A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Educación, Lourdes Moure, recibiu no Concello a Noemí Fernández, a concursante de 15 anos de ‘La Voz Kids’, o programa de Telecinco, que este vindeiro luns disputa a semifinal do concurso.

Noemi, veciña do Porriño, ademais de ter unha magnífica voz, toca a guitarra e o piano, é unha alumna de “sobresaíntes” no IES Pino Manso, segundo confirmou o seu pai quen indicou que a ilusión da súa filla é a de estudar medicina.

Noemí chega á semifinais de ‘La Voz Kids’ logo de superar unhas probas nas que participaron, en toda España, 30.000 nenas e nenos das que saíron 120 candidatos e candidatas que logo quedaron en 90, finalmente en 15, logo en 8 e, por fin, en 5 nas semifinais, das que pasarán á final 3 por equipo.

A alcaldesa trasladoulle a Noemí e ao seu pai o seu interese en que poida actuar nas vindeiras Festas do Cristo, para que “todas as veciñas e veciños do Porriño admiremos o seu talento en directo”.