Escolares do Porriño coñecen o seu Concello a través da lingua

Escolares do CEIP Xosé Fernández López, CEIPP Antonio Palacios e CPR Hermanos Quiroga inauguraron hoxe as visitas guiadas á Casa Consistorial nas que participarán preto de 400 cativos/as do Porriño.

A Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX organizan esta actividade en colaboración cos centros educativos co obxectivo de que o alumnado coñeza un pouco máis o funcionamento da Casa Consistorial, á vez que se dinamiza a lingua e cultura galegas. A técnica de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, Andrea González, será nesta ocasión a encargada de guiar o alumnado polo edificio do Concello para dar a coñecer a súa historia, as distintas salas e espazos, o organigrama dos departamentos en que se organiza e, ao cabo, o seu funcionamento interno. O emprego de léxico administrativo galego, así como o desenvolvemento dun pequeño glosario galego-castelán de termos cotiáns dun concello, fan que as visitas guiadas deste ano teñan a lingua galega como o elemento catalizador. Deste xeito, as nenas e nenos do Porriño percorrerán os corredores das dependencias municipais, entrarán no salón de plenos, na alcaldía ou no balcón dende o que tradicionalmente se pregoa o inicio do Entroido, das festas do Cristo…, á vez que coñecen a importancia da lingua nunha Administración pública e o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística.

A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carolina González, explicou que con esta iniciativa de portas abertas dirixida aos/ás escolares do municipio “pretendemos darlles a coñecer en profundidade o Concello para que tomen conciencia da importancia de participar na vida municipal, á vez que dinamizamos o uso da lingua galega nun grupo de idade que non adoita usala miúdo”.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, aproveitou a visita para preguntar aos/ás pequenos/as polas súas demandas e impresións, e tamén para contestar ás súas dúbidas sobre como funciona o Concello. “É un luxo recibilos e escoitalos, as súas propostas, a súa opinión sobre o que pasa no seu pobo e o que queren para el é e debe ser moi importante”, explicou o rexedor, “Son parte moi importante do Porriño, o seu futuro, e deben ser parte activa, na maior medida posible, da vida municipal”.

Presentamos o novo Punto Violeta, un recurso clave para a seguridade das mulleres

A Secretaria Xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañou hoxe ao alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e á concelleira de Igualdade, Carolina González, na presentación do novo Punto Violeta do Concello do Porriño.

O concello conta dende hai máis dun ano con este recurso nos seus festivais, concertos e actividades,  unha área segura na que se acolle e acompaña de maneira inmediata ás mulleres que sexan vítimas de agresión sexual, ademais de levar a cabo unha función informativa e de sensibilización.

Ata o de agora, de maneira provisional, estaba instalado baixo unha carpa morada, un elemento pouco privado á hora de denunciar unha agresión machista. Hai que ter en conta que se trata do primeiro lugar físico de contención para unha muller que acaba de sufrir un acoso, polo que se require dun espazo pechado e protexido que ofrezca seguridade e privacidade á vítima ante esta situación.

O novo Punto Violeta móbil, unha autocaravana con varios habitáculos, ofrece as condicións acaídas para unha atención inmediata e ademais dispón no mesmo espacio dunha oficina informativa e de denuncia.

A Secretaria Xeral de Igualdade quixo agradecer “ao alcalde e ao todo o equipo de goberno que impulsen iniciativas como a que hoxe presentamos, unha autocaravana Punto Violeta para dar acubillo ás vítimas dunha agresión sexual . Despois de velo en primeira persoa pode ser un proxecto piloto que recollan outros concellos” e apuntou que “para traballar en contra das agresións sexuais temos que facelo dende o conxunto da sociedade, dende todas as administracións e entidades”.

Pola súa banda, Carolina González,  engadiu que, como ata o de agora, estará presente en todos os actos multitudinarios “co fin de converterse nun referente para as mulleres, un lugar seguro ao que acudir en caso de sentirse coaccionadas, de ser agredidas ou simplemente para aclarar dúbidas. Persoal cualificado as atenderá e dará asesoramento xurídico”.

O alcalde concluíu incidindo na importancia de dar a coñecer este recurso “para que todas as mulleres o identifiquen como un lugar seguro ao que acudir, no que se garantiza a confidencialidade e o anonimato. Queremos que todos e todas poidamos disfrutar do noso pobo e das nosas festas sen medo, dende o respecto e a responsabilidade”. Lorenzo lembrou que o Punto Violeta é un dos recursos Viogen cos que conta o Concello do Porriño para seguir traballando na prevención da violencia contra as mulleres e na intervención directa cando estamos fronte a unha posible agresión, como son o Centro de Información á Muller (CIM) e a adhesión ao servizo de atención e protección para víctimas da violencia de xénero (Atenpro), un servizo telefónico de atención e protección para víctimas. Por outra banda o corpo da Policía Local do Porriño está adherido ao sistema de seguemento integral dos casos de violencia de xénero asinado mediante convenio co Ministerio do Interior

O Porriño acende o Nadal este mércores

O Porriño dará a benvida este mércores á tempada de Nadal co acendido do seu alumeado. A praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá a partir dos 17 h varias actividades para festexar por todo o alto o arranque do Nadal.

Ás 17 h actuará o grupo de gaitas Asubío e de seguido un pasarrúas de perxoases infantís e o espectáculo para nenas e nenos “A bailar no Nadal!” farán as delicias dos máis pequenos.

O gran momento chegará ás 18:30 h a cargo dos usuarios e usuarias de Aceesca, que unha vez máis serán os encargados de premer o botón que encherá a vila de maxia.

A festa seguirá cun concerto de Generación M e o espectáculo musical “Mitic. Christmas Family” da man de Álvaro Costas.

ESTE LUNS ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN DO CAMPAMENTO DE NADAL

O vindeiro 22 de decembro comenzará o Campamento de Nadal organizado pola Concellería de Igualdade do Concello do Porriño dirixido aos máis pequenos e pequenas da casa, de idades comprendidas entre os 3 de 12 anos (ambos inclusive ). Tendo preferencia os empadroados no Porriño.

Esta actividade, terá lugar os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro de 2023 e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2024,  en horario de mañá de 9 h a 14 h.

As inscricións poderán facerse presencialmente por rexistro ou por sede electrónica. Abrirase o prazo o luns 4 de decembro ás 9 h e rematará o 12 de decembro ás 9:00 horas.

A listaxe de admitidos e admitidas publicarase na páxina web do Concello. Máximo 50 participantes. Seguirase a orden de inscrición , previa baremación das solicitudes que acrediten a concurrencia dalgunha circunstancia computable.

O lugar de entrega e recollida dos e das participantes será na porta principal do Pavillón municipal no horario indicado (salvo que houbese algún cambio)  Os rapaces e rapazas deberán levar roupa cómoda, calzado cómodo e outro de reposto para poder utilizar no seu caso as pistas do pavillón , unha mochila co calzado de reposto, unha merenda e auga.

No caso de precisar algunha vestimenta diferente, serán as monitores e monitores as persoas encargadas de comunicalo.

Recordade que as únicas persoas autorizadas para entregar e recoller aos rapaces e rapazas do Campamento de Nadal serán as que instaron a solicitude . No caso de ser outra persoa a encargada, esta, deberá ser maior de idade e levar xunto aos monitores e monitoras a autorización correspondente asinada e achegando os D.N.I da persoa autorizante e autorizada.

 

FORMULARIO DE INSCRICIÓN: https://oporrino.org/wp-content/uploads/2023/12/Campamento-Nadal-2023.pdf

                            

Publicadas as bases do Concurso de iluminación e deseño de Nadal de escaparates e vivendas

Xa está a piques de chegar o Nadal e O Porriño prepárase para festexalo por todo o alto con múltiples actividades. Unha delas, o Concurso de iluminación e deseño dos escaparates de Nadal nos establecementos comerciais e tamén nas vivendas do Porriño.

Con este concurso dende o Concello queren promover a participación activa da veciñanza e tamén visibilizar e apoiar ao seu comercio local, conseguindo unha colaboración máis completa para infundir un ambiente navideño decorativo. Todo isto, baseado en valores como o traballo en común e a cooperación. No Porriño somos conscientes do emotivas que son estas datas, e por iso queremos valorar o traballo e o esforzo dos veciños e veciñas e dos nosos comerciantes.

As bases que rexerán o concurso xa se publicaron hoxe. Poderán participar vivendas e establecementos comerciais, hostaleiros e outros negocios empresariais que conten con establecemento físico e aberto ao público. Todos eles do Porriño.

No caso de establecementos comerciais valorarase o escaparate e/ou fachada. No caso das vivendas a decoración exterior.

A decoración deberá realizarse antes do 11 de decembro  e deberá permanecer instalada ata o 7 de xaneiro. Así mesmo, entre o 11 e o 14 de decembro todos os participantes deberán enviar fotos ou vídeos da súa montaxe á dirección de correo electrónico rexistro@oporrino.org .

Haberá dúas categorías de participación, a de establecementos comerciais e a de vivendas. A dirixida a establecementos comerciais terá tres premios un primeiro de 1000 euros, un segundo de 750 e un terceiro de 500. No caso das vivendas os primeiro premio estará dotado de 500 euros, o segundo de 350 e o terceiro 250.

Os premiados serán elexidos polo voto ponderado dun xurado e tamén da votación popular que se efectuará a través das redes sociais do Concello do Porriño

A inscripción xa está aberta e pode formalizarse por rexistro ou mediante o envío do formulario ao seguinte correo electrónico: rexistro@oporrino.org .

BASES: https://oporrino.org/wp-content/uploads/2023/12/BASES-DE-CONCURSO-DE-ILUMINACION-E-DISENO-DOS-ESCAPARATES-DE-NADAL-NOS-ESTABLECEMENTOS-COMERCIAIS-E-NAS-VIVENDAS-DO-CONCELLO-DO-PORRINO-NADAL-2023-1.pdf  

INSCRICIÓN ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS: https://oporrino.org/documentos/folla-inscricion-establecementos-comerciais/

INSCRICIÓN VIVENDAS: https://oporrino.org/documentos/folla-inscricion-vivendas/

 

Aberto o prazo para participar no `I Mercadiño de Nadal do Porriño´

O Concello do Porriño organiza o I Mercadiño de Nadal con produtos artesanais, decoración, alimentación, complementos ou agasallos, entre outros artigos, todos eles relacionados con estas datas tan entrañables.

O mercadiño celebrarase entre o 18 de decembro e o 7 de xaneiro na Praza do Cristo e constará de dez casetas.

A concellería de Mercados publicou hoxe as bases para participar no mesmo, todos eles deben ser persoas artesáns e comerciantes autorizados para producción ou venta de produtos. No caso de que se presenten trinta ou máis solicitudes, establécense tres quendas de participación (do 7 ao 17 de decembro, do 2 ao 18 de decembro e do 28 de decembro ao 7 de xaneiro).

Na selección dos participantes darase prioridade ás solicitudes para a exposición e venda de produtos específicos de Nadal, incluíndose tamén alimentación, decoración de Nadal e agasallos.

O prazo de solicitude está aberto .

BASES: https://oporrino.org/wp-content/uploads/2023/12/Aprobacion-Bases-Mercado-Navideno.pdf

SOLICITUDE: https://oporrino.org/documentos/folla-de-solicitude-i-mercadino-de-nadal/

O Porriño reivindica unha sociedade diversa, unida e na que non se discrimine a ninguén

O pavillón municipal do Porriño acolleu hoxe a conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade que, como cada ano, organiza Aceesca para reclamar a implicación de toda a sociedade para a plena inclusión das persoas con diversidade.

Como sempre, contaron coa participación e respaldo do Concello do Porriño, da comunidade escolar e de outras entidades e centros de día como Afaga Alzheimer ou o Centro de Día de Torneiros.

Laura, en representación do grupo de autoxestores de Aceesca “Os dez do Porriño” , foi a encargada de ler o manifesto que abriu o acto.

Un acto co que, tal e como relatou, “queremos celebrar a nosa fortaleza e exercer os nosos dereitos” e “berrar ben alto que as persoas con discapacidade queremos formar parte da sociedade dunha forma activa, queremos que se teñan en conta as nosas opinións e ser os protagonistas das nosas vidas”.

Laura lembrou que as persoas con diversidade teñen dereito a ter un traballo, contar cos apoios que necesitan para poder desempeñalo e que sexa nas mesmas condicións que o resto das persoas. Reivindicou tamén unha accesibilidade universal tanto física como cognitiva.

“Pensamos que unha sociedade diversa é moito máis rica, pero aínda existen moitas barreiras e queremos poder derribalas. Axudádesnos?”, concluíu, “Por iso precisamos unha educación máis inclusiva, unha atención sanitaria competente, apoio das administración con servizos e recursos que respondan ás nosas necesidades, máis investigación, máis aposta polo emprego para as persoas con discapacidade, máis apoio e comprensión de toda a sociedade. Queremos unha sociedade unida e onde non se discrimine a ninguén”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, apuntou que ninguén mellor que eles “para trasladarnos ao resto da sociedade as súas necesidades e as súas propostas para conseguir algo que é de xustiza: un mundo que non deixe a ninguén atrás”. “Moitas veces non somos conscientes das barreiras coas que vos atopades cada día, esas que moitas veces vos impiden tamén cumprir os vosos soños”, díxolles o rexedor, “Por iso quero darvos as grazas, grazas aos Dez de Aceesca polo traballo que facedes e grazas a todas e todos os que hoxe estades aquí para facer deste un mundo mellor. Pola miña parte, como alcalde e como o voso veciño e amigo, tomo nota de todas elas e prometo, de corazón, facer o que estea na miña man para axudar a que se fagan realidade”.

Lorenzo rematou anunciando que, como o ano pasado, serán os usuarios e usuarias de Aceesca os encargados de iluminar o Nadal do Porriño, protagonizando o encendido navideño.

A xornada continuou co desfile de paraugas que deseñaron os centros participantes para visibilizar o importante que é poder vivir nunha sociedade diversa e plural na que todas e todos teñamos os mesmos dereitos e oportunidades e concluíu co gran flashmob no que participaron todos os asistentes.

O comercio do Porriño súmase ao Black Friday

O comercio do Porriño aposta un ano máis polas ofertas e promocións para dar o pistoletazo de saída á campaña de compras de Nadal.

Co fin de dinamizar o comercio e incentivar as ventas, ACIPOR Cca Morea , en colaboración co Concello do Porriño e a Xunta de Galicia, celebran este venres o Black Friday con descontos, sorteos e comercios abertos ata as 22 h.

Haberá tamén moitas actividades para que a xornada de compras sexa máis divertida. De 17 a 18 h haberá un pintacaras para os cativos e cativas na rúa peonil e ás 18 h comezará a Búsqueda do Tesouro polos comercios. Os nenos e nenas que queiran participar terán toda a información e a primeira pista no posto do pintacaras. Ás 19:30 tamén haberá un obradoiro infantil gratuíto en Hypatia Porriño.

Pero iso non é todo, mercar no Black Friday do Porriño tamén pode ter premio: sorteareanse cinco tarxetas regalo de 100 euros E a partir das 21:30 h, música na praza Arquitecto Antonio Palacios.

Aberto o Mercadiño Solidario de Nadal da AECC

Asociación Española Contra o Cancro do Porriño abriu hoxe as portas do seu tradicional mercadillo solidario de Nadal, en colaboración co Concello de Porriño, co ánimo de recadar fondos para a axudar aos enfermos de cancro e ás súas familias.

Pode visitarse no número 62 da rúa Ramón González, e estará aberto ata o 20 de decembro, de 10 a 13 h e de 17 a 20 h.

Poderedes atopar decoración de Nadal e tamén produtos doados polos comerciantes porriñeses. Anímate a visitalos e colaborar con esta nobre causa

O Grupo Godoy Maceira, Premio Honorífico da XVIII edición dos Premios AJE Vigo

O Grupo Godoy Maceira, con sede no Porriño e especializado en deseño, elaboración e transporte de obras en granito, será o Premio Honorífico desta edición dos premios anuais de Aje Vigo. Así llo avanzaron hoxe ao seu xerente, Fernando Godoy Maceira, o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Vigo, Iván Suárez, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

O Grupo Godoy Maceira, constituído en 1979, é hoxe en día un referente nacional e internacional no seu sector. Entre os seus logros, destacan proxectos como a réplica e colocación do Templete de Antonio Palacios no metro de Madrid, reproducindo o deseño orixinal do arquitecto porriñés, a restauración da catedral de Santiago de Compostela ou a recente rehabilitación do Palacio da Oliva, en Vigo. A nivel internacional, participou na humanización de Trafalgar Square en Londres e en proxectos en Estados Unidos, entre outros.

Iván Suárez, presidente de AJE Vigo, destacou que con este recoñecemento “ponse en valor o esforzo e empeño dunha empresa familiar, pilotada xa pola súa segunda xeración, por situar a Galicia no mapa internacional co seu bo facer e profesionalidade, levando ademais a nosa cultura e tradición máis alá das nosas fronteiras”. Ademais, continúa Suárez, “no Porriño son moitas empresas as que merecen recoñecementos coma este, por iso eliximos este municipio para os nosos premios, pola súa importancia como motor económico e industrial da provincia de Pontevedra”.

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo apuntou que é un orgullo “que se elexira O Porriño para entregar estes premios e tamén que o premio honorífico sexa para unha das súas empresas, un merecidísimo recoñecemento á traxectoria de Godoy Maceira que leva o nome do noso pobo por todo o mundo”. Lorenzo engadiu que iniciativas como estes galardóns de AJE Vigo contribúen a “fomentar a cultura empresarial, apoiar e animar á mocidade a poñer en marcha os seus proxectos de emprendemento, algo que aplaudimos desde este Concello xa que nesa liña traballamos”.