás 7 e media da tarde, coa lectura do ‘pregón’ deste ano a cargo do profesor, escritor e dramaturgo lucense Lois Pérez, ás 7 e media da tarde quen, de seguido, ofrecerá un recital presentando o seu último traballo, ‘Long Play’. e a presentación do Día 10. Antes, ás 7 e 10, actuará o Grupo Tradicional da Escola Municipal de Música.

O venres, día 11, ás 11 da mañá, será a visita á Feira con Fátima Fernández acompañada dos alumnos e alumnas do CEIP de Atios.

Ás 5 da tarde, Joaquín Acuña asina ‘Los días cortados’ na caseta da libraría Paz; ás 5 e media, ‘O príncipe namorado’ na Feira e ás 7 da tarde, presentación – concerto de As andanzas de Paio con ‘Oviravai’, Galaxia Editora.

O sábado, día 12 de maio, ás 12:30 horas, narración oral bebés ‘Ollo piollo’ con Chús Álvarez; ás 5 da tarde, Ricardo Canosa asina ‘La próxima crisis global’ na caseta da libraría Paz; ás 6 da tarde, actividade infantil ‘Teatro na mochila’ con Anxo Moure; ás 7, creación de personaxes con Teo Palacios e as 8 da tarde, recital de poesía con Cristina Valado e posterior sinaturas de libros.

O domingo 13, empezará ás 12:30 h. coa actuación infantil ‘Cantares das Letras de Rosalía a Víctoria Moreno’, por Luís Vallecillo; ás 6 da tarde, actividade infantil,’Libros da Titiriteira’, por Celtia; ás 7, ‘As peripecias de Extravaganzza Pérez’, de Ledicia Costas, por Edicións Xerais e ás 8, falando de libros con….. Clara do Roxo.

A feira estará situada na rúa Ramón González, na zona peonil, e o seu horario será de 11 da mañá a 2 da tarde e de 5 a 9 da noite.

O Porriño lederou en abril, xunto a Vigo, a creación de emprego na Área Metropolitana: a finais do mes pasado traballaban na vila 539 persoas máis que cando o actual Goberno local iniciara a súa xestión

O Porriño liderou o mes pasado, xunto con Vigo, a creación de emprego na Área Metropolitana de Vigo. A finais do mes pasado había na vila 1.600 persoas sen traballo, 68 menos que a finais de marzo.

Dacordo cos datos publicados este venres polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a taxa de desemprego situouse no Porriño no 17,3%, preto de 6 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara  o seu mandato, cando 2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo, 539 máis que na actualidade.

En relación co mes de abril de 2017, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego baixou de 1.842 a 1.600, o que supón que hai 241 traballadoras e traballadores máis no Porriño: en so un ano o paro caeu en máis de 3 puntos.

A alcaldesa, Eva García de la Torre subliña que “as medidas que estamos a impulsar dende o Goberno local están dando os seus froitos”. O programa Porriño Accede’, baseado en convenios asinados entre o Concello e empresas da vila, grazas ao cal o ano pasado 67 persoas atoparon traballo logo de ter completado este programa, o que representa o 55,8% de todas e todos os participantes no mesmo, unha proporción que no caso das industrias do sector da automoción é do 73,3% -con 55 insercións de 75 alumnas e alumnos

Doutra banda, o ‘Plan de Emprego para Mulleres (PIEM)’, dirixido este ano a un total de 85 porriñesas en situación de desemprego, especialmente, mulleres novas, menores de 30 anos e sen cualificación profesional, conqueriu xa que, o mes pasado, 11 delas comezasen a traballar coma soldadoras na planta de Viza Automoción no Porriño, que conta cun plantel de 500 persoas e subministra os seus produtos a grupos tan importantes coma PSA Peugeot Citroën, Audi, Renault, Volkswagen, Mercedes, Toyota ou Porsche.

Dentro destes mesmos programas, 16 persoas iniciaron as súas prácticas en Gestamp grupo internacional adicado ao deseño, desenrolo e fabricación de compoñentes metálicos para o automóvil,de cara a súa posible integración laboral nesta compañía.

A alcaldesa recibe no Concello a Noemí García, veciña do Porriño e semifinalista de ‘La Voz Kids’ e agarda que poida actuar nas Festas do Cristo deste ano

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Educación, Lourdes Moure, recibiu no Concello a Noemí Fernández, a concursante de 15 anos de ‘La Voz Kids’, o programa de Telecinco, que este vindeiro luns disputa a semifinal do concurso.

Noemi, veciña do Porriño, ademais de ter unha magnífica voz, toca a guitarra e o piano, é unha alumna de “sobresaíntes” no IES Pino Manso, segundo confirmou o seu pai quen indicou que a ilusión da súa filla é a de estudar medicina.

https://www.dailymotion.com/video/x6ic8sl

Noemí chega á semifinais de ‘La Voz Kids’ logo de superar unhas probas nas que participaron, en toda España, 30.000 nenas e nenos das que saíron 120 candidatos e candidatas que logo quedaron en 90, finalmente en 15, logo en 8 e, por fin, en 5 nas semifinais, das que pasarán á final 3 por equipo.

A alcaldesa trasladoulle a Noemí e ao seu pai o seu interese en que poida actuar nas vindeiras Festas do Cristo, para que “todas as veciñas e veciños do Porriño admiremos o seu talento en directo”.

A Biblioteca Municipal do Porriño, unha das 4 mellores bibliotecas públicas de Galicia, segundo os datos da Xunta

A Biblioteca Municipal do Porriño, que depende directamente da Alcaldía, é segundo os datos proporcionados pola Xunta, unha das 4 mellores bibliotecas públicas de Galicia.

Na actualidade, dacordo cos devanditos datos, a Biblioteca Municipal do Porriño é a primeira biblioteca galega en número de préstamos por habitante, superando un crecemento do 1.000% nos últimos 11 anos, un aumento que, dacordo coas estatísticas do primeiro trimestre deste 2018, indican que o número de préstamos aumentou un 30% en relación co mesmo período do ano pasado.

Hoxe a Biblioteca Municipal ten preto de 6.100 usuarios, está recoñecida pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) coma unha das 350 mellores bibliotecas do Estado, recibindo esta distinción ata en 13 ocasións entre os anos 2002 e 2017 e, entre outros recoñecementos conta con Premio Mes de Abril da Xunta de Galicia, Mención Especial do Premio María Moliner de Animación á Lectura, do Ministerio de Cultura ou o 1º Premio Nacional de Animación á Lectura.

En febreiro de 2017 a Consellería de Cultura elixiu á Biblioteca do Porriño para integrarse na renovada Rede de Bibliotecas de Galicia baseada na plataforma de software de código aberto Koha; un ano antes puxo en marcha un programa de actividades, que seguiu en 2017 e 2018, no que participaron varios centos de persoas.

As devanditas actividades abranguen obradoiros de alfabetización dixital para persoas maiores, clubs de lectura, grupos de conversa en alemán e inglés con profesores titulados, obradoiros de fotografía dixital con profesionais, de escritura creativa, roteiros, cursos de cociña ou documentais.

Ese 2018, a Biblioteca ten en marcha o programa ‘Bibliocultura’, que supón a realización dunha obra de teatro infantil ao mes coa finalidade de animar á lectura e achegar as artes escénicas á poboación infantil:  trátase de 9 actuacións de 9 compañías de teatros e monicreques de Galicia.

@festivaldecans contará con Kevin Weatherill, dos Immaculate Fools, estreará o ‘Invernadoiro’, un novo espazo para o audiovisual e a música

O Festival de Cans inaugura este ano o ‘Invernadoiro’, un novo espazo para o audiovisual e a música, e faino coa visita de Kevin Weatherill, un artista de relevancia internacional no pop das últimas décadas.

Á fronte da súa banda ‘Immaculate Fools’, Weatherill alcanzou o recoñecemento nos anos 80 con emocionantes cancións como “Hearts of Fortune”, “Tragic Comedy” ou a mesma “Immaculate Fools” que deu nome ao grupo, sempre cun pé no pop de autor e outro nas tradicións folk e blues. A súa actuación conformará no ‘Invernadoiro de Mucha do Peso’ un programa dobre coa presentación e proxección dun avance de Kevin vs. Ray, o documental dos galegos Eduardo Herrero e Manuel Lemos sobre a singular peripecia vital de Weatherill, afincado hoxe nunha pequena aldea de Cambados.

https://vimeo.com/256553555

A de Kevin Weatherill non será a única actividade que una música e audiovisual no Invernadoiro, que concentrará a súa programación o sábado 26 de maio. Alí terá tamén lugar unha retrospectiva adicada aos videoclips do realizador, deseñador e músico Rubén Domínguez, unha figura indispensable no underground galego da última década, que actuará ademais con Pantis, o seu aclamado proxecto de pop electrónico.

Domínguez, membro tamén de Chicharrón ou Telephones Rouges, gañou o premio a mellor videoclip en Cans en 2012 e dirixiu máis de vinte pezas para bandas como Novedades Carminha, Franc3s ou A Veces Ciclón nas que deu forma a un persoal universo, caracterizado polo risco no uso da posprodución e a animación ou a exploración das posibilidades rítmicas da imaxe.