O PORRIÑO ACOLLE ESTE MÉRCORES A FINAL DA XXVII LIGA GALEGA DE BALONCESTO ADAPTADO

O Porriño acolle este mércores 8 a terceira e última xornada da XXVII Liga Galega de Baloncesto Adaptado. 160 deportistas daranse cita no polideportivo municipal para pechar a clasificación da competición organizada pola Federación Galega de Deporte Adaptado.

Serán un total de 15 os equipos que disputarán os 14 partidos da xornada. Na categoría de competición masculina xogarán o Asdan, San Rafael e Celta Integra; na adaptada masculina o Vilagarcía, Juan María, Ambar, Aspavi, Aspanaex, Celta Integra e San Rafael; na adaptada mixta o Méndez Núñez, Saiar, Saladino Cortizo “A” e Saladino Cortizo “B”.

Os encontros arrancarán ás 10:30 h e en cada categoría competición xogaranse catro períodos de 8 minutos e en adaptada serán 4 períodos de 6 minutos.

A xornada rematará arredor das 13:45 h.

COMUNICADO SOBRE A ACOLLIDA NO PORRIÑO A 40 PERSOAS MIGRANTES EN RESPOSTA Á EMERXENCIA HUMANITARIA

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, mantivo hoxe unha xuntanza co responsable da ONG Diversidades e presidente de Red Acoge, Santiago González, e a directora xeral de Red Acoge, Lucía Maquieira, para coordinar entre ambas entidades a atención que se presta ás 40 persoas migrantes que foron acollidas no municipio e mostrar a disposición do Concello do Porriño a contribuír no que sexa preciso.

Tras a xuntanza o Concello do Porriño e a Federación Red Acoge queren trasladar o seguinte á veciñanza:

  • Agradecer á cidadanía do Porriño a súa resposta exemplar, mostrando a súa solidariedade como ten acontecido ante outras emerxencias humanitarias.
  • Salientar que o Programa de acollida a persoas migrantes conta cos recursos precisos para dar cobertura ás necesidades básicas polo que NON SE REQUIREN DOAZÓNS de roupa, comida ou outros enseres. No caso de detectarse necesidades concretas faríase un chamamento especificando as mesmas. Neste programa de resposta humanitaria as organizacións sociais acompañan ás persoas acollidas cunha atención integral e especializada, con acollida temporal, cobertura de necesidades básicas e equipos interdisciplinares que inclúen tradución, orientación e asistencia xurídica, atención psicolóxica e psicosocial ou asistencia sanitaria para asegurar as condicións necesarias nesta situación de emerxencia.
  • Facer un chamamento a que se RESPECTE A PRIVACIDADE DAS PERSOAS ACOLLIDAS, non invandindo o espazo no que se atopan nin expoñéndoas públicamente. Trátase de xerar un entorno seguro sen que sexan sometidos a exposición, unha cuestión fundamental no proceso de acollida e inclusión tendo en conta o contexto de alta vulnerabilidade e violencia de quen se viu forzado a a migrar. Debemos garantizar un entorno seguro que favoreza a igualdade de trato e a condena social ao discurso que criminaliza e estigmatiza ás persoas que atravesan esta situación.

O cine volve ás parroquias nunha terceira edición de Cinemaldea

O Festival de Cans e o Concello do Porriño apostan un ano máis por Cinemaldea, unha iniciativa que achegará ás zonas rurais do municipio unha selección das curtametraxes premiadas na última quenda do certame.
 
O alcalde, Alejandro Lorenzo, Alfonso Pato, impulsor do Festival de Cans e Keka Losada, presidenta de Arela, acompañados por unha representación das asociacións culturais e veciñais participantes, presentaron hoxe a terceira edición desta iniciativa conxunta. É o terceiro ano consecutivo que se pon en marcha esta idea que busca achegar o cine e as novas e novos creadores ás parroquias, que habitualmente non teñen acceso ao cinema.
 
“Cinemaldea é para nós unha parte moi importante do Festival porque O Porriño, por desgracia non ten cinema e esta é unha forma de achegar o cine ás aldeas”, explicou Keka Losada, “Vemos que anos tras ano os nosos veciños e veciñas involúcranse máis tanto non só nos días do Festival senón que tamén responden máis a Cinemaldea enchendo as salas dos centros culturais durante as proxeccións. E tamén é unha forma de ampliar público e achegar o cinema galego a máis xente”.
O Concello do Porriño convidou de novo a todas as asociacións que o desexasen, a formar parte desta terceira edición. En total foron sete as asociacións culturais e veciñais do Concello do Porriño que se sumaron: A Lagoa de Orbenlle, Os Penediños de Atios, Cultural de Pontellas, As Mimosas de Carracido, San Xurxo de Mosende, San Salvador de Torneiros e AC Cans.
 
Alfonso Pato explicou que, ademais do documental da XX Edición do Festival de Cans “22 Cans” de Javier Sobrado e Cris Padín, proxectaranse tamén os filmes máis premiados en Cans: “Mariví, na pel da memoria” de Coral Piñeiro e Laura Piñeiro (Premio do Xurado á mellor curtametraxe de Non Ficción/Furacáns”), “Sandwich Cat” de David Fidalgo (Premio do Público á mellor curtametraxe de Ficción e animación) e “Alicia fai cousas” de Ángel Santos (Premio Estrella Galicia do xurado á mellor curtametraxe de Ficción, Premio Crea do Xurdo á mellor Dirección, Premio AGAG do xurado ao Mellor Guión para Pablo García Canda e Ángel Santos, Premio AISGE do xurado á Mellor Interpretación Feminina para Alicia Armenteros).
 
Pola súa banda, o alcalde convidou a todo o mundo a achegarse aos diferentes centros culturais a disfrutar destas proxeccións e incidiu en que “tratáse de facer máis accesible o cine galego,ademais de consolidar unha programación de cine ao longo do ano que trascenda ás datas en que se celebra o certame”.
 
Lorenzo lamentou tamén que non exista no Porriño un cinema pero apuntou “que iso é algo que dende o Concello temos presente e queremos que cambie canto antes, que a xente do Porriño poida disfrutar na súa vila dunha sala de cine”.
 
As proxeccións arrancarán o domingo 5 de novembro e continuarán durante as fins de semana ata o 3 de decembro.
 
Todas as proxeccións serán de acceso gratuíto ata completar aforo e as sesións terán unha duración aproximada de 73 minutos.

O Porriño destina máis de 3M de euros a obras de saneamento en todas as parroquias

O Concello do Porriño investirá máis de 3 M de euros na acometida de obras de saneamento en todas as parroquias do municipio.

A tal fin, hoxe levou a pleno estas actuacións, consideradas de carácter urxente e que non poden ser demoradas ata o exercicio seguinte por ser prioritarias, forman parte dunha liña de actuación integral e contan xa coas pertinentes autorizacións sectoriais e proxecto.

Os proxectos engloban actuacións en A Graña-Sequeiras (766.390,10 euros), Arrotea-Budiño (185.909,45 euros), Abelenda e Figueiras (125.188,22 euros), Cerquido (82.473,71 euros), Benunes (556.618,62 euros), Sobral-Eiriz (355.211,51 euros), Penedo-O Toxal-Chenlo (523.261,97 euros), Rega da Lama-Budiño (85.225,61 euros), conexión en Torneiros (144.951,07 euros), conexión en en O Seixo-Arrotea-Pontellas (199.140,26 euros).

A estes hai que engadir unha liña de subvencións para investimento para aquelas vivendas do Porriño que non teñen posibilidade de conexión á rede de saneamento por ubicarse nunha cota de altura que precisa a instalación de bombeo individual. Tras un estudo preliminar realizado para estimar a magnitude desta problemática, identificáronse un total de 53 vivendas que requiren de instalación dun bombeo para conectarse ao sistema de saneamento: trece en Mosende, nove en Torneiros, sete en Atios e outras tantas tamén en Cans e Pontellas, cinco en Budiño, dúas en Chenlo e tres no Porriño. . A tal fin destinouse un crédito de 108.000 euros.

“O noso obxectivo principal segue a ser alcanzar o cen por cen do saneamento en todo o municipio e facelo á maior brevidade posible, xa que hai demasiada veciñanza que non dispón deste servizo esencial”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, “Canto entramos no goberno había pendente de execución obras por valor de 14 millóns de euros, na actualidade restan 11 e ademais de recorrer ás demais administracións, como a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o propio Consorcio de Augas do Louro,  para sufragar este gasto temos que destinar fondos municipais. Non podemos dilatalo máis tempo e se hai un problema urxente que resolver no Porriño sen dúbida é este”.

 

 

Máis de 200 ciclistas disputarán este sábado o VI Trofeo Ciclocrós Avanza Concello do Porriño

O Porriño acollerá este sábado unha nova edición do Trofeo Ciclocrós Avanza Concello do Porriño organizado por Avanza AD en colaboración co Concello do Porriño.

Na que será a sexta edición desta proba deportiva daranse cita máis de 215 ciclistas das diferentes categorías, entre os que concurrirán figuras locais do ciclismo. Como na pasada edición, realizarase unha proba de promoción, aberta para a categoría infantil, nados no 2010 e 2011.

Desta vez o escenario será a contorna das pistas municipais de atletismo, no polígono industrial da Granxa, onde se habilitará un circuíto de 2,8 km.

“Un percorrido de ciclocros moi clásico que non vai defraudar , con zonas para todos os gustos, dende as máis rápidas onde abrir gas ata outras máis retorcidas e resbaladiza”, indicaron dende Avanza, “Pero sobre todo o que garantizamos é ciclocros en estado puro con moita auga e barro para disfrutar a tope”.

Pola súa banda o alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer aos organizadores  non só a organización dun evento deste nivel, senón o traballo que desenvolven durante o ano na súa escola de ciclismo “onde moitos nenos e nenas descubren a súa vocación e medran como persoas e como deportistas”.

A proba dará comezo ás 11:30 h coas categorías infantís masculino e feminino. A seguinte manga será ás 12 h cos cadetes, 12:45 h Féminas Cadete, Féminas Master, Feminas Élite, Sub 23 e Junior, ás 13:30 h pechan a mañá as categorías Elite-Sub 23 e Junior. Xa pola tarde retómase a carreira ás 15:45 h con Máster 30/50/60 e ás 16:40 h Master 40.

Aberta a inscrición no programa de estimulación terapéutica para persoas con demencia

O servizo inclúe tamén un Programa de Atención Psicolóxica que quere chegar aos coidadores das persoas enfermas prestándolles todo o apoio psicolóxico e transmitíndolles pautas de actuación coa persoa que están coidando e regras de autocoidado para evitar a aparición do síndrome do coidador queimado, entre outros aspectos.

Tamén se organizará un Grupo de Axuda Mutua para favorecer o intercambio de experiencias entre coidadores e así aliviar a sobrecarga que poidan estar a sufrir.

A concelleira de Política Social, Teresa Veloso, coñece “a necesidade que teñen as persoas diagnosticadas de alzhéimer en fases iniciais e as súas familias de apoio terapéutico e acompañamento profesional, por iso, dentro do noso compromiso coa veciñanza do Porriño estamos a apostar polo seu benestar físico e emocional”.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, apuntou que “para poder loitar contra esta enfermidade e mellorar a calidade de vida dos que a padecen e das súas familias é moi necesaria a implicación de todos e dende o Concello estaremos con eles en todo o que necesiten. Esta loita é a de todos”.

A inscripción para esta actividade, dirixida a persoas con diagnóstico, está aberta e pode formalizarse nas instalacións dos Servizos Sociais (no terceiro andar do Concello do Porriño) en horario de mañá.

O Porriño celebrará por todo o alto o centenario da Casa Consistorial

O Concello do Porriño prepara un nutrido programa cultural para conmemorar que en 2024 cúmprense 100 anos da construción da Casa Consistorial, a obra máis representativa das deseñadas por Antonio Palacios na súa vila natal.

Esta efeméride coincide co 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés, polo que dende a entidade local impulsarase unha ampla programación anual para poñer en valor a figura de Palacios.

“Antonio Palacios é un absoluto referente na vila e queremos poñer en valor o seu legado, especialmente o que deixou no Porriño”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo,  “Este ano Palacios estará se cabe máis presente no Porriño”.

O rexedor adiantou que  unha das grandes propostas do centenario será a apertura da Sala de Exposicións Antonio Palacios, que contará cunha mostra permanente con todos os textos, debuxos, planos, maquetas e documentos que se gardan.  “Temos moito material orixinal de gran valor, un verdadeiro tesouro cultural que queremos dar a coñecer”, engadiu.

Ademais, entre outras iniciativas impulsarase a Ruta Palacios, como reclamo turístico e cultural. O groso da programación xirará en torno ao edificio da Casa Consistorial.

A obra máis representativa deseñada por Palacios para a súa vila natal

A Casa do Concello do Porriño é sen dúbida o edificio máis emblemático do Porriño e unha seña de identidade da vila. É tamén a obra máis representativa deseñada por Palacios para a súa vila natal. O proxecto foi entregado de balde ao Concello en setembro do ano 1919, así e todo, debido a certas dificultades económicas, as obras non comezaron ata o 1921, ano no que o indiano Ramón González Fernández anunciou a súa intención de sufragar os gastos de construción.

Os traballos foron realizados baixo a dirección do construtor e mestre canteiro Manuel Ruibal Solla, que remata os traballos en setembro de 1923.

Neste edificio Palacios amosa unha linguaxe rexionalista de raíces galegas e contidos propios que toma referencias da arquitectura tradicional e da expresión dos estilos medievais da súa terra. Un rexionalismo singular e de acentos persoais que o arquitecto define no momento no que se produce a afirmación do sentir galego. Os seus coetáneos sentiron o proxecto deste xeito. O poeta Ramón Cabanillas, por exemplo, afirmou cando viu a casa consistorial: “A Casa do Concello do Porriño ten que ser, -xa é, porque ben mirado o proxectala desta maneira prodixiosa vale máis que fagula, -a primeira construción civil galega”. Deste edificio parte orixinal e potente obra rexionalista de Palacios na súa terra.

O 25 de setembro do ano 1976 o edificio sofre un demoledor incendio que acaba coa estrutura de madeira do interior así como, por exemplo, coas fermosas vidrieiras doadas polo propio arquitecto, emprazadas na fachada lateral e hoxe substituídas por outras cunha nova traza, ante a imposibilidade de recuperar o deseño orixinal da casa Maumejeam. A rehabilitación do Concello do Porriño foi proxectada polos arquitectos Tomás Pérez-Lorente Quirós e Francisco Yáñez Ulloa, levándose a cabo entre os anos 1980 e 1983. Mantivéronse sen alteración as fachadas, o vestíbulo e a escaleira de honra. Tamén se conservou o emprazamento orixinal do salón de sesións. No ano 2001 produciuse unha nova intervención, proxectada polos arquitectos Manuel Jesús Freijeiro Martínez e Luis Sarasquete Otero. Nela cambiouse a disposición do salón de sesións que pasou ao edificio contiguo.  

O Porriño xa tramitou preto de 200 axudas do Bono Social Enerxético

Preto de 200 familias do Porriño recibirán nos próximos días as axudas enmarcadas no Bono Enerxético, o programa de axudas de directas para paliar as situacións de pobreza enerxética no municipio. Cando aínda non finalizou o prazo de solicitude, os Servizos Sociais do Concello do Porriño resolveron xa 171 solicitudes o outras 26 se atopan en tramitación.

O concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, lembro que as persoas beneficiarias do programa recibirán unha axuda directa de 300 euros, que no caso das familias numerosas ascenderá a 450 euros, e tamén que o prazo para solicitar as mesmas continúa aberto.

As axudas poden solicitarse aínda ata o 15 de novembro de 2023 presentando unha solicitude no Rexistro Municipal do Concello do Porriño. Os impresos para facelo están a disposición da veciñanza nas oficinas do departamento de servizos sociais municipais (3º andar do edificio consistorial).

Poderán solicitala as persoas titulares dun contrato de subministro eléctrico ou enerxético, con vivenda habitual no Porriño, que figuren clasificadas nalgunha das modalidades de bono social eléctrico na data de solicitude.

Tamén outras persoas en situación de pobreza enerxética, como aquelas que non atopándose nalgún dos colectivos anteriores reúnan os requisitos de nivel de renda familiar de bono social eléctrico, pero non o teñan acadado por cuestións non imputables á propia persoa solicitante. Poderán tamén acceder ás axudas persoas que precisen do mantemento do subministro eléctrico para garantir a correcta cobertura de tratamentos médicos.

“Somos conscientes dos efectos que o contexto económico actual está a ter na veciñanza e que está a agravar a situación de vulnerabilidade de moitas familias do Porriño”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “É importante priorizar a atención que se lles presta con recursos e medidas que lles axuden a continuar”.

A Escola Municipal de Música abre prazo para formalizar matrícula

As clases darán comezo o xoves 26 de outubro nas instalacións do Centro Cívico

A Escola Municipal de Música do Porriño abre o prazo de matriculación. Desde o luns 23 ao mércores 25 de outubro poderán formalizarse as matrículas e reservas dos horarios nas instalacións da Escola no Centro Cívico, a partir das 16 h. Os días 23 e 24 están destinados ao antigo alumnado con preinscrición e o día 25 para o novo alumnado con preinscrición.

As listaxes co nome, día e hora dos alumnos e alumnas preinscritos expoñerase na porta do Centro Cultural Municipal e da Escola Municipal de Música dende o venres día 20.

O alumnado sen preinscrición poderá matricularse a partir das 19 h do mércores 25, sempre e cando queden prazas disponibles.

A Escola Municipal de Música do Porriño oferta: música e movemento para nenos dende os 4 anos, linguaxe musical para todas as idades e especialidades instrumentais de violín, viola, violoncello, óboe, frauta traveseira, clarinete, saxofón, fagot, trompa, trompeta, trombón, bombardino, tuba, gaita, canto, piano, guitarra, percusión e percusión tradicional. Así tamén, conta con diversas agrupacións como a coral infantil, coral polifónica, grupo de música tradicional, orquestra de corda, banda; e, desde este ano, tamén se impartirá banda infantil.

O obradoiro de emprego “Porremprego Cualifica II” formará a 20 persoas en dúas especialidades con moita demanda

O Concello do Porriño pon en marcha unha segunda edición do seu obradoiro de emprego “Porremprego Cualifica”. Para a súa posta en marcha, a Xunta de Galicia concedeu á entidade local unha subvención de 561.046,6 euros, aos que se sumarán outros 25.000 euros de achega municipal.
 
Serán un total de 20 persoas desempregadas as que se beneficien desta iniciativa, participando neste programa dual de formación e emprego, pois ademais de adquirir uns coñecementos teóricos e prácticos, tamén cobrarán polos labores desenvolvidos, todas todos eles centrados na realización de obras ou na prestación de servizos de interese xeral e social.
 
O obradoiro terá unha duración de un ano e impartiranse dúas áreas profesionais: Restauración (con dous certificados de profesionalidade en especialidades de cociña) e Tecnoloxías da xestión da información e comunicación (con dos certificados de profesionalidade en “operacións de grabación de datos e documentos” e a outra en “actividades administrativas na relación co cliente”).
 
Levarase a cabo unha especialidade de servizos de hostalería de cociña destinados aos colectivos máis desfavorecidos, incluíndo servizos de almorzos saudables, xornadas temáticas gastronómicas de portas abertas, participación en eventos e actos diversos.
 
Por outra banda preténdese a modernización dos procesos administrativos do Concello do Porriño mediante aplicación de novas tecnoloxías. Por iso é polo que se leve ou proxecto de especialidade de tecnoloxía da información e comunicación, así como de economía dixital. Esta é unha especialidade con moita demanda por parte das empresas e tamén entre a mocidade á hora de iniciar a súa carreira profesional.
 
“Estes obradoiros combinan dúas accións moi importantes para a veciñanza, por unha parte facilitar o acceso ao mercado laboral de persoas desempregadas coa súa capacitación e por outra axudar a aqueles que o necesitan coa oportunidade de traballar durante un ano” , explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
 
As persoas interesadas en participar deste obradoiro poden solicitar máis información de maneira presencial nas oficinas de Porremprego, no Multiusos de Torneiros, a través do número de teléfono 986338217 ou ben enviando un email a orientacion@porremprego.org