Máis de 200 triatletas– o número aínda pode aumentar dado que o prazo de inscrición non remata ata as 12 da noite de mañá– tomarán a saída o vindeiro sábado, día 26, no Triatlón Concello do Porriño.

A proba, que foi presentada este luns, pola alcaldesa, Eva García de la Torre; o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, o presidente da Federación Galega de Triatlón, Óscar Suris; o Comandante Naval do Miño, Ignacio Tobarra García; o Cabo da Garda Civil de Tráfico da agrupación do Porriño, Alberto Pérez, e o deportista, Kike Morán, chega a este ano a súa sexta edición sendo, segundo o propio presidente da Federación Galega, unha das máis importantes que se disputan en Galicia.

Kike Morán salientou a importancia de que xunto coas e cos triatletas que disputarán a proba central, haxa 45 rapazas e rapaces de 4 a 10 anos que competirá no ‘MiniTriatlón’, o cal salientou, asegura a permanencia desta modalidade.

Son os máis cativos os primeiros que abrirán a competición, ás 12 menos cuarto da mañá, na piscina Municipal, nadando 25 metros; de seguido, montarán nas bicicletas para facer 700 metros, pasando polo Cristo dos Cachos, ata a Igrexa de Santa María e, finalmente, correrán 300 metros ata a Praza de Antonio Palacios, diante do Concello.

Pola súa banda, os triatletas que competirán na proba absoluta, sairán ás 5 da tarde-categoría masculina e 5 e 10 minutos, a feminina- do Porto Deportivo de Tui para nadar 750 metros no Miño; logo farán a primeira transición na Comandancia Naval do Miño, collendo a bicicleta para completar 20 quilómetros ata a rúa Domingo Bueno onde, xa na segunda transición, sairán correndo para completar, nun circuito polo centro do Porriño, 5 quilómetros de carreira.

Estímase que os primeiros clasificados fagan un tempo por debaixo da hora e que prácticamente todos os competidores completen a proba en 1 hora e 30 ou 1 hora 40 minutos.

Manuel Carrera, que foi ciclista profesional, amáis de subliñar a esixencia desta proba, transmitiu a súa noraboa a todos os participantes, clubes, organizadores, colaboradores, patrocinadores  e voluntarios que fan do Triatlón do Porriño, unha cita xa imprescindible no calendario deportivo.

Carrera tivo unha lembranza especial para a triatleta porriñesa Meri Ferreira, participante habitual nesta proba, que morreu o ano pasado.

Pechou o acto a alcaldesa amosando a súa ledicia pola alta participación feminina, reclamando para as mulleres o mesmo trato e o mesmo espazo que os homes e asegurando que as participantes e os participantes contarán, como sempre, co agarimo e o calor das veciñas e veciños do Porriño.