O Concello do Porriño investirá máis de 3 M de euros na acometida de obras de saneamento en todas as parroquias do municipio.

A tal fin, hoxe levou a pleno estas actuacións, consideradas de carácter urxente e que non poden ser demoradas ata o exercicio seguinte por ser prioritarias, forman parte dunha liña de actuación integral e contan xa coas pertinentes autorizacións sectoriais e proxecto.

Os proxectos engloban actuacións en A Graña-Sequeiras (766.390,10 euros), Arrotea-Budiño (185.909,45 euros), Abelenda e Figueiras (125.188,22 euros), Cerquido (82.473,71 euros), Benunes (556.618,62 euros), Sobral-Eiriz (355.211,51 euros), Penedo-O Toxal-Chenlo (523.261,97 euros), Rega da Lama-Budiño (85.225,61 euros), conexión en Torneiros (144.951,07 euros), conexión en en O Seixo-Arrotea-Pontellas (199.140,26 euros).

A estes hai que engadir unha liña de subvencións para investimento para aquelas vivendas do Porriño que non teñen posibilidade de conexión á rede de saneamento por ubicarse nunha cota de altura que precisa a instalación de bombeo individual. Tras un estudo preliminar realizado para estimar a magnitude desta problemática, identificáronse un total de 53 vivendas que requiren de instalación dun bombeo para conectarse ao sistema de saneamento: trece en Mosende, nove en Torneiros, sete en Atios e outras tantas tamén en Cans e Pontellas, cinco en Budiño, dúas en Chenlo e tres no Porriño. . A tal fin destinouse un crédito de 108.000 euros.

“O noso obxectivo principal segue a ser alcanzar o cen por cen do saneamento en todo o municipio e facelo á maior brevidade posible, xa que hai demasiada veciñanza que non dispón deste servizo esencial”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, “Canto entramos no goberno había pendente de execución obras por valor de 14 millóns de euros, na actualidade restan 11 e ademais de recorrer ás demais administracións, como a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o propio Consorcio de Augas do Louro,  para sufragar este gasto temos que destinar fondos municipais. Non podemos dilatalo máis tempo e se hai un problema urxente que resolver no Porriño sen dúbida é este”.