As alcaldesas e alcaldes de Mos, Nidia Arévalo, As Neves,  Xosé Manuel Rodríguez, Salceda, Marcos Besada, Ponteareas, Xosé Represas, Mondariz, Xoán Carlos Montes, O Porriño, Eva García de la Torre, e  a tenente de alcalde de Salvaterra, Marta Valcarcel, mantiveron este venres unha xuntanza no Concello do Porriño, a petición do representante do Comité de Empresa de Maderas Iglesias, Vicente Molares, para ter información de primeira man, e polo miúdo, da situación actual da compañía e das xestións realizadas ata o momento para afrontar a difícil situación que atravesa a firma.

Os rexedores amosaron o seu interese por estreitar os contactos e saber o que acontece con Maderas Iglesias, que dende hai varios meses vive unha situación moi complicada, e manter as súa contribución para que se asegure a continuidade da empresa e, especialmente, os 250 postos de traballo.