O Grupo Godoy Maceira, Premio Honorífico da XVIII edición dos Premios AJE Vigo

O Grupo Godoy Maceira, con sede no Porriño e especializado en deseño, elaboración e transporte de obras en granito, será o Premio Honorífico desta edición dos premios anuais de Aje Vigo. Así llo avanzaron hoxe ao seu xerente, Fernando Godoy Maceira, o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Vigo, Iván Suárez, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

O Grupo Godoy Maceira, constituído en 1979, é hoxe en día un referente nacional e internacional no seu sector. Entre os seus logros, destacan proxectos como a réplica e colocación do Templete de Antonio Palacios no metro de Madrid, reproducindo o deseño orixinal do arquitecto porriñés, a restauración da catedral de Santiago de Compostela ou a recente rehabilitación do Palacio da Oliva, en Vigo. A nivel internacional, participou na humanización de Trafalgar Square en Londres e en proxectos en Estados Unidos, entre outros.

Iván Suárez, presidente de AJE Vigo, destacou que con este recoñecemento “ponse en valor o esforzo e empeño dunha empresa familiar, pilotada xa pola súa segunda xeración, por situar a Galicia no mapa internacional co seu bo facer e profesionalidade, levando ademais a nosa cultura e tradición máis alá das nosas fronteiras”. Ademais, continúa Suárez, “no Porriño son moitas empresas as que merecen recoñecementos coma este, por iso eliximos este municipio para os nosos premios, pola súa importancia como motor económico e industrial da provincia de Pontevedra”.

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo apuntou que é un orgullo “que se elexira O Porriño para entregar estes premios e tamén que o premio honorífico sexa para unha das súas empresas, un merecidísimo recoñecemento á traxectoria de Godoy Maceira que leva o nome do noso pobo por todo o mundo”. Lorenzo engadiu que iniciativas como estes galardóns de AJE Vigo contribúen a “fomentar a cultura empresarial, apoiar e animar á mocidade a poñer en marcha os seus proxectos de emprendemento, algo que aplaudimos desde este Concello xa que nesa liña traballamos”.

Festival benéfico de Cáritas Porriño

O vindeiro sábado, 25 de novembro, a segunda pista do pavillón municipal do Porriño acollerá o Festival Benéfico organizado por Cáritas Louriña e a Fundación Trabajo y Dignidad. O evento, que conta coa colaboración do Concello do Porriño, permitirá recadar fondos para que estas entidades poidan continuar coa súa labor benéfica de axuda ás persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.

A gala dará comezo ás 19:30 h cunha actuación/animación con dj. A partir das 20 h comezarán os concertos, todos eles de artistas locais relevantes como Xeración M, Uxía, Niño Lobo, Antonio Barros e Ialma, Noemí, Raúl Ben, Carla, Javi Casal “Jay Doe” e intervencións especiais e sorpresas que non podemos desvelar. Icía Alcalde e María Díaz serán as condutoras da gala.

A entrada será de 10 euros e gratis para os menores de 10 anos que vaian acompañados dun adulto. Dispúxose tamén unha fila cero a 5 euros.

A protección e prevención da violencia contra a infancia e adolescencia centran o pleno infantil no Porriño

No Día Mundial da Infancia o Concello do Porriño celebrou unha nova sesión do seu Pleno Infantil. “Traballamos todo o ano para conseguir cambios reais na vida de nenas e nenos, e este día é un momento clave para sumarse a este chamamento mundial a favor da infancia e dos nenos e nenas máis vulnerables”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Queremos tomar o pulso dos seus intereses e poñer especialmente o foco no tema da protección e prevención da violencia contra a infancia e a adolescencia”.

A tal fin, convocouse este novo pleno infantil en cumprimento do compromiso adquirido de conmemorar cada ano o día dos dereitos da infancia, pero tamén, para solicitar o apoio e compromiso dos nenos, nenas e adolescentes na resposta aos retos da situación actual e para impulsar e cumprir cos obxectivos da Axenda 2030, con máis equidade e, sobre todo, con máis oportunidades de prosperidade para todas e todos.

Neste pleno, os e as portavoces de cada un dos centros tiveron a oportunidade de trasmitirlle de primeira man, tanto ao alcalde coma ao resto de concelleiros e concelleiras, o resultado do traballo feito cos seus compañeiros e compañeiras nas aulas mediante a exposición de achegas sobre os dereitos da infancia, poñendo o foco na protección e prevención da violencia contra a infancia e a adolescencia e falaron das súas necesidades e preocupacións, centrándose en como lles está a afectar aos seus dereitos. Entre outras, propuxeron que se habilite un teléfono de atención ao menor, un gabinete de atención aos menores vítimas de violencia e atención psicolóxica, máis seguridade e iluminación nas rúas ou obradoiros para nais e pais.

Tamén estaba na orde do día a recollida de propostas para a realización de actividades durante este Nadal, e aprobouse a iniciativa centrada na recollida de alimentos e produtos de hixiene infantís, unha necesidade que trasladaban dende Asuntos Sociais, para que posteriormente sexan clasificados e repartidos entre as familias con menos recursos do concello e en colaboración co SOS.

O pleno, promovido polas concellerías de Educación e Infancia, que dirixen Carolina González e Rosa Isabel Alonso, a través da OMIX, puido seguirse na web do Concello en directo para facilitar a participación do resto da comunidade educativa e do público en xeral, e está á disposición da veciñanza na mediateca da web municipal xunto co resto de sesións.

O Porriño aposta pola prevención da adición dixital nos centros educativos

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Sanidade e a OMIX, puxo en marcha un programa nas escolas para previr a adicción dixital e aos videoxogos na adolescencia.

Baixo o nome de “Xoga Limpo” preténdese acceder a toda a poboación diana: o alumnado de 1º da ESO dos concellos do Porriño e Mos. En total son 367 alumnos e alumnas os que participan, 10 aulas do Porriño e 5 aulas de Mos, con dúas sesións de traballo de dúas horas de duración cada unha.

A escola é un axente primario de socialización, e nela conflúen alumnos e alumnas, pais e nais, mestres e mestras… polo que supón un medio idóneo para a implantación dos programas preventivos e de promoción da saúde, neste caso mental e dixital.

Tal e como explicou a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, o programa apóiasae na investigación levada a cabo polo psicólogo británico Mark D. Griffiths, especialista no eido das adiccións conductuais. Nestas investigacións Griffiths aborda estas adiccións mergullándose na orixe ou motivación que leva á persoa a adicarlle un número elevado de horas aos videoxogos.

“É importante que sexan conscientes dos motivos que os levan a usar as novas tecnoloxías e do tempo que lles adican para poder xestionalo”, engadiu a edil, “E que teñan sempre moi presente que se ben son unha boa ferramenta, a ferramenta máis potente será sempre a súa mente, será á que lles axude a discernir o que queren e o que non”.

No mesmo sentido se manifestou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que lles lembrou que “non se pretende penalizar a tecnoloxía, senón que aprendan a usala csen descoidar o seu desenvolvemento e que aprendan a canalizar o seu interés á vez que se lles mostran todas as posiblidades que o mundo dixital ofrece. En definitiva, o que queremos é fomentar o seu sentido crítico”.

Este programa está impulsado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, a través dunha subvención outorgada ao Concello do Porriño para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas.

Iker Rodríguez aspira a ser Campión de España en Moto4

O piloto porriñés Iker Rodríguez aspira esta fin de semana a ser Campión de España en Moto4. Será no circuíto de Montmeló onde disputará a última proba da temporada.

O porriñés, que será o máis novo dos participantes na proba, chega á última xornada a un punto do seu compañeiro, Andrés García, e con tres vitorias ás súas costas. Pase o que pase en Montmeló, xa ten asegurado o salto á cilindrada superior e o ano que vén competirá en PreMoto3.

Pese á súa idade, Iker conta xa cunha sólida traxectoria. Aos tres aniños de idade subiuse a unha moto por primeira vez, con nove proclamouse Campión de España de SuperMotard e agora con doce pode ser o primeiro piloto galego que se faga co campionato nacional de velocidade na súa primeira temporada en Moto4.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, despediu onte a Iker antes de saír cara Montmeló. “Iker é o claro exemplo da importancia de loitar polos teus soños e facelo con responsabilidade, constancia e esforzo”, apuntou o alcalde, “O seu pobo está ao seu lado para apoialo no que se propoña porque os seus éxitos sentímolos nosos. Estamos moi orgullosos de ti Iker”.

Gatitude, a festa solidaria cos gatiños que viven na rúa

O Porriño acolle o vindeiro 25 de novembro Gatitude , a festa solidaria en beneficio dos gatiños que viven na rúa.

A escola de baile Studio57 acollerá este festival, que contará con baile, animacións, sorteos, mesa de doces, mercadiño e unha gran clase de baile con Silvia Taboada, impulsora da iniciativa.

A entrada ao evento, que conta coa colaboración do Concello do Porriño, Studio57, varios comercios e catro protectoras animais (Inma, Patudos Peludos, Gatiños da rúa e Proxecto Gato) , será un donativo ou comida para gatiños.

Gatitude nace da solidariedade e a empatía. Hai dous anos que Silvia a alimentar e atender a gatos que viven na rúa sen contar con ningún tipo de axuda. Esta atención non só é a comida, tamén é atención veterinaria e rescates, o que lle resultaba moi difícil de costear. Foi aí cando xurdiu a idea de dar unha clase solidaria de baile e para a súa sorpresa tivo moito éxito. Grazas a esa resposta solidaria comezaron a organizarse clases solidarias de baile para cubrir os gastos destas intervencións animalistas. Logo viñeron os mercadiños, a mobilización en redes sociais, sorteos e a colaboración con outras protectoras. Ata que chegou Gatitude, un evento de maior magnitude que agarda ter unha gran resposta.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, animan a todo o mundo a participar do evento e poñer o seu gran de area para axudar aos peludiños que o necesitan.

A avoa do Porriño, Bienvenida Lorenzo, cumpre 101 anos

Cumprir anos sempre é motivo de celebración, pero aínda o é máis se son máis de cen e ben cumpridos. É o caso de Bienvenida Lorenzo, a veciña máis lonxeva do Porriño, que xunto co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a súa familia soprou as velas do seu 101 aniversario.

Bienvenida naceu o 13 de novembro de 1922 no municipio veciño de Mos, pero aos 18 mudouse a O Porriño, onde seguiu vivindo ata hoxe xunto ao antigo campo da feira. Aquí formou a súa familia xunto ao seu marido, os seus catro fillos, catro netos e oito bisnetos.

Pese aos achaques propios da súa idade Bienvenida está perfecta de saúde e goza dunha lucidez e un sentido do humor encomiable, disfrutando das cousas cotiás con tranquilidade e a sabedoría de quen viviu máis dun século de experiencias.

“É unha honra ter a oportunidade, un ano máis, de escoitar a Bienvenida, trasmitirlle o meu cariño e empaparme tamén do seu”, apuntou Lorenzo, “Conversar con ela axúdate a crer na vida con máis forza”, As persoas maiores agradecen a vida, enténdena, cos seus momentos bos e coas súas dificultades, e sempre teñen a xenerosidade de ensinarnos para que non nos perdamos en trivialidades e vivamos. Hai que escoitalos”.

Alejandro e Bienvenida emprazáronse para o ano que vén, como non podía ser doutro xeito, para celebrar os 102, trato que asinaron cun sentido abrazo.

En marcha as obras de ampliación da rede de saneamento en Pontellas

Xa están en marcha as obras de ampliación da rede de saneamento na parroquia de Pontellas, unha obra enmarcada nun proxecto con máis de 70.000 euros de orzamento subvencionada polo Plan Concellos 22-23.

O proxecto abarca dous tramos de ampliación emprazados na EP-2041, conectando á rede de saneamento existente, o que permitirá nunha próxima fase dar conexión ao barrio do Torrón, en Pontellas. O mesmo inclúe un terceiro tramo en camiños de titularidade municipal na parroquia de Atios.

A nova rede proxectada extenderase 242 m e permitirá a conexión varias vivendas á rede de saneamento de augas residuais.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, apuntou que a acometida da rede de saneamento son obxectivos prioritarios para o executivo e que baixo esta premisa seguirase avanzando de maneira planificada para acadar o saneamento integral.

Neste sentido cabe lembrar que se están a elaborar os proxectos de toda a rede pendente, co fin de axilizar os trámites administrativos de cara a súa pronta execución.

O Slot Club Porriño triunfa no Campionato de España de Scalextric

A pasada fin de semana disputouse en Igualada unha nova edición do Festival de Slot máis importante de España, organizado por Scaleauto. Ao evento acudiron seis pilotos do Slot Club Porriño a disputar a modalidade de Rallye a escala 1/32.
 
A proba desenvolveuse en dúas xornadas. Na primeira delas disputouse a Copa Peugeot 208, con un cento de participantes que se enfrontaban en igualdade de condicións, competindo co mesmo coche. Nesta proba o club porriñés conseguíu un doble podio, con Borja Romero que se impuxo e o seu irmán, Bruno Romero, que se fixo co terceiro posto nun podio cen por cen galego, xa que no segundo lugar quedou o piloto de Santiago de Compostela Alex Gago.
 
O sábado disputouse a segunda xornada da proba e nela estiveron presentes en varias categorías os pilotos do Slot Club Porriño. Os resultados volveron ser excelentes para os porriñeses: Bruno Romero adxudicouse a clasificación absoluta demostrando ser o piloto máis en forma do panorama nacional, mentres que Anxo Pazo fixo o mesmo na categoría WRC3D, nun duelo apretadísimo no que conseguíu superar ao segundo clasificado por só 6 décimas.
 
 
Pola súa banda, Borja Romero e José Manuel Rodríguez obtiveron os segundos postos nas súas respectivas categorías. Marcelino Prieto tíñase que conformar co cuarto posto na copa Mitsubishi tras case rozar o podio. O junior da expedición, Sergio Prieto, con tan só 14 anos, fíxose cun meritorio sexto posto na categoría GT medíndose con pilotos de acreditada experiencia.
 
Gran éxito o colleitado nesta XXVI edición do Campionato de España de Scalextric para os do Porriño, que demostra o alto nivel do Slot.
 
Os pilotos foron recibidos á súa volta polos seus compañeiros do club e polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que deu a noraboa aos gañadores e puxo en valor o gran traballo do Slot Club Porriño visibilizando e sumando persoas a esta actividade que é moito máis ca unha afición.

O Porriño contará con novas instalacións para a ludoteca municipal e o servizo de atención temperá

O Porriño contará con novas instalación dirixidas directamente a prestar unha mellor atención ás familias do municipio con recursos a prol da conciliaciación e o desenvolvemento dos nenos e nenas.

Así, un novo local situado na contorna do Centro de Saúde e o Pavillón Municipal acollerá a nova Ludoteca Municipal, a primeira permanente no Porriño, e o servizo de Atención Temperá; ambos financiados pola Xunta de Galicia.

A tal fin, o Concello do Porriño formalizou a adquisición das instalacións, que contan coas condicións de climatización, espazo e mobiliario axeitados para este fin, por un importe de 169.183,79 euros máis IVE. Cabe destacar que no ano 2019 xa se iniciara un expediente para a adquisición deste local, sito na rúa Doantes de Sangue, co fin de instalar nel a Escola Municipal de Música, algo que o actual executivo descartou ao non reunir as condicións necesarias para este fin.

“Queremos poner en marcha estas instalacións á maior brevidade posible xa que son servizos moi demandados polas familias, proba diso son os 89 pequenos e pequenas que están a ser atendidos no servizo de Atención Temperá do Porriño dende que se puxo en marcha”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo , “A intervención que se vai ter que realizar neste local para acondicionalo non é de magnitude, xa que conta requisitos para este uso, baños adaptados e incluso con xogos e mobiliario para a ludoteca”.

O servizo de Atención Temperá contará con entrada independiente e ademais dunha zona de recepción e atención terá tres sala habilitadas para fisioterapia, logopedia e psicoloxía. Este recurso sirve de guía da man de profesionais a moitas familias para tratar posibles trastornos do desenvolvemento en nenos e nenas de 0 a 6 anos a través dunha actuación conxunta e interdisciplinar imprescindible que dea unha resposta global ás súas necesidades.

Actualmente está instalado en tres locais habilitados no Pavillón Municipal que non son os acaídos para este fin. Unha ubicación temporal que se habilitou para comezar a prestar o servizo coa maior urxencia ante a demanda que existía.

Os profesionais do servizo de atención temperá traballan en coordinación cos servizos sociais, sanitarios e educativos do Concello, polo que a nova ubicación aglutina os mesmos nunha mesma zona.

Por outra banda, a Ludoteca municipal pensouse como un recurso dirixido a mellorar a conciliación da vida personal e laboral das familias do Porriño. Tras prestalo de maneira temporal neste último ano a entidade local o poñerá en marcha de maneira permanente para dar unha resposta contínua.